Amosando publicacións coa etiqueta Festa do Marisco. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Festa do Marisco. Amosar todas as publicacións

mércores, 11 de setembro de 2024

EU volve insistir nas súas propostas de seguridade e accesibilidade na Festa do Marisco

 

Entre as demandas presentadas por Susana Millán, no pasado Consello Local de Turismo, destaca o reforzo das medidas de seguridade, a mellora de estacionamentos, a instalación de puntos de venda accesibles e a distribución das actividades culturais a diferentes áreas do Grove para dinamizar a celebración.

A concelleira de Esquerda Unida tamén preguntou polo método utilizado para destinar 100.000 euros do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino sen ter contratada a consultora que xestione a totalidade do plan. Lembran que é preciso executar 500.000 euros máis antes de rematar o ano para obter unha prórroga e non perder os 2 millóns de euros.

O Grove, 11 de setembro de 2024 – O pasado xoves celebrouse un Consello Local de Turismo, despois de varios meses de insistencia por parte do Grupo Municipal de Esquerda Unida, para abordar cuestións relacionadas coa inminente Festa do Marisco. A concelleira de Esquerda Unida, Susana Millán, expresou a súa satisfacción pola convocatoria, aínda que sinalou que esta produciuse "pola proximidade da Festa do Marisco e a necesidade do Alcalde de informar das novidades e avances, así como, para procurar propostas para as Centolas de Ouro"

Durante a xuntanza, Millán expuxo varias demandas que Esquerda Unida vén formulando de forma recorrente nos últimos anos, sen que, segundo indica, “o Concello as teña en conta, a pesar de mostrarse favorables a elas”. Entre as principais preocupacións do grupo, destacan as medidas de seguridade, como a solicitude de reforzo de efectivos dos corpos e forzas do estado mediante a colaboración con outros concellos e a administración autonómica. Tamén preguntou se se seguiría pechando o recinto con barreiras que impidan a entrada accidental de vehículos tal e como ven realizando nos últimos anos.

Outra das cuestións abordadas foi a accesibilidade. Esquerda Unida insistiu na necesidade de instalar unha caixa de venda de tickets a nivel do chan para facilitar o acceso das persoas con mobilidade reducida. Millán tamén preguntou pola implantación do sistema de pagamento con pulseira, contemplado no Plan de Sustentabilidade Turística en Destino, que non foi executado na edición anterior da festa.

En canto á organización do tráfico, Esquerda Unida propuxo que os autobuses non estacionen na zona da festa e os seus arredores, permitindo así máis espazo de aparcadoiro  para vehículos particulares. Segundo a concelleira, esta medida aplícase en moitos concellos e cidades, e no Grove poderíase facer uso de espazos como a Toxa ou a Lanzada para o aparcamento de autobuses, permitindo tan só a carga e descarga de viaxeiros nas proximidades do recinto da festa.

Millán tamén instou a levar actuacións musicais e culturais a diferentes puntos do concello para espallar a festa máis aló da Praza do Corgo e dar unha alternativa de ocio ás horas “mortas” da festa, e propuxo que se crease un concurso de escaparates ou envellecemento de fachadas co propósito de implicar ao comercio local e á veciñanza na Festa.

Aínda que non foron expostas nesta xuntanza, a concelleira de Esquerda Unida reitera tamén outras iniciativas xa propostas en anos anteriores, e que tampouco se levaron a cabo. Entre elas, a instalación do coñecido Punto Morado durante a celebración dos concertos da Festa, “un espazo que pode contar coa colaboración da Xunta de Galicia, que estivo instalando puntos lila e “arcoíris” en diferentes festivais do país durante este verán”; e que se promocionasen os espazos turísticos como a Salazón, a Siradella, o parque Xaquín Álvarez Corbacho ou a zona de San Vicente, poñendo en funcionamento o autobús circular que percorreu o concello durante o verán (antigo Grobus).

A concelleira tamén aproveitou a ocasión para preguntar polo estado do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino. Esquerda Unida manifestou a súa preocupación polo método utilizado polo goberno municipal para destinar 100.000 euros deste plan ao financiamento dos concertos da Festa do Marisco, sen contar coa consultora necesaria para a execución da totalidade do PSTD. Ademais, Millán destacou a urxencia de executar outros 500.000 euros antes do final do ano para poder beneficiarnos da prórroga e evitar a perda dos 2 millóns dos fondos do plan.

Finalmente, Millán destacou que a súa agrupación foi a única que realizou propostas e se interesou polo desenvolvemento xeral da festa.

mércores, 20 de marzo de 2024

EU presenta unha moción para aprobar as bases do Concurso de Carteis da Festa do Marisco 2024

O evento gastronómico deste ano non conta, a día de hoxe, co correspondente cartel promocional, polo que Esquerda Unida, que leva dende outubro pedindo a publicación das bases, decidiu tomar a iniciativa ante a pasividade do goberno municipal e presentan as mesmas en forma de moción.

Piden tamén un cambio nas bases e na asignación económica de cara ao cartel do 2025, polo que instan a convocar o Consello Local de Turismo para valorar as modificacións pertinentes co propósito de que se publiquen en tempo e forma.

O Grove, 20 de marzo de 2024.- No pleno da Corporación municipal do Grove, que terá lugar o vindeiro luns 25, o Grupo Municipal de Esquerda Unida levará a consideración unha moción que busca a aprobación das bases do Concurso de Carteis para a LXI Festa do Marisco, a celebrarse este ano.A agrupación de esquerdas destaca a importancia da Festa do Marisco non só a nivel local, senón tamén comarcal, provincial e autonómico, pola súa capacidade para atraer visitantes e dinamizar a economía local. O cartel da festa é un elemento crucial para a promoción do evento e atraer as miradas tanto de habitantes locais como de visitantes nacionais e internacionais. No entanto, no ano 2023 non se publicaron as bases para o concurso do cartel, o que resultou nunha ausencia do mesmo durante a celebración da festa, algo inédito ata o momento.

Esquerda Unida considera esta situación como prexudicial para a promoción da festa e ante a falta de acción por parte do goberno municipal para corrixir esta omisión, urxe á toma de medidas, pois quedan menos de sete meses para a celebración do evento que este ano celebra a súa 61 edición. Lembran que dende outubro do 2023, insistiron en varias ocasións para que se publicasen as bases co propósito de que a Festa deste ano contase cun cartel, polo que ante a pasividade municipal, decidiron tomar a iniciativa e levar as mesmas a pleno. A moción propón non só a aprobación inmediata das bases para o concurso deste ano, seguindo os termos dos anos anteriores, senón tamén instar ao goberno municipal a publicar as bases antes do 5 de abril para dar comezo ao concurso, que remataría o 30 do mesmo mes, asegurando unha ampla difusión das mesmas para fomentar a participación.

Ademais, a moción tamén pide convocar o Consello Local de Turismo co propósito de redactar unhas novas bases para o concurso da LXII Festa do Marisco, aumentando a contía económica do premio e asegurando a súa publicación en tempo e forma para que o cartel da seguinte edición poida ser presentado durante a celebración deste ano.

En resumo, Esquerda Unida busca garantir que a LXI Festa do Marisco conte cun cartel representativo e que se poñan en marcha medidas para mellorar o concurso de carteis de cara ás futuras edicións, todo co obxectivo de preservar e promover este evento tan emblemático para O Grove.

 [Ver/descargar Moción]

martes, 19 de decembro de 2023

Esquerda Unida denuncia a inacción do goberno local en materia de turismo

A formación política reclama a convocatoria do Consello Local de Turismo, a definición das bases para as Centolas de Ouro, a publicación das bases para o cartel da Festa do Marisco 2024 e a constitución da mesa para o seguimento da aplicación do PSTD.

Esquerda Unida continúa agardando que o goberno local cumpra coas súas promesas e compromisos en materia de turismo, un sector estratéxico para o desenvolvemento económico e social do Grove. Así o manifestou a concelleira esquerdista, Susana Millán, nun comunicado de prensa.

O Grove, 20 de decembro de 2023.- Esquerda Unida expresou a súa preocupación pola falta de avances na área de turismo e as promesas incumpridas por parte do actual goberno local, encabezado por José Antonio Cacabelos que, ademais de Alcalde, é o concelleiro delegado da área de Turismo.

Segundo a concelleira de Esquerda Unida, Susana Millán, dende que o pasado mes de xullo Cacabelos tomara posesión de Alcalde e asumira as funcións da área de turismo, os membros do Consello Local continúan agardando a que se convoque a xuntanza de constitución do órgano sectorial, que debería ser o espazo de participación e consenso entre os axentes implicados no turismo. “Non entendemos por que o Alcalde non convoca o CLT, cando é unha ferramenta fundamental para planificar, coordinar e avaliar as políticas de turismo no Grove. Non se pode xestionar o turismo de costas á cidadanía, aos profesionais e ás entidades que traballan neste ámbito”, declarou Millán.

A esquerdista tamén criticou a falta de interese do goberno local por crear as bases para as Centolas de Ouro, o máximo distintivo que se outorga durante a Festa do Marisco. Segundo Millán, o Alcalde comprometeuse a reunir en novembro o CLT para redactar unhas bases que definiran os méritos para ser nominado ás Centolas de Ouro, pero a día de hoxe segue sen ser convocado. “É unha falta de respecto e de seriedade por parte do Alcalde, que non cumpre coa súa palabra nin coas súas obrigas. Levamos anos falando da necesidade de crear esas bases, e desta volta asegurou e perxurou que en novembro comezaríamos a súa redacción”, afirmou Millán.

A carencia de interese do goberno local na Festa do Marisco tamén foi resaltada por Millán, mencionando a ausencia, por primeira vez, do cartel anunciador da edición 2024 durante o evento deste ano e denunciando que a día de hoxe sigan sen publicarse as bases para o concurso dese cartel, que é crucial para a promoción da Festa, un dos eventos gastronómicos máis importantes da comunidade. “É unha mostra máis da falta de planificación e de promoción do turismo por parte do goberno local, que non é capaz de aproveitar o potencial da Festa do Marisco como un reclamo turístico de primeira orde”, concluíu Millán.

Outra das cuestións que preocupa a Esquerda Unidaé a falta de información sobre o Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD), un proxecto financiado polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo a cargo dos fondos do Plan Recuperación da Unión Europea, no que O Grove conta cun orzamento de 2.000.000 euros para mellorar a competitividade e a sustentabilidade do destino turístico. Millán denunciou que o Alcalde non creou a mesa de seguimento da execución do plan, tal e como se comprometera con Esquerda Unida, polo que descoñecen se xa se contratou a consultora que se precisaba para traballar neles, e cales son as consecuencias de non ter executado a parte correspondente ao 2023. “Temos moitas dúbidas sobre este proxecto, que debería ser unha oportunidade para impulsar un modelo de turismo máis sostible, innovador e inclusivo, pero que tememos que se converta nun fracaso por culpa da mala xestión do goberno local”, advertiu Millán.

mércores, 30 de agosto de 2023

EU pide que se convoque o Consello Local de Turismo para traballar de cara a Festa do Marisco

 
Queren coñecer como se están desenvolvendo os preparativos da sesaxésima edición e apurar a publicación das diferentes licitacións: carpas de degustación, cafetería, posto de colareiras, merchandising ou artesanía, así como os diferentes produtos.

Propoñen unha serie de medidas en diversos ámbitos, dende accesibilidade e seguridade ata actividade cultural, co obxectivo de facer da Festa do Marisco unha experiencia memorable e inclusiva para todos os asistentes.

O Grove, 30 de agosto de 2023.- O grupo municipal de Esquerda Unida solicita a convocatoria do Consello Local de Turismo co propósito de coñecer en que estado están os preparativos de cara á Festa do Marisco que se celebra dentro dun mes e que este ano chega á súa 60 edición. 

Logo de ver a semana pasada que dende o Concello xa están á procura de empregados para o evento, a concelleira da agrupación de esquerdas, Susana Millán, indica que hai máis aspectos que se deben poñer en marcha canto antes, como as diferentes licitacións: as carpas que acollen aos comensais, a cafetería, o posto das colareiras, o de merchandising, o de artesanía, o viño ou algúns dos produtos que se serven durante a festa. Millán lembra que "sempre se chega xusto coas licitacións e o ano pasado existiron problemas para lograr o abastecemento de algún dos produtos, coma o viño", polo que pide a Cacabelos, como responsable de Turismo, que reúna canto antes o Consello Local "co propósito de coñecer o estado no que se atopan as diferentes licitacións e se traballe conxuntamente dende xa nos preparativos da festa para evitar problemas de última hora”.

Para Esquerda Unida, a Festa do Marisco deste ano ten que significar un gran cambio respecto ao evento do pasado ano, no que a imaxe mostrada non foi a mellor. "Tendo en conta que este ano se cumpren seis décadas, cremos preciso facer un esforzo maior e colaborar entre tod@s na procura dun evento acorde a esta circunstancia", asevera Susana Millán que quere que se inclúan as propostas que levan realizado nas tres últimas edicións, relativas á accesibilidade, seguridade e actividades, pero tamén novas suxerencias relativas á mellora do evento en canto a infraestruturas e novas actividades paralelas. Así mesmo, piden que este ano se introduza o sistema de pago con pulseira, xa que está contemplado na subvención do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) con orzamento para o actual exercicio. “Este sistema funciona en numerosos eventos gastronómicos e musicais e, ademais de axilizar o método de pago e recollida de produtos, reduciría considerablemente as numerosas colas na caixas”, explica a concelleira.

Tendo en conta que este ano se celebra o 60 aniversario da Festa do Marisco, Esquerda Unida pide que o evento estea a altura, por iso propoñen un maior contido de actividades paralelas ao evento, da que se poida aproveitar tanto visitantes como a veciñanza, nas horas de tarde nas que están pechadas as carpas de degustación. A potenciación de espazos coma o Museo da Salga con visitas guiadas é outra das alternativas propostas polos esquerdistas, que tamén instan ao goberno a instalar unha carpa institucional na que se poidan expoñer os carteis das 60 edicións da Festa e realizar charlas e proxectar vídeos dos diferentes momentos das seis décadas do evento gastronómico máis importante de Galicia. 

En canto ás propostas que levan realizando nos últimos anos, as encamiñadas a mellorar os aspectos de accesibilidade pasan pola instalación dunha caixa a nivel do chan para facilitar a retirada de tickets ás persoas en cadeira de rodas ou con mobilidade reducida. Tamén dispoñer de persoal de asistencia para retirar os pratos a estas persoas en caso de solicitalo, pois entenden que “o recinto é totalmente inaccesible, tanto para a retirada de tickets, como a zona onde se serve a comida, o que dificulta que as persoas en cadeira de rodas poidan desfrutar da festa nas mesmas condicións que o resto”. A instalación de mesas adaptadas, o acercamento das cadeiras para as persoas que o soliciten, ou achegar ao recinto os baños adaptados, son outras das medidas relativas de accesibilidade. Ao igual que en anos anteriores, dende Esquerda Unida tamén solicitan a recuperación da carta de produtos en formato braille e que na zona de lactación se incorpore un cambiador e un microondas.

Xa no relativo á seguridade, insisten na importancia de solicitar apoio a outros concellos para aumentar as forzas públicas, Policía Local e Garda Civil, durante a Festa, “ao igual que fan concellos como Cambados, Vilagarcía ou Vigo durante as súas festas grandes”, lembra Susana Millán que non quere esquecer tamén necesidade da instalación do Punto Morado, cando menos, durante os eventos musicais. “Na pasada edición tan só se puxo en dous concertos, pero consideramos esencial que estea o maior número de días posible”. Así mesmo, volverán instar ao goberno para que evite que os autobuses permanezan na zona portuaria e sexan derivados ao aparcamento da Lanzada, “co propósito de garantir un maior número de prazas de estacionamento para turismos”, indica a esquerdista que lembra que “na maioría das cidades e vilas os autobuses xa teñen prohibido estacionar dentro do casco urbano e tan só fan o servizo de descarga e carga de pasaxeiros. Por que aquí enchemos o Corgo con autobuses?”.

Descentralizar as actividades culturais e de ocio, levando estas a outras zonas e barrios do concello e que se potencien outros espazos da vila como San Vicente, A Siradella, Moreiras ou o Monte Central da Toxa aproveitando o funcionamento do Grobus, son propostas que tamén fixeron na pasada edición e que agardan que nesta ocasión, aproveitando a celebración do 60 aniversario, si se poidan realizar.

Dende Esquerda Unida agardan que o Alcalde co voque canto antes o Consello Local de Turismo para traballar dende xa na preparación da Festa e se poidan introducir todas estas medidas que propoñen, así como as que poidan xurdir do resto das agrupacións que forman parte do órgano consultivo.

venres, 27 de xaneiro de 2023

Fitur e a promoción turística do Grove. Por Susana Millán

Foto: Mancomunidade do Salnés

A Feira Internacional de Turismo (Fitur) 2023 pechou as súas portas a pasada fin de semana. Un encontro que está presente na axenda do sector turístico nacional e internacional, pero esta foi outra edición máis na que O Grove estivo ausente.

Atrevémonos a facer esta afirmación, porque aínda que o Alcalde estivo na feira foi para acudir á cita que tiña organizada a Mancomunidade do Salnés.

Facer unha presentación como alcalde dunha vila é unha das accións que se pode levar a cabo grazas ao espazo que facilitan os postos de Turismo de Galicia e Turismo Rías Baixas pero ten que ser un complemento á actividade de promoción para achegar a nosa vila aos profesionais e visitantes que acoden a FITUR para que nos visiten. O Grove como vila e destino turístico non foi quen de amosar un proxecto, un produto, un traballo colectivo de todos os "stakeholder" implicados no sector turístico do Grove.

E non foi quen de presentar nada porque nada se fixo.

No anterior mandato do PSOE decidiuse non acudir a Fitur coa mesma estratexia que se viña facendo nos últimos anos, baseada en presentar O Grove como unha "empresa de catering", algo no que a nosa formación tamén coincidía. Comprometíanse a buscar outra fórmula e traballar nela, porque non asistir a FITUR tampouco era unha solución.

Neste mandato, o mesmo PSOE, co Alcalde á cabeza como Concelleiro de Turismo, tivo unha oportunidade única para planificar a nova estratexia para ir á feira de turismo máis importante do estado. Unha oportunidade única porque, durante dous anos sen Festa do Marisco, tivo tempo e orzamentos para traballar na promoción, crear un produto e editar novo material, en papel ou dixital, para ofrecer aos visitantes e levar á feira. Algo excepcional ademais do tempo, é tamén a maioría absoluta da que goza nestes catro anos téndoo todo ao seu favor para traballar arreo e con liberdade.

Fitur é un escaparate que lle permite, a destinos turísticos do tamaño do Grove, amosar a súa oferta a clientes potenciais e chegar a outros mercados aos que é moi difícil chegar por outros medios.

Pero ademais, aprovéitase para facer entregas de premios como as Q de calidade, ou as declaracións de festas de Interese Turístico Internacional –Este ano o nomeamento foi para a Festa da Lamprea de Arbo–. Seguimos agardando que nalgún momento a Festa do Marisco acade o mesmo recoñecemento. Algo ao que tamén se comprometeu no seu día este goberno e no que din estar traballando, a pesar de que na última edición demostraron non estar a altura. Foi a primeira vez en anos que non houbo carpa de artesanía, nin posto de "merchandising". A carpa exposición apenas tivo actividade e tamén se botou en falta a programación durante a fin de semana, nas horas mortas entre a quenda de comidas e ceas, as actividades que se facían na zona de gradas  que propiciaban o ambiente festivo que mantiña á xente durante todo o día no recinto da festa ou arredores.

Non queremos esquecer dar os parabéns  aos premiados nesta edición de FITUR; a un hostaleiro da nosa vila que sempre está presente neste tipo de eventos recollendo galardóns que recoñecen o seu bo facer en calidade e sustentabilidade, tanto na feira de turismo de Londres como na feira de Madrid, e que poñen o nome da nosa vila ao nivel dos destinos máis importantes do estado.

O traballo da empresa privada en materia turística debería ir en concordancia coa inversión pública que se faga dende o concello en materia turística, pero por agora no Grove seguimos camiñando por separado.

Susana Millán
Responsable de Turismo de Esquerda Unida O Grove

sábado, 6 de agosto de 2022

EU volve trasladar as súas propostas para a Festa do Marisco

Os esquerdistas recordaron as propostas que realizaron no 2019 relativas á accesibilidade e seguridade da festa. Queren que se facilite o acceso aos produtos ás persoas con mobilidade reducida, que se aumenten os efectivos que velen pola seguridade e que se instale un punto morado durante os concertos.

Descentralizar as actividades culturais e de ocio, potenciar a natureza e o rural dando visibilidade a San Vicente, a Siradella, Moreiras ou ó Monte Central, e desprazar os autobuses á Lanzada para facilitar máis estacionamento no Corgo son outras das medidas que Esquerda Unida puxo enriba da mesa no último Consello Local.


O Grove, 6 de agosto de 2022.- O pasado martes, logo de cinco meses, volveuse reunir o Consello Local de Turismo para coñecer o estado dos preparativos da vindeira edición da Festa do Marisco, que terá lugar entre o 29 de setembro e o 12 de outubro. Na xuntanza, Esquerda Unida, a través do seu voceiro, José Antonio Otero, trasladou unha serie de propostas que, consideran, mellorarán varios aspectos do evento gastronómico como a accesibilidade, a seguridade e a promoción cultural e turística do concello.  


Otero comezou lembrando varias das propostas realizadas e rexistradas xa no 2019 e que, segundo indica, non foron executadas nesa edición. Así, os esquerdistas volven pedir que se instale unha caixa a nivel do chan co propósito de facilitar a retirada de tickets ás persoas con mobilidade reducida (PMR) pois, segundo indican, “o acceso a estas, tal e como se instalan habitualmente supón, no mellor dos casos, unha auténtica odisea para unha persoa con cadeira de rodas”.O mesmo sucede nos espazos nos que se despacha a comida, pois a zona dos soportais é totalmente inaccesible para estas persoas” sinala Otero. Para solucionar este problema, dende Esquerda Unida propoñen que o concello poña persoal de asistencia que poida realizar a retirada da comida ás persoas con mobilidade reducida que así o soliciten.  


Outra das medidas é que o recinto conte con mesas adaptadas para as persoas en cadeira de rodas xa que as habituais son demasiado altas. Aínda que non comentadas na xuntanza, Otero lembra que dentro das propostas rexistradas hai dous anos tamén pedían que se aproximen os baños adaptados ao recinto “pois estes atópanse na parte traseira da Lonxa, o que supón un desprazamento moi longo para calquera persoa con mobilidade reducida”, aproximar do mesmo modo as cadeiras que se prestan ás persoas que precisan utilizalas para degustar os pratos, recuperar a carta de produtos en formato braille e que na zona de lactación se incorpore un cambiador e un microondas. Unhas propostas, que segundo indica o voceiro esquerdista, “non implica un gran desembolso económico e supoñen un salto cualitativo da festa dando unha maior facilidade ás persoas con mobilidade reducida que no mes de outubro acudan a gozar do noso evento gastronómico”.


Dentro das propostas realizadas xa no 2019, atopábase un apartado relativo á seguridade do evento. Neste senso, os esquerdistas piden que se solicite axuda a outros concellos para aumentar as forzas públicas, Policía Local e Garda Civil, durante a Festa. “Se xa considerabamos importante esta medida no 2019, nesta edición é imprescindible pois, tras dous anos sen festa debido á Covid, seguramente o número de visitantes sexa maior que os rexistrados anteriormente, polo que entendemos preciso redobrar a seguridade e, ao igual que ten feito cambados co Albariño, pedimos ao goberno que solicite reforzos a outros concellos e á subdelegación do goberno” asevera o voceiro esquerdista.


Dende Esquerda Unida tamén fan fincapé na necesidade de instalar o Punto Morado, cando menos, durante os concertos que se realicen no recinto, máxime logo do aumento de casos de violencia que están sufrindo as mulleres coa fórmula de sumisión química a través de pinchazos. Para Otero “non é descartable que este novo formato de violencia machista, que se está expandindo por todos os recunchos do estado, poida aparecer na Festa do Marisco e dende o Concello e o Consello Local de Igualdade pódese habilitar un espazo onde alertar e axudar ás mulleres que sufran esta situación ou calquera outra na que se atente contra elas”.


Ademais destas medidas, que xa foran rexistradas no 2019, os esquerdistas realizaron novas propostas no Consello Local. Deste modo, Otero pediu ao executivo que procurase descentralizar as actividades culturais e de ocio, levando estas a outras zonas e barrios do concello e que se potencien outras zonas da vila como San Vicente, A Siradella, Moreiras ou o Monte Central da Toxa aproveitando o funcionamento do Grobus. “Polo xeral os visitantes acceden á zona do Corgo e, como moito, aos arredores, polo que é preciso ensinarlles outras zonas de encanto coas que conta o noso concello potenciando o rural e a natureza que nos rodea”, sinala Otero.


Por último, co propósito de aumentar as prazas de estacionamento, dende Esquerda Unida propuxeron que os autobuses que neses quince días chegan a O Grove, descarguen aos pasaxeiros na zona do Corgo e logo se dirixan ao aparcadoiro da Lanzada, ofrecendo un servizo de recollida dos condutores. Os esquerdistas consideran que, “neses días o Heliporto é ocupado por un gran número de autobuses, polo que con esta medida e unha boa organización daríamos cabida a moitos vehículos particulares nesa zona, mellorando e aumentando o escaso espazo de estacionamento que existe no Grove nesas datas”.


Esquerda Unida, que considera que todas as medidas expostas son asumibles e realizables, agarda que o executivo local as aplique na edición deste ano, aínda que non teñen moitas esperanzas pois, segundo o seu voceiro, “ao goberno non lle senta ben que o noso grupo faga propostas e menos ter que aplicalas, do contrario convocaría o consello sectorial para traballar e non para trasladarnos información”.


luns, 16 de agosto de 2021

EU considera un erro non procurar alternativas seguras para celebrar a Festa do Marisco

Comensais nunha das edicións da Festa do Marisco. Foto Faro de Vigo

Entenden que a suspensión, por segundo ano consecutivo, da Festa do Marisco supón un duro revés para o sector turístico do Grove e arredores.

Os esquerdistas denuncian que non se traballou de forma conxunta para procurar alternativas seguras e piden que, coa implicación da restauración, se valore realizar o evento adaptado ás circunstancias.

O Grove, 16 de agosto de 2021.- A agrupación local de Esquerda Unida lamenta as declaracións do Alcalde o pasado venres anunciando que este ano non se celebrará a Festa do Marisco. Os esquerdistas consideran que esta suspensión por segundo ano consecutivo do evento gastronómico, supón un duro revés para a hostalería e o sector turístico do noso concello e da comarca do Salnés. 

Segundo o voceiro de Esquerda Unida, José Antonio Otero, “unha vez máis queda demostrada a falta de interese e de iniciativas deste goberno para o desenvolvemento turístico da nosa vila”. “En setembro do 2020 o alcalde comprometíase a traballar co Consello Local de Turismo para preparar a tempada 2021, pero tardou 9 meses formalizar a reunión, e non foi ata xullo deste ano cando convocou o CLT, demostrando as poucas ganas de traballar e de sentarse co sector para buscar alternativas”, indica Otero.

“Nese consello falábanos da posibilidade de facer a festa pero xa nos adiantaba que aínda non tiñan unha decisión firme e que o tempo xa era xusto para sacar a concurso a licitación para postos e carpas”, indica Otero, que polos argumentos esgrimidos polo Alcalde nese CLT, ”xa sospeitamos que este ano tampouco habería festa, porque o único que si nos deixou claro foi que en xullo aínda estaba todo por facer e que só contemplaba facer a festa se se realizaba coas dimensións de sempre”.

Dende Esquerda Unida indican que xa no 2020 propuxeron a realización dunha Festa do Marisco diferente, “adaptada á era Covid, con outro formato, máis reducido, que puidese facer partícipe a toda a restauración e a outros barrios do Grove”. Unha cuestión “que se ten falado moitas veces e que nesta ocasión brindaba a oportunidade de ver se era posible”, indica Otero. Segundo os esquerdistas, para o alcalde a Festa do Marisco só pode ser como foi ata o de agora, e así o ten indicado en declaracións públicas e no mesmo pleno.  “O goberno négase a traballar en outro formato a pesar de que todos os concellos do Salnés buscaron alternativas para evitar que os seus festexos e as datas importantes desaparezan do calendario, porque supoñen unha fonte de emprego e ingresos para a poboación local”, sentenza Otero.

Os esquerdistas cren que volver ao formato multitudinario da festa, como se fixo ata o de agora, vai resultar complicado, “pois todo indica que dunha maneira ou outra vamos ter que convivir coa Covid e, por conseguinte, con restricións sanitarias de algún tipo, polo que é preciso darlle un xiro á festa e traballar diferentes plans co propósito de que chegado o momento se aplique un ou outro en función das circunstancias”, sinala o seu voceiro, que entende que “para isto é preciso traballalo de forma conxunta e con tempo, e dende Esquerda Unida é o que vimos reclamando continuamente, pero a nosa proposta choca coa visión que Cacabelos ten da festa: ou se fai coma sempre ou non se fai”. Para Otero, o resultado é claro, “iso non vai a suceder en moito tempo polo que, con esa forma de pensar, a festa non se fará en moitos anos co conseguinte prexuízo para o sector turístico do concello e arredores”. 

Por ese motivo dende Esquerda Unida piden ao goberno que reúna ao Consello Local de Turismo e aos sectores implicados para procurar todas as alternativas que, con todas as garantías sanitarias, permitan manter a Festa do Marisco no calendario de eventos e alongar a tempada turística no noso concello e arredores.