Amosando publicacións coa etiqueta Sinalizacion. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Sinalizacion. Amosar todas as publicacións

martes, 17 de xuño de 2025

EU esixe o pintando de todas as sinalizacións horizontais do Grove e a inclusión do lema “O Mar Comeza Aquí” nas arquetas dos sumidoiros

A formación alerta do perigo que supón a ausencia de pasos de peóns e outras sinalizacións horizontais en moitas das rúas do concello e pide que o pintado non se limite ás recentemente asfaltadas.

Aproveitan para reclamar a aplicación efectiva da campaña “O Mar Comeza Aquí”, aprobada por unanimidade en 2024 a proposta de Esquerda Unida, que pretende concienciar sobre a conexión entre o lixo nas rúas e a contaminación mariña.

O Grove, 17 de xuño de 2025.-Esquerda Unida solicita ao goberno municipal que os traballos de pintado de sinalización horizontal non se limite ás rúas que veñen de ser asfaltadas e se estendan ao resto do concello. A formación alerta de que en moitos puntos do municipio a sinalización é “inapreciable ou inexistente”, especialmente os pasos de peóns, e isto “supón un perigo real tanto para os vehículos como para os viandantes”, explica o seu voceiro José Antonio Otero.

Desde Esquerda Unida lembran que en varios plenos anteriores xa advertiran desta situación, e que dende o goberno municipal se xustificou o atraso no pintado pola execución do plan de asfaltados. Con todo, “tememos que só se vai pintar o novo, e que volverán esquecer o resto das rúas, xusto cando se achega o verán e aumenta a afluencia de visitantes, o que fai aínda máis necesario garantir a seguridade peonil”, insiste Otero.

Ao mesmo tempo, Esquerda Unida propón que se aproveiten estes traballos para incorporar unha acción de sensibilización ambiental de baixo custo e alto valor educativo: o pintado do lema “O mar comeza aquí” nas arquetas dos sumidoiros, especialmente nas zonas máis transitadas.

Esta acción forma parte dunha campaña ambiental presentada por Esquerda Unida e aprobada por unanimidade no pleno de setembro de 2024, co obxectivo de lembrar á cidadanía que os residuos depositados nas rúas, como as cabichas, rematan moitas veces no mar. “Moita xente non é consciente de que o lixo que tiramos ao chan ou aos sumidoiros acaba na nosa ría. Este pintado é unha maneira visual, directa e económica de concienciar”, sinala o concelleiro Anxo Meis, defensor da iniciativa.

A medida xa foi implantada en numerosas cidades europeas e está recoñecida como boa práctica ambiental. Desde Esquerda Unida consideran que esta intervención debería ser o primeiro paso dunha campaña máis ampla, que inclúa tamén sistemas físicos de recollida de residuos nos sumidoiros.

“Se se están a pintar pasos de peóns e marcas viarias, non hai razón para non aplicar tamén esta medida que xa foi aprobada por este mesmo pleno”, engade Meis. A formación lembra que O Grove ten no mar o seu principal recurso económico e ambiental, polo que toda acción que contribúa a preservar o ecosistema mariño debe ser prioritaria.

Por todo isto, Esquerda Unida reclama que o Concello actúe de inmediato para estender o pintado de sinalizacións a todo o termo municipal e que execute xa os compromisos adquiridos coa campaña “O mar comeza aquí”.

martes, 20 de agosto de 2019

Esquerda Unida insta ao goberno municipal a mellorar a seguridade da rúa Entrehortas

Beirado dunha vivenda da rúa Entrehortas danado por un vehículo.
Foto: @EUOGrove
O Grupo Municipal de Esquerda Unida volve reclamar unha actuación na rúa que une Conricado coa Luís Antonio Mestre para mellorar a seguridade dos viandantes. 

Advirten de que están circulando vehículos que superan as medidas da rúa, provocando danos continuos nas vivendas alí existentes e piden que cando menos se instale un sinal indicando as medidas máxima do vial para evitar esta situación.

O Grove, 19 de agosto de 2019.- Co peche do tramo da rúa Castelao ao tránsito de vehículos no ano 2017 e a habilitación do aparcamento en Entrehortas, a rúa que transita dende Conricado ata Luís Antonio Mestre sufriu un aumento de tráfico que se ve agravado nas épocas de afluencia turística. Unha circunstancia que, segundo indican dende Esquerda Unida, está a provocar unha gran inseguridade para a veciñanza e viandantes pois “a rúa é estreita e non cumpre coas medidas precisas para a convivencia de vehículos e peóns”. Isto xa foi advertido en varias ocasións polos concelleiros esquerdistas no anterior mandato, que solicitaron unha actuación urxente nesa zona, a cal non foi atendida polo goberno, a tenor do que agora denuncian dende as filas esquerdistas. E é que dende a formación liderada por José Antonio Otero, indican que a situación agrávase cando por esta rúa circulan vehículos de maior tamaño que o que a priori permite a casuística da vía, provocando que moitos queden atrapados no seu traxecto e incluso, como sucedeu estes días, causen danos nos beirados das vivendas alí situadas. 

Unha situación que Esquerda Unida indica se repite cada certo tempo, “pois como non existe ningunha sinalización advertindo do ancho e alto máximo da vía, métese todo o mundo, sexa para ir ao aparcamento de Entrehortas ou para regresar á rúa principal”. Na última semana foron as veciñas e veciños os que tiveron que mediar para evitar que as tellas dunha vivenda chegasen a caer sobre vehículos e viandantes logo de que un camión, que superaba as medidas da rúa, danara a fachada dunha das vivendas alí situadas. “Polo que nos di a veciñanza, isto sucede continuamente dende que se pechou a Catorse e evitaríase cun simple sinal” indican dende Esquerda Unida.

É por iso, que os concelleiros de Esquerda Unida, José Antonio Otero e Cristina Domínguez, pediron por rexistro que o concello actúe canto antes para dar maior seguridade á rúa de Entrehortas e aos seus viandantes e que, como medida urxente, se instalen sinais indicadores das medidas máximas para a circulación de vehículos por este tramo que evite que queden atoados ou causen danos ás vivendas. 

Gabinete de Prensa
Esquerda Unida O Grove

martes, 3 de xullo de 2018

EU pide que se sinalicen axeitadamente os itinerarios alternativos provocados por obras e demais cambios na rede viaria

Valado da obra de Alexandre Bóveda
A formación xa solicitou ao Concello a adopción desta medida no último pleno

O Grove, 2 de xullo de 2018.- O grupo municipal de Esquerda Unida pídelle ao Concello que aporte a información precisa a pé de rúa para facilitar a circulación de vehículos e evitar que os condutores se vexan na obriga de procurar por si mesmos itinerarios alternativos para chegar ao seu destino. A pesar de que a formación xa solicitou esta medida no último pleno, a día de hoxe o executivo municipal continúa sen atendela; dando lugar a embotellamentos e episodios de desorientación e caos circulatorio, que ben poderían evitarse coa reclamada sinalización.

Se ben é certo que este ano a tempada estival non arrincou coa forza habitual debido ás condicións meteorolóxicas, no casco urbano xa se deixa sentir o incremento do tráfico rodado propio dos meses de verán. Un aumento que debe compaxinarse coas distintas obras en marcha en viais como Alexandre Bóveda e a da Praza. E que, sen as necesarias indicacións a pé de rúa, xa está a provocar complicacións.

Sen indicadores que informen aos condutores dos cortes de rúas e dos itinerarios alternativos que deben tomar para chegar a destino, nos últimos días vense repetindo a estampa de coches “atrapados”, que non se decatan da imposibilidade de seguir o seu camiño ata atoparse de fronte coas vallas de obra. Pasou, sen ir máis lonxe, o sábado; cando contrariamente ao que anunciara ante os medios de comunicación e a través das redes o Concello non abriu ao tráfico a Rúa da Praza; orixinando problemas no tráfico e obrigando a máis dun condutor a retroceder marcha atrás polo estreito vial.

Algo similar ven acontecendo nas estreitas ruelas situadas nas inmediacións de Alexandre Bóveda, que dende que comezaron as obras se ven saturadas de condutores, moitas veces desorientados, que se ven obrigados a improvisar na procura dun camiño alternativo.

Así as cousas, Esquerda Unida destaca a necesidade de que o Concello se faga cargo da situación e aporte a información precisa, instalando carteis indicadores, para evitar embotellamentos e minimizar o impacto das obras sobre o tráfico rodado, facilitando que tanto veciños como visitantes poidan circular coa maior normalidade e seguridade posible polo casco urbano grovense.

Publicación do Concello o venres 29 no seu facebook
Rúa da Praza cortada o sábado 30 e domingo 1
Gabinete de Comunicación
Esquerda Unida O Grove

domingo, 13 de maio de 2018

EU pide a renovación da deteriorada sinalización viaria do Bao

O grupo municipal rexistra unha solicitude para que o Concello inste á Xunta a actuar

O Grove, 12 de maio de 2018.- O grupo municipal de Esquerda Unida  ven de rexistrar unha solicitude para que o Concello do Grove inste á Consellería de Infraestruturas e Vivenda a repoñer a deteriorada sinalización da estrada de acceso ao municipio. A formación tamén reclama que a Xunta proceda ao pintado da PO-316. E é que a delimitación dos carrís do vial do istmo resulta dificilmente visible para os condutores, sobre todo durante a noite; dando lugar a unha situación na que a mala imaxe pola escasa lexibilidade dos indicadores se mestura coa inseguridade viaria.

Coa tempada alta a piques de comezar, Esquerda Unida considera primordial que o goberno galego faga os deberes e asuma a parte que lle toca para conseguir que O Grove ofreza unha imaxe acorde ao municipio de alta afluencia turística que é. Concretamente a formación refírese á estrada de titularidade autonómica do Bao. Un acceso que é carta de presentación; pois constitúe a primeira imaxe da localidade que ven os que chegan de fóra. E que, neste momento, non luce como debera.

Juan Lamelas e José Antonio Otero queren que o goberno local se dirixa ao executivo autonómico para reclamar a renovación dunha serie de sinais que se atopan nun avanzado estado de deterioro e, polo mesmo, resultan dificilmente lexibles; nalgúns casos a causa da ferruxe ou o desgaste habitual polo paso do tempo, e noutras polas pintadas que os recobren. “Isto impide a sua correcta visualización por parte dos condutores; ademais da mala imaxe que proporciona a un concello como o noso, que ten no turismo unha das fontes económicas máis importantes. Sumado a isto, e tendo en conta que a maioría son sinais indicadores de dirección, estamos ante unha falta de información importante nun municipio das nosas características”, destacan os edís.
Área de Comunicación
Esquerda Unida O Grove