Amosando publicacións coa etiqueta Local Social. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Local Social. Amosar todas as publicacións

06 marzo 2026

EU denuncia que o goberno deixou perder a garantía do local social de Reboredo e as reparacións deberán pagarse con cartos públicos

A formación alerta de que o Concello non obrigou á empresa construtora a reparar unhas deficiencias que eran evidentes desde a inauguración e que co paso do tempo se agravaron. 

Piden explicacións e responsabilidades tras coñecerse que a empresa adxudicataria foi extinguida en setembro de 2025, o que deixa practicamente sen efecto calquera reclamación económica.

O Grove, 6 de marzo de 2026.- Esquerda Unida denunciou a neglixencia do goberno municipal na xestión das deficiencias do local social de Reboredo, unha obra que apenas tres anos despois da súa apertura presenta graves problemas construtivos e desprendementos na fachada. 

O inmoble foi adxudicado en outubro de 2020 á empresa Sodein Soluciones Integrales SL por un importe de 152.157,50 euros e incluía unha mellora que ampliaba o prazo de garantía ata os tres anos. A última certificación da obra foi aprobada pola Xunta de Goberno Local o 30 de decembro de 2021, polo que a garantía remataría a comezos de 2025. 

Segundo lembra Esquerda Unida, xa no ano 2022, case un ano antes da apertura do local, a formación advertira publicamente das primeiras deficiencias detectadas no edificio, entre elas gretas na pasarela de acceso e sinais de deterioro no inmoble. Naquel momento, a propia concelleira responsable recoñeceu en pleno que a empresa construtora debía facerse cargo das reparacións. 

Porén, malia as reiteradas advertencias realizadas por Esquerda Unida nos anos seguintes, o goberno municipal limitouse a ofrecer respostas evasivas. Xa en maio de 2024 indicouse que a arquitecta municipal debía revisar o edificio, sen que se adoptase ningunha medida efectiva para obrigar á empresa a reparar os danos. 

A situación agravouse co paso do tempo. En xuño de 2025 o propio alcalde, tras preguntas de Esquerda Unida, recoñeceu en pleno que no edificio “están caendo cascotes e parte da fachada”, o que evidencia que as deficiencias da obra non só persistían senón que se estaban agravando. 

A pesar diso, Esquerda Unida lembra que durante todo este tempo o Concello non informou de ningún procedemento formal para esixir responsabilidades á empresa construtora nin para executar a garantía da obra. 

Ademais, segundo consta no Boletín Oficial do Rexistro Mercantil, a empresa Sodein Soluciones Integrales SL foi declarada en concurso voluntario o 30 de abril de 2025 e o procedemento concluíu o 8 de setembro dese mesmo ano por insuficiencia de masa activa, o que implica que a sociedade carece de bens para facer fronte ás súas obrigas. 

O voceiro de Esquerda Unida, José Antonio Otero, considera que o sucedido é “un exemplo claro de falta de dilixencia na defensa dos intereses públicos”. “O Concello sabía desde hai anos que había deficiencias graves nesta obra e, aínda así, deixou pasar o tempo sen obrigar á empresa a reparalas dentro do período de garantía. Agora atopámonos cunha empresa que entrou en concurso e que xa non ten bens para responder”, sinala. 

Para Otero, o máis preocupante é que esta situación pode acabar tendo consecuencias económicas para o propio Concello. “Se finalmente se confirma que non se fixo ningunha reclamación formal nin se executou a garantía da obra cando correspondía, estaremos ante unha neglixencia política moi grave. O que non se pode permitir é que por falta de xestión agora teñan que pagalo os veciños e veciñas con cartos públicos”, afirma. 

Por este motivo, e ao abeiro do afirmado polo alcalde no pleno do pasado luns, onde asegurou que a arquitecta municipal estaba elaborando un informe e que debían revisar a situación para comprobar se aínda era posible reclamar, Esquerda Unida presentou un escrito por rexistro no Concello solicitando información sobre se se realizou algún requirimento formal á empresa construtora, se se iniciou algún expediente administrativo para reclamar as deficiencias da obra ou executar a garantía e que actuacións se levaron a cabo dende o Concello ante esta situación. 

Dende Esquerda Unida teñen claro cal será a resposta, pois os feitos apuntan a que non se realizou ningunha actuación. Por iso consideran imprescindible aclarar o sucedido e depurar responsabilidades políticas se se confirma que non se actuou a tempo. 

“Alguén terá que explicar por que o Concello non fixo nada durante anos sabendo que a obra tiña problemas e que a garantía estaba en vigor. Defender os intereses públicos significa actuar cando toca, non cando xa é demasiado tarde”, conclúe Otero.

24 novembro 2022

Esquerda Unida pregunta por que segue pechado o local social de Reboredo

O inmoble foi construído a mediados de 2021 e tras numerosos anuncios de apertura, segue pechado e sen previsión de que se lle dea uso a curto prazo. Denuncian o abandono do espazo e deterioracións na edificación.

Os esquerdistas queren coñecer as circunstancias polas que segue pechado, cando se vai abrir, que tipo de uso se lle vai dar finalmente a ese local e quen vai asumir o arranxo do deterioro que sufriu o inmoble dende que remataron as obras.

O Grove, 24 de novembro de 2022.- O grupo municipal de Esquerda Unida quere coñecer a situación do local social de Reboredo á vista de que segue pechado e sen uso. Preguntan cando abrirá as súas portas, que uso terá e quen asumirá o custo do deterioro e gretas que presenta a edificación. 

Cabe recordar que o edificio situado na zona de Reboredo foi construído polo Concello do Grove sobre un terreo privado que cederon os propietarios no 2019 coa finalidade de dotalo dun espazo social para a veciñanza. O inmoble comezou a construírse en marzo de 2021, tras un considerable retraso, rematando as obras a finais de outubro. Nun principio previñeron a súa apertura antes de rematar o 2021, pero non foi ata xaneiro cando o executivo local visitou o local para anunciar que se lle podería dar uso en febreiro. Incumpridos estes prazos, anunciaron que a data de apertura sería a finais de abril, cun uso social dirixido ás persoas da terceira idade e do rural. A realidade é que a día de hoxe segue pechado. 

Dende Esquerda Unida indican que teñen preguntado en diferentes ocasións pola apertura dese local social, a última en xullo, "recibindo en todas elas malas escusas e anunciando inminentes aperturas tras cada resposta, e como se pode observar, incumprindo todas elas", asevera o seu voceiro, José Antonio Otero. Así mesmo, dubidan de que o uso que se lle vai dar ao espazo sexa o que realmente pedía a familia que doou o terreo, “pois nun principio pedían que o uso fose social, no que a veciñanza do rural, sobre todo a de maior idade, puidese reunirse e compartir momentos e experiencias, pero a día de hoxe dubidamos moito que ese sexa o destino que lle quere dar este goberno”

Do mesmo modo, os esquerdistas denuncian o deterioro que está a sufrir a edificación pois, segundo indican, "esta rodeado de maleza, ten fendas na pasarela de entrada e está acumulando humidade ao estar abertas continuamente varias das súas fiestras”, o que lles fai pensar que cando se abra ao público o local “non será todo o acolledor que se pretendía”.

Por todo isto, “volvemos preguntar as circunstancias polas que segue pechado, cando se vai abrir, que tipo de uso se lle vai dar finalmente a ese local e quen vai asumir o arranxo do deterioro que sufriu o inmoble dende que remataron as obras”, indica José Antonio Otero que pide “que se deixen de escusas e enganos e expliquen que sucede verdadeiramente”.