Amosando publicacións coa etiqueta Lavadoiros. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Lavadoiros. Amosar todas as publicacións

domingo, 14 de marzo de 2021

Esquerda Unida denuncia a falta de mantemento e conservación do patrimonio municipal

Os esquerdistas consideran a desaparición do mastro da goleta “Nieves” unha mostra do abandono, por parte do Concello, do patrimonio municipal.

Recordan que hai máis elementos patrimoniais que corren o mesmo risco e piden que se actúe no seu arranxo e/ou amaño.

O Grove, 15 de marzo de 2021.- Se hai máis dun ano foi o barco “Platuxa” o que, debido ao deterioro e á falta de mantemento, tivo que ser retirado de Punta Moreiras para rematar no esquecemento, a semana pasada tocoulle ao mastro da goleta “Nieves”, que desaparece tamén do entorno etnográfico de Moreiras logo de derrubarse, do mesmo modo que o “Platuxa”, debido ao deterioro provocado pola falta de mantemento, unha circunstancia que dende Esquerda Unida tachan de “grave e vergoñenta”.

Para o voceiro de Esquerda Unida, José Antonio Otero, “isto é unha nova mostra do abandono, por parte da Administración local, do noso patrimonio municipal”. “Estamos asistindo a un continuo deterioro dos elementos culturais da nosa vila, á súa falta de mantemento e conservación, e como consecuencia á súa desaparición”, sentencia Otero.

O esquerdista, recorda que isto non só sucede en Moreiras, pois son continuas as reclamacións que ten feito a súa formación en canto á conservación, mantemento e divulgación de moitos elementos culturais e patrimoniais do concello, “que no momento dinnos que actuarán, pero a realidade é que pasan os meses e continúan abandonados”, indica Otero, que pon como exemplo, ademais do sucedido en Moreiras, as diferentes fontes e lavadoiros do concello.

Recordan como logo de denunciar hai varios meses a situación da fonte do Naval e o lavadoiro de Paus en San Vicente ou o da fonte de Estonllo, estas continúan en estado lamentable, sen que exista ningunha previsión de arranxo ou amaño, coa única premisa de que “rematarán, ao igual que o “Platuxa” ou o mastro do “Nieves”, desaparecendo para perdurar, se cabe, tan só no recordo das veciñas e veciños da zona”, indica Otero.

Por ese motivo, Esquerda Unida propuxo hai un mes a constitución da Mesa da Cultura e o Patrimonio, “para, entre outras cousas, procurar a protección de todos os elementos da nosa cultura etnográfica, marítima, arquitectónica...” e por ese motivo seguirán insistindo na creación da mesma, ao tempo que reclama ao Concello “que non figure como mero espectador ao deterioro do noso patrimonio e que actúe, pois nestes casos é a súa competencia”, finaliza o voceiro esquerdista.

Gabinete de Prensa

Esquerda Unida O Grove

Imaxes actuais da fonte de Paus (San Vicente)






Imaxes actuais do lavadoiro de Paus (San Vicente)




Imaxes actuais da fonte de Estonllo




xoves, 25 de xuño de 2020

Foto denuncia EU - Estado do Lavadoiro dos Paus


😔O Lavadoiro dos Paus en San Vicente é outros dos elementos patrimoniais do noso concello que corre o risco de desaparecer.

⚠De seguir así, o camiño desaparecerá entre a maleza e a cuberta do lavadoiro rematará no chan.

🆘O pobre leva máis de dous anos agardando a súa reparación despois de perder un dos piares laterais.






mércores, 1 de febreiro de 2017

Rogos e preguntas do Grupo Municipal de EU no Pleno de xaneiro

Os edís do Grupo Municipal de Esquerda Unida pediron explicación sobre diferentes asuntos municipais e realizaron unha serie de peticións de actuacións no transcurso do pleno deste mes de xaneiro.

Así, os esquerdistas quixeron coñecer de boca do goberno cal foi o motivo polo que foron rexeitadas as subvencións para a instalación dun ascensor na Casa do Concello e dun montacargas na Casa da Cultura e si se ía insistir para lograr a subvención ou se realizaría a obra por outras vías.
A subvención foi rexeitada por problemas técnicos, esa foi o único argumento utilizado pola concelleira de Obras, que non quixo dar explicacións máis pormenorizadas. Así mesmo asegurou que seguirán traballando para acadar estas obras.

Unha cuestión que preocupa aos veciños do barrio de Meloxo, e que Juan Lamelas e José Antonio Otero trasladaron a pleno,  foi a obra de reforma do lavadoiro existente na zona e que leva máis dun ano pechado por deterioro. Unha pregunta que xa fora realizada polos edís de EU en marzo do ano pasado e que tivo repetición en outros plenos por parte doutros compañeiros de corporación así como en diferentes xuntanzas que o Grupo Municipal mantivo co Goberno. A día de hoxe seguen sen comezar as obras de reforma e polo visto, segundo indicacións tamén da Concelleira de Obras, están agardando polo permiso de Patrimonio.

Os esquerdistas tamén se preocuparon pola seguridade dos viandantes da rúa Luis Seoane, pois dende que se realizaron obras de asfaltado hai varios meses, seguen sen estar pintados os pasos de peóns a un lado e o outro da intersección coa Luís Casais. As disculpas ofrecidas pola concelleira delegada foi que a climatoloxía impideu o pintado dos mesmos, resposta que non convenceu a ningún dos presentes, pois este foi un dos invernos máis secos dos últimos anos.

Outra das zonas nas que os edís de Esquerda Unida se centraron foi a rúa da Bouzas onde solicitaron que, aproveitando os cambios de ciruculación realizados no Monte da Vila e arredores, se delimitara un carril de peóns para garantir a seguridade dos veciños e sobre todo dos numerosos estudantes que a diario se desprazan ao Instituto por esa rúa. Unha petición que foi realizada en reiteradas ocasións polo Grupo Municipal de EU.
A concelleira de obras indicou que están agardando por uns bolardos para realizar a delimitación correspondente.

O parque Canino da Toxa foi outro dos asuntos que os edís esquerdistas trasladaron á sesión plenaria pois tras solicitar, hai preto dun ano, que se instalaran indicadores e penais coas normas de uso, o goberno fixo caso omiso. 
Dende a concellería recoñeceron o erro e aseguraron que os colocarían na maior brevidade posible.

Lamelas e Otero preguntaron tamén pola situación dun camiño que bordea o campo de golf dende a urbanización próxima á ponte da Toxa. Un camiño que era utilizado habitualmente por numerosos atletas e que que hai unhas semanas foi pechado ao transito. Os edís preguntaron si era de titularidade pública e que de ser así se esixira a apertura e se depuraran responsabilidades. 
O Alcalde asegurou non saber quen pechara o mesmo e que trasladaría a petición a Costas, pois son eles os titulares do camiño.

Outra das solicitudes fixo referencia ás casetas de socorristas da praia da Lanzada, concretamente á máis próxima á zona do Sanatorio, pois se atopa nun lamentable estado de abandono. Os esquerdistas aseguran que o pasado verán este posto ocasionou algún que outro susto por desprendementos da súa estrutura e que os socorristas non se atreven a subir á zona alta de vixilancia por medo a sufrir danos. Por ese motivo solicitaron que se arranxase e se fixese unha revisión do resto para solucionar os problemas que poidan ter co propósito de ofrecer seguridade aos traballadores e usuarios.
Dende o goberno indicaron que traballarán na mellora destes postos.

Continuando coa batería de peticións, os esquerdistas trasladaron a queixa de varios usuarios da Casa da Cultura, pois aseguran lles é imposible realizar as tarefas con normalidade ante a deficiente conexión a internet
A concelleira de Cultura recoñeceu ter constancia das queixas e que están traballando na mellora da conexión.

Dirixida á concelleira de Cultura foi tamén a petición de seguridade na planta baixa da Casa do Concello, pois foron varios os artistas que expoñen nas salas deste edificio os que trasladaron a súa preocupación pola falta de vixianza cando exhiben as súas obras.
Dende a concellería aseguraron que son coñecedores da preocupación e que procurarán unha solución o máis axiña posible.

Por último, os concelleiros volveron solicitar que se lles trasladase a documentación relativa ao proceso de selección dos voluntarios da Festa do Marisco, pois hai máis de tres meses que rexistraron a petición e a día de hoxe non contan coa mesma.

[ver/descargar Rogos e Preguntas no seu contexto orixinal]

Prensa:

Un año de espera por el lavadero de Meloxo y los letreros para perros [ver noticia web]

venres, 17 de xuño de 2016

Esquerda Unida pide actuacións en Meloxo, Estonllo e outra zonas do concello



Aberta unha nova vía de negociacións de cara á aprobación dos orzamentos 2016, incluíndose o remanente de tesourería, a agrupación local de Esquerda Unida fixo chegar ao goberno municipal unha serie de actuacións para as cales agarda un compromiso de execución.

Estado das rúas do barrio de Meloxo
A medida máis importante céntrase no barrio de Meloxo. Un barrio no que, segundo os esquerdistas, as rúas que o percorren atópanse nun estado de deterioro, con fochas, gretas e zonas sen asfalto. Por ese motivo, Juan Lamelas e Jose A. Otero consideran necesaria e xustificada unha actuación integral na zona. 


Lavadoiro de Meloxo pechado
Unha zona para a que tamén piden a reparación inmediata do seu lavadoiro que, segundo indican, leva pechado aos veciños dende hai varios meses por problemas co tellado –cuestión esta que xa expuxeron no pleno do mes de abril–. Ademais, instan ao goberno a que se reparen todos os lavadoiros do concello e se poñan en valor patrimonial, cultural e turístico.
Estado da fonte de Estonllo
Neste mesmo senso –o do valor patrimonial, cultural e turístico– céntranse os esquerdistas para solicitar tamén o arranxo da fonte natural de Estonllo, así como as de todo o concello. En canto ao de Estonllo, os edís indican que foron varios os veciños que lles fixeron chegar as queixas do mal estado no que se atopa esa fonte, pois non bota auga, o acceso é dificultoso e o seu entorno atópase en total abandono. Por iso solicitan que se arranxe de maneira inmediata, dotándoo de melloras na accesibilidade, dun cartel indicador e amañando o entorno.

 
Sobrante de estrada en Reboredo
Outra das petición realizadas, segundo os esquerdistas en concordancia cunha moción aprobada en relación cunha senda peonil entre Campos e Reboredo, é a creación de áreas de descanso nos sobrantes de estrada, dotándoas de árbores, bancos e papeleiras.



Estado do mirador Conda Hedra
O arranxo do parque infantil da Siradella, esnaquizado e abandonado; do miradoiro de Con da Hedra, nas mesmas circunstancias que o anterior; da explanada do Corgo, que conta con numerosas baldosas levantadas e esnaquizadas e faltan bancos; e da rúa que transita entre Balea e Balea marítima, foron outras das solicitudes realizadas polo Grupo Municipal de Esquerda Unida, conscientes de que estas últimas non son actuacións propias do Concello senón conxuntamente coas dúas Comunidades de Montes, Portos de Galicia e Deputación de Pontevedra.
 

Miradoiro Con da Hedra


Miradoiro Con da Hedra
Parque infantil Siradella
Parque infantil Siradella
Explanada do Corgo
Explanada do Corgo
Barrio de Meloxo
Barrio de Meloxo
Lavadoiro de Meloxo
Lavadoiro de Meloxo

Acceso fonte de Estonllo
Fonte de Estonllo
Sobrante de estrada en Campos
Estrada Balea a Balea marítima

[ver/descargar o documento que se lle achegou ao Goberno municipal]