Amosando publicacións coa etiqueta Moción. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Moción. Amosar todas as publicacións

luns, 18 de agosto de 2025

Esquerda Unida propón recuperar os solares abandonados do Grove para usos comunitarios

O grupo municipal leva ao pleno unha moción para poñer en marcha un programa de cesión temporal de parcelas privadas a cambio do seu mantemento. 

 A iniciativa permitiría crear hortas urbanas, zonas verdes ou aparcadoiros provisionais, dando unha saída útil a fincas sen uso e evitando problemas de insalubridade e risco de incendio. 

A proposta aposta pola colaboración voluntaria dos propietarios e por un enfoque social, ambiental e participativo da xestión do solo urbano e rústico.

O Grove, 18 de agosto de 2025.- O grupo municipal de Esquerda Unida vén de presentar unha moción para o seu debate, coa que propón a creación dun Programa Municipal de Cesión Temporal de Solares Privados, que permita ao Concello poñer en uso, de maneira provisional e sen alterar a propiedade, as numerosas fincas que permanecen abandonadas, sen uso ou en mal estado no termo municipal. 

A moción foi rexistrada solicitando a súa inclusión no pleno extraordinario que o goberno municipal ten previsto celebrar o 25 deste mes. No caso de non ser incorporada a esa sesión, a moción debaterase no pleno ordinario fixado para o 29 de setembro. 

A proposta permitiría que os propietarios de solares cedesen temporalmente o uso das súas fincas ao Concello a cambio de que este se encargue do seu mantemento, limpeza e posta en valor, destinándoas a usos de interese público e comunitario, como hortas urbanas, zonas verdes, espazos educativos ou mesmo aparcadoiros disuasorios temporais. 

“Hai moitas parcelas no Grove que levan anos sen coidado, acumulando maleza e lixo, con risco de incendio ou pragas, e xerando malestar entre a veciñanza. Moitas veces detrás desa situación hai persoas maiores, con problemas de saúde ou sen recursos. Non sempre é cuestión de vontade, senón de falta de capacidade”, explicou o voceiro de Esquerda Unida, José Antonio Otero. 

A moción inclúe tamén a elaboración dunha ordenanza municipal específica que regule esta fórmula de cesión voluntaria, e que garanta os dereitos da propiedade ao tempo que permite o uso comunitario do solo en beneficio do ben común. O programa incluiría a posibilidade de implicar a entidades sociais, centros educativos ou colectivos veciñais na xestión dos espazos cedidos. 

Dende Esquerda Unida deixan claro que esta proposta non exime nin aos propietarios de cumprir coa súa obriga legal de manter os seus solares en bo estado, nin ao Concello da súa responsabilidade de facer cumprir a ordenanza municipal vixente. 

“Estamos a propoñer unha ferramenta útil, solidaria e intelixente. Evitamos sancionar a quen non pode cumprir coa súa obriga, ofrecéndolle unha alternativa digna, e ao mesmo tempo recuperamos espazos mortos para a vida comunitaria. Pero iso non significa que se poida mirar para outro lado: o Concello debe seguir vixiando, actuando e esixindo o cumprimento das obrigas legais a quen non colabore”, concluíu Otero. 

Co propósito de facilitar a posta en marcha efectiva desta medida e evitar atrasos innecesarios, Esquerda Unida entregará ao goberno municipal un borrador de ordenanza reguladora e un modelo de convenio tipo, que poidan servir como base de traballo inmediata para desenvolver o programa. 

Dende Esquerda Unida agardan que o goberno e resto dos grupos municipais apoien a iniciativa, que se enmarca nun modelo de vila máis habitable, coidada e centrada na participación cidadá. Insisten en que o programa será voluntario, transparente e respectuoso coa propiedade privada, e que está pensado como unha solución práctica fronte á desatención do espazo privado que impacta negativamente no interese colectivo.

[ver/descargar moción]

mércores, 23 de xullo de 2025

EU presenta unha moción para reclamar que o Ministerio de Vivenda ceda ao Concello do Grove dous terreos da Sareb para vivenda pública

A proposta será debatida no pleno do luns e insta ao Goberno a transferir dous solares en mans da Sareb para impulsar vivenda social municipal.

Desde EU consideran que a situación da vivenda no Grove é insostible e cómpre mobilizar todos os recursos dispoñibles para garantir o dereito a un fogar digno.

O Grove, 23 de xullo de 2025.-O grupo municipal de Esquerda Unida vén de rexistrar unha moción para o seu debate no pleno ordinario deste mes, previsto para o vindeiro luns, na que reclama ao Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana que ceda ao Concello do Grove dous terreos de titularidade da Sareb para destinalos á construción de vivenda pública.

A proposta sinala como obxectivo prioritario mobilizar solo en mans públicas para dar resposta á grave crise de acceso á vivenda que sofre a veciñanza do Grove, especialmente a xuventude e as familias traballadoras. En concreto, Esquerda Unida insta ao Goberno a transferir gratuitamente dous solares situados na Rúa Bouzas e na Rúa Luis A. Mestre, ambos os dous propiedade da Sareb, pero que segundo a nova estratexia estatal xa foron ou están sendo incorporados ao patrimonio do Ministerio.

“Trátase de dous terreos perfectamente viables para desenvolver pequenas promocións públicas de vivenda en réxime de alugueiro social, que é o que necesita esta vila”, explicou o voceiro de EU, José Antonio Otero. “Sabemos que non acadan os 30 fogares que esixe o Ministerio para as súas actuacións directas, pero iso non debe ser impedimento para que o Concello poida actuar con apoio doutras administracións”, engadiu.

A moción tamén solicita a elaboración dun informe técnico municipal que avalíe a viabilidade urbanística dos dous solares, e á Xunta de Galicia e ao propio Ministerio a súa implicación económica mediante convenios co Concello. Segundo os datos recollidos por EU, entre os dous terreos poderían construírse entre 30 e 33 vivendas, cifra nada desdeñable nun municipio sen parque público de vivenda.

Otero advertiu de que “a situación da vivenda no Grove está completamente desbordada: prezos imposibles, presión turística, ausencia de vivenda social e persoas obrigadas a marchar do seu propio concello. A resposta institucional ten que ser proporcional á gravidade da situación”.

Desde Esquerda Unida afirman que esta iniciativa forma parte do seu compromiso con políticas valentes en materia de vivenda pública e dereito á cidade, é dicir, o dereito de vivir dignamente, decidir sobre o noso territorio e non ser expulsadas dos nosos barrios. “Os terreos están aí, son públicos e poden cambiar a vida de moita xente. Só fai falta vontade política e cooperación entre administracións.”, concluíu o voceiro.

ver/descargar moción

martes, 17 de setembro de 2024

EU presenta unha moción para protexer o medio mariño a través dunha campaña co lema “O Mar Comeza Aquí”

 

A proposta, que defenderá Anxo Meis no vindeiro pleno, pretende concienciar á poboación sobre a importancia de evitar a vertedura de residuos nas redes de augas pluviais. A iniciativa inclúe accións como a instalación de sinalización nos sumidoiros, actividades educativas e a colocación de trampas de lixo.

Esquerda Unida pide ademais que o Concello se adhira á Semana Europea da Redución de Residuos que se celebra anualmente nas últimas semana de novembro e que este ano enfócase no desperdicio de alimentos.

O Grove, 16 de setembro de 2024.– O Grupo Municipal de Esquerda Unida levará ao pleno deste mes unha moción coa que busca impulsar unha campaña de concienciación baixo o lema "O Mar Comeza Aquí". A proposta, que será defendida polo concelleiro Anxo Meis, ten como obxectivo principal sensibilizar á cidadanía sobre a importancia de evitar a vertedura de residuos nos sumidoiros, co fin de protexer a saúde do medio mariño e preservar a riqueza natural do municipio.

Meis explicou que "O Grove, co seu importante patrimonio natural e mariño, non pode permitirse ignorar o problema crecente da contaminación nas nosas costas. Pequenos residuos que se tiran ao chan, como cabichas ou plásticos, acaban nos sumidoiros e, finalmente, no mar, onde causan un impacto negativo tanto no ecosistema como nas actividades económicas que dependen del, como a pesca e o turismo."

A moción inclúe diversas accións concretas, entre as que destaca a instalación de sinalización específica en todos os sumidoiros e puntos de desaugue de augas pluviais do concello, advertindo sobre a conexión directa entre as rúas e o mar. Ademais, proponse a organización de actividades educativas en centros escolares e asociacións veciñais, así como a colaboración con entidades locais para maximizar o impacto da campaña.

Outra das medidas incluídas na proposta é a instalación de "trampas de lixo" nos sumidoiros, co fin de reter os residuos antes de que cheguen ao mar, facilitando así a súa recollida polos servizos de limpeza municipais.

Esquerda Unida tamén busca que o Concello se adhira á Semana Europea da Redución de Residuos (EWWR), que se celebra anualmente nas últimas semanas de novembro e que este ano (do 16 ao 26) enfoca o seu labor no desperdicio de alimentos.

Anxo Meis subliñou que "esta campaña non é só unha chamada á acción para a cidadanía, senón tamén unha oportunidade para que O Grove se converta nun referente na loita contra a contaminación mariña. A preservación do noso medio ambiente é unha responsabilidade compartida, e dende Esquerda Unida estamos comprometidos en liderar esta tarefa".

A moción será debatida no pleno municipal de setembro, onde Esquerda Unida espera contar co apoio do resto de grupos políticos e, sobre todo, co compromiso do goberno municipal para executar esta iniciativa de gran relevancia para o futuro do Grove.

[Ver/descargar Moción]

domingo, 11 de agosto de 2024

EU presenta unha moción para abordar a situación da vivenda no Grove

 

Poñen o foco na proliferación de vivendas de uso turístico, o incremento do alugueiro e a falta de oferta, como principais causas para o acceso a unha vivenda digna e accesible. 

Solicitan un estudo exhaustivo sobre a vivenda no concello, co obxectivo de abordar a problemática de acceso á mesma. Piden ademais a avaliación da necesidade de declarar zonas de mercado tensionado no Grove.

O Grove, 10 de agosto de 2024 - O grupo municipal de Esquerda Unida presentará no vindeiro pleno do Concello do Grove unha moción que busca abordar a crecente problemática do acceso á vivenda no municipio. A iniciativa pon o foco na urxente necesidade de realizar un estudo detallado sobre a situación da vivenda no Grove, co obxectivo de adoptar medidas efectivas para solucionar un escenario que consideran crítico.

Esquerda Unida sinala que o acceso á vivenda converteuse nun dos problemas máis urxentes e complexos para a veciñanza. Destacan que unha das causas desta situación é debido á proliferación de vivendas de uso turístico que, segundo datos do Instituto Galego de Estatística, no Grove sufriu un incremento do 109,6% dende o 2020, o que está a provocar un impacto negativo no acceso a vivendas de alugueiro e na evolución dos prezos, complicando cada vez máis a posibilidade de acceder a unha vivenda digna.

A moción insta ao goberno municipal a levar a cabo un estudo detallado sobre a situación da vivenda no Grove. Este estudo deberá incluír un censo das vivendas de uso turístico, tanto rexistradas como non rexistradas, un rexistro das vivendas baleiras e as dispoñibles para alugueiro ou compra, e unha análise dos expedientes pendentes de aprobación para novas construcións. Ademais, o estudo deberá avaliar o impacto que está a ter a proliferación das vivendas de uso turístico na poboación residente, así como determinar a necesidade de declarar zonas de mercado tensionado segundo as recentes normativas estatais e autonómicas.

Para garantir un enfoque participativo e rigoroso, Esquerda Unida tamén propón a creación dunha comisión de traballo que integre a todos os grupos municipais e a técnicos especialistas na materia, co propósito de buscar solucións baseadas na información recadada. A moción subliña a importancia de manter un compromiso de transparencia e de comunicación activa coa veciñanza ao longo de todo o proceso, garantindo que as medidas que se implementen sexan coñecidas e discutidas con todos os sectores afectados.

Este movemento de Esquerda Unida busca, en definitiva, poñer sobre a mesa unha problemática que afecta a un número crecente de veciños e veciñas do Grove, e ofrecer ferramentas para abordala de xeito eficaz, garantindo o dereito a unha vivenda digna para todos.

[ver/descargar moción]

sábado, 29 de xuño de 2024

EU propón crear zonas de espallamento para cans e melloras en infraestruturas caninas

O grupo municipal presentará unha moción no pleno do vindeiro luns na que piden crear espazos seguros e valados para o espallamento de cans, utilizando materiais reciclados.

A iniciativa inclúe a instalación de fontes de auga e sanecáns en puntos estratéxicos do Grove e habilitar máis praias accesibles para os cans. Ademais propoñen campañas de concienciación para a recollida dos excrementos.

O Grove, 29 de xuño de 2024 – Esquerda Unida presentará no pleno municipal do vindeiro luns, 1 de xullo, unha moción para a creación de zonas de espallamento para cans, así como a instalación de fontes caninas e sanecáns, co obxectivo de mellorar a convivencia entre as persoas e os seus animais de compañía.

A moción subliña a importancia de proporcionar espazos adecuados para os cans, contribuíndo así ao benestar dos animais e mellorando a calidade de vida no Grove. A proposta destaca que a falta de infraestruturas axeitadas en zonas como Confín, O Corgo, Porto Meloxo e San Vicente xera problemas de convivencia e hixiene, e que a creación de áreas de espallamento podería mellorar significativamente esta situación.

Entre os acordos propostos, Esquerda Unida solicita a habilitación de zonas específicas para o espallamento de cans, que estarán debidamente sinalizadas e valadas para garantir a seguridade tanto dos animais como das persoas. Ademais, estas áreas serán equipadas utilizando materiais reciclados, promovendo a sustentabilidade e a conciencia ecolóxica

A moción tamén inclúe a instalación de fontes de auga específicas para cans e sanecáns (dispensadores de bolsas para a recollida de excrementos caninos) nas zonas máis concorridas polos propietarios de cans. A formación política tamén propón a realización de campañas informativas para concienciar aos propietarios sobre a importancia de recoller os excrementos das súas mascotas e utilizar os sanecáns.

Outro punto destacado da moción é a habilitación de máis areais nos que a presenza de cans estea permitida durante a tempada estival, promocionando estes espazos para facilitar a convivencia cidadá.

Esquerda Unida fai fincapé na necesidade de establecer un plan de mantemento regular para garantir que as zonas de espallamento, as fontes caninas e os sanecáns permanezan en bo estado de uso, así como a implementación de medidas de control para asegurar o cumprimento das normas establecidas nestes espazos.

 [Ver/ler Moción Completa

mércores, 26 de xuño de 2024

EU impulsa a creación de espazos de sombra e hidratación nos parques infantís e prazas públicas do Grove

Presentarán unha moción no pleno do vindeiro luns, co obxectivo de garantir a seguridade e o benestar da cidadanía, especialmente durante os meses de verán, cando as temperaturas son máis elevadas.

A proposta inclúe a instalación de toldos, pérgolas, enredadeiras ou árbores, así como dotar de fontes de auga potable os espazos que carezan das mesmas.

O Grove, 26 de xuño de 2024.- O grupo municipal de Esquerda Unida presentará no pleno do vindeiro luns unha moción que busca a creación de zonas de sombra e puntos de hidratación nos parques infantís e prazas públicas do concello de O Grove. A iniciativa ten como obxectivo principal garantir a seguridade e o benestar da cidadanía durante os meses de verán, cando as temperaturas se incrementan significativamente.

Coa chegada do verán e o aumento das temperaturas, a seguridade nos espazos públicos vólvese unha prioridade. A exposición prolongada ao sol pode causar queimaduras, insolacións e outras enfermidades relacionadas coa calor. Este problema afecta especialmente aos nenos e nenas, así como ás persoas maiores e aquelas con problemas de saúde.

Na actualidade, a maioría dos parques infantís de O Grove carecen de suficientes zonas de sombra, o que dificulta o seu uso durante as horas de maior intensidade solar. Entre os parques máis afectados atópanse o de Terra de Porto, O Corgo, Confín e o da Casa da Cultura de San Vicente. Ademais, a falta de fontes de auga en moitos espazos impide que a veciñanza poida manter unha adecuada hidratación, especialmente nos días máis calorosos.

Esquerda Unida propón realizar un estudo para identificar os parques infantís e prazas públicas que necesitan intervencións urxentes. Con base neste estudo, instan ao concello a proceder á instalación de estruturas de sombra, como toldos, pérgolas, enredadeiras ou árbores, así como a implementación de fontes de auga potable nos espazos máis frecuentados.

A moción tamén suxire buscar financiamento a través de subvencións doutros organismos públicos ou privados para levar a cabo este proxecto, e realizar unha campaña informativa para concienciar á cidadanía sobre a importancia de protexerse do sol e manter unha boa hidratación.

Esquerda Unida destaca que a creación de zonas de sombra e puntos de hidratación nos espazos públicos é unha medida esencial para garantir o benestar e a saúde da cidadanía. Estas accións non só mellorarán a calidade de vida dos veciños e veciñas, senón que tamén promoverán o uso seguro e confortable dos parques infantís e prazas públicas durante todo o ano.

[Ver/descargar moción

mércores, 20 de marzo de 2024

EU presenta unha moción para aprobar as bases do Concurso de Carteis da Festa do Marisco 2024

O evento gastronómico deste ano non conta, a día de hoxe, co correspondente cartel promocional, polo que Esquerda Unida, que leva dende outubro pedindo a publicación das bases, decidiu tomar a iniciativa ante a pasividade do goberno municipal e presentan as mesmas en forma de moción.

Piden tamén un cambio nas bases e na asignación económica de cara ao cartel do 2025, polo que instan a convocar o Consello Local de Turismo para valorar as modificacións pertinentes co propósito de que se publiquen en tempo e forma.

O Grove, 20 de marzo de 2024.- No pleno da Corporación municipal do Grove, que terá lugar o vindeiro luns 25, o Grupo Municipal de Esquerda Unida levará a consideración unha moción que busca a aprobación das bases do Concurso de Carteis para a LXI Festa do Marisco, a celebrarse este ano.A agrupación de esquerdas destaca a importancia da Festa do Marisco non só a nivel local, senón tamén comarcal, provincial e autonómico, pola súa capacidade para atraer visitantes e dinamizar a economía local. O cartel da festa é un elemento crucial para a promoción do evento e atraer as miradas tanto de habitantes locais como de visitantes nacionais e internacionais. No entanto, no ano 2023 non se publicaron as bases para o concurso do cartel, o que resultou nunha ausencia do mesmo durante a celebración da festa, algo inédito ata o momento.

Esquerda Unida considera esta situación como prexudicial para a promoción da festa e ante a falta de acción por parte do goberno municipal para corrixir esta omisión, urxe á toma de medidas, pois quedan menos de sete meses para a celebración do evento que este ano celebra a súa 61 edición. Lembran que dende outubro do 2023, insistiron en varias ocasións para que se publicasen as bases co propósito de que a Festa deste ano contase cun cartel, polo que ante a pasividade municipal, decidiron tomar a iniciativa e levar as mesmas a pleno. A moción propón non só a aprobación inmediata das bases para o concurso deste ano, seguindo os termos dos anos anteriores, senón tamén instar ao goberno municipal a publicar as bases antes do 5 de abril para dar comezo ao concurso, que remataría o 30 do mesmo mes, asegurando unha ampla difusión das mesmas para fomentar a participación.

Ademais, a moción tamén pide convocar o Consello Local de Turismo co propósito de redactar unhas novas bases para o concurso da LXII Festa do Marisco, aumentando a contía económica do premio e asegurando a súa publicación en tempo e forma para que o cartel da seguinte edición poida ser presentado durante a celebración deste ano.

En resumo, Esquerda Unida busca garantir que a LXI Festa do Marisco conte cun cartel representativo e que se poñan en marcha medidas para mellorar o concurso de carteis de cara ás futuras edicións, todo co obxectivo de preservar e promover este evento tan emblemático para O Grove.

 [Ver/descargar Moción]

luns, 23 de outubro de 2023

EU presenta unha moción para a inclusión de horas sen música nas atraccións durante as festas no Grove

 

O Grove, 23 de outubro de 2023 – O Grupo Municipal de Esquerda Unida elevará ao pleno do mes de outubro unha moción co obxectivo de facer que as festas no Concello do Grove sexan máis inclusivas, especialmente para aqueles que padecen o Trastorno do Espectro Autista (TEA).

A moción propón a creación de dúas horas sen música durante as festas populares e eventos que conteñan atraccións de feira, co fin de proporcionar un ambiente máis adecuado para as persoas con TEA e outras sensibilidades sensoriais. Esta iniciativa tamén busca mellorar a experiencia de todas as persoas que poidan atopar os niveis de ruído abrumadores durante os eventos festivos.

O Trastorno do Espectro Autista afecta aproximadamente ao 1% da poboación mundial, e en España hai máis de 450.000 persoas con TEA. En Galicia, calcúlase que hai aproximadamente 27.000 persoas con TEA, das cales 1.323 son estudantes de 3 a 18 anos. Aínda que non hai datos específicos sobre o número de habitantes do Grove con TEA, esta condición é prevalente en todas as comunidades.

Nas pasadas Festas do Carme, xa se realizou un primeiro intento para facilitar a participación das persoas con TEA nas atraccións de feira, reservando unha hora sen música. Non obstante, Esquerda Unida considera que este paso é insuficiente e propón ampliar a duración a dúas horas, así como establecer a medida como norma no Concello.

A moción tamén insta ao Concello a informar á cidadanía a través de canles oficiais sobre a existencia destas dúas horas sen música nas atraccións durante as festas e a realizar un seguimento e avaliación da implementación desta medida para facer as melloras necesarias en futuras edicións das festas.

O voceiro de Esquerda Unida, José Antonio Otero González agarda que esta moción conte co apoio do pleno para lograr unha maior inclusión e accesibilidade nas festas do Concello do Grove.

Decargar moción Completa

MOCIÓN

PARA A INCLUSIÓN DE HORAS SEN MÚSICA NAS ATRACCIÓNS DE FEIRA DURANTE AS FESTAS NO CONCELLO DO GROVE

 EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O Trastorno do Espectro Autista (TEA) é unha condición que afecta a moitas persoas na nosa sociedade. As persoas con TEA poden experimentar sensibilidade extrema a estímulos sensoriais, como o son, que pode resultar abrumador e causar angustia. Isto pode limitar a súa capacidade para participar e desfrutar de eventos comunitarios como as nosas festas populares.

Segundo estudos recentes, o TEA afecta aproximadamente ao 1% da poboación mundial e calcúlase que en España hai máis de 450.000 persoas con este tipo de trastorno, o que supón que 1,5 millóns de persoas estean vinculadas ao TEA tendo en conta aos seus familiares. O cálculo en Galicia sitúa a cifra nunhas 27.000 persoas con TEA e segundo un informe de 2020 da Confederación de Autismo de España, na nosa comunidade, hai 1.323 estudantes (de 3 a 18 anos) diagnosticados con algún dos graos de autismo. Aínda que non dispoñamos de datos específicos sobre o número de habitantes do Grove con TEA, sabemos que esta condición é prevalente en todas as comunidades.

Nas pasadas Festas do Carme, no noso concello deuse un paso adiante en canto a medidas para que as persoas con TEA puidesen gozar das atraccións coa reserva dunha hora sen música. O certo é que non todos os días se cumpriu co acometido polo que a pesar de ser un paso, dende Esquerda Unida considerámolo insuficiente. É por iso que entendemos preciso que esta medida se vexa ampliada a dúas horas e que quede instaurada como norma no noso Concello.

Esta proposta non só beneficiará ás persoas con TEA, senón tamén a calquera persoa que poida atopar os niveis de ruído das festas populares abrumadores. É un pequeno cambio que pode facer unha gran diferenza na vida das persoas afectadas, permitíndolles sentirse máis incluídas na nosa comunidade.

Por todo o anteriormente exposto, é polo que o Grupo Municipal de Esquerda Unida somete á consideración do pleno a aprobación da seguinte,

PROPOSTA DE ACORDO

Instar ao Concello do Grove a:

1.   Comprometerse a promover a inclusión das persoas con Trastorno do Espectro Autista (TEA) nas festas populares, garantindo un ambiente máis adecuado para elas.

2.   Que se reserve un período de dúas horas, en horarios estratéxicos, durante cada día de festas populares ou eventos que conten con atraccións de feira, no que estas operen sen música. Este “Período Sen Ruído” permitirá ás persoas con TEA e outras sensibilidades sensoriais desfrutar das festas e as atraccións do mesmo modo que o resto.

3.   Que esta disposición se inclúa como norma na ordenanza municipal correspondente, garantindo así a súa implementación en todas as futuras festas populares e eventos que conten con atraccións no Grove. Namentres isto non teña acontecido, instarase as comisións e/ou organizadores das festas a aplicala de igual modo.

4.   Informar á cidadanía a través de canles oficiais sobre a existencia destas dúas horas sen música nas atraccións durante as festas.

5.   Realizar un seguimento e avaliación da implementación desta medida, co obxectivo de realizar as melloras necesarias en futuras edicións das festas.