Amosando publicacións coa etiqueta Beiramar. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Beiramar. Amosar todas as publicacións

venres, 11 de xuño de 2021

EU trasladou as súas propostas ao Consello Local de Turismo e criticou a tardanza na súa convocatoria

foto: facebook turismogrove

Os esquerdistas lamentan a falta de compromiso do Alcalde ao convocar o Consello 9 meses despois e ás portas da tempada estival e mostraron a súa preocupación pola falta de acondicionamento e limpeza de moitos dos espazos públicos.

A representante de EU no órgano sectorial pediu a limpeza e amaño dos sendeiros do Monte Central da Toxa, o mantemento e conservación dos elementos expostos en Punta Moreiras, a reparación dos paseos de madeira de Pedras Negras, a Lanzada e Porto Meloxo, así como o arranxo dos accesos aos diferentes areais e unha actuación de adecuación do paseo de Beiramar. 

O Grove, 11 de xuño de 2021.- O pasado mércores día 2 tivo lugar a primeira xuntanza do Consello Local de Turismo deste 2021, cuestión que ocasionou a primeira crítica da representante de EU no órgano sectorial, Susana Millán, que recordou que o Alcalde “se comprometera, en setembro, a reunirse dous meses despois para comezar a traballar na dimamización turística deste 2021, así como a ter xuntanzas con maior frecuencia”. Millán lamentou a falta de compromiso do Alcalde, pois ningunha das súas promesas foron cumpridas e “á metade do 2021 e coa tempada estival a piques de comezar é máis que patente que nada se fixo dende o Consello Local para traballar nas cuestións turísticas”.

Así mesmo, Millán manifestou a preocupación de Esquerda Unida polo estado en que se atopan moitos dos elementos públicos do noso concello, que supoñen unha imaxe lamentable do Grove para a veciñanza pero sobre todo para calquera persoa que nos visita. 

Deste modo, a esquerdista solicitou a reparación e/ou reposición dos paneis informativos do Monte Central da Toxa e a limpeza de todos os seus camiños. Susana Millán recordou que o parque infantil da Aldea dos Grobits recibiu hai escasas semanas a Q de calidade e, “este galardón contrasta co estado no que se atopa o entorno e os accesos ao mesmo”. 

Outra das preocupacións dos esquerdistas está enfocada no espazo museístico de Punta Moreiras onde, pola falta de mantemento e conservación, xa desapareceron o barco Platuxa e o mastro do Nieves e no que perigan outras pezas expostas, como o autoclave que se atopa instalado no aparcadoiro, “unha peza de ferro situada ao carón do mar no que o óxido xa está facendo os seus estragos”, indica Susana Millán, que instou ao goberno a “actuar con urxencia na limpeza, pintado e mantemento deste e doutros elementos patrimoniais”.

No referente aos paseos de madeira e accesos ás praias, Millán manifestou a necesidade de reparar ou cambiar as madeiras deterioradas das sendas de Pedras Negras, a Lanzada ou Porto Meloxo. Nesta última, a de Porto Meloxo, con suma urxencia pois a súa balaustrada está piques de caer. En Xeral, a esquerdista instou revisar e arranxar todos estes lugares e, sobre todo, os accesos de madeira aos diferentes areais, pois hai moitos en moi mal estado. 

Tamén o Paseo de Beiramar foi obxecto de reclamación por parte da representante de Esquerda Unida, pois entende que “precisa un bo lavado de cara, xa que a parte da estrada recén inaugurada deixa aínda máis en evidencia o abandono da zona marítima”. Así, Susana Millán enumerou algunhas das deficiencias como “baldosas rotas, óxido das cadeas da balaustrada, paneis informativos deteriorados ou esnaquizados, pavimento afundido...” e pediu que se procurase unha actuación na zona que mellore a imaxe actual.

Por último, a esquerdista lamentou a falta de acondicionamento e limpeza das zonas e lugares máis concorridos. “Agora, as persoas que nos visitan apostan cada vez máis por actividades ao aire libre, realizan rutas de sendeirismo,  visitan espazos naturais ou descobren miradoiros” manifesta Susana Millán que entende que “non se está ofrecendo a mellor imaxe destes espazos”. Millán puxo como exemplo o estado no que se atopa a primeira rotonda na entrada a O Grove, “pois é un adianto, para os turistas, do quen se poden atopar e, agora mesmo, non cremos que sexa unha boa impresión”

No relativo á Festa do Marisco, dende as filas esquerdistas móstranse sorprendidos, pois entenden que estando na orde do día, o tema estaría xa avanzado, e o que menos se esperaban era que o Alcalde “tratase o asunto para dicirnos que se tomaba dez días máis para decidir se se facía ou non”, indica a representante de Esquerda Unida.

Na agrupación esquerdista teñen claro que para a realización deste evento “debe primar a seguridade dos asistentes e das traballadoras e traballadores da festa” e entenden que o “formato clásico implica unha gran afluencia de visitantes, particularmente na fin de semana, polo que pode ser complicado controlar a posible masificación”, manifesta Susana Millán. A esquerdista considera que “aínda que a festa é nun espazo exterior, non debemos esquecer que se desenrola en mesas compartidas, con persoas de diferentes localidades da xeografía española e estranxeiro, comendo sen mascariila, o que pode supoñer un problema para a saúde”. “Para nos é importante que se se celebra esta edición da Festa do Marisco non se poña en risco a saúde de ninguén, nin tampouco a imaxe da Festa”, finaliza Millán.

Gabinete de Prensa

Esquerda Unida O Grove 

xoves, 25 de febreiro de 2021

OPINIÓN: O noso voceiro sobre as obras de Beiramar

‼‼Coma sempre as obras deste goberno con transparencia e cumprindo cos tempos previstos.‼‼
21 de setembro 2020: comezaban as obras do desdobre de Beiramar co anuncio de que estarían listas a finais de ano. Imaxinábamos que se referían ao mesmo 2020, pero igual era do 2021. 🤷‍♂️
11 de xaneiro 2021: Pechaban ao tráfico a rúa durante 15 días para o seu asfaltado. 15 días que se converteron en 45 e sumando... Van ter razón os Arrombados e faltan as 500 noites. 😴
13 de febreiro 2021: Anuncian que as obras acumulaban retraso debido ao mal tempo.🌂 Claro, como en Galicia non soe chover, pillounos de sorpresa. Non sei como farán en outros lugares. Aínda así, na mesma semana desta noticia, 4/5 días de sol e/ou bo tempo, pero as máquinas en Beiramar paradas, si paradas. Mentres tanto, levantando e asfaltando Luís Seoane e outras rúas.👷‍♂️
25 de febreiro 2021: Novos 15 días para asfaltar. Seguen culpando ao mal tempo do retraso na execución da obra. Con estes 15 días comezarán tamén as 500 noites? 🥳🥳
E así todo.... Búrlanse de nos, e tan felices.

 

xoves, 1 de agosto de 2019

Foto denuncia EU - Adecuar o estanque de Beiramar


📄Recuperamos un rogo presentado no pleno do 28 de Xullo do 2016 solicitando que se adecuara o estanque de Beiramar

📣Xa que non foi atendido polo goberno anterior👎, queremos recuperalo para que o teña presente o novo goberno☝️

xoves, 28 de xullo de 2016

Rogos e Preguntas do pleno do mes de xullo


Na sesión plenaria deste mes, saíron aprobadas todas as propostas da orde do día. Máis a moción que presentou o Grupo Municipal de Esquerda Unida solicitando da Xunta de Galicia a retirada do proxecto de Decreto para a ordenación de apartamentos turísticos, vivendas turísticas e vivendas de uso turístico na Comunidade autónoma de Galicia, foi REXEITADA, pois tan só contou con 4 apoios (2 de EU e 2 do BNG). O PSOE e PGD (9) abstivéronse e o PP (4) opúxose, co que o Alcalde tivo que facer uso do voto de calidade, que sorprendentemente, e ao contrario do que o seu partido fixo no Parlamento galego (onde foron precisamente os socialistas os que levaron unha iniciativa para solicitar o mesmo), votou en contra.

Nos Rogos e preguntas, os concelleiros de Esquerda Unida solicitaron que o Goberno realizase un mantemento continuo do Parque Canino da Toxa, pois mostra un estado de abandono totqal, no que a maleza invade boa parte do espazo. Pediron tamén que se instalase o cartel indicador e o das normas de uso, asunto que non foi atendido a pesar de que a concelleira o prometera no pleno de maio tras un rogo realizado tamén por Esquerda Unida. Así mesmo, instaron ao goberno a realizar a limpeza de maleza nos diferentes solares municipais e espazos públicos –en moitas zonas a maleza está invadindo os beirais e zonas de transito de peóns– xa que se está mostrando unha imaxe lamentable aos turistas que nos visitan estes días.

Os esquedistas solicitaron que se actúase nunha praga de cucarachas, que segundo indicacións dos veciños, prolifera na rúa Castelao, a altura das oficinas de Correos. Que se adecuara o estanque de Beiramar, a altura da cafetería Acuarela, foi outra das peticións realizadas. Os edís esquerdistas preguntaron polo paradoiro da escultura "Baticaso", do galego Ignacio Fernández, que no seu día fora retirada da rúa Pratería.

Outra das peticións que realizaron os edís foi no paseo de Lordelo a Rons, pois no inicio do mesmo –pola parte do Corgo– existe unha árbore que invade todo o ancho do paseo e obriga aos viandantes e ciclo-turistas a agocharse ou no peor dos casos ter que baixar á estrada para continuar o seu camiño, polo que pediron que se actuase para solucionar o problema.

Dende o Grupo Municipal de Esquerda Unida tamén se solicitou que se dotase de seguridade ou de carteis de advertencia o coñecido como Camiño da Serpe –entre a praia da Lavaxeira e Moreiras–. Este camiño, que dende que se instalou a ponte no Esteiro, é moi transitado e conta no seu trazado con zonas escorregadizas e pasos estreitos e perigosos, o que xa provocou o primeiro incidente logo de que un rapaz se precipitase ás rochas a semana pasada cando circulaba na súa bicicleta.

En canto a turismo, os esquerdistas criticaron a falta dun avance da programación da Festa do Marisco en pleno mes de xullo e preguntaron si se estaba a promover o evento gastronómico entre os nosos visitantes. A razón polo que cada ano se modifica a situación das praias caninas foi outra das cuestións que levaron a consulta, xa que está a crear certo descontrol entre os usuarios, máxime cando na web turística do concello non se pode coñecer a súa situación actual ao non funciona o enlace. Precisamente neste asunto, o da web turística, é onde incidiron máis os concelleiros de Esquerda Unida que, a pesar de que se está a crear unha nova web, criticaron a falta de actualización da mesma, pois se segue anunciando que o Grove conta con 6 praias con bandeiras azuis, cando o goberno local renunciou a elas e non existen os distintivos nos areais, o que pode provocar denuncias por publicidade enganosa.

Por último, os esquerdistas preguntaron pola situación na que se atopa o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), pois non volveron ter noticias do mesmo dende a reunión á que foron convocados hai máis de tres meses.

[ver/descargar Rogos e Preguntas no seu contexto orixinal]
[ver/descargar moción retirada decreto vivendas uso turístico]