Amosando publicacións coa etiqueta Manifesto 8M. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Manifesto 8M. Amosar todas as publicacións

luns, 7 de marzo de 2022

Manifesto 8M2022. Arriba as que loitan

Este 8 de marzo, Día Internacional da Muller, seguimos a reivindicar e visibilizar a loita das mulleres polos seus dereitos, participación e recoñecemento, na sociedade e no seu desenrolo íntegro como persoas. 


Somos moitas as que loitamos cada día para reverter as lóxicas do capitalismo e do patriarcado, que xeran a desigualdade real, aquí e en todos os lugares do mundo. As mulleres colombianas conseguiron despenalizar o aborto ata a semana 24, as campesiñas empoderaron na revolta campesiña contra Modi, reivindicando o seu papel central e conseguindo reverter as leis sobre os mercados agrícolas; exemplos que nos lembran que o feminismo fai avanzar ao mundo. 


Tras dous anos de pandemia da COVID-19 fíxose evidente a precariedade estrutural do noso sistema, baseado en políticas neoliberais que non se están a reverter, senón a consolidar. Os fondos europeos non se están utilizando para reverter os déficits estruturais que temos, senón para estimular a economía na mesma lóxica enganosa de que as empresas son as que xeran o traballo, aínda que este sexa precario e non resolva as necesidades sociais e materiais da clase traballadora. E a perspectiva de xénero volveu a estruturarse en programas concretos e sectoriais, impulsados por anos de loitas de mulleres, que parchean pero non transversalizan as actuacións, deixándonos fose dos grandes debates e acentuando as desigualdades que viven as mulleres na nosa diversidade. 


Porque o Plan Corresponsables está a impulsar a creación dun sistema estatal de coidados que responda as necesidades das persoas e dignifique eses traballos, pero non se levou a cabo o debate social de cómo organizamos os coidados para implicar tamén ás empresas que se benefician deste e posibilitar horarios dignos que nos permita tempo para vivir e para coidar. 


Porque se publicou a Lei de Brecha Salarial pero débese implementar de forma efectiva e actuar fronte a plans de igualdade meramente formais que non reverten as causas nin xeran cambios palpables. A empresa debe comprometerse coa conciliación e que isto non supoña consecuencias negativas para as persoas traballadoras no desenvolvemento do emprego. A brecha salarial que se acentúa nas pensións é unha das bases da feminización da pobreza. Mulleres pensionistas que todos os luns denúnciano nas prazas das nosas cidades e pobos. 


Porque imos tarde en recoñecer o convenio 189 da OIT das Arriba as que loitan 8M 2022 NON Á GUERRA  empregadas de fogar, manténdoas como traballadoras de segunda sen dereitos, con abusos laborais e situacións de violencia machista que teñen que deixar de ser invisibilizadas e atalladas de raíz. #Ante isto, as mulleres migrantes organizadas denuncian unha lei de estranxeiría ao servizo do Capital. 


Porque as residencias pasaron a un segundo plano e non se reverteron as condicións precarias dos devanditos empregos feminizados, o que afecta directamente á imposibilidade de ser coidadas con dignidade. E en este mesmo sentido, reivindicamos a ampliación da baixa maternal a 20 semanas, e así poder cumprir coas recomendacións sanitarias de lactación exclusiva durante 6 meses. Desde EU compartimos o aumento da baixa paternal para fomentar a corresponsabilidade, pero seguimos reivindicando condicións para poder coidar. 


Porque a sobrecarga das mulleres para soster este sistema tradúcese na saúde. Ás mulleres recéitansenos o dobre de psicofármacos que aos homes sen que se articulen medidas que actúen fronte á situación que xera os problemas de saúde mental nin coa atención especializada necesaria. 


Porque o Plan España protéxeche coa creación de centros de atención 24 horas a vítimas de violencia sexual debe ser unha ferramenta que posibilite a atención integral e articular mecanismos de coordinación no territorio que facilite o acceso aos seus servizos. Accións que deben ser acompañadas dunha educación afectivo-sexual desde a igualdade e a diversidade sexual, identidade e/ou expresión de xénero e que eduque aos homes nunha masculinidade non violenta. Educación para reverter unha cultura da violación demasiado presente aínda, que nos converte en obxectos e nega o noso consentimento, desexo e goce dunha sexualidade segura. 


Porque os problemas sistémicos requiren solucións sistémicas, e non esforzos fragmentados para tratar os síntomas en lugar da enfermidade. Seguiremos loitando contra a negación das violencias estruturais que sufrimos as mulleres e redobraremos esforzos contra os discursos que invisibilizan as violencias. Non permitiremos que as violencias machistas volvan ser tratadas como problemas individuais. 


Por todo iso esiximos desde EU a redistribución da riqueza mediante un sistema fiscal xusto que permita a cobertura das necesidades sociais, reivindicamos a liberación das patentes das vacinas para frear o negocio que supuxo a pandemia para algúns e axilizar a inmunidade de toda a poboación mundial. Necesitamos un cambio de lóxica que coloque os coidados no centro, que priorice os dereitos e as necesidades das persoas e desprace a obtención de beneficio como único motor da sociedade. 


A pesar dos esforzos de moitas, seguimos sendo invisibles na historia, polo que seguiremos potenciando todas as actuacións que recuperen a nosa memoria histórica e sirvan de referentes ás mulleres actuais e futuras. 


Hoxe o feminismo segue sendo imprescindible para reverter a desigualdade, loitar contra a intolerancia e o odio e transformar a sociedade. As que traballamos cada día nesta tarefa, somos as que construímos un novo horizonte e ninguén nos roubará a alegría nin a certeza de que xuntas o facemos posible.


Por iso este 8 de marzo Arriba as que loitan! !

sábado, 7 de marzo de 2020

Feminismo en Loita - Manifesto 8M


FEMINISMO EN LOITA



Cúmprense 110 anos da proposta de saír á rúa o 8 de marzo para conmemorar o día internacional da muller.

Despois de tanto tempo, o legado de feministas socialistas como Clara Zetkin lémbranos que o feminismo debe continuar en loita. Cada ano, as mulleres de todo o mundo saímos ás rúas o 8M para esixir unha alternativa a este sistema que pon en perigo as nosas vidas e o noso planeta. É moi importante que xa en 1910 as nosas compañeiras entenderon que só estando xuntas e loitando por resolver os problemas das mulleres do mundo podemos conseguir transformalo. Cada 8 de marzo seguimos fortes e xuntas enchendo as rúas, reflexo dese feminismo en loita constante que vai facéndonos avanzar como sociedade, soñando revolucións e construíndo resistencias.

Desde Chile ata a India, desde Palestina a Filipinas, as mulleres loitamos por un mundo sen violencias machistas, contra a división sexual do traballo e a mercantilización dos nosos corpos, polos dereitos reprodutivos e a liberdade das orientacións sexuais e identidades de xénero. O feminismo igual que o internacionalismo, cuxa pedra angular é a solidariedade, o respecto e a xustiza social, só pode valer se é para todas e en todas partes. Esa potencia subversiva fainos estar no punto de mira de quen se beneficia da nosa explotación, que están organizados nunha ofensiva patriarcal que tamén está a ser global.

O auxe do autoritarismo e a extrema dereita mostra o ataque dos poderes económicos aos nosos dereitos, mentres baleira de contido as democracias, que xa non se esforzan en manter un verniz de servizos públicos e sociais para convencernos do progreso.

Convértenos en obxectos cos que se comercia neste mercado global xerador de grandes beneficios baseados nunha salvaxe explotación das persoas. Desde Esquerda Unida dicimos BASTA á mercantilización dos nosos corpos e das nosas vidas.

As mulleres non imos permitir que este mundo se precarice a costa das máis vulnerables, nin que o odio, o racismo, o machismo, a xenofobia e a LGTBIfobia sexan a resposta de quen está dirixindo o planeta cara á guerra, a desigualdade e o colapso. Defendemos o acceso aos recursos necesarios para cubrir as nosas necesidades en condicións de igualdade e de sustentabilidade ambiental. Vidas dignas para todas as persoas en todas as partes do mundo!

En Esquerda Unida sabemos que non se pode transformar o mundo se non poñemos no centro das loitas a quen está no centro da explotación capitalista, patriarcal e imperialista. A centralidade do mundo só pode cambiarse desde ese “todas xuntas” e desde o entendemento de que os nosos retos como feministas son os mesmos que temos como sociedade. Por iso desde EU defendemos un feminismo antimilitarista, pola paz e a dignidade dos pobos e entendemos que debemos loitar coas compañeiras e compañeiros que loitan pola vivenda, as pensións, as políticas sociais, os servizos públicos, o dereito á terra e a auga, os dereitos de quen migran e polo traballo digno.

Este sistema económico necesita uns traballos de coidados aos que afoga, invisibiliza e fai recaer en nós. En Esquerda Unida reivindicamos a universalización dos traballos de coidados desde a corresponsabilidade cos homes e o Estado e desde a interdependencia e a ecodependencia.

Desde Esquerda Unida témolo claro, o feminismo a demais da loita das mulleres, é un prisma que amplifica as nosas loitas, interpelando directamente ás realidades materiais de quen máis sofren e creando alianzas e estratexias para cambiar as desigualdades que vivimos día a día a clase traballadora.

Este 8 de marzo volvemos saír ás rúas porque todas esas loitas son as nosas e o inimigo é o mesmo que hai 110 anos, cando en Copenhague un grupo de mulleres revolucionarias decidiron que debían saír todas xuntas a cambiar o mundo.

Porque o mundo é noso e imos mudalo.

FEMINISMO EN LOITA

xoves, 7 de marzo de 2019

Feminismo para mudalo todo
Manifesto da área de Muller de Esquerda Unida
8 de marzo de 2019
 
A centralidade do mundo está a cambiar. As milleiros de mulleres indias, arxentinas, estadestadounidensesnses ou chilenas que loitan xuntas contra unha situación insostible de precariedade, opresión, violencia e invisibilización, compoñen un movemento global imparable ao longo e ancho do planeta. Con lemas como “Nin unha menos” converten os sentimentos de rabia e inxustiza, en loita organizada, construíndo unha alternativa fronte ao capitalismo e o patriarcado que, do mesmo xeito que estes, quere abarcar todas as esferas da vida. 

O feminismo lanza unha mirada subversiva e estrutural ao neoliberalismo, e actúa colectiva e de forma solidaria contra o marco individualista e fragmentado que se instaurou nesta sociedade á vez global e dividida. En toda a nosa diversidade, as feministas recoñecémonos irmás e aprendemos e loitamos contra as diferentes opresións que sufrimos por cuestión de clase, raza ou orixe, diversidade sexual, identidade e/ou expresión de xénero, diversidade funcional ou idade. Todas xuntas polos dereitos de todas! 

O movemento feminista é o mellor exemplo de unidade popular que temos en Galicia e no Estado. É a posta en práctica do traballo colectivo desde abaixo, para construír -a partir do que nos une- unha forza transformadora. Os partidos políticos debemos aprender moito do movemento feminista para incorporar as súas estratexias e formas de traballo á nosa actividade política, organizativa e propositiva. En Esquerda Unida adquirimos ese compromiso, desde o convencemento de que a nosa organización política ten que verse transformada pola visión transversal do feminismo. 

O feminismo que se clama nas rúas é un feminismo anticapitalista, radical e subversivo que non deixa indiferente a ninguén. Vimos este ano moitas reaccións en contra da construción do mundo que queremos as mulleres. Pero á vez, novas capas de mulleres están a unirse á loita feminista, facendo dela un movemento masivo e internacionalista e isto tórnao perigoso para quen defende esta sociedade desigual e inxusta desde o medo e o odio. 

Neste contexto, as feministas lonxe de sentirnos acurraladas ou defendendo unha Lei Contra a Violencia de Xénero insuficiente e sen a dotación orzamentaria necesaria que, por exemplo, destina cantidades irrisorias aos municipios, avanzamos no noso camiño. Non nos desviaremos do noso obxectivo: querémolo todo. 

Desde Esquerda Unida non temos dúbidas, o feminismo non é só a loita das mulleres, é un prisma que amplifica as nosas loitas, interpelando directamente ás realidades materiais de quen máis sofren e creando alianzas e estratexias para cambiar as desigualdades que vivimos día a día as clases populares. 

Para iso necesitamos a forza de todas e de todos, tamén dos nosos compañeiros que, como aliados, teñen espazo na folga feminista e deben realizar un compromiso colectivo e mantido no tempo para repensar o seu rol na sociedade e de que forma poden achegar ao cambio social desde a súa vida diaria e a súa militancia, demostrando que outra masculinidade é posible. 

E é precisamente ese, un dos grandes logros do movemento feminista, elevar a conciencia colectiva para cuestionar as bases do sistema capitalista, patriarcal e colonialista. O feminismo é o exemplo de que é posible cambiar as cousas desde abaixo cunha alternativa transformadora para unha sociedade xusta, libre, solidaria e igualitaria. 

Compañeiras e compañeiros, neste proceso de acumulación de forzas, o 8 de marzo adquire un novo significado coa folga feminista: Feminismo para mudalo todo.

domingo, 4 de marzo de 2018

MANIFESTO 8 DE MARZO

MANIFESTO 8 MARZO

Para transformar o mundo: FEMINISMO

Este ano 2018 comezou especialmente cruento para as mulleres. Os representantes do Estado quitáronse a careta política e mostraron, sen disimulo, o que opinan sobre a desigualdade que as mulleres soportamos. Quitarlle importancia á fenda salarial non é unha anécdota máis do poder, é a representación simbólica do que as mulleres significamos para o capitalismo. É a estratexia que o patriarcado segue para desprestixiar e, se pode, cernar todas as nosas reivindicacións.

O capitalismo e o fascismo están a gañar terreo en numerosas partes do mundo. A crise foi o pretexto para arrebatar os débiles dereitos que nos amparaban. O patriarcado, o seu máximo aliado, foi paralelamente gañando o espazo conquistado e, as mulleres, hoxe, estamos nunha situación realmente de perigo.

A fenda salarial, a precariedade laboral, a infrarrepresentación, a responsabilidade dos coidados, a falta de autonomía e de dereitos propios están a calar na sociedade sen que a consciencia colectiva se alerte do que está a ocorrer.

Ningún Goberno mantén unha posición firme contra a violencia cara ás mulleres. O discurso lacrimóxeno non debe enganarnos, necesitamos políticas reais e compromiso orzamentario contra a violencia cara ás mulleres, con decisións políticas tanxibles. Necesitamos orzamentos e pactos transversais que encaren a globalidade das discriminacións e desigualdades que neste momento sostén ao patriarcado, para erradicalas das nosas vidas.

Tampouco debemos conformarnos con alegacións oportunistas que nos confundan porque as mulleres non necesitamos paliativos. Necesitamos unha política feminista para transformar o mundo. Necesitamos a perspectiva de xénero en todas as decisións e desde todos os ámbitos. Queremos ser donas das nosas vidas no presente e no futuro. As mulleres demandamos gobernos comprometidos coa causa das mulleres para posuír os espazos e a riqueza, e compartila con todos os seres humanos en igualdade e xustiza.

Este ano o movemento feminista fai un chamamento á folga, que desde EU apoiamos porque hai que tomar partido sen fisuras ante o que xa está a ocorrer e en prevención do que pretenden.

Apoiamos a folga no traballo, nos fogares, nos coidados, no consumo, no ámbito estudantíl,… Temos que explicar que a discriminación laboral é moito máis que a discriminación directa; temos que trasladar o valor social que teñen os coidados; temos que visibilizar que no consumo únense as peores caras do capitalismo e patriarcado, para usarnos como obxectos e explotarnos descaradamente; temos que apostar pola educación como principal ferramenta para acabar co machismo.

Instamos a que a loita continúe sen tregua, porque como xa manifestamos no comunicado de apoio á folga feminista, SOBRAN AS RAZÓNS, porque temos que soportar: 

Unha persistente división sexual do traballo, que xera unha profunda desigualdade social e laboral, con síntomas tan visibles como unha fenda salarial do 29% en Galicia, sen esquecer o sostemento de maiores niveis de desemprego e precariedade. En todo o mundo, as mulleres gañan entre o 60 e o 75 por cento do salario dos homes en traballos de igual valor.

Perpetuación do papel das mulleres como sustentadoras da vida e dos coidados, soportando en moitos casos dobres xornadas pola falta de corresponsabilidade dos homes e do Estado.

Unha violencia sistemática e continuada contra as mulleres, con múltiples manifestacións, que sostén ao patriarcado amparado por un sistema político capitalista e neoliberal que pretende a regresión dos dereitos conquistados, e que nos golpea con: os asasinatos machistas, as agresións sexuais e as violacións, aluguer dos ventres/úteros de mulleres, a explotación sexual e a prostitución; a violencia patrimonial e a custodia compartida imposta,...

A invisibilización, a falta de representación en espazos sociais, políticos, culturais, e a asimetría na repartición do poder.

Unha práctica da interrupción voluntaria do embarazo que segue penalizada parcialmente e non está garantida para todas as mulleres no Estado español.

Desde EU apoiamos a Folga Feminista e as manifestacións que o movemento feminista convocou para este 8 de marzo; porque queremos PARAR O MUNDO, PARA PODER TRANSFORMALO, cambiando os seus modelos patriarcales por modelos de igualdade, xustiza, paridade, diversidade e democracia.


É por iso, que facemos un chamamento á participación activa nestas convocatorias, desde o convencemento de que só cunha transformación feminista da nosa sociedade poderemos facer realidade a reivindicación de QUE OUTRO MUNDO É POSIBLE.

Área de Muller de Esquerda Unida