luns, 18 de agosto de 2025

Esquerda Unida propón recuperar os solares abandonados do Grove para usos comunitarios

O grupo municipal leva ao pleno unha moción para poñer en marcha un programa de cesión temporal de parcelas privadas a cambio do seu mantemento. 

 A iniciativa permitiría crear hortas urbanas, zonas verdes ou aparcadoiros provisionais, dando unha saída útil a fincas sen uso e evitando problemas de insalubridade e risco de incendio. 

A proposta aposta pola colaboración voluntaria dos propietarios e por un enfoque social, ambiental e participativo da xestión do solo urbano e rústico.

O Grove, 18 de agosto de 2025.- O grupo municipal de Esquerda Unida vén de presentar unha moción para o seu debate, coa que propón a creación dun Programa Municipal de Cesión Temporal de Solares Privados, que permita ao Concello poñer en uso, de maneira provisional e sen alterar a propiedade, as numerosas fincas que permanecen abandonadas, sen uso ou en mal estado no termo municipal. 

A moción foi rexistrada solicitando a súa inclusión no pleno extraordinario que o goberno municipal ten previsto celebrar o 25 deste mes. No caso de non ser incorporada a esa sesión, a moción debaterase no pleno ordinario fixado para o 29 de setembro. 

A proposta permitiría que os propietarios de solares cedesen temporalmente o uso das súas fincas ao Concello a cambio de que este se encargue do seu mantemento, limpeza e posta en valor, destinándoas a usos de interese público e comunitario, como hortas urbanas, zonas verdes, espazos educativos ou mesmo aparcadoiros disuasorios temporais. 

“Hai moitas parcelas no Grove que levan anos sen coidado, acumulando maleza e lixo, con risco de incendio ou pragas, e xerando malestar entre a veciñanza. Moitas veces detrás desa situación hai persoas maiores, con problemas de saúde ou sen recursos. Non sempre é cuestión de vontade, senón de falta de capacidade”, explicou o voceiro de Esquerda Unida, José Antonio Otero. 

A moción inclúe tamén a elaboración dunha ordenanza municipal específica que regule esta fórmula de cesión voluntaria, e que garanta os dereitos da propiedade ao tempo que permite o uso comunitario do solo en beneficio do ben común. O programa incluiría a posibilidade de implicar a entidades sociais, centros educativos ou colectivos veciñais na xestión dos espazos cedidos. 

Dende Esquerda Unida deixan claro que esta proposta non exime nin aos propietarios de cumprir coa súa obriga legal de manter os seus solares en bo estado, nin ao Concello da súa responsabilidade de facer cumprir a ordenanza municipal vixente. 

“Estamos a propoñer unha ferramenta útil, solidaria e intelixente. Evitamos sancionar a quen non pode cumprir coa súa obriga, ofrecéndolle unha alternativa digna, e ao mesmo tempo recuperamos espazos mortos para a vida comunitaria. Pero iso non significa que se poida mirar para outro lado: o Concello debe seguir vixiando, actuando e esixindo o cumprimento das obrigas legais a quen non colabore”, concluíu Otero. 

Co propósito de facilitar a posta en marcha efectiva desta medida e evitar atrasos innecesarios, Esquerda Unida entregará ao goberno municipal un borrador de ordenanza reguladora e un modelo de convenio tipo, que poidan servir como base de traballo inmediata para desenvolver o programa. 

Dende Esquerda Unida agardan que o goberno e resto dos grupos municipais apoien a iniciativa, que se enmarca nun modelo de vila máis habitable, coidada e centrada na participación cidadá. Insisten en que o programa será voluntario, transparente e respectuoso coa propiedade privada, e que está pensado como unha solución práctica fronte á desatención do espazo privado que impacta negativamente no interese colectivo.

[ver/descargar moción]

xoves, 14 de agosto de 2025

Esquerda Unida pregunta pola licitación da Escola de Música José Silva Torres e alerta dun posible atraso no inicio do curso

A formación critica que, a un mes do comezo do curso escolar, o servizo segue sen licitar nin publicarse os pregos, xerando incerteza para familias e alumnado. 

O goberno municipal comprometérase a licitar por 4 anos, pero Esquerda Unida teme que se repita a improvisación e irregularidades do pasado ano.

O Grove, 14 de agosto de 2025.- Esquerda Unida vén de rexistrar unha pregunta formal no Concello para coñecer a situación da licitación da Escola de Música José Silva Torres. A poucas semanas de comezar o novo curso, a formación denuncia que non existe licitación publicada no portal de contratación da Xunta, nin se coñecen os pregos, malia que o goberno municipal asegurara que, desta volta, o contrato sería por catro anos. 

O seu voceiro municipal, José Antonio Otero, lembra que no curso pasado tamén se anunciou unha licitación plurianual e, finalmente, “tivo que prorrogarse a contratación cunha fórmula ao límite da legalidade”. “Naquel momento aseguráronnos que a partir de xaneiro deste ano contaríamos coas bases para licitar por 4 anos, dando seguridade ás familias e á empresa que resultase adxudicataria, pero hoxe seguimos sen nada publicado”, engade. 

Otero advirte de que unha licitación por catro anos require máis tempo de publicidade e tramitación. “Se seguen demorando o proceso, non vai dar tempo a comezar o curso en setembro ou outubro, que sería o normal, e isto supón incerteza para familias e alumnado que deben planificar as actividades extraescolares”, afirma. 

Esquerda Unida reclama que o goberno municipal actúe “con seriedade e previsión” e que, de forma urxente, publique os pregos, convoque o concurso e adxudique o servizo para evitar que as clases se vexan afectadas.