Amosando publicacións coa etiqueta Paseo da Lanzada. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Paseo da Lanzada. Amosar todas as publicacións

venres, 11 de xuño de 2021

EU trasladou as súas propostas ao Consello Local de Turismo e criticou a tardanza na súa convocatoria

foto: facebook turismogrove

Os esquerdistas lamentan a falta de compromiso do Alcalde ao convocar o Consello 9 meses despois e ás portas da tempada estival e mostraron a súa preocupación pola falta de acondicionamento e limpeza de moitos dos espazos públicos.

A representante de EU no órgano sectorial pediu a limpeza e amaño dos sendeiros do Monte Central da Toxa, o mantemento e conservación dos elementos expostos en Punta Moreiras, a reparación dos paseos de madeira de Pedras Negras, a Lanzada e Porto Meloxo, así como o arranxo dos accesos aos diferentes areais e unha actuación de adecuación do paseo de Beiramar. 

O Grove, 11 de xuño de 2021.- O pasado mércores día 2 tivo lugar a primeira xuntanza do Consello Local de Turismo deste 2021, cuestión que ocasionou a primeira crítica da representante de EU no órgano sectorial, Susana Millán, que recordou que o Alcalde “se comprometera, en setembro, a reunirse dous meses despois para comezar a traballar na dimamización turística deste 2021, así como a ter xuntanzas con maior frecuencia”. Millán lamentou a falta de compromiso do Alcalde, pois ningunha das súas promesas foron cumpridas e “á metade do 2021 e coa tempada estival a piques de comezar é máis que patente que nada se fixo dende o Consello Local para traballar nas cuestións turísticas”.

Así mesmo, Millán manifestou a preocupación de Esquerda Unida polo estado en que se atopan moitos dos elementos públicos do noso concello, que supoñen unha imaxe lamentable do Grove para a veciñanza pero sobre todo para calquera persoa que nos visita. 

Deste modo, a esquerdista solicitou a reparación e/ou reposición dos paneis informativos do Monte Central da Toxa e a limpeza de todos os seus camiños. Susana Millán recordou que o parque infantil da Aldea dos Grobits recibiu hai escasas semanas a Q de calidade e, “este galardón contrasta co estado no que se atopa o entorno e os accesos ao mesmo”. 

Outra das preocupacións dos esquerdistas está enfocada no espazo museístico de Punta Moreiras onde, pola falta de mantemento e conservación, xa desapareceron o barco Platuxa e o mastro do Nieves e no que perigan outras pezas expostas, como o autoclave que se atopa instalado no aparcadoiro, “unha peza de ferro situada ao carón do mar no que o óxido xa está facendo os seus estragos”, indica Susana Millán, que instou ao goberno a “actuar con urxencia na limpeza, pintado e mantemento deste e doutros elementos patrimoniais”.

No referente aos paseos de madeira e accesos ás praias, Millán manifestou a necesidade de reparar ou cambiar as madeiras deterioradas das sendas de Pedras Negras, a Lanzada ou Porto Meloxo. Nesta última, a de Porto Meloxo, con suma urxencia pois a súa balaustrada está piques de caer. En Xeral, a esquerdista instou revisar e arranxar todos estes lugares e, sobre todo, os accesos de madeira aos diferentes areais, pois hai moitos en moi mal estado. 

Tamén o Paseo de Beiramar foi obxecto de reclamación por parte da representante de Esquerda Unida, pois entende que “precisa un bo lavado de cara, xa que a parte da estrada recén inaugurada deixa aínda máis en evidencia o abandono da zona marítima”. Así, Susana Millán enumerou algunhas das deficiencias como “baldosas rotas, óxido das cadeas da balaustrada, paneis informativos deteriorados ou esnaquizados, pavimento afundido...” e pediu que se procurase unha actuación na zona que mellore a imaxe actual.

Por último, a esquerdista lamentou a falta de acondicionamento e limpeza das zonas e lugares máis concorridos. “Agora, as persoas que nos visitan apostan cada vez máis por actividades ao aire libre, realizan rutas de sendeirismo,  visitan espazos naturais ou descobren miradoiros” manifesta Susana Millán que entende que “non se está ofrecendo a mellor imaxe destes espazos”. Millán puxo como exemplo o estado no que se atopa a primeira rotonda na entrada a O Grove, “pois é un adianto, para os turistas, do quen se poden atopar e, agora mesmo, non cremos que sexa unha boa impresión”

No relativo á Festa do Marisco, dende as filas esquerdistas móstranse sorprendidos, pois entenden que estando na orde do día, o tema estaría xa avanzado, e o que menos se esperaban era que o Alcalde “tratase o asunto para dicirnos que se tomaba dez días máis para decidir se se facía ou non”, indica a representante de Esquerda Unida.

Na agrupación esquerdista teñen claro que para a realización deste evento “debe primar a seguridade dos asistentes e das traballadoras e traballadores da festa” e entenden que o “formato clásico implica unha gran afluencia de visitantes, particularmente na fin de semana, polo que pode ser complicado controlar a posible masificación”, manifesta Susana Millán. A esquerdista considera que “aínda que a festa é nun espazo exterior, non debemos esquecer que se desenrola en mesas compartidas, con persoas de diferentes localidades da xeografía española e estranxeiro, comendo sen mascariila, o que pode supoñer un problema para a saúde”. “Para nos é importante que se se celebra esta edición da Festa do Marisco non se poña en risco a saúde de ninguén, nin tampouco a imaxe da Festa”, finaliza Millán.

Gabinete de Prensa

Esquerda Unida O Grove 

martes, 8 de agosto de 2017

EU reclamou no Pleno a limpeza das estradas, rúas e barrios do Grove así como outros asuntos de importancia para os veciños

A apertura dos baños de detrás da Lonxa, o arranxo da balaustrada de cristal da rúa Castelao e a do paseo de Terra de Porto, a reparación dos lombos das estradas da parroquia de San Vicente, o arranxo do paseo da Lanzada, seguridade na Praza de Arriba, o compromiso cos veciños da Pratería, xunto con outros asuntos foron postos enriba da mesa polo Grupo Municipal de EU no último pleno.

Na sesión plenaria do 31 de xullo, o Grupo Municipal de Esquerda Unida mostrou a súa preocupación polo estado en que se atopan diferentes estradas, rúas e barrios da localidade. Así, o concelleiro José A. Otero instou ao goberno a reclamar a Xunta de Galicia a limpeza da estrada de entrada do Grove e 
que une a Lanzada con San Vicente do Mar. Tamén pediu que do mesmo xeito se lle esixise á Deputación de Pontevedra a mesma actuación nas súas estradas pois, en palabras de Otero, “o vial interior de San Vicente mostra un total abandono e a Estrada do Conde da asco”. No mesmo senso esixiu ao Goberno municipal a realizar unha limpeza das rúas e barrios pois "están sucios e con herbas sobresaíndo das baldosas".

O edil esquerdistas tamén solicitou que se mantivesen abertas durante toda a tempada estival e nun horario razoable as casetas dos baños situadas detrás da Lonxa e que son utilizadas tan só durante a Festa do Marisco e a Festa do Carme. Segundo José A. Otero “o servizo de baño público e unha demanda dos veciños e visitantes e non supón un excesivo gasto nin prexuízo para o Concello”

A reparación da balaustrada de cristal que existe na rúa Castelao, á altura do restaurante Pan de Millo, foi outra das reclamacións realizadas polo Grupo Municipal de Esquerda Unida. Unha demanda que xa volve a pleno, pois fai máis de catro meses que está destrozada e xa provocou algún incidente. Os esquerdistas aproveitaron para reclamar tamén a reposición da balaustrada do Paseo de Lordelo, a altura do parque de Terra de Porto, que fora destruída polo lume no San Xoán do 2013.

EU tamén pediu que se arranxase o paseo de madeira da Lanzada, concretamente o que transcorre dende a rotonda central ata a zona de Sanxenxo, pois “os usuarios da praia queixáronsenos de que existen tornillos levantados que poden provocar algún que outro incidente.”

Unha solución para os lombos existentes en dous viais que unen a estrada interior de San Vicente coa da Lanzada, un que vai dende as Baladas ata a estrada da Lanzada e o outro dende a Farmacia ata Balea Marítima, foi outra das peticións do edil esquerdista, recordando ademais que un deles xa fora unha demanda realizada nos orzamentos do 2016.

José A. Otero preguntou si se estaba cumprindo cos compromisos adquiridos cos veciños da rúa Pratería, pois “hai veciños que están moi molestos xa que se retirou a farola pero non se fixo nada do prometido e na rúa seguen outros elementos que estorban”. Así mesmo aproveitou para pescudar si o goberno estaba facendo deixadez de funcións en canto á ordenanza de terrazas.

Outra das preguntas foi en relación á en que estado se atopaba a redacción da Carta de Servizos municipal, aprobada en pleno meses atrás. Otero tamén se preocupou polo paradoiro dos aparatos de ximnasia biosaludable que se retiraron do paseo de Lordelo e aproveitou para instar ao goberno a realizar un repaso das árbores que se atopan ao largo do mesmo, “pois invaden tanto o carril-bici como o dos peóns”.

A modo seguridade, o edil esquerdista instou a concellería correspondente a instalar unha balaustrada ou algún outro elemento para disuadir aos usuarios da Praza de Arriba a cruzar polo lugar onde se retirou o paso de peóns, pois “moitos seguen a cruzan polo mesmo lugar e obrigan aos vehículos a frear cando son estes os que teñen preferencia de paso”.

Otero tamén trasladou a queixa de moitos veciños debido a que algún negocio local baleira o vidro no colector correspondente a altas horas da noite, provocando a perturbación do descanso, cando existe unha ordenanza en vigor que prohibe realizar esa tarefa nese horario.

Por último, o esquerdista dou traslado dunha reclamación dun pai de alumno do colexio de Bizocas que segundo indica nun escrito remitido ao Concello, o centro informou aos titores dos nenos das diferentes paradas do transporte escolar, entre a que se atopa unha co nome de “Caídos” en referencia a que se atopa próxima á Praza da Fonte do Galo –noutrora chamada dos Caídos–, instando dese xeito ao Concello a tomar medidas para que os responsables teñan en consideración a Lei da Memoria Histórica, que provocou o cambio da Praza, para nomear doutro xeito esa parada escolar.