Amosando publicacións coa etiqueta Lavadoiro dos Paus. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Lavadoiro dos Paus. Amosar todas as publicacións

domingo, 14 de marzo de 2021

Esquerda Unida denuncia a falta de mantemento e conservación do patrimonio municipal

Os esquerdistas consideran a desaparición do mastro da goleta “Nieves” unha mostra do abandono, por parte do Concello, do patrimonio municipal.

Recordan que hai máis elementos patrimoniais que corren o mesmo risco e piden que se actúe no seu arranxo e/ou amaño.

O Grove, 15 de marzo de 2021.- Se hai máis dun ano foi o barco “Platuxa” o que, debido ao deterioro e á falta de mantemento, tivo que ser retirado de Punta Moreiras para rematar no esquecemento, a semana pasada tocoulle ao mastro da goleta “Nieves”, que desaparece tamén do entorno etnográfico de Moreiras logo de derrubarse, do mesmo modo que o “Platuxa”, debido ao deterioro provocado pola falta de mantemento, unha circunstancia que dende Esquerda Unida tachan de “grave e vergoñenta”.

Para o voceiro de Esquerda Unida, José Antonio Otero, “isto é unha nova mostra do abandono, por parte da Administración local, do noso patrimonio municipal”. “Estamos asistindo a un continuo deterioro dos elementos culturais da nosa vila, á súa falta de mantemento e conservación, e como consecuencia á súa desaparición”, sentencia Otero.

O esquerdista, recorda que isto non só sucede en Moreiras, pois son continuas as reclamacións que ten feito a súa formación en canto á conservación, mantemento e divulgación de moitos elementos culturais e patrimoniais do concello, “que no momento dinnos que actuarán, pero a realidade é que pasan os meses e continúan abandonados”, indica Otero, que pon como exemplo, ademais do sucedido en Moreiras, as diferentes fontes e lavadoiros do concello.

Recordan como logo de denunciar hai varios meses a situación da fonte do Naval e o lavadoiro de Paus en San Vicente ou o da fonte de Estonllo, estas continúan en estado lamentable, sen que exista ningunha previsión de arranxo ou amaño, coa única premisa de que “rematarán, ao igual que o “Platuxa” ou o mastro do “Nieves”, desaparecendo para perdurar, se cabe, tan só no recordo das veciñas e veciños da zona”, indica Otero.

Por ese motivo, Esquerda Unida propuxo hai un mes a constitución da Mesa da Cultura e o Patrimonio, “para, entre outras cousas, procurar a protección de todos os elementos da nosa cultura etnográfica, marítima, arquitectónica...” e por ese motivo seguirán insistindo na creación da mesma, ao tempo que reclama ao Concello “que non figure como mero espectador ao deterioro do noso patrimonio e que actúe, pois nestes casos é a súa competencia”, finaliza o voceiro esquerdista.

Gabinete de Prensa

Esquerda Unida O Grove

Imaxes actuais da fonte de Paus (San Vicente)






Imaxes actuais do lavadoiro de Paus (San Vicente)




Imaxes actuais da fonte de Estonllo




xoves, 25 de xuño de 2020

Foto denuncia EU - Estado do Lavadoiro dos Paus


😔O Lavadoiro dos Paus en San Vicente é outros dos elementos patrimoniais do noso concello que corre o risco de desaparecer.

⚠De seguir así, o camiño desaparecerá entre a maleza e a cuberta do lavadoiro rematará no chan.

🆘O pobre leva máis de dous anos agardando a súa reparación despois de perder un dos piares laterais.