Amosando publicacións coa etiqueta Área Muller EU. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Área Muller EU. Amosar todas as publicacións

sábado, 7 de marzo de 2020

Feminismo en Loita - Manifesto 8M


FEMINISMO EN LOITA



Cúmprense 110 anos da proposta de saír á rúa o 8 de marzo para conmemorar o día internacional da muller.

Despois de tanto tempo, o legado de feministas socialistas como Clara Zetkin lémbranos que o feminismo debe continuar en loita. Cada ano, as mulleres de todo o mundo saímos ás rúas o 8M para esixir unha alternativa a este sistema que pon en perigo as nosas vidas e o noso planeta. É moi importante que xa en 1910 as nosas compañeiras entenderon que só estando xuntas e loitando por resolver os problemas das mulleres do mundo podemos conseguir transformalo. Cada 8 de marzo seguimos fortes e xuntas enchendo as rúas, reflexo dese feminismo en loita constante que vai facéndonos avanzar como sociedade, soñando revolucións e construíndo resistencias.

Desde Chile ata a India, desde Palestina a Filipinas, as mulleres loitamos por un mundo sen violencias machistas, contra a división sexual do traballo e a mercantilización dos nosos corpos, polos dereitos reprodutivos e a liberdade das orientacións sexuais e identidades de xénero. O feminismo igual que o internacionalismo, cuxa pedra angular é a solidariedade, o respecto e a xustiza social, só pode valer se é para todas e en todas partes. Esa potencia subversiva fainos estar no punto de mira de quen se beneficia da nosa explotación, que están organizados nunha ofensiva patriarcal que tamén está a ser global.

O auxe do autoritarismo e a extrema dereita mostra o ataque dos poderes económicos aos nosos dereitos, mentres baleira de contido as democracias, que xa non se esforzan en manter un verniz de servizos públicos e sociais para convencernos do progreso.

Convértenos en obxectos cos que se comercia neste mercado global xerador de grandes beneficios baseados nunha salvaxe explotación das persoas. Desde Esquerda Unida dicimos BASTA á mercantilización dos nosos corpos e das nosas vidas.

As mulleres non imos permitir que este mundo se precarice a costa das máis vulnerables, nin que o odio, o racismo, o machismo, a xenofobia e a LGTBIfobia sexan a resposta de quen está dirixindo o planeta cara á guerra, a desigualdade e o colapso. Defendemos o acceso aos recursos necesarios para cubrir as nosas necesidades en condicións de igualdade e de sustentabilidade ambiental. Vidas dignas para todas as persoas en todas as partes do mundo!

En Esquerda Unida sabemos que non se pode transformar o mundo se non poñemos no centro das loitas a quen está no centro da explotación capitalista, patriarcal e imperialista. A centralidade do mundo só pode cambiarse desde ese “todas xuntas” e desde o entendemento de que os nosos retos como feministas son os mesmos que temos como sociedade. Por iso desde EU defendemos un feminismo antimilitarista, pola paz e a dignidade dos pobos e entendemos que debemos loitar coas compañeiras e compañeiros que loitan pola vivenda, as pensións, as políticas sociais, os servizos públicos, o dereito á terra e a auga, os dereitos de quen migran e polo traballo digno.

Este sistema económico necesita uns traballos de coidados aos que afoga, invisibiliza e fai recaer en nós. En Esquerda Unida reivindicamos a universalización dos traballos de coidados desde a corresponsabilidade cos homes e o Estado e desde a interdependencia e a ecodependencia.

Desde Esquerda Unida témolo claro, o feminismo a demais da loita das mulleres, é un prisma que amplifica as nosas loitas, interpelando directamente ás realidades materiais de quen máis sofren e creando alianzas e estratexias para cambiar as desigualdades que vivimos día a día a clase traballadora.

Este 8 de marzo volvemos saír ás rúas porque todas esas loitas son as nosas e o inimigo é o mesmo que hai 110 anos, cando en Copenhague un grupo de mulleres revolucionarias decidiron que debían saír todas xuntas a cambiar o mundo.

Porque o mundo é noso e imos mudalo.

FEMINISMO EN LOITA

domingo, 4 de marzo de 2018

MANIFESTO 8 DE MARZO

MANIFESTO 8 MARZO

Para transformar o mundo: FEMINISMO

Este ano 2018 comezou especialmente cruento para as mulleres. Os representantes do Estado quitáronse a careta política e mostraron, sen disimulo, o que opinan sobre a desigualdade que as mulleres soportamos. Quitarlle importancia á fenda salarial non é unha anécdota máis do poder, é a representación simbólica do que as mulleres significamos para o capitalismo. É a estratexia que o patriarcado segue para desprestixiar e, se pode, cernar todas as nosas reivindicacións.

O capitalismo e o fascismo están a gañar terreo en numerosas partes do mundo. A crise foi o pretexto para arrebatar os débiles dereitos que nos amparaban. O patriarcado, o seu máximo aliado, foi paralelamente gañando o espazo conquistado e, as mulleres, hoxe, estamos nunha situación realmente de perigo.

A fenda salarial, a precariedade laboral, a infrarrepresentación, a responsabilidade dos coidados, a falta de autonomía e de dereitos propios están a calar na sociedade sen que a consciencia colectiva se alerte do que está a ocorrer.

Ningún Goberno mantén unha posición firme contra a violencia cara ás mulleres. O discurso lacrimóxeno non debe enganarnos, necesitamos políticas reais e compromiso orzamentario contra a violencia cara ás mulleres, con decisións políticas tanxibles. Necesitamos orzamentos e pactos transversais que encaren a globalidade das discriminacións e desigualdades que neste momento sostén ao patriarcado, para erradicalas das nosas vidas.

Tampouco debemos conformarnos con alegacións oportunistas que nos confundan porque as mulleres non necesitamos paliativos. Necesitamos unha política feminista para transformar o mundo. Necesitamos a perspectiva de xénero en todas as decisións e desde todos os ámbitos. Queremos ser donas das nosas vidas no presente e no futuro. As mulleres demandamos gobernos comprometidos coa causa das mulleres para posuír os espazos e a riqueza, e compartila con todos os seres humanos en igualdade e xustiza.

Este ano o movemento feminista fai un chamamento á folga, que desde EU apoiamos porque hai que tomar partido sen fisuras ante o que xa está a ocorrer e en prevención do que pretenden.

Apoiamos a folga no traballo, nos fogares, nos coidados, no consumo, no ámbito estudantíl,… Temos que explicar que a discriminación laboral é moito máis que a discriminación directa; temos que trasladar o valor social que teñen os coidados; temos que visibilizar que no consumo únense as peores caras do capitalismo e patriarcado, para usarnos como obxectos e explotarnos descaradamente; temos que apostar pola educación como principal ferramenta para acabar co machismo.

Instamos a que a loita continúe sen tregua, porque como xa manifestamos no comunicado de apoio á folga feminista, SOBRAN AS RAZÓNS, porque temos que soportar: 

Unha persistente división sexual do traballo, que xera unha profunda desigualdade social e laboral, con síntomas tan visibles como unha fenda salarial do 29% en Galicia, sen esquecer o sostemento de maiores niveis de desemprego e precariedade. En todo o mundo, as mulleres gañan entre o 60 e o 75 por cento do salario dos homes en traballos de igual valor.

Perpetuación do papel das mulleres como sustentadoras da vida e dos coidados, soportando en moitos casos dobres xornadas pola falta de corresponsabilidade dos homes e do Estado.

Unha violencia sistemática e continuada contra as mulleres, con múltiples manifestacións, que sostén ao patriarcado amparado por un sistema político capitalista e neoliberal que pretende a regresión dos dereitos conquistados, e que nos golpea con: os asasinatos machistas, as agresións sexuais e as violacións, aluguer dos ventres/úteros de mulleres, a explotación sexual e a prostitución; a violencia patrimonial e a custodia compartida imposta,...

A invisibilización, a falta de representación en espazos sociais, políticos, culturais, e a asimetría na repartición do poder.

Unha práctica da interrupción voluntaria do embarazo que segue penalizada parcialmente e non está garantida para todas as mulleres no Estado español.

Desde EU apoiamos a Folga Feminista e as manifestacións que o movemento feminista convocou para este 8 de marzo; porque queremos PARAR O MUNDO, PARA PODER TRANSFORMALO, cambiando os seus modelos patriarcales por modelos de igualdade, xustiza, paridade, diversidade e democracia.


É por iso, que facemos un chamamento á participación activa nestas convocatorias, desde o convencemento de que só cunha transformación feminista da nosa sociedade poderemos facer realidade a reivindicación de QUE OUTRO MUNDO É POSIBLE.

Área de Muller de Esquerda Unida