Amosando publicacións coa etiqueta Lixo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Lixo. Amosar todas as publicacións

mércores, 3 de setembro de 2025

Esquerda Unida acusa ao goberno local de “condenar O Grove ao caos” durante o verán

O grupo municipal denuncia que o verán no Grove estivo marcado polo caos circulatorio, a falta de prazas de estacionamento, os servizos públicos saturados e a inacción dun goberno que, malia ter recibido múltiples avisos, non puxo en marcha ningunha medida de prevención. 

A formación critica tamén a mala imaxe xerada pola falla de limpeza e recollida de lixo selectivo, o desleixo na atención ás praias e a ausencia de medidas de control e planificación, o que cualifican como “un novo fracaso do PSOE” á hora de xestionar a tempada estival.

O Grove, 3 de setembro de 2025.- Esquerda Unida do Grove fixo este mércores un balance moi crítico da tempada estival, asegurando que “cando pensabamos que o caos do verán pasado era insuperable, este goberno demostrou a súa capacidade de superación, conseguindo empeoralo”. A formación acusa ao executivo de José Cacabelos de “condenar a vila ao caos por culpa da súa deixadez e incompetencia”, e denuncia que “a imaxe que se ofreceu este verán foi nefasta, tanto para a veciñanza como para os milleiros de visitantes que nos escollen. A sensación que se levaron os turistas foi dunha vila abandonada”. 

O voceiro municipal, José Antonio Otero, foi rotundo, “Este goberno só funciona a base de improvisación e propaganda. Non existe nin unha soa planificación seria. Levamos meses pedindo o pintado dos pasos de peóns e o desbroce de rúas e estradas, e chegamos a xullo cunha vila sen sinalización horizontal, con rúas recen asfaltadas sen delimitar e con beirarrúas e camiños invadidos pola maleza, provocando unha imaxe dantesca e un serio perigo para os viandantes. É un auténtico milagre que non se producira un accidente fatal”. “Non é de recibo que se pinten parte das sinalizacións horizontais e se desbroce en pleno agosto” sentenciou. 

Otero incidiu tamén na falta de efectivos da Policía Local, na inexistencia dun servizo de guindastre e na falta de estacionamentos disuasorios. “Este verán O Grove converteuse practicamente nunha vila sen lei. Calquera podía aparcar diante dun garaxe, circular en dirección contraria ou ocupar beirarrúas sen que pasara nada. E mentres tanto, seguimos sen un servizo de guindastre, algo que levamos anos reclamando e que sería fundamental para garantir o cumprimento das normas e dar solución inmediata ás persoas afectadas”. “Este goberno non tivo capacidade para crear zonas de estacionamento disuasorio, tanto nas inmediacións dos areais como no propio casco urbano, a pesar de comprometerse a iso e contar con propostas enriba da mesa dende hai tempo. O abandono foi tal que incluso se reduciron prazas de estacionamento no aparcadoiro de Entrehortas debido á obra de humanización da zona, que acumula un serio retraso”. 

Tamén a concelleira Susana Millán cargou con dureza contra a xestión turística e a ausencia de planificación. “Neste último mes, o alcalde chegou a recoñecer que non estamos preparados para recibir a afluencia de visitantes, pero a realidade é que o que non está preparado é el nin o seu goberno. Despois de dez anos no poder, seguimos sen técnico especializado, sen un plan turístico, sen estratexia e sen mesas de traballo co sector. O que hai son declaracións vagas na prensa para xustificar o fracaso da súa xestión”. 

Millán fixo especial fincapé na problemática do autocaravanismo. “Pasamos do abandono absoluto á tentación de prohibir, e facelo de forma ilegal. O turismo de autocaravanas leva anos medrando e é tan respectable como calquera outro, pero necesita infraestruturas e servizos mínimos. Nós propuxemos a creación de áreas de autocaravanas con servizo de descarga e recollida de augas, gratuítas ou de pago, pero o goberno fixo oídos xordos. Se non se actúa, seguirán os problemas de convivencia e os discursos contra este tipo de visitantes”. “A acampada fóra dos espazos habilitados e as actitudes incívicas dunha parte dos autocaravanistas, como a do resto de visitantes e veciñanza, é sancionable sen necesidade de máis regularización, o problema é que non hai quen sancione”. 

 Para a concelleira de Esquerda Unida “a tempada pode considerarse exitosa en canto a afluencia, pero dubidamos que quen se achegou por primeira vez a O Grove contemple regresar o vindeiro ano”. Segundo Millán, “a solución pasa por contratar persoal especializado e sentar ao sector e traballar nunha planificación e unha estratexia turística conxunta que marque o camiño a seguir e as necesidades reais”. 

Pola súa parte, Anxo Meis, puxo o foco na situación dos paseos e accesos ás praias, que cualificou como “un perigo público”. “Levamos anos advertindo do deterioro das pasarelas de madeira e dos accesos aos areais, e a realidade é que cada ano están peor. Táboas levantadas, pasamáns rotos ou directamente inexistentes,… O resultado é que houbo numerosos incidentes, o máis grave o dunha persoa evacuada en helicóptero na zona de Pedras Negras. E o alcalde responde con cifras inventadas de máis de 4 millóns de euros para a súa reparación, sen auditoría nin informe técnico que o avale. Iso non é seriedade, é improvisación e abandono”. 

Meis insistiu en que esta situación podería terse evitado con algo tan simple como un plan de mantemento anual. “Non estamos falando de obras faraónicas, senón de revisar cada ano o estado dos paseos e accesos, reparar o que estea danado e asegurar a súa seguridade. Cando non se fai nada, o resultado é o que temos hoxe: infraestruturas en estado lamentable e risco para as persoas”. 

Outro dos puntos destacado por Meis foi a recollida selectiva de residuos, que, segundo denunciaron, “non funcionou como debería”. “Foron moitas as ocasións nas que os colectores de cartón, plástico e/ou vidro estiveron cheos durante días sen que a empresa encargada procedese á súa retirada. Xa o advertimos en pleno e pedimos aumentar a frecuencia de recollida, sobre todo no casco urbano polo incremento poboacional, pero o concello fixo caso omiso”. 

A situación levou a que moitos usuarios deixaran bolsas e caixas acumuladas a carón dos colectores, “ofrecendo unha imaxe lamentable da vila”. Meis lembrou que a primeira vez que EU denunciou o problema “díxosenos que fora un erro puntual, pero a realidade é que se repetiu en numerosas ocasións, demostrando que o problema é estrutural e de falta de previsión”. 

Os tres concelleiros coincidiron en que a vila non pode seguir neste camiño. “Cada verán a situación empeora, e todo porque non hai planificación, non hai mantemento e non se aposta polos servizos públicos. O Grove non pode seguir á deriva, funcionando a golpe de improvisación. Se non se toman medidas serias, cada tempada estival converterase nun problema maior ca o anterior”, concluíron. 

Entre as medidas que Esquerda Unida propón destacan: dotar de máis persoal e medios aos servizos municipais, crear unha brigada estable de limpeza e desbroce, poñer en marcha o servizo de guindastre e depósito de vehículos, habilitar zonas de estacionamento disuasorio, crear áreas para autocaravanas, mellorar a recollida selectiva de residuos e, sobre todo, abrir un debate serio sobre o futuro turístico da vila a través do Consello Local de Turismo e coa contratación dun técnico especializado. 

“Se non temos unha vila limpa, ordenada e mantida para nós mesmos, é imposible tela en boas condicións para os que nos visitan”, conclúen.

martes, 21 de decembro de 2021

Esquerda Unida denuncia cobros irregulares no recibo do lixo

A veciñanza está recibindo requirimentos para facer fronte ao pago da taxa do lixo dos últimos cinco anos, por vivendas inhabitadas ou inhabitables. Unha empresa externa xestiona estes cobros.

Esquerda Unida non entende que se queira cobrar a taxa por este tipo de inmobles, e menos, polos últimos cinco anos, xa que nese tempo non se emitiron recibos. Piden ao goberno que poñan a disposición da veciñanza os medios precisos para solucionar esta situación.

O Grove, 21 de decembro de 2021.- A agrupación local de Esquerda Unida denuncia que o Concello do Grove, a través dunha xestión externa, está enviando requirimentos á veciñanza para facer fronte ao pago do recibo do lixo dos últimos cinco anos, por vivendas inhabitadas ou inhabitables.

Segundo o voceiro de Esquerda Unida, José Antonio Otero, no último mes foron varias as veciñas e veciños “que sufriron este atropelo e cando se achegan ás dependencias municipais na procura de información, a única resposta que se atopan é que está xestionado por unha empresa externa e que teñen que dirixirse a ela”. “O concello é o responsable da taxa e, como tal, ten que resolver as dúbidas e xestionar a solución á veciñanza” sentenza Otero.

O esquerdista indica que esta circunstancia está a provocar malestar entre as veciñas e veciños “pois o cobro deses recibos son por vivendas que, ou nunca estiveron habitadas ou non son habitables ao atoparse sen divisións ou en estado ruinoso”, e nalgúns casos supón gastos engadidos xa que “moitas destas persoas, teñen agora que certificar que esa vivenda é inhabitable ou que nunca foi habitada, segundo o caso, o que lles implica contratar o servizo de persoal cualificado”.

Así mesmo dende Esquerda Unida non entenden que se lles aplique o cobro polos últimos cinco anos, ”cando durante ese tempo a veciñanza afectada non recibiu ningún requirimento e non existe recibo algún deses anos”.

Otero considera que “isto non é máis que a consecuencia da mala xestión do goberno municipal ao externalizar un servizo de cobro da taxa pois, a empresa, ao obter os beneficios do recadado, procurará emitir o maior número de recibos sen atender á realidade das vivendas e propiedades da veciñanza”. Por ese motivo, dende Esquerda Unida piden ao concello que poña a disposición da veciñanza o persoal e os medios precisos para solucionar esta situación.

Gabinete de Prensa

Esquerda Unida O Grove

mércores, 23 de decembro de 2020

EU denuncia o cobro da taxa do lixo o día antes de noiteboa

Os esquerdistas alertan que o cobro do 2º semestre da taxa do lixo, que sempre se realiza en febreiro do ano seguinte, foi adiantado a este mes de decembro, nunha época na que os gastos familiares son moito maiores e a economía local minguo como consecuencia da crise sanitaria pola Covid-19.

Denuncian que o concello incumpre o calendario fiscal e consideran esta decisión errónea e contraproducente á vez que lembran a súa proposta, rexeitada por Cacabelos, para fraccionar mensualmente os pagos das taxas e impostos municipais.

O Grove, 23 de decembro de 2020.- A menos dunha semana para rematar o ano, e cando parecía que este 2020 non podería traer máis sorpresas, o Concello do Grove abráianos novamente. Esta semana a veciñanza viu como nas súas contas se lles aplicaba a taxa de lixo correspondente ao segundo semestre deste ano, indican dende Esquerda Unida. Un cobro que de sempre se aplicou nos primeiros dous meses do ano vencido, isto significa que este recibo se debería cobrar a mediados de febreiro do 2021, pero o goberno municipal decidiu adiantar a este mes de decembro. Os esquerdistas consideran que se xa o 2020 é un ano no que moitos negocios e familias se atopan afogadas economicamente como consecuencia da crise sanitaria producida pola Covid-19, este adianto do cobro da taxa do lixo supón un afogamento maior para a veciñanza, máxime nun mes no que os gastos son moito maiores debido á festividade do Nadal. Unha decisión do goberno socialista que non comparten e rexeitan dende Esquerda Unida.

A agrupación esquerdista denuncia que con este cobro –por primeira vez a veciñanza ten que asumir tres pagos desta taxa nun mesmo ano, pois en febreiro realizouse o cobro do 2º semestre do 2019, en agosto o cobro do 1º semestre do 2020 e agora o do 2º semestre– o goberno dirixido por Jose Cacabelos sáltase o calendario fiscal aprobado e publicado na web do Concello.

Dende Esquerda Unida non entenden esta decisión, e pedirán explicacións, aínda que asumen cal será a resposta do executivo de Cacabelos, botando balóns fora e exculpándose nunha decisión administrativa, como fai sempre que as decisións repercuten negativamente na veciñanza. Pero para os esquerdistas a realidade é ben distinta e esta decisión atende exclusivamente á pésima xestión do goberno socialista, que en lugar de axudar aos negocios e á veciñanza decide afogalos economicamente para salvagardar os sobrecustos das obras e os seus propios soldos.

Así mesmo, en Esquerda Unida lembran que en numerosas ocasións propuxeron un calendario fiscal máis flexible e fraccionado, co que a veciñanza puidera pagar os seus impostos e taxas municipais en cotas mensuais, trimestrais ou semestrais, o que ofrecería maior control nas contas familiares e liquidez no Concello. Unha proposta que dende o goberno socialista se negaron a aplicar, ao igual que non aplicaron ningunha das medidas económicas e sociais propostas polo Grupo Municipal de Esquerda Unida durante a Alerta Sanitaria derivada da Covid-19.

Por último, os esquerdistas pregúntanse se o concello é consciente do sobrecusto e o dano económico que lle acaba de ocasionar á veciñanza ao cobrarlle, a un día da celebración da noiteboa, un recibo que non contaban con pagar ata mediados de febreiro do 2021.

Gabinete de Prensa

Esquerda Unida O Grove