Amosando publicacións coa etiqueta Abastecemento Auga. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Abastecemento Auga. Amosar todas as publicacións

martes, 27 de maio de 2025

EU presenta propostas para executar con un remanente que evidencia un goberno esgotado e incapaz

A formación reclama actuacións realistas, executables neste mesmo exercicio, que melloren a mobilidade, os servizos públicos, a xestión ambiental e o benestar da veciñanza.

As propostas inclúen a adquisición de terreos, reformas en equipamentos públicos, melloras na rede de auga, instalación de zonas de sombra, espazos para animais e novo equipamento municipal.

O Grove, 27 de maio de 2025.- Esquerda Unida vén de trasladar ao goberno unha batería de propostas concretas para seren financiadas con cargo ao remanente de tesourería do exercicio 2024, que ascende a máis de 6 millóns de euros. A formación volve criticar con contundencia que, malia dispor deses 6 millóns de euros de remanente e tamén dun superávit de 2,5 millóns, se siga traballando cuns orzamentos prorrogados dende o 2022.

Dende Esquerda Unida sinalan que “isto evidencia que contar con un orzamento non era nin é cuestión de falta de cartos, senón dunha nefasta xestión. É a mostra dun goberno esgotado e incapaz de executar nin sequera os seus propios orzamentos”. A formación cualifica a situación de preocupante, “chegamos ao punto de que son incapaces ata de mandar pintar un paso de peóns”.

A pesar deste panorama, Esquerda Unida mantén a súa vontade construtiva e achegou ao executivo local, tal e como anunciaran, un conxunto de actuacións pensadas para seren realistas e executables dentro do presente ano, tal e como esixe a normativa. As propostas céntranse na mellora de infraestruturas, servizos públicos e espazos comúns, con impacto directo na calidade de vida da veciñanza.

Entre as actuacións propostas, destaca a compra do terreo de Entrehortas, unha operación comprometida nas negociacións do ano pasado que finalmente non se chegou a pechar. A formación considera esencial esta adquisición para ampliar o aparcadoiro da zona e habilitar un acceso dende Conricado. Así mesmo, Esquerda Unida propón valorar a posibilidade de crear un aparcadoiro a dúas alturas nese espazo e, "no caso de resultar viable, encargar xa a redacción dun proxecto técnico que permita acometer a obra nun futuro próximo".

Outra proposta é a compra dun terreo situado na parte traseira do pavillón do CEIP Conmeniño, co obxectivo de habilitalo como zona de estacionamento. "Tendo en conta que se está abrindo unha porta cara o exterior, esta actuación melloraría o estacionamento e facilitaría o acceso ás actividades deportivas non lectivas sen ter que entrar no recinto escolar", indican.

No ámbito da protección animal, Esquerda Unida pide que se habilite unha aula no edificio do Monte das Flores para a asociación O Jato Meco. O obxectivo é crear un espazo axeitado para a atención dos gatos das colonias, especialmente aqueles aos que se lles aplica o protocolo CES ou que precisan coidados veterinarios. Lembran que "este é un servizo de competencia municipal que actualmente realiza a asociación e son as propias voluntarias as que acollen aos animais nas súas casas, cos conseguintes problemas que lles supón".

A formación tamén propón unha obra de reforma no Punto de Atención á Infancia, para conectar a sala de usos múltiples, onde se traballa cos nenos de maior idade, co cuarto de baño. Actualmente, a separación entre ambas zonas obriga a atravesar un corredor, dificultando o control dos menores por parte do persoal.

En materia de xestión da auga, Esquerda Unida solicita que se avance na execución das recomendacións incluídas na auditoría hidráulica realizada o pasado ano. En concreto, propoñen instalar os caudalímetros que non requiran permisos doutras administracións, iniciando así un proceso que no seu conxunto está valorado en 63.000 euros.

A reposición dos valados e da sinalización no Monte Central Xaquín Álvarez Corbacho, así como a instalación de bancos e mesas na parcela municipal ao carón do Redondo para crear unha área de descanso, son tamén propostas incluídas no documento.

En base a dúas mocións de Esquerda Unida aprobadas por unanimidade no 2024, a formación reclama a creación de zonas de espallamento canino en Confín, Porto Meloxo e San Vicente, e a instalación de zonas de sombra nos parques infantís. Neste último caso, propoñen comezar pola creación de sombra nas áreas de bancos mediante estruturas de madeira con enredadeiras.

Tamén se solicita ampliar o valado entre o campo de fútbol 5 e o parque infantil da zona recreativa de Terra de Porto, para evitar que os balóns impacten nos menores que xogan no parque.

Finalmente, Esquerda Unida propón a compra dun novo guindastre municipal, despois de que hai uns anos se dese de baixa o único vehículo dispoñible, co obxectivo de recuperar un servizo público esencial.

Desde a formación expresan o seu desexo de que todas estas propostas sexan recollidas no documento definitivo que se leve a pleno. “Son actuacións realistas, necesarias e viables. Esperamos que o goberno as teña en conta e comece a traballar nelas”, afirman.

Así mesmo, consideran positivas moitas das propostas formuladas polo propio goberno, “xa que responden a demandas que Esquerda Unida leva anos formulando tanto no pleno como na prensa”.

venres, 13 de decembro de 2019

EU tacha de incompetente ao goberno por non informar á veciñanza dos cortes de auga



Os esquerdistas consideran impropio que ante uns cortes de auga programados non se informe á veciñanza para que se poida organizar.

Advirten que esta actuación converte ao concello en responsable subsidiario ante calquera dano nos electrodomésticos ou prexuízos aos negocios.

O Grove, 12 de decembro de 2019. Esquerda Unida mostra o seu malestar coa xestión que o goberno municipal está a realizar nas obras da rúa Alexandre Bóveda e os cortes no subministro de auga potable desta semana.

Os esquerdistas entenden os inconvenientes e problemáticas que se suceden como consecuencia das obras, pero consideran que a falta de información e sobre aviso polos cortes que esta semana deixou por sorpresa en tres ocasións a numerosas vivendas sen servizo de auga durante longas horas do día "son a mostra da incompetencia do grupo de goberno". O voceiro de Esquerda Unida, José Antonio Otero, non concibe que "ante uns cortes programados, pois déronse durante tres días seguidos nas mesmas horas, non foran postos en coñecemento da veciñanza, para que esta se puidese organizar nos seus fogares e negocios".

Otero advirte que esta incompetencia pode ocasionar graves prexuízos á veciñanza e supor un desembolso económico para o concello, pois entende que o ente municipal “será responsable subsidiario ante posibles danos nos electrodomésticos, caldeiras, termos... ou ante os prexuízos ocasionados aos negocios por non por en sobre aviso destes cortes de auga”.

"Antes das eleccións o Alcalde informaba nas redes sociais practicamente ao minuto de calquera corte de auga, fose programado ou ocasionado por unha avaría, agora coa maioría absoluta amarrada non dan chío", indica Otero que ironiza coas situacións que se teñen dado no anterior mandato. "Teñen posto a megafonía a percorrer o pobo para anunciar os plenos para que acudise a veciñanza co propósito de presionar á oposición, pero para avisar a estas veciñas e veciños dos cortes de auga non o consideran preciso".

É por isto que os esquerdistas pide máis rigor e seriedade ao goberno e que, calquera situación que poida crear prexuízo á veciñanza e negocios locais, sexa advertida utilizando todos os medios posibles para evitar o maior dano posible.

Gabinete de Prensa
Esquerda Unida O Grove


xoves, 5 de decembro de 2019

EU trasladou a través do Grupo Común da Esquerda as súas emendas ao Orzamento da Xunta



Os esquerdistas lamentan que a Xunta de Galicia rexeite as propostas para o noso concello. Reclamaban a administración autonómica que incluíra no Orzamento 2020 tres millóns de euros de inversión directa no concello e 13,5 millóns de inversión indirecta.

Reclamaban orzamento para un novo Centro de Saúde, para a ampliación do dique de abrigo do porto de Porto Meloxo, para o desdobre da Vía Rápida VG-4.1 e para a renovación da tubaxe que subministra a auga potable ao Grove.

O Grove, 22 de novembro de 2019.  A agrupación local de Esquerda Unida dou traslado a través do grupo parlamentario Grupo Común da Esquerda as emendas ao Orzamento da Xunta de Galicia para o 2020 referentes ao Grove.

En total foron catro ás peticións realizadas polos esquerdistas, das cales dúas eran de inversión directa no propio concello e as outras dúas, a pesar de non ser no entorno grovense, si repercutían de forma indirecta na localidade.

A agrupación que lidera José Antonio Otero quería “que a Xunta de Galicia dera un paso adiante e se comprometa dunha vez por todas co noso concello, pois levamos anos sen contar con inversións importantes”. E por iso que decidiron canalizar as súas peticións a través dos seus representantes no Parlamento de Galicia.

A primeira das peticións ía directamente á Consellería de Sanidade á cal lle pedían que contemplase entre 1,5 e 2 millóns de euros, nas súas partidas, para o proxecto e construción dun novo Centro de Saúde, unha das maiores demandas do Grove que volveu reivindicarse con forza nas últimas protestas celebradas diante do actual Centro de Saúde durante o mes de abril. Os esquerdistas son conscientes que un dos problemas que se atoparían á hora de presentar esta solicitude é a da falta dun terreo para albergar esta construción, pero entendían que si prosperaba, sería o concello o que se vira no compromiso de poñer este a disposición do ente autonómico, e para elo o goberno municipal tería por diante un ano. “Deste xeito, a construción retrasarase, pois teremos que agardar como mínimo ata os orzamentos da Xunta do 2021” indica José Antonio Otero.

A ampliación do dique de abrigo do porto de Porto Meloxo é outra das peticións de inversión directa que Esquerda Unida reclamaba á Xunta. Desta volta a Portos de Galicia, pois entenden que son os encargados de poñer en marcha dita obra. En referencia a isto, José Antonio Otero “considera unha burla que os orzamentos en vigor reflictan preto de 1,2 millóns de euros para investir en Porto Meloxo en tres anos, contemplando 50.000 para a primeira fase –2019– dos cales non se gastou un só euro e no Orzamento 2020 se eliminase toda a partida e tan só se propuxeran 30.000 €”. Os esquerdistas recordan que o proxecto leva paralizado varios anos por mor dunha emenda da Confraría de Pescadores grovense ao ver perigar os bancos marisqueiros máis próximos ao eliminarse as correntes da zona. Neste senso, José Antonio Otero recorda que “aprobamos recentemente unha moción na que solicitabamos desatascar esta situación procurando que Portos estudase unha medida para que o dique de abrigo permitise o paso de correntes que non afectase aos bancos marisqueiros”. E por iso que Esquerda Unida quería que se contemplaran eses preto de 1,2 millóns de euros no Orzamento 2020.

Xa nas inversións indirectas, pois a pesar de non realizarse directamente no concello –son obras fora do municipio– supoñen unha repercusión positiva no Grove, os esquerdistas pedían como primeira medida que se realizase o desdobre da Vía Rápida do Salnés (VG-4.1), no tramo que vai dende a Lanzada ata o enlace coa Autovía en Sanxenxo. Unha demanda que se ven realizando dende que no 2006 comezaran as obras de desdobre do tramo entre Curro (Barro) e Sanxenxo e que aflora cada ano durante a época estival cando se producen diariamente atascos quilométricos.

Esquerda Unida solicitaba que se contemplasen como mínimo os 12 millóns de euros que no 2010 prevía a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e que se procurase unha solución para non prexudicar medioambientalmente a zona.

Por último os esquerdistas enfocaron a súa cuarta petición directamente sobre Augas de Galicia, pois consideran que teñen que acometer “dunha vez por todas” a substitución da tubaxe que subministra a auga potable ao concello grovense. Segundo Esquerda Unida, O Grove recibe a auga da planta instalada en Vilanova de Arousa a través dunha tubaxe, instalada a finais dos 80, que tras chegar a Vilalonga (Sanxenxo) sotérrase baixo o mar ata o municipio grovense. José Antonio Otero recorda que “En xullo do 2018, Augas de Galicia recoñecía o mal estado da tubaxe e as consecuencias nefastas que suporía para o noso concello unha rotura da mesma, e por iso comprometíase a rematar un proxecto de substitución a finais de 2018 e comezar as obras durante este ano, para elo ían contemplar no orzamento 2019 unha partida de 1,5 millóns de euros”, pero a día de hoxe “non se coñece o proxecto nin tampouco se incluíron eses cartos no orzamento do 2019 e tampouco no proxecto do 2020”, sentencia Otero.

O voceiro esquerdistas indica que a situación non pode agardar máis, “pois no presente ano a tubaxe xa rachou por dúas ocasións no tramo da Lanzada e solucionouse relativamente axiña porque sucedeu nunha zona na que as condicións permitiron que os operarios realizasen o traballo con rapidez.

Aínda que sen moitas esperanzas, Esquerda Unida agardaban que a Xunta de Galicia recapacitase e que antes de pechar os Orzamentos do 2020 contemplasen estas catro demandas, “pois son importantes para O Grove e a súa veciñanza”. Recordan que “estamos as portas dun proceso electoral autonómico e as veciñas e veciños do Grove son plenamente conscientes do abandono ao que estivo sometido o noso concello por parte da administración que dirixe Feijoo”.

Gabinete de Prensa
Esquerda Unida O Grove