Amosando publicacións coa etiqueta EDAR. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta EDAR. Amosar todas as publicacións

mércores, 13 de maio de 2020

Esquerda Unida NON apoiou a brutal subida da taxa de saneamento de depuración


No pleno celebrado na mañá deste martes, vía telemática, o Grupo Municipal mostrou a súa oposición tallante á proposta do goberno de subir a Taxa de Saneamento e Depuración.
Para Esquerda Unida, este non é o mellor momento para que as veciñas e veciños vexan aumentada de forma brusca unha taxa municipal por mor dunha mala xestión do goberno. Nun ano complicado para as economías domésticas e empresariais, o aumento dun imposto municipal non axuda, a pesares de que nos digan que non se cobra ata o vindeiro ano, porque o inicio do 2021 tampouco é que sexa esperanzador.

Así o trasladou o noso voceiro, José Antonio Otero, antes de indicar que a subida que propoñía o goberno, e que finalmente foi aprobada con nove votos do grupo socialista, supón que os domicilios grovenses vexan aumentado o seu gasto nun mínimo de 16 € anuais (a taxa mínima increméntase nun 75%) ao que hai que sumarlle o correspondente ao consumo, que tamén aumenta (ademais de trocar os seus tramos, resultando máis caros). Isto nos domicilios particulares, porque si vamos ás empresas, o aumento tamén é considerable, pasando de uns 52 € de mínimo a 72 €.

Así mesmo, Otero indicou que nunha época na que o consumo previsiblemente vai aumentar tanto nos domicilios como nas empresas (debido ás maiores esixencias de limpeza e desinfección) a penalización vai supoñer un agravamento desproporcionado, xa que un veciño pode chegar a pagar entre 40 e 80 € máis que ata o de agora.
O Alcalde xustifica esta suba pola obriga de xestionar a Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Ostreira. Pero isto é unha gran mentira, pois quedou demostrado que o servizo xa era deficitario e a EDAR tan só agravou a situación. Esta modificación da taxa nestes momentos só atende a unha nefasta xestión do goberno liderado por Cacabelos, que nestes 5 anos que leva a fronte do Concello non actualizou esta taxa. Tal e como trasladou o noso voceiro no pleno, se o goberno tivese feito unha actualización das taxas municipais de forma anual, o incremento (de ser necesario, como neste caso) sería proporcional e asumible por calquera veciña e veciño, e incluso este ano sería asumible polo propio concello. Non ter feito os deberes nestes cinco anos, sabendo que chegaría o día no que tería que asumir a xestión da EDAR, provocou que a taxa de saneamento e depuración sufra agora un incremento abusivo e no peor momento posible.

Dende Esquerda Unida somos conscientes de que as taxas municipais precisan actualizacións, e seguramente a gran maioría precisarán incrementos, pero estes poden ser asumibles polos veciños se a revisión se fai de forma anual e non con subas abusivas por non ter feito os deberes.

O noso Grupo Municipal xa presentou nunha ocasión unha moción cunha proposta de modificación fiscal que contemplaba a aplicación de impostos progresivos con bonificacións a través de cláusulas sociais e coa máxima de que paguen os que máis teñen. Pero esta proposta non saíu adiante polo rexeite do PSOE, ao que non lle interesa realizar axustes fiscais progresivos e logo aplica subidas abusivas á veciñanza.
Estas cuestións, así como outros aspectos que non compartimos do informe elaborado por unha empresa externa para xustificar a taxa, levounos a non apoiar a proposta do goberno, que como dixemos saíu adiante pola maioría coa que conta.

1ª intervención de Esquerda Unida


2ª Intervención de Esquerda Unida 

mércores, 17 de xullo de 2019

Esquerda Unida acusa de irresponsable ao executivo de Cacabelos no caso da EDAR



A agrupación de esquerdas ve unha clara neglixencia por parte do goberno local ao negarse a facerse cargo da xestión da EDAR situada en Laxe de Rons. Consideran esta decisión unha falta de planificación organizativa e económica.

Dende Esquerda Unida recordan, que a xestión lle corresponde ao goberno municipal, ao igual que está xestionando a EDAR de San Vicente.

O Grove, 16 de xullo de 2019.- O pasado mes de xuño coñecíase, que ante a desatención por parte do Concello do Grove, o ente público autonómico Augas de Galicia facíase cargo da xestión da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR), situada na Laxe de Rons, por risco de contaminación da Ría de Arousa ante a desatención por parte do Concello do Grove. O goberno municipal, que se nega a facerse cargo da xestión da depuradora, alega deficiencias nas instalacións así como discrepancias no cobro do canon de depuración de augas. Sen embargo, para Esquerda Unida o que se agocha detrás de este conflito é a falta de planificación do servizo por parte do executivo socialista, tanto no organizativo como no económico. Un conflito que aparentemente se estenderá no tempo, pois acabamos de coñecer a prórroga por un ano por parte da Xunta de Galicia na xestión da EDAR grovense, con un custo para as arcas municipais e por conseguinte para os petos da veciñanza, de preto de medio millón de euros.

Esquerda Unida, que dende o ano 2007 defendeu sempre a xestión municipal da EDAR –logo de que por aquel entón o seu concelleiro, Juan Lamelas, solicitara a realización dun informe que determinara a localización máis apta para a estación depuradora–, considera a postura do goberno municipal “totalmente irresponsable”. Segundo os esquerdistas a actitude de inacción do goberno presidido por Cacabelos ante as discrepancias alegadas é “claramente neglixente”. “Se fosen certas as eivas que argumenta o goberno local, deberían traballar para solucionalas e acoller a depuradora, tal e como está aprobado en pleno. Desatender por completo o asunto é unha irresponsabilidade máxima”, indican.

Desde o grupo que lidera José Antonio Otero, recórdanlle a Cacabelos que foi el mesmo quen sendo alcalde presentou a pleno un 26 de decembro de 2007 unha proposta de acordo que incluía o Compromiso de asumir a explotación, mantemento e conservación das obras, e de efectuar os traballos ordenados pola inspección facultativa despois da súa execución. Unha proposta aprobada pola maioría do pleno cos votos favorables de PSOE, BNG, EU e PG. Tamén lle fan coñecedor ao alcalde que o tratamento das augas residuais é unha competencia propia municipal segundo o artigo 25.2.c) da Lei Reguladora das Bases do Réxime Local que establece as competencias dos municipios. Así mesmo, dende as filas esquerdistas recórdanlle ao goberno municipal que xa están xestionando dende 1999 a EDAR de San Vicente, polo que non entenden a “teima que ten Cacabelos con que a xestión da EDAR de Laxe de Rons debe ser realizada por Augas de Galicia”.

Por último, en Esquerda Unida consideran a postura do PSOE nesta polémica como “hipócrita”. Para os esquerdistas, non se entende que os membros do PSOE “no pleno de investidura faga alusións ao seu traballo e compromiso co Medio Ambiente e á vez desatendan o tratamento das augas residuais do Grove posibilitando o vertido de augas sen tratar á Ría de Arousa”.
  
Gabinete de Prensa
Esquerda Unida O Grove