Amosando publicacións coa etiqueta PCG. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta PCG. Amosar todas as publicacións

venres, 6 de marzo de 2015

O TRABALLO DIGNO PARA AS MULLERES É IGUALDADE!

Comunicado do Partido Comunista de Galicia ante o Día Mundial da Muller Traballadora.

Desde o PCG este 8 de marzo chamamos á mobilización porque entendemos que non pode haber paz social sen unha saída social da crise e non pode haber saída social da crise sen o recoñecemento dos dereitos das mulleres. Por iso é imprescindible o empoderamento e a incorporación das mulleres de forma activa para construír a alternativa anticapitalista e antipatriarcal que necesitamos.

Sen a incorporación das mulleres non será posible avanzar cara á ruptura democrática por un novo modelo de sociedade que se constrúa sobre os cimentos da igualdade, nun novo escenario de relacións de poder entre homes e mulleres.

Entendemos que un proceso revolucionario e de cambio non poderá darse sen contar co 51% do pobo. Por iso é fundamental a paridade nos espazos de decisión, porque sen as mulleres neste proceso e sen o feminismo non será.
Desde o PCG insistimos en que a paridade debe contemplarse como unha liña vermella intransferible para toda a esquerda transformadora en tanto que a súa ausencia non pode nin debe xustificarse tras unha orde de prioridades.

A emancipación e a liberdade das mulleres están en xogo cos gobernos do bipartidismo monárquico, antes o PSOE e agora o PP que obedecen ás políticas da Troika, rebaixándonos os salarios e as condicións de traballo coas sucesivas reformas laborais, ocasionando o incremento progresivo da desigualdade salarial entre mulleres e homes.

Hoxe as mulleres traballadoras vivimos situacións de extrema precariedade laboral. A maioría conformamos o último elo da cadea, sufrindo a sobreexplotación en condicións infrahumanas e cada vez máis desprotexidas dos abusos empresariais.

A taxa de ocupación das mulleres no estado español é do 50,3%, 9 puntos por baixo da dos homes. Co engadido de que o 25,3% das mulleres é a tempo parcial, mentres que o dos homes representa o 7,8% (Eurostat). É unha forma máis de discriminación indirecta.

A media do salario das mulleres, supón no sector privado o 19,3% menos que o salario dos homes e no sector público o 10,1% (Eurostat).

Simultaneamente a ocupación feminina corresponde ao 68% da poboación asalariada con ingresos inferiores ao Salario Mínimo Interprofesional.

Non é casual tampouco que os sectores de actividade con salarios máis baixos e con maior brecha salarial son xeralmente sectores feminizados.
No estado español aínda existen convenios colectivos que continúan discriminando ás mulleres, polo escaso control de complementos retributivos que axudan a aumentar a brecha salarial e porque aínda se admiten categorías en feminino.

Por todo iso, porque as mulleres queremos un traballo digno, imos responder o 8 de marzo nas rúas para esixir os nosos dereitos, porque queremos que a traballo de igual valor, igual remuneración. Porque queremos a repartición do traballo. Porque queremos máis emprego público de calidade, en sanidade, educación e dependencia. Porque queremos igualar os permisos de maternidade e paternidade. Porque queremos acabar coa economía mergullada. Porque a falta de traballo digno é un xugo que escraviza ás mulleres, que as fai máis vulnerables ante a violencia machista e, na súa forma máis extrema, a prostitución. Porque queremos ser libres e vivir en igualdade.

Por todo iso esiximos leis que garantan a creación de emprego garantido e digno para as mulleres.

martes, 27 de novembro de 2012

O 27N: o sector lácteo responde!


Hoxe martes 27 comeza a folga indefinida no sector lácteo en Galiza. Esta folga gandeira pretende responder aos ataques continuos que está recibindo o sector, e que van máis alá dos recortes ou a crise actual.
O sistema capitalista pretende desde hai anos desmantelar este sector, do que dependen máis de 50.000 persoas e que ten un importante peso na economía galega, sobre todo nas provincias de Lugo e A Coruña.
As PAC, os recortes orzamentarios (tanto desde a Xunta, como desde o Goberno central e a Unión Europea), as cada vez máis precarias condicións dos e das gandeiras, como así foron impostas co último real decreto, abocan ao sector e á mocidade do rural que depende do mesmo a un futuro incerto.

O sector gandeiro galego en loita contra o seu exterminio

Comunicado e propostas da XCG e o PCG ante a situación do Sector Lácteo na Galiza
O pasado 28 de agosto reuniuse a Mesa do Sector Lácteo (composta por Industria, produtores e distribución), presidida polo ministro de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, Miguel Arias Cañete. As principais esixencias dos sindicatos eran establecer un prezo digno do leite por riba dos custos de produción, así como a regularización dos contratos entre gandeiros/as e empresas do sector, cunha duración mínima dun ano. Tamén se falou da Política Agraria Común (PAC) e do Plan Europa 2014-2020, que inflúen directamente no sector.