Amosando publicacións coa etiqueta Centro de Día. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Centro de Día. Amosar todas as publicacións

venres, 25 de marzo de 2022

EU insta ao goberno a facer uso dos fondos europeos para dotar a O Grove dun Centro de Día

 

Creen que grazas aos fondos europeos de Recuperación, Transformación e Resiliencia é posible que O Grove conte cun Centro de Día e animan ao goberno a presentar unha proposta para optar á axuda.

O Grove, 25 de marzo de 2022.- Esquerda Unida, que segue considerando primordial a construción dun Centro de Día no Grove, cree que é posible contar con esta instalación grazas aos fondos europeos de Recuperación, Transformación e Resiliencia. O pasado 7 de marzo o DOG publicou o acordo marco asinado pola Xunta e a FEGAM para o desenvolvemento do Plan de Investimento para a construción, reforma ou ampliación de equipamentos sociais públicos municipais, para os que se destinarán 18,5 millóns de euros.  

Segundo a publicación do Diario Oficial, serán a Xunta e a propia FEGAM as que seleccionen as iniciativas presentadas, dando prioridade aos concellos de menos de 20.000 habitantes. Dentro das propostas subvencionables está a construción ou renovación de Centros de Día e é, en base a isto, onde Esquerda Unida insta ao goberno municipal “a que valore a posibilidade de acollerse a estas axudas para dotar ao Grove desta infraestrutura tan importante e necesaria”.  

Esquerda Unida considera un erro que o goberno socialista cambiase o destino dos 900.000 € que estaban reservados dende hai 10 anos para a construción dun Centro de Día e os dedicase á compra do “Colexio das Monxas” “pois pechou as portas á que O Grove contase con esta instalación”. A pesar de que o Alcalde ten falado de que o novo edificio, que a día de hoxe segue sen pertencer ao concello, albergará un centro socio-sanitario, os esquerdistas entenden que esta proposta non satisfará as necesidades dos usuarios potenciais dun Centro de Día, razón pola que o seu grupo municipal votou en contra do cambio de destino desa partida no seu momento.  

Co anuncio desta axuda derivada dos fondos europeos, dende Esquerda Unida ven unha nova oportunidade para que finalmente se poidan afrontar as dúas opcións, a compra do “Colexio das Monxas” e a dotación dun Centro de Día para O Grove e instan ao goberno a poñerse a traballar e presentar unha proposta antes do 22 de abril. 

xoves, 4 de maio de 2017

Esquerda Unida presenta ao goberno un plan de actuacións prioritarias para o concello

O Grove, 3 de maio de 2017.- A agrupación local de Esquerda Unida decidiu presentar ao Alcalde, e ao seu equipo de goberno, un plan de actuacións a realizar no tempo que resta de mandato. Unhas actuacións que os esquerdistas consideran precisas e prioritarias para os veciños do Grove.

Esquerda Unida decidiu dar este paso ante a situación actual do goberno municipal do cal consideran que está a deriva, máxime tras ver como realiza propostas de inversións inconexas e sen planificación de ningún tipo. Os esquerdistas poñen como exemplo a proposta de Auditorio que, segundo indican, se irá aos 5 millóns de euros de inversión municipal, ou a peonalización de rúas do casco urbanos sen plans de tráfico e alternativas de estacionamento. Todo isto namentres traballan con un orzamento prorrogado cando xa van alá cinco meses, conclúen.

Segundo a agrupación de esquerdas, o goberno municipal móstrase absorbido polo día a día, e a impresión que transmite é que gobernan a salto de mata.

Por ese motivo, desde Esquerda Unida, e logo de reunir á súa asemblea, propoñen un plan de actuacións no que se inclúen demandas históricas da veciñanza así como medidas que consideran necesarias para o bo funcionamento municipal e a mellora dos servizos públicos que se ofrecen aos veciños.


Executiva Local de Esquerda Unida
O Grove