Amosando publicacións coa etiqueta Protocolo CES. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Protocolo CES. Amosar todas as publicacións

martes, 27 de xuño de 2023

EU pide que o concello se acolla ás axudas do Estado para o control das colonias felinas

Lembran que coa nova lei de Protección dos Dereitos e Benestar Animal, os concellos están obrigados ao control das colonias e á aplicación do protocolo CER. O prazo para as solicitudes pecha o vindeiro 24 de xullo.

Agardan que non perdan esta oportunidade como sucedeu coa subvención para instalacións deportivas, advertida no seu momento polos esquerdistas, e a da contratación de socorristas.

O Grove, 27 de xuño de 2023.- A Subsecretaría de Dereitos Sociais e Axenda 2030, ven de abrir o prazo para a solicitude de subvencións a entidades locales, destinadas a mellorar e impulsar o control poboacional decolonias felinas, concedéndose axudas a proxectos dirixidos á implantación do método CER (Captura, Estirilización e Retorno), desparasitación ou vacinación, mellora das condicións de vida e alimentación das colonias ou para a formación de persoal municipal ou concienciación da poboación no respeto ás colonias felinas. 

O prazo para a presentación de proxectos finaliza o vindeiro 24 de xullo e dende Esquerda Unida piden que o Concello do Grove se presente a esta convocatoria, pois lembran que existe unha responsabilidade municipal no control das colonias felinas en base á nova lei de Protección dos Dereitos e Benestar Animal. 

Un control que agora está realizando a asociación local O Jato Meco, tendo que asumir prácticamente a totalidade dos gastos, pois a implicación municipal é mínima ou practicamente nula. Por ese motivo consideran que "cunha colaboración entre o concello e a asociación é posible presentar un proxecto para optar, incluso, ás catro liñas subvencionables, a maioría de ata o 100%". Ademais, indican, "o goberno local recibiu hai uns días unha guía elaborada pola Deputación de Pontevedra na que se informa e asesora do proceso de control das colonias e a aplicación dos protocolos CER" .

Dende Esquerda Unida agardan que desta volta non deixen escapar esta oportunidade ao igual que sucedeu coa liña de axudas para a reforma e mantemento de instalacións deportivas e material deportivo inventariable ou a relativa á contratación de socorristas. Lembran que no mes de abril pediran ao concello que se acollera á subvención para arranxo deinstalacións deportivas co propósito de dar solución ás deficiencias existentes na maioría delas pero, polo visto esta semana, "xa non é que non se concedera, é que nin tiveron a decencia de presentarse, ao igual que sucedeu coa liña aberta para contratación de socorristas" denuncian os esquerdistas.

xoves, 10 de xuño de 2021

Seguimos agardando pola documentación relativa ao Protocolo CES

 

📣📣Logo de dous meses e medio, seguimos agardando pola documentación relativa ao Protocolo CES🐾 que supostamente está aplicando o Concello do Grove.
➡O 29 de marzo, Esquerda Unida presentou a pleno unha moción para solicitar a aplicación do Protocolo CES no noso concello. O goberno tumbou a nosa proposta aludindo que estaban traballando nese aspecto e ofreceunos unha documentación onde se constataba todo o que, dende o concello, levan feito en relación ás colonias felinas e á aplicación do protocolo CES. Non só aceptamos a documentación, senón que oito días despois (6 de abril) solicitamos✍ a mesma a través do rexistro municipal.
Ante a tardanza⌛ na entrega da citada documentación, no pleno do 26 de abril, o noso voceiro, José Antonio Otero, preguntou pola mesma, obtendo unha desculpa por parte da concelleira responsable, que textualmente (como se pode ver no vídeo) indicou: “pensei que o Técnico de Medio Ambiente xa lle remitira a documentación, pero bueno, quedou de facelo, non o fixo. Mañá a primeira hora xa llo recordo para que así o faga”.
📅Un mes despois, no pleno do 31 de maio, o noso voceiro volveu preguntar novamente o motivo polo que seguiamos sen recibir a documentación por parte do concello. Esta vez, en base á resposta do pleno anterior, o noso voceiro fixo alusión a que no pleno anterior a concelleira dixera que fora culpa do Técnico de Medio Ambiente que non o mandara. A concelleira volveu reiterar as desculpas e indicar que llo recordaría ao día seguinte ao técnico. Tamén se mostrou enfadada porque dixemos que ela lle botara as culpas ao técnico, afirmando que non era verdade e que ela nunca lle botara as culpas a ningún traballador dependente do seu cargo.
Curioso, pois así o fixo no pleno de abril, indicando que o técnico quedara en enviar a documentación, e así o reiterou no pleno de maio, cando dixo que llo volvería recordar.
🙄 Dunha maneira ou outra, a día de hoxe, seguimos sen contar coa documentación relativa ao asunto referido, e estamos por asegurar que esa documentación non existe, e cando menos, non existía o día do pleno no que se tratou a moción sobre o Protocolo CES, pero serviulle de desculpa para votar en contra da proposta e seguir sen facer nada, como ata o de agora.
Grupo Municipal Esquerda Unida

mércores, 24 de marzo de 2021

EU quere que o Concello controle as colonias felinas aplicando o protocolo CES

Esquerda Unida elevará a debate, no pleno do mes de marzo, unha moción para instar ao Concello a realizar un control das colonias felinas aplicando o protocolo CES.

O continuo abandono de gatos domésticos, unido á súa capacidade reprodutiva, orixina colonias descontroladas de gatos vagabundos en zonas urbanas que non son aptas para a súa supervivencia, ocasionando molestias aos veciños do municipio.

O control reprodutivo mediante a aplicación de programas de captura, esterilización e solta (CES) supón unha boa política de control da poboación felina dende o punto de vista da saúde pública e do benestar animal e que completa outras medidas de potenciación da tenencia responsable de animais.

Unha colonia de gatos esterilizada xoga un papel importante no control de roedores da zona. Ademais de mellorar as condicións sanitarias da propia colonia, os programas CES favorecen a hixiene do entorno ao reducir as conductas propias dos gatos non esterilizados. Alí onde se extermina traumáticamente unha colonia, esta volve a reproducirse, a poboación recuperarase a través do fenómeno coñecido como “o efecto baleiro”.

Por ese motivo, dende Esquerda Unida instamos ao goberno a levar a cabo un censo municipal de colonias felinas e que, en colaboración coas asociacións animalistas locais e os centros veterinarios do noso concello, se lles realice o protocolo CES. Así mesmo, pedimos que se favoreza e protexa a labor das/dos voluntarias/os que coidan as colonias, se realicen talleres de educación contra o abandono e maltrato animal e campañas que conciencien da necesidade da esterilización de animais domésticos.

MOCIÓN COMPLETA:

MOCIÓN SOBRE O CONTROL DAS COLONIAS FELINAS. PROTOCOLO CES (Captura, Esterilización, Solta)

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O continuo abandono de gatos domésticos, unido á súa capacidade reprodutiva, orixina colonias descontroladas de gatos vagabundos en zonas urbanas que non son aptas para a súa supervivencia, ocasionando molestias aos veciños do municipio.

O control reprodutivo mediante a aplicación de programas de captura, esterilización e solta (CES), é a solución avalada por numerosos traballos de investigación (GEMFE-AVEPA, asociación de veterinarios españois especializados en pequenos animais) e pola OMS (Organización Mundial da Saúde) e supón unha boa política de control da poboación felina dende o punto de vista da saúde pública e do benestar animal e que completa outras medidas de potenciación da tenencia responsable de animais.

Unha colonia de gatos esterilizada xoga un papel importante no control de roedores da zona. Ademais de mellorar as condicións sanitarias da propia colonia, os programas CES favorecen a hixiene do entorno ao reducir as conductas propias dos gatos non esterilizados. Alí onde se extermina traumáticamente unha colonia, esta volve a reproducirse, a poboación recuperarase a través do fenómeno coñecido como “o efecto baleiro”.

As evidencias científicas demostran que o contaxio de gatos a persoas é altamente improbable seguindo unhas condicións básicas de hixiene. Aínda así, o CES é un programa sanitario que permite que os gatos da rúa estean sans, desparasitados, e NON  constitúan ningún perigo para a cidadanía, nin para a saúde pública.

A Declaración Universal dos Dereitos do Animal, Tratados internacionais ratificados por España e os regulamentos e Directivas comunitarias en protección animal contribuíron á necesidade de establecer políticas eficaces de protección animal.

O programa CES é unha alternativa ética e respectuosa que, en colaboración con voluntarios e entidades sen ánimo de lucro, permite unha adecuada protección animal, resolvendo á vez as molestias ocasionadas á veciñanza.

VANTAXES

  • Evita molestias e conflitos.
  • Mellora as condicións de vida dos gatos censados, esterilizados e desparasitados.
  • Evítase a proliferación descontrolada.
  • Impídese a aparición de roedores.
  • Os solares mantéñense en boas condicións hixiénico-sanitarias.
  • Aforro económico comprobado e demostrado fronte ao método de captura continuada.

O manexo das colonias felinas segundo o método CES do GEMFE/AVEPA consistirá en:

  1. Exame físico.
  2. Esterilización e marcaxe.
  3. Identificación mediante microchip no caso de animais que vaian ser adoptados.
  4. Vacinación e desparasitación (no caso de ser posible a vacinación).
  5. Adopción de cachorros e de adultos socializados.
  6. Regreso á colonia 

A proba do FIV/FeLV non será un procedemento estándar, aínda que si recomendable para que entre os propios felinos non se contaxien.

O método de traballo consistirá en:

  • Organizar as colonias realizando labores de concienciación e meditación entre a veciñanza e os posibles alimentadores.
  • Controlar, alimentar e manter limpas as colonias.
  • Capturar, trasladar e devolver ás colonias aos membros de estas que esterilicen.

Por todo o anteriormente exposto, é polo que o Grupo Municipal de Esquerda Unida somete á consideración do pleno a aprobación da seguinte

PROPOSTA DE ACORDO

Instar ao goberno municipal a:

  1. Que se leve a cabo e documentar, na medida do posible, un censo municipal de colonias felinas identificando os animais que as compoñen.
  2. Que se leve a cabo o método CES nas colonias felinas do noso concello mediante un convenio de colaboración coas asociacións animalistas locais sen ánimo de lucro.
  3. Que se realicen convenios de colaboración con clínicas veterinarias do concello que queiran adherirse.
  4. Favorecer e protexer a labor das/dos voluntarias/os que coidan as colonias estudando acreditalas a través da emisión dun carné ou xustificante da actividade, que se obtería logo de recibir un curso.
  5. Estudar a posibilidade de establecer unha axuda económica para a alimentación estable dos animais xestionada polos voluntarios acreditados.
  6. Que se dote economicamente na partida orzamentaria para que, coa fórmula legal máis xusta para as partes, se poida aplicar o protocolo CES.
  7. Protexer aos gatos da rúa aplicando a lexislación vixente sobre maltrato animal e todo o contemplado nas ordenanzas municipais para a protección de animais ao igual que as demais categorías de animais establecidas na mesma.
  8. Realizar talleres de educación contra o abandono e maltrato animal, así como campañas que conciencien da necesidade de esterilización de animais domésticos.
  9. Que se convoque unha comisión para traballar este tema, concretar todos os aspectos e medidas precisas, así como realizar reunións con ditas asociacións para chegar á mellor solución contando con todas as partes.