Amosando publicacións coa etiqueta comunicados. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta comunicados. Amosar todas as publicacións

09 xullo 2024

EU critica a xestión turística do Grove e cuestiona a implantación dunha taxa na situación actual do concello

Susana Millán realizou unha contundente análise da situación turística do concello que cualifica como desoladora.

Denuncia o estado de deterioro de paseos, accesos a praias, rutas de sendeirismo ou o estado das rúas, pero tamén da falta de promoción turística. 

Consideran que antes de falar de Taxa Turística é preciso contar cunha imaxe e uns servizos mínimos que, entenden, agora mesmo non se están ofrecendo.

O Grove, 9 de xullo de 2024.– O grupo municipal de Esquerda Unida mostrou as súas reservas sobre a proposta do Alcalde de crear unha Taxa Turística no Grove. Aínda que a agrupación considera comprensible a necesidade de cubrir os gastos xerados pola afluencia turística, como a contratación de persoal, o aumento do consumo da auga, o acondicionamento das praias e accesos,... consideran que “é difícil que esta taxa sexa acollida con agrado polos turistas e o sector nas condicións que está a día de hoxe o concello”. Entenden, en palabras da súa concelleira, Susana Millán, que "antes de falar dunha taxa, é preciso ofrecer unha imaxe e uns servizos, cando menos, mínimos, que a día de hoxe non se están dando".

Cumprido un ano desde as últimas eleccións municipais, a análise que Esquerda Unida fai sobre o estado do turismo no Grove é desoladora. Millán destacou que "nos últimos anos pasamos de ser unha vila referente na nosa contorna a ser unha vila na que levamos máis de 4 anos sen planificación e sen realizar ningunha actuación nesta área". Proxectos emblemáticos como o Paseo de Pedras Negras, Punta Moreiras, Monte Siradella e iniciativas innovadoras como a "Aldea Grobit" ou o "Proxecto Pío" foron abandonados, reflectindo a falta de interese do goberno local polo sector turístico.

A concelleira puxo de relevo o deterioro de diversas infraestruturas turísticas, mencionando especificamente o estado dos paseos de A Lanzada, Pedras Negras ou os accesos ás praias, pero tamén do Paseo de Beiramar, onde “o mobiliario urbano está deteriorado, con elementos oxidados, baldosas rotas e chans afundidos”. Tamén sofren as consecuencias da falta dun plan de actuación o entorno de Punta Moreiras e os Miradoiros de Monte Siradella ou Con da Edra. “Os sinais das rutas de sendeirismo de Adro Vello, Con Negro ou da Ruta Padre Sarmiento foron desaparecendo sendo case imposible facer ou recoñecer o seu trazado e o Museo da Salazón de Moreiras está nun estado lamentable”, denunciou Millán.

Millán criticou a falta de materiais promocionais nos últimos cinco anos, tanto en papel como en formato dixital, e a desaparición da presenza do Grove en feiras de turismo como FITUR. "Pasamos de ter unha web oficial a ter un espazo na web compartida con Sanxenxo do proxecto RED.es. E na última Festa do Marisco, por primeira vez, non se fixo a presentación do cartel da seguinte edición, que finalmente será presentado esta semana, a tres meses de comezar a festa", explicou.

Esquerda Unida tamén destacou a falta de persoal no sector turístico, mencionando a demanda histórica dun técnico de turismo e a vacante no Museo de Salazón que aínda non foi cuberta. Subliñan tamén a preocupación dos veciños e visitantes pola falta de mantemento dos accesos ás praias, a deterioración dos paneis informativos, a falta de limpeza nas rúas e os cheiros dos colectores nos meses de calor. "O lamentable estado do asfaltado, a confusa sinalización viaria e as vivendas en estado ruinoso contribúen á sensación de abandono da vila", indicou.

A concelleira de Esquerda Unida destacou a inacción do goberno local respecto ao Plan de Sustentabilidade Turística "Gastromeca", que conta con 2 millóns de euros de fondos europeos, "un ano despois do anuncio, aínda non se executou un só euro”. Por último, critica a falta de constitución do Consello Local de Turismo e a ausencia de reunións prometidas. "Todo isto demostra a falta de interese deste goberno polo sector turístico, clave na economía local do Grove”.

Millán concluíu indicando que están dispostos a sentarse e falar de Taxa Turística, “pero primeiramente é preciso saber cal é o modelo turístico que queremos para O Grove e ofrecer uns servizos mínimos e unha imaxe de calidade que a día de hoxe non se está ofrecendo”.

29 abril 2016

O 1 DE MAIO, REIVINDICANDO A RECUPERACIÓN DOS NOSOS DEREITOS DE CLASE TRABALLADORA




72.000 empregos destruídos nos últimos catro anos en Galicia.
75.000 unidades de convivencia con todos os membros en paro.
32.800 familias sen ningún ingreso.
300.000 traballadoras e traballadores cun salario igual ou menor do SMI.
92% dos contratos foron de carácter temporal no 2015.
40% de taxa de desemprego na xente moza.


Estes son algúns exemplos de datos demoledores cos que se escribe un triste relato dun país que destrúe o seu emprego, un lugar onde os fogares están nunha situación insostible, mentres o Goberno segue a aplicar unhas políticas dirixidas ao enriquecemento dunha minoría. É dicir: estamos a vivir nun país destrutor da economía e inimigo do ben común.

14 abril 2016

LEMBRANZA REIVINDICATIVA DA NOSA MELLOR HISTORIA

 

Manifesto republicano de Esquerda Unida.

Lembramos para reivindicar, no 85 aniversario da proclamación da República, a tantas persoas que entregaron o seu traballo para erguer a esperanza compartida de construír un novo país. Non queremos esquecer o exemplo de dignidade democrática que as urnas da primavera republicana de 1931 expresaron ao derrotar a un réxime apodrecido entre a miseria e explotación á que sometía ás clases traballadoras e a corrupción estrutural na que vivían as elites daquela I Restauración Borbónica.

A República constituíu, entón, a resposta das clases traballadoras e populares para disputar ás clases dominantes, a dirección política do Estado, a construción material de condicións de vida dignas para a maioría social traballadora, e en resumo a ferramenta para acadar a hexemonía de valores, a panca básica para a transformación social. 
 
A proclamación da República fora posible polos azos unitarios construídos e que callaron na acción política e electoral conxunta republicana e socialista. A mellora das condicións laborais, os avances na loita pola igualdade que simbolizou o sufraxio universal, os milleiros de novas escolas unificadas, o proceso social polo que o noso pobo gañou dignidade ao derrotar ao caciquismo e plebiscitar o autogoberno… son algúns dos fitos dunha República que na Fronte Popular sinalou o camiño do porvir. Dese alento transformador somos coherdeiros e corresponsables todas e todos os que acreditamos na apertura dun proceso constituínte cando o réxime da II Restauración Borbónica provoca condicións de vida insoportables para tantas e tantos de nós.