Amosando publicacións coa etiqueta A Rúa. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta A Rúa. Amosar todas as publicacións

domingo, 15 de setembro de 2024

Esquerda Unida presenta a rendición de contas do primeiro ano de mandato

O boletín, que xa está dispoñible na web www.euogrove.es e nos vindeiros días será distribuído na rúa en formato papel, supón un exercicio de compromiso coa transparencia e o traballo realizado polos seus concelleiros.

Nas súas oito páxinas ofrecen un detallado resumo dos diferentes rogos e preguntas expostos nos plenos, das diferentes mocións, dos comunicados de prensa, da axenda dos concelleiros e dos diferentes acordos alcanzados.

O Grove, 15 de setembro de 2024.- O Grupo Municipal de Esquerda Unida saca á rúa a súa rendición de contas correspondente ao primeiro ano de mandato, nun exercicio de transparencia e compromiso coas veciñas e veciños do Grove. Este informe, dispoñible tanto en formato dixital na súa páxina web como en formato papel que se repartirá polas rúas nos vindeiros días, ofrece un detallado resumo das accións e iniciativas levadas a cabo polos concelleiros José Antonio Otero, Susana Millán e Anxo Meis.

Baixo o título "Compromiso e Transparencia: Un ano de labor do Grupo Municipal", Esquerda Unida destaca o traballo realizado en diferentes ámbitos, dende os numerosos rogos e preguntas formulados nos plenos municipais ata as mocións presentadas, e os acordos alcanzados co grupo de goberno que beneficiaron á veciñanza.

O boletín tamén inclúe os diferentes comunicados de prensa enviados polo grupo municipal e a axenda dos concelleiros, que reflicte a súa intensa actividade en reunións con colectivos, encontros co goberno e a súa participación en actos institucionais, unha información que Esquerda Unida considera esencial para achegar á cidadanía unha visión completa do seu labor.

Entre as accións destacadas sublíñanse o acordo do mes de xullo de 2023 que, ademais de ocasionar unha redución no salario do goberno municipal, supuxo un compromiso para varias accións a curto prazo; e o acordo de xullo de 2024 que permitiu destinar unha parte significativa do Remanente de Tesourería do 2023 a melloras para O Grove.

Esquerda Unida reafirma o seu compromiso coa transparencia e a rendición de contas, comprometéndose a seguir traballando con firmeza para mellorar a calidade de vida dos seus veciños e veciñas.

[descargar Rendición de Contas]

sábado, 10 de xaneiro de 2015

Regresa 'A Rúa', o boletin informativo de Esquerda Unida O Grove

Logo dunha ausencia maior da que nos gustaría, volvemos a poñer 'A RÚA' nas túas mans co propósito de recuperar esta ferramenta de intercambio de información, de diálogo, de encontro, de conversa cos nosos militantes, simpatizantes e veciños do Grove.

As diferentes seccións na que se divide 'A RÚA' pretenden fundamentalmente dous obxectivos. Por unha banda, informarvos das iniciativas e actividades da agrupación local de Esquerda Unida, incluíndo as mocións e iniciativas que a nosa agrupación presente nos plenos do Concello. O certo é que cremos que moitas das nosas xestións se perden no esquecemento por causa do silencio sistemático a que nos someten os medios de comunicación social nesta comarca. 

En segundo lugar, pero non por iso menos importante, queremos que 'A RÚA' sirva para abrir canles de comunicación con todos vós para así poder obter as vosas suxestións, propostas e inquietudes, imprescindibles para mellorar a nosa actividade futura. Naturalmente, tamén queremos coñecer as críticas que poidades ter sobre a nosa actividade; a vosa opinión neste sentido tamén nos será moi útil.

Para facernos chegar todas estas ideas e suxestións podedes utilizar calquera vía, desde falar directamente con calquera de nós ata utilizar o noso facebook (http://facebook.com/euogrove), a nosa páxina web (http://ww.euogrove.blogspot.com) ou o noso correo electrónico (euogrove@gmail.com).

Agardamos que 'A RÚA' sexa un diálogo produtivo e vivo.