25 maio 2026

EU insta ao Concello a ofertar máis prazas e servizo de comedor no Plan Concilia ante a cancelación do campamento da ANPA Conchases

A formación lembra que o campamento que se celebraba no CEIP Rosalía de Castro acollía a preto dun centenar de nenos e nenas, dos que arredor da metade utilizaban o comedor, un servizo que de por si xa debería contemplar o concello. 

Denuncian a falta de planificación do goberno, coñecedor da situación, e consideran que debería ofrecer unha solución xa que moitas familias quedarán sen unha alternativa clave para a conciliación durante o verán.

O Grove, 25 de maio de 2026.- Esquerda Unida vén de reclamar ao Concello do Grove que amplíe os recursos destinados á conciliación familiar e laboral durante o verán, tras coñecerse a apertura do proceso de inscrición do Plan Concilia 2026 e a confirmación de que este ano non se celebrará o campamento organizado pola ANPA do CEIP Rosalía de Castro, suspendido debido ás obras que se están a desenvolver no centro educativo. 

O programa municipal inclúe a Ludoteca, destinada, igual que o ano pasado, a un centenar de nenos e nenas nados entre 2018 e 2022, e o Campamento Deportivo, que mantén as mesmas 200 prazas do pasado ano, dirixido a persoas nadas entre 2012 e 2019. Porén, desde Esquerda Unida consideran que a oferta pode resultar insuficiente para cubrir as necesidades reais das familias do Grove ao non celebrarse o campamento da ANPA Conchases, que acollía a outro centenar de nenos e nenas. 

A situación complícase máis tendo en conta que o campamento que se celebraba no CEIP Rosalía de Castro ofertaba tamén servizo de comedor, do que facían uso preto de 50 familias. “O problema non é só a perda de prazas, senón tamén a desaparición dun servizo fundamental para moitas familias como era o comedor”, sinala concelleiro de Esquerda Unida, Anxo Meis. “Estamos falando de pais e nais que durante o verán teñen máis carga laboral precisamente polo incremento da actividade turística e que agora van atoparse con menos ferramentas para poder conciliar”. 

Dende a formación lembran que a necesidade de conciliación xa é importante ao longo de todo o ano, pero intensifícase especialmente durante os meses de verán nun concello como O Grove, onde moitas persoas traballan na hostalaría, no comercio ou en actividades vinculadas ao turismo. 

Esquerda Unida considera que o Concello debería actuar con previsión ante unha situación que xa coñecía, procurando alternativas que permitan ampliar o número de prazas e estudar fórmulas para ofrecer tamén servizo de comedor. Neste sentido, a formación lembra que leva anos defendendo medidas de conciliación máis ambiciosas e sostidas no tempo. 

“Sempre estivemos comprometidos coa conciliación familiar. Por iso levamos anos propoñendo campamentos municipais tamén noutras épocas non lectivas, como Nadal ou Semana Santa, e mesmo con servizo de comedor, especialmente dirixido ás familias máis vulnerables”, explica Meis. 

Neste sentido, consideran incoherente que o Concello sufrague durante o curso escolar o comedor de determinadas familias a través dos Servizos Sociais e que, pola contra, non contemple alternativas similares nos períodos non lectivos. “Non estamos pedindo nada novo nin imposible. Estamos falando de medidas que xa funcionan noutros concellos e que forman parte do modelo de conciliación e apoio social que defendemos desde hai anos”, engaden. 

Ademais, Esquerda Unida entende que a cancelación do campamento do Rosalía non debería asumirse como inevitable simplemente polas obras no centro. “Seguramente, se existise unha colaboración municipal estable, un convenio co comedor ou unha implicación real do Concello, tanto a ANPA como a administración local poderían traballar da man para procurar alternativas, como sucede noutros concellos da contorna”, sinala Meis. 

Por último, advirten de que moitas familias veranse obrigadas a pedir reducións de xornada, reorganizar horarios ou incluso buscar empregos compatibles co coidado dos seus fillos e fillas, o que pode derivar en consecuencias económicas importantes. “Un concello comprometido coa conciliación e coas familias vulnerables non pode mirar para outro lado ante unha situación como esta”, conclúen.

14 maio 2026

Esquerda Unida denuncia o “absurdo” de arranxar baldosas en rúas que van ser abertas en poucas semanas

A formación critica a “improvisación e falta total de planificación” do goberno local no uso dos cartos públicos. 

Lembran tamén o caso do Corgo, onde se prevé retirar elementos instalados hai apenas uns anos dentro dunha actuación presentada como “refuxio climático”.

O Grove, 14 de maio de 2026.-Esquerda Unida denunciou hoxe a “pésima planificación” do goberno municipal tras comprobar que o Concello está a destinar recursos públicos á reparación de baldosas en rúas nas que xa existen actuacións integrais previstas a curto prazo. 

A formación lembra que o pasado mes de marzo o alcalde anunciaba a posta en marcha dun contrato de arredor de 48.000 euros destinado ao mantemento e conservación de espazos públicos, asegurando que o obxectivo era deixar o municipio “en perfectas condicións” de cara á tempada estival. 

Desde Esquerda Unida sinalan que sempre defenderon a necesidade dun plan de mantemento para o municipio, lembrando que “levamos anos denunciando o deterioro das rúas e reclamando actuacións continuadas e planificadas”. Porén, consideran que o problema aparece “cando se executan reparacións sen ningún tipo de coordinación coas obras xa previstas”. 

Como exemplo, a formación pon o caso da rúa do camiño do Con do Gato, onde esta mesma semana se estiveron arranxando baldosas a pesar de que en poucas semanas a vía será aberta por completo para executar substitución de tubaxes e posterior formigonado. 

Lembran que algo semellante produciuse recentemente diante da Casa do Concello, onde tamén se realizaron reparacións de baldosas cando se vai executar unha actuación de maior envergadura. 

“O máis grave é que nin sequera podemos falar de falta de coordinación entre departamentos distintos, porque ambas actuacións dependen da mesma concellería. É dicir, quen ordena arranxar esas baldosas sabe perfectamente que esas rúas van ser abertas ao pouco tempo”, critican. 

Para a formación, esta maneira de actuar “non responde a un modelo serio de mantemento, senón á improvisación permanente e ao malgasto de cartos públicos”. 

Esquerda Unida advirte ademais de que esta situación “non é un feito illado”, lembrando tamén o que sucederá coa obra do Corgo, presentada como un refuxio climático. A actuación contempla o desprazamento e nova instalación dunha iluminación colocada hai apenas ano e medio cun custo próximo aos 100.000 euros, así como a eliminación das “paulonias” plantadas hai só seis anos co mesmo obxectivo climático que agora se pretende xustificar coa nova actuación. Unhas cuestións xa foron expostas polo grupo municipal no pasado pleno. 

“Ao final, as consecuencias destas malas decisións non as pagan quen as toma, senón toda a veciñanza do Grove”, conclúen.

03 maio 2026

COMUNICADO. A Toxa non se pecha

COMUNICADO

A Toxa non se pecha

Dende Esquerda Unida queremos amosar a nosa firme oposición a calquera medida que supoña restrinxir o acceso rodado á illa da Toxa, un espazo que forma parte do patrimonio colectivo de toda a veciñanza do Grove.

A Toxa non é unha propiedade privada ao uso, senón un símbolo da nosa identidade e un dos principais activos turísticos do municipio. Pretender limitar o acceso público supón un paso máis cara á privatización dun espazo que a presión social acabou por consolidar como público e accesible. Dar agora pasos atrás nese camiño sería un erro histórico.

Esta proposta, que sae á luz estes días, non é nova. Consideramos que esta idea parte do Grupo Hotusa, tendo en conta o crecente protagonismo deste grupo na illa e os movementos que xa se produciron nos últimos anos para asumir un maior control da súa xestión.

Non en balde, hai case un ano, Hotusa tentou facerse co control da Illa impulsando un borrador de estatutos para a creación da Entidade Urbanística de Conservación que contemplaba, entre outras cuestións, estas medidas restritivas. Isto xerou unha importante oposición entre propietarios da propia illa, preocupados por quedar á marxe das decisións. Entendemos que se agora se volve poñer enriba da mesa é porque se produciu un xiro nos acontecementos e existe un traballo de convencemento sobre unha parte significativa dos propietarios.

Dende Esquerda Unida xa solicitamos no mes de setembro, por rexistro, o borrador dos estatutos que supostamente estaban en elaboración conxuntamente co Concello. A día de hoxe, esa documentación non foi facilitada, o que resulta difícil de entender e nos fai sospeitar que houbo unha vontade intencionada de non compartir información sobre un asunto de grande relevancia pública.

Estamos, polo tanto, ante unha estratexia continuada que responde máis a intereses particulares que ao interese xeral.

Consideramos que unha cuestión desta relevancia debería ter contado cun rexeitamento claro por parte do goberno municipal dende o primeiro momento. Porén, esa posición non se produciu, o que evidencia unha preocupante falta de firmeza, condicionada pola relación de proximidade existente co grupo empresarial. Compre lembrar que, nos últimos anos, actos de promoción tan relevantes como as presentacións da Festa do Marisco en territorio estatal tiveron lugar en establecementos deste mesmo grupo.

A solución non pasa por pechar, senón por ordenar. É posible xestionar os fluxos de visitantes, mellorar os servizos e garantir a convivencia sen recorrer a medidas excluíntes.

A Toxa non pode converterse nun espazo exclusivo para uns poucos.

É, e debe seguir sendo, un lugar aberto para todos e todas.