Amosando publicacións coa etiqueta 17 de maio. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta 17 de maio. Amosar todas as publicacións

xoves, 17 de maio de 2018

Manifesto 17 de maio Esquerda Unida


A PROL DA CONCIENCIA DE LINGUA
POR UNHA VIDA PLENA EN GALEGO


"Porque, señores deputados, se os galegos aínda somos galegos, é por obra e gracia da linguaxe, porque un cultivo estético e científico da nosa língua vén a ser a reconquista de todo canto tivemos, e porque perdéndose a nosa linguaxe, xa non nos quedaría ningunha esperanza de revivir. (...). O desprezo da lingua materna significa unha renuncia de dereitos, e provén dunha anestesia da dignidade colectiva".

Quen así se pronuncia é Alfonso Daniel Rodríguez Castelao nas Cortes Constituíntes da II República, desde o seu cargo de deputado, para defender unha emenda que se propón a tarefa de que se dignifique a nosa lingua, a lingua galega.

Hoxe, 87 anos despois, neste día das Letras Galegas de 2018, cómpre saírmos ás rúas desde o convencemento da necesidade de aínda loitarmos pola nosa lingua, por non renunciar aos nosos dereitos, por reanimar a voz durmida non só de quen non quere expresarse en lingua galega, senón e sobre todo de quen ten a responsabilidade de ofrecer a todas as persoas a posibilidade de vivirmos en galego.

A defensa da lingua materna faise desde as idades máis temperás. Non obstante, o que nos atopamos é que é máis doado a aprendizaxe do inglés ca a da lingua galega. Só un 4,6% da programación infantil na TVG2 é en galego. O futuro é máis incerto todavía, xa que sabemos que o Xabarín Club, nado no 1994, un dos programas máis emblemáticos, e que máis contribuíu á normalización da lingua galega, está en serio perigo de desaparición. Nas canles máis habituais de contidos infantís, CLAN TV, DISNEY CHANNEL, BOING, a lingua galega non figura como lingua de acceso a través de subtítulos. De feito, a programación infantil foi confinada en TVG2 para non acadar, sequera, un triste 1% dos contidos totais.

Para que exista normalidade no uso da nosa lingua, cómpre mecanismos correctores da actual situación deficitaria. É vital se queremos que a sensibilización, a concienciación e o uso da lingua galega sexan un hábito na cidadanía. E, desde esta óptica, é fundamental e imprescindible a actuación do máximo responsable político, a Xunta de Galicia.

Dáse un incumprimento das obrigas normativas por parte das administracións públicas en case todos os eidos da vida pública. Mais cómpre incidir en dous eidos que son poderosos conformadores de hábito e imaxinario: os medios de comunicación e a educación. Os informes da Mesa Pola Normalización Lingüística de Galicia e do Observatorio de Dereitos Lingüísticos son claros ao respecto: a lingua galega non coñece unha real igualdade co castelán.

A aparición da TDT supuxo a aparición dunha programación máis ampla. Mais, isto beneficiou á presenza da nosa lingua na oferta? Non. Se consideramos que un 90% da poboación galega vé a televisión a diario, resulta evidente que a ausencia de contidos en lingua galega (proprios, dobrados ou subtitulados) supón unha lousa para a creación de hábitos lingüísticos e culturais.

Se lemos o último informe do Consello da Cultura Galega (CCG), comprobamos que, no caso do libro en galego, só podemos constatar o descenso de títulos (500 libros menos desde 2011), de traducións, de tiraxe, de editoriais e de axudas institucionais. Neste eido a lingua galega non resiste a comparación nin co éuscaro, nin co catalán. E neste eido vemos como as administracións públicas seguen recurtando o seu rol difusor e normalizador da lingua, xa que só entre o ano 2015 e o 2016, a edición pública diminuíu nun 26,5%, mentres que a privada o facía nun 11,9%. Cómpre mudarmos moito as políticas culturais e educativas a este respecto, para lograrmos que o 30% que non le nunca, lea e que o faga en galego. Unha das conclusións do informe do CCG non pode ser máis rotunda: "As políticas culturais en Galicia carecen dunha estratexia, diagnose, planificación e avaliación". Esta conclusión é dobremente válida para todo o que afecta á lingua galega.

O escenario dixital presenta importantes retos que cómpre tratar para que a nosa lingua non permaneza relegada nos algoritmos dos motores de procura máis importantes. De feito, se unimos a escasa incidencia da lectura da prensa a través de internet en Galicia á pouca presenza do galego da prensa en papel, o futuro para a nosa lingua é neboento e escuro.

Se as futuras xeracións teñen un acceso á lingua galega reducido nos medios de comunicación e de lecer, no sistema educativo as cousas non melloran, xa que medran nas franxas máis temperáns (principalmente entre 3 e 6 anos) as persoas que se expresan de forma habitual en castelán.

Este monolingüismo castelán vese favorecido por unhas políticas educativas que infravaloran o estatus da lingua galega, tal como a existencia do Decreto do Plurilingüismo, fondamente perxudicial para a saúde da nosa lingua. Cómpre recuperarmos o camiño que se iniciara cos contextos de inmersión lingüística se queremos que a lingua galega coñeza unha situación plenamente normalizada. Necesario, ademais, para reducir a fenda lingüística, que é tamén social, que separa o eido rural do urbano en canto a uso do galego.

87 anos despois, as palabras de Castelao que abrían este manifesto de Esquerda Unida, son, aínda, moi precisas. Hoxe, cando se homenaxea a Maria Victoria Moreno, a cuarta muller en ser recoñecida no gran Día das Nosas Letras, cómpre enfatizar o relevo que adquire o seu exemplo que, sendo cacereña de nacemento, impartiu docencia en Galicia e animou o xénero do conto infantoxuvenil en galego.

Ogallá os nosos políticos e todas as persoas que teñen responsabilidade na normalización da nosa lingua, sexan quen de manter unha relación coa lingua galega e a nosa cultura análoga á de María Victoria Moreno, só así paliaremos a nosa débil conciencia de lingua, só así deixaremos, algún día, de reivindicar a posibilidade de vivirmos unha vida plena en galego.

Por iso, remataremos este manifesto coa declaración de María Victoria Moreno:

A miña relación con Galicia e a miña opción pola súa lingua é simplemente unha historia de amor

Compostela, 17 de maio de 2018

mércores, 17 de maio de 2017

Manifesto 17 de maio, Esquerda Unida

17 DE MAIO
O DEREITO A VIVIR EN GALEGO

“Amemos as rosas porque é breve e ao tempo porque fuxe e non para, aínda que as veiras das horas, nas esquinas, morran as verdades contra o vento”
Carlos Casares

O neoliberalismo tecnocrático levado a cabo por Núñez Feijóo, con perfecto cálculo dos seus efectos e consecuencias para cos dereitos das persoas, representa unha fría espada de Damocles que ameaza con abaterse, de forma silenciosa, mais igualmente violenta, sobre as posibilidades vitais da lingua galega, en tanto que dereito das galegas e dos galegos a poder vivir en galego en todos os eidos da vida en sociedade.

As advertencias sobre a inaplicación de varios dos preceptos da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias (debéramos dicir minorizadas, pois é un efecto das políticas e estratexias do poder establecido) semellan non ter producido máis efecto ca unha defensa insulsa e pouco valente das políticas levadas a cabo pola Xunta de Galicia desde que nos desgoberna Núñez Feijóo.

Preguntámonos cal é a ambición da dereita neoliberal tecnocrática para co galego? Como poden seguir amparando unha falacia epistémica como a do bilingüismo harmónico, que non é máis ca unha coartada para unha paseniña substitución da lingua dominada e ‘minorizada’ (galego) pola dominante e ‘maiorizada’? Como é que non se ruborizan ante os recentes datos que nos falan do imparable proceso de desgaleguización? Non ten nada que ver con este feito o mal chamado Decreto do Plurilingüísimo que converte a nosa lingua nai nunha lingua estranxeira?

O último informe sobre os usos da lingua galega na mocidade, que foi presentado neste 2017, e que figura pendurado na páxina web do Consello da Cultura Galega, rexistra aspectos moi preocupantes que deberan alarmar ao executivo galego e ao departamento responsable da normalización da lingua galega.

A auto-representación da nosa lingua, mesmo nos grupos que a falan, é negativa, o que acelera e permite a existencia de actitudes e comportamentos prexuizosos cara ao galego, que non se dan con respecto ao castelán. O mesmo acontece no tocante ao mito da imposición, que sempre se dá co galego, nunca co castelán. O informe alerta de actitudes que acentúan a normalización da desigualdade histórica entre a lingua galega e a castelá, pois se o galego é vinculado a imposición, o castelán é elevado ao rango de liberdade. Son estas unhas daniñas percepcións que aniñan no imaxinario e conforman un atranco serio e real para que o galego se volva lingua de uso habitual na comunicación da mocidade.

Estas percepcións, acompañadas por unha reducidísima presenza de medios de comunicación en galego, así como por escasas expresións culturais en galego, fan que, de non producirse impulsos desde a Xunta de Galicia, o futuro da nosa lingua sexa cada vez máis fráxil. O informe mencionado fala do uso predominante do castelán no consumo cultural e mediático. O universo do lecer debe formar parte das estratexias da Xunta de Galicia á hora de deseñar políticas expansivas de uso.

Nos diferentes eidos que forman parte da enquisa levada a cabo polo Informe anterior, ponse de relevo que o castelán se impón en diferentes aspectos do medio académico, é habitual no medio laboral, onde, por momentos, o galego é claramente residual.

Desde Esquerda Unida reclamamos unha decidida actuación para garantir os dereitos lingüísticos de galegos e galegas. Con urxencia. Con rigor. O Plan Xeral de Normalización Lingüística pode ter plena validez. No entanto, sería óptimo unha actualización do mesmo, coa participación dos axentes sociais, para ter en conta a realidade do mapa de recursos e usos da lingua galega.

A lingua galega non é só unha ferramenta da que se demostra ter competencia. Non. De nada serve aseverar que existe competencia oral e escrita se logo non se usa. A lingua vive porque é o medio polo que se anoan e afortalan as relacións interpersoais. Por iso, o galego precisa ser recoñecido como útil para esas relacións interpersoais en todos os eidos da vida en sociedade.

A escola é un axente normalizador esencial, coa condición de que se faga desde o convencemento de que o galego non pode ser tratado coma se fose o inglés. Por iso, cómpre un novo decreto, que conte coa aprobación de toda a comunidade educativa. É urxente tamén que a Xunta ofreza xa unha avaliación das consecuencias do Decreto do Plurilingüismo. O último informe da Mesa pola Normalización Lingüística, A lingua galega na educación infantil de Galiza de 3 a 6 anos. Curso 2016/2017, rexistra situacións inadmisibles coma o feito de que existan máis materiais pedagóxicos e multimedia en lingua inglesa que en galego. Isto imposibilita o desenvolvemento dun ensino 100 por 100 en galego. A Xunta, en tanto que administración pública, debe garantir o acceso aos materiais didácticos e pedagóxicos e a súa diversidade. Non será preciso indicar que o castelán se converte en dominante.

Compostela, 17 de maio de 2017

martes, 17 de maio de 2016

DEFENDAMOS A NOSA LINGUA.

DEFENDAMOS A NOSA LINGUA
SE BUSCAS GALICIA /
EN TI TES QUE ATOPALA
Manuel María

Neste 17 de maio de 2016, ante o desleixo deste goberno de dereitas, a sociedade galega ten que seguir sendo o alicerece sobre o que se cimente o futuro da nosa lingua. A presión constante, a reivindicación, a denuncia ante situacións que vulneran un dereito básico rebulen na conciencia do pobo ante os permanentes ataques que sofre a lingua galega. Un pobo dono de si debe ser dono da posibilidade de vivir en galego, feito hoxe imposible debido á errada e planificada política lingüística da Xunta de Galicia.

O IV Informe da Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias, aprobado en xaneiro de 2016, advirte das nefastas consecuencias que están tendo os recortes orzamentarios e a nula vontade da Xunta de Galicia de querer inverter as tendencias desgaleguizadoras. A Xunta demostra de forma permanente que ten unha estratexia e esta non pasa pola normalización da lingua galega. O decreto mal chamado do plurilingüismo debe ser derrogado e debemos repensar entre todas e todos, a partir do Plan Xeral de Normalización Lingüística, aprobado por unanimidade no 2004, cal debe ser o camiño para que a lingua galega non sexa sentida como unha lingua estranxeira na súa propia terra. Só así poderemos inverter a perda de falantes en galego e recuperarnos de forma paseniña da perda de relevo interxeracional.

O galego non pode ser un obxecto etnográfico de museo, querido e coñecido, mais reducido no seu uso a desequilibradas situacións dunha diglosia cada vez máis ideoloxizada, que tingue de prexuízos e estigmas a lingua galega.

O galego non pode lanzarse ás redes da falacia cinetífica e política do bilingüismo harmónico, onde, de forma análoga a un proceso de devastación colonial, a nosa lingua vese desprazada e relegada polo imperio e dominio do castelán.

Un proceso que mesmo está erosionando as características internas da nosa lingua, cada vez máis debilitada pola penetrabilidade do castelán nas súas características lingüísticas.

Rematamos con esta perfecta sentenza poética do homenaxeado das letras galegas deste 2016,

Manuel María: "Galicia somos nós: /
a xente e maís a fala!"

17 de maio de 2016