A
representante no Consello Local de Turismo lembra que no 2019 EU trasladou unha
serie de actuacións en beneficio das persoas con mobilidade reducida que non
foron executadas naquela edición da festa. Agarda que este ano poidan ser
implantadas.
Dende
a Área de Muller de Esquerda Unida volven pedir a instalación dun punto morado
contra a violencia machista, esta vez dotado de persoal cualificado. Reclaman a
solicitude de reforzos para o control do aforamento, distanciamento e uso das
mascaras.
O
Grove, 2 de agosto de 2021.- A
agrupación local de Esquerda Unida rexistrou esta semana unha serie de
propostas de accesibilidade e seguridade de cara a súa implantación nesta
edición da Festa do Marisco. A representante dos esquerdistas no Consello Local
de Turismo, Susana Millán, lembra que o 90% das propostas “xa foron realizadas
no 2019 co propósito de que foran implantadas nesa edición, pero finalmente a
gran maioría quedaron sen executar”.
Millán
indica que, logo de ver como a Covid evitou que se puidera celebrar a edición
do 2020 e ante a previsión de que este ano se recuperará o evento gastronómico,
decidiron recordarlle ao goberno que “as nosas propostas están enriba da mesa
dende hai 2 anos e que, naquel entón, o Alcalde vía con bos ollos as
iniciativas aportadas polo noso grupo”. Por ese motivo, e ante a falta de
convocatorias do Consello Local de Turismo, os esquerdistas decidiron recuperar
aquel documento para, con algunha aportación a maiores, presentalo por rexistro
co propósito de que, a dous meses de comezar o evento gastronómico, “non teñan
desculpa para levalas a cabo”, dando así cumprimento ao anunciado polo voceiro
do grupo municipal de Esquerda Unida no pleno da semana pasada durante o punto
de rogos e preguntas.
Unhas
propostas que, na súa maioría, están encamiñadas a facilitar a accesibilidade
ás persoas con problemas de mobilidade. Así, dende Esquerda Unida instan aos
organizadores da festa a que instalen, como mínimo, unha caixa a nivel do chan,
co propósito de que as persoas con cadeiras de rodas ou mobilidade reducida
poidan retirar os seus tíckets de comida con maior facilidade pois, o sistema
actual impide o acceso a estas persoas. Así mesmo, solicitan que poñan persoal
a disposición destes usuarios co propósito de axudarlles na recollida dos
pratos nos diferentes soportais, pois para eles resultan inaccesibles. Para
completar esta proposta dirixida ás persoas con cadeiras de rodas, os
esquerdistas propoñen que se habiliten mesas adaptadas, xa que as actuais
resultan demasiado altas para quen sufre esta problemática.
O
acercamento dos baños públicos ao recinto da festa –agora atópanse detrás da
lonxa– ou a habilitación dun espazo con cadeiras para que as persoas con
problemas se poidan sentar durante o xantar, ou a recuperación da carta de
produtos en braille, son outras das peticións que os esquerdistas realizaron no
2019 e que repiten para esta edición.
Por
outro lado, dende Esquerda Unida insisten na necesidade de reforzar a
seguridade do evento, polo que volven reclamar que, durante esas datas, o
goberno municipal solicite axuda a outros concellos para que envíen axentes co
propósito de velar pola seguridade dos asistentes. Os esquerdistas son
conscientes de que este ano non será un evento das dimensións doutras edicións,
pero a celebración en época de Covid obriga a unha maior vixilancia en canto a
medidas de prevención (aforamentos, distanciamentos, uso da máscara facial...),
co que este reforzo está máis que xustificado.
Por
último, dende a Área da Muller que dirixe a concelleira Ana Cristina Domínguez,
lembran que hai aprobada unha moción na que o goberno se compromete á
instalación de Puntos Morados conta a violencia machista nos eventos
multitudinarios, e solicita que nesta edición da Festa do Marisco se faga
efectivo. Domínguez pide que non se cometa o erro do 2019 e que, desta vez, o
Punto Morado conte con persoal cualificado que, ademais de informar á
cidadanía, poida realizar a primeira atención e activar os protocolos
correspondentes en caso de que algunha muller sufra algún tipo de violencia
machista no transcurso da festa gastronómica.
Tanto
Susana Millán como Ana Cristina Domínguez, agardan que esta vez o goberno
atenda as peticións esquerdistas e aplique as medidas encamiñadas a que “todas
as persoas que nos visitan poidan disfrutar da Festa do Marisco en igualdade de
condicións, obtendo as maiores facilidades e, sobre todo, se sintan seguras”.
Gabinete
de Prensa
Esquerda
Unida O Grove
DESCARGAR/VER DOCUMENTO PRESENTADO POR REXISTRO COAS PROPOSTAS