Amosando publicacións coa etiqueta EU. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta EU. Amosar todas as publicacións

venres, 26 de abril de 2019

EU denuncia ante a Xunta Electoral que o PSOE empregue a alcaldía con fins electorais

A formación reclama a adopción das medidas oportunas ante o acto convocado por Cacabelos para facer propaganda da xestión municipal

O Grove, 25 de abril de 2019.- Esquerda Unida ven de presentar ante a Xunta Electoral de Zona de Cambados unha reclamación polo uso electoralista das institucións municipais que pretende realizar o PSOE. A formación denuncia que o goberno local socialista empregue o Concello como un instrumento de propaganda. E reclama a adopción das medidas oportunas ante a convocatoria dun acto co que o alcalde está a saltar de xeito obvio e descarado o Réxime Electoral Xeral. 

Esquerda Unida solicita que a Xunta Electoral actúe ante a charla anunciada polo alcalde para falar do PXOM, o auditorio e o centro de día. A formación denuncia un evento co que o goberno de Jose Cacabelos incumpre o artigo 50.2 da Lei Orgánica 5/1985, de 19 de xuño, de Réxime Electoral Xeral. Punto onde se indica textualmente que “desde a convocatoria das eleccións e ata a celebración das mesmas queda prohibido calquera acto organizado ou financiado, directa ou indirectamente, polos poderes públicos que conteña alusión ás realización ou logros obtidos”. 

Habida conta de que a convocatoria de eleccións foi publicada no BOE o pasado 2 de abril, Esqueda Unida denuncia que o PSOE pretenda saltar a lei nalgo tan obvio e de xeito descarado. “Se con isto actúa deste xeito, que non se terá feito na opacidade do despacho do alcalde, por onde Cacabelos mandou desfilar a todo veciño preocupado polo PXOM”, critica a formación. 


EU entende que a nomeada charla non é outra cousa que un mitin con intencións electoralistas. Un acto co que o PSOE pon de manifesto a súa visión das institucións como un instrumento que empregar en beneficio propio en lugar de ao servizo da veciñanza. 

domingo, 21 de outubro de 2018

EU denuncia atrasos de máis dun ano no pago a asociacións culturais que actuaron na Festa do Marisco

A fomación denuncia os impagos e insta ao Concello a saldar as débedas de inmediato

Lamenta o desleixo do goberno local e o abuso cara aos colectivos locais no que ten incorrido o grupo do PSOE

O Grove, 20 de outubro de 2018.- O grupo municipal de Esquerda Unida insta ao goberno local a asumir coa máxima celeridade a débeda que mantén dende hai xa máis dun ano con distintas asociación culturais que actuaron na edición de 2017 da Festa do Marisco. A formación considera inaceptable que, cando xa teñen concluido os festexos deste ano, o executivo de Cacabelos aínda non teña afrontado os pagos correspondentes ao exercicio anterior. Unha actitude que evidencia unha inaceptable falta de consideración do Concello cara aos colectivos locais que colaboran na programación do Marisco.

Cando a Festa do Marisco deste ano xa ten sido clausurada, son varios os colectivos que aínda non cobraron polas actuacións realizadas na celebración de 2017. E, a pesar de que o asunto xa foi denunciado en pleno polo grupo de Esquerda Unida, o goberno socialista continúa, nunha inaceptable mostra de desleixo e falta de consideración, sen facerse cargo deses pagos. 

EU quere denunciar públicamente uns impagos que non afectan únicamente aos colectivos culturais. E é que, tal e como explica o responsable local da formación, o grupo municipal esquerdista ten “constancia de que outros servizos da edición pasada foron abonados nas semanas previas ao comezo desta festa”.

Para Esquerda Unida resulta intolerable o ninguneo ao que o goberno local está a someter aos colectivos locais que, ano tras ano, poñen o seu esforzo ao servizo do Grove e colaboran para que a Festa do Marisco poida contar cunha programación cultural o máis ampla posible. “Segundo sabemos, a un dos colectivos afectados díxoselle en agosto que a factura tiña que ir a pleno, pero en setembro non foi e para outubro, polo que temos entendido, tampouco irá”, explica José Antonio Otero, que solicita que “se axilice ao máximo o trámite para que a nomeada factura poida entrar na orde do día da sesión plenaria deste mes e así os afectados poidan cobrar polo traballo realizado o máis axiña posible”.

Para Esquerda Unida non resulta aceptable que a administración local incorra neste tipo de prácticas, desatendendo as súas obrigas de pago e prestando unha consideración nula ás necesidades duns colectivos que sempre se caracterizaron polo seu afán de colaboración. 

Así as cousas, a formación apela á responsabilidade do goberno local para que algo así non volva repetirse. E, ademais de instar ao grupo que lidera Jose Cacabelos a saldar coa máxima celeridade as débedas atrasadas, esixe que os servizos correspondentes á edición deste ano sexan abonados polo Concello en tempo e forma. 

venres, 26 de febreiro de 2016

Esquerda Unida anima ás xentes da comarca a participar na manifestación en defensa do sector do mar este sábado en Compostela

A agrupación comarcal de Esquerda Unida celebra a vitoria das xentes  do mar en contra da Lei de Acuicultura, pero fai fincapé na necesidade de manter a mobilización social para mellorar as condicións dun sector  tan importante na comarca.

Vilagarcía de Arousa, 24 de febreiro de 2016.­ Dende Esquerda Unida celebran a retirada  do anteproxecto de Lei de Acuicultura, mediante a cal a Xunta pretendía entregar o litoral e  as augas interiores galegas ás multinacionais; aínda que, segundo recordan na organización de esquerdas, neste eido fica moito por mellorar como, por exemplo, no referente á mellora da lei de pesca ou co problema do cerco e a defensa da pesca artesanal, entre outros.

Segundo explica Juan Fajardo, membro da dirección de EU e deputado de AGE, “as facilidades para a instalación das multinacionais e as súas prácticas monopolistas   facían deste texto unha bomba perfecta para esnaquizar o noso mar e a economía do  noso sector primario. Tan só a protesta unánime da sociedade lograba, nun primeiro  momento, paralizar a lei e, esta mañá ​(polo martes), a catro días dunha manifestación  multitudinaria, foi posible que o Goberno galego aceptara finalmente retirar o  proxecto de Lei de Acuicultura​”, expón.

“Se ben a presión da sociedade e a manifestación convocada polas confrarías, foron factores decisivos para forzar á Xunta de Galicia a este cambio, o xesto do Goberno non acabará coa manifestación deste sábado e a convocatoria manterase, xa que agora é  o tempo de buscar solucións ao problema do cerco e as cotas, a defensa da pesca  artesanal, da rexeneración das nosas rías ou de mellorar a lei de pesca; desafíos aos  que a conselleira Quintana non está preparada, polo que seguimos a esixir a súa dimisión​”, di Fajardo.

Así, dende Esquerda Unida Arousa fan un chamamento ás xentes da comarca a mobilizarse  este sábado en Santiago de Compostela en defensa do sector do mar, “un sector  produtivo clave na nosa comarca​” en palabras do coordinador de EU en Arousa. Segundo Bueno “é unha excelente noticia a gran cantidade de autobuses que sairán  desde as distintas localidades este sábado para manifestarse en defensa dun sector que  dá emprego a milleiros de persoas na nosa comarca e en contra do cal se situou o goberno do PP na Xunta que prefire posicionarse en defensa dos intereses das multinacionais  fronte aos intereses das traballadoras e traballadores do mar​”.

domingo, 26 de abril de 2015

Esquerda Unida, BNG e PSdG-PSOE tachan de estrataxema idigna a hora do pleno

Os tres partidos da oposición consideran que a hora da celebración do pleno atende a un ocultismo por parte do goberno tripartito que intente, entre outras cousas, aprobar o expediente de contratación do CICRI sen que os veciños poidan mostrar o seu rexeitamento.
Asi mesmo, entenden como indecente que no derradeiro pleno do mandato, o tripartito pretenda hipotecar á futura corporación e as arcas municipais con unha obra de 2,5 millóns de euros, chamada a ser "o pequeno gaiás" de Miguel A. Pérez e Rafael Louzán,  cando o Grove segue sen centro de día e un novo centro de saude.
NOTA DE PRENSA ÍNTEGRA
O Grove, 25 de abril de 2015. Esquerda Unida (EU), Bloque Nacionalista Galego (BNG) e o Partido Socialista Obreiro Español (PSdG-PSOE) denuncian o intento de ocultismo por parte do goberno tripartito e en particular polo alcalde Miguel Ángel Pérez, ao convocar novamente unha sesión plenaria ás nove da mañá. Un pleno onde, entre outros asuntos, se debaterá e previsiblemente se aprobará por parte do goberno do Partido Popular, Partido Galeguista Demócrata e Alternativa Meca a apertura do expediente de contratación para a obra do “Centro de Interpretación, Desenvolvemento e Divulgación da Carpintería de Riberia (Cicri)”.
Os tres partidos que forman parte da oposición consideran que, tras as mobilizacións contra o PXOM e a asistencia masiva nos últimos plenos do concello, este novo horario atende a unha estrataxema indigna por parte do goberno tripartito, que pretende evitar a asistencia da cidadanía ao pleno e que esta mostre o seu rotundo rexeitamento a esta aberración urbanística.
Ademais, EU, BNG e PSdG-PSOE cren indecente que sexa no derradeiro pleno do mandato cando unha obra valorada en máis de dous millóns e medio de euros poida ser aprobada, hipotecando así á nova corporación que sairá nas urnas en pouco menos dun mes. Namentres o centro de día e o centro de saúde seguen sendo unha ilusión no concello, o goberno pretende aprobar unha obra que está chamada a ser “o pequeno Gaiás” de Miguel Ángel Pérez e Rafael Louzán. Unha obra inútil que non demandan os veciños e veciñas e que hipotecará as arcas do concello de O Grove.

Juán Lamelas Alfonso.
Voceiro de EU no concello Grove

Heládio Outeiro Padim
Voceiro do BNG no Grove

José Antonio Cacabelos Rico

Voceiro do PSdG-PSOE no Grove

sábado, 10 de xaneiro de 2015

Regresa 'A Rúa', o boletin informativo de Esquerda Unida O Grove

Logo dunha ausencia maior da que nos gustaría, volvemos a poñer 'A RÚA' nas túas mans co propósito de recuperar esta ferramenta de intercambio de información, de diálogo, de encontro, de conversa cos nosos militantes, simpatizantes e veciños do Grove.

As diferentes seccións na que se divide 'A RÚA' pretenden fundamentalmente dous obxectivos. Por unha banda, informarvos das iniciativas e actividades da agrupación local de Esquerda Unida, incluíndo as mocións e iniciativas que a nosa agrupación presente nos plenos do Concello. O certo é que cremos que moitas das nosas xestións se perden no esquecemento por causa do silencio sistemático a que nos someten os medios de comunicación social nesta comarca. 

En segundo lugar, pero non por iso menos importante, queremos que 'A RÚA' sirva para abrir canles de comunicación con todos vós para así poder obter as vosas suxestións, propostas e inquietudes, imprescindibles para mellorar a nosa actividade futura. Naturalmente, tamén queremos coñecer as críticas que poidades ter sobre a nosa actividade; a vosa opinión neste sentido tamén nos será moi útil.

Para facernos chegar todas estas ideas e suxestións podedes utilizar calquera vía, desde falar directamente con calquera de nós ata utilizar o noso facebook (http://facebook.com/euogrove), a nosa páxina web (http://ww.euogrove.blogspot.com) ou o noso correo electrónico (euogrove@gmail.com).

Agardamos que 'A RÚA' sexa un diálogo produtivo e vivo.



luns, 24 de febreiro de 2014

Esquerda Unida denuncia a situación de desgoberno e parálise na que se atopa o Concello do Grove

A agrupación local de Esquerda Unida ven de denunciar a situación de desgoberno no que se atopa o Concello do Grove. A ausencia dun secretario/a municipal impide que se poidan resolver asuntos importantes na vida diaria municipal -licencias e autorizacións urbanísticas, fraccionamentos de dévedas, solicitudes de vaos, conexións á rede de auga, debolucións...- ao non poderse convocar as xuntas de goberno local. Así mesmo, por este motivo tampouco se celebrará o pleno ordinario do mes de febreiro, no que o noso concelleiro Xam Lamelas pretendía someter a votación a posibilidade de sumarse á demanda Constitucional contra a Reforma da Lei de Administracións Locais.

xoves, 15 de novembro de 2012

Cortexo cívico ao Parlamento de Galicia

Mañá constitúese o Parlamento da Galicia. Os nosos deputados e deputadas irán camiñando dende a Praza de Galicia ao Parlamento acompañados por un cortexo cívico coa xente que queira sumarse. Todos so cidadáns que desexen sumarse ao cortexo xunto aos nosos parlamentarios deberán estar mañá venres 16 de novembro ás 10 da mañá na Praza de Galicia de Santiago de Compostela. O pobo puxo a AGE no Parlamento e o pobo é quen a leva alá.