mércores, 23 de xullo de 2025

EU presenta unha moción para reclamar que o Ministerio de Vivenda ceda ao Concello do Grove dous terreos da Sareb para vivenda pública

A proposta será debatida no pleno do luns e insta ao Goberno a transferir dous solares en mans da Sareb para impulsar vivenda social municipal.

Desde EU consideran que a situación da vivenda no Grove é insostible e cómpre mobilizar todos os recursos dispoñibles para garantir o dereito a un fogar digno.

O Grove, 23 de xullo de 2025.-O grupo municipal de Esquerda Unida vén de rexistrar unha moción para o seu debate no pleno ordinario deste mes, previsto para o vindeiro luns, na que reclama ao Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana que ceda ao Concello do Grove dous terreos de titularidade da Sareb para destinalos á construción de vivenda pública.

A proposta sinala como obxectivo prioritario mobilizar solo en mans públicas para dar resposta á grave crise de acceso á vivenda que sofre a veciñanza do Grove, especialmente a xuventude e as familias traballadoras. En concreto, Esquerda Unida insta ao Goberno a transferir gratuitamente dous solares situados na Rúa Bouzas e na Rúa Luis A. Mestre, ambos os dous propiedade da Sareb, pero que segundo a nova estratexia estatal xa foron ou están sendo incorporados ao patrimonio do Ministerio.

“Trátase de dous terreos perfectamente viables para desenvolver pequenas promocións públicas de vivenda en réxime de alugueiro social, que é o que necesita esta vila”, explicou o voceiro de EU, José Antonio Otero. “Sabemos que non acadan os 30 fogares que esixe o Ministerio para as súas actuacións directas, pero iso non debe ser impedimento para que o Concello poida actuar con apoio doutras administracións”, engadiu.

A moción tamén solicita a elaboración dun informe técnico municipal que avalíe a viabilidade urbanística dos dous solares, e á Xunta de Galicia e ao propio Ministerio a súa implicación económica mediante convenios co Concello. Segundo os datos recollidos por EU, entre os dous terreos poderían construírse entre 30 e 33 vivendas, cifra nada desdeñable nun municipio sen parque público de vivenda.

Otero advertiu de que “a situación da vivenda no Grove está completamente desbordada: prezos imposibles, presión turística, ausencia de vivenda social e persoas obrigadas a marchar do seu propio concello. A resposta institucional ten que ser proporcional á gravidade da situación”.

Desde Esquerda Unida afirman que esta iniciativa forma parte do seu compromiso con políticas valentes en materia de vivenda pública e dereito á cidade, é dicir, o dereito de vivir dignamente, decidir sobre o noso territorio e non ser expulsadas dos nosos barrios. “Os terreos están aí, son públicos e poden cambiar a vida de moita xente. Só fai falta vontade política e cooperación entre administracións.”, concluíu o voceiro.

ver/descargar moción

xoves, 3 de xullo de 2025

Esquerda Unida formulou alegacións ao borrador do novo regulamento das Centolas de Ouro

Logo de que o grupo municipal o viñese solicitando durante varios anos, o goberno local presentou o borrador dun regulamento para as Centolas de Ouro no Consello Local de Turismo que se celebrou este mércores.

Esquerda Unida advirte que o texto presentado polo goberno local podería desnaturalizar o premio e desvincular as Centolas de Ouro da súa esencia como máximo recoñecemento local. Defenden que os galardoados deben manter un vínculo real co Grove e reclama abrir o proceso de propostas á participación cidadá.

O Grove, 3 de xullo de 2025.-Esquerda Unida trasladou varias alegacións ao Consello Local de Turismo, que tivo lugar este mércores, no marco da elaboración do primeiro regulamento das Centolas de Ouro, o galardón máis simbólico e de maior prestixio institucional do Grove, que ata agora carecía de normativa formal.

Desde a formación amosan a súa preocupación pola posible desnaturalización deste recoñecemento. Segundo interpretan, o texto que pretende impulsar o goberno local podería desvincular o premio da súa esencia: o compromiso e a relación co Grove.

A concelleira de Esquerda Unida, Susana Millán, lembra que "ata o de agora, as Centolas de Ouro foron entregadas a persoas, colectivos e empresas que, sendo do Grove ou de fóra, mantiveron sempre unha conexión clara co municipio, contribuíndo á súa promoción, ao seu desenvolvemento social ou á súa proxección exterior".

"A intención do alcalde é converter estes galardóns nuns novos Príncipe de Asturias, sen que os premiados teñan que ter vínculos co Grove, e así o deixou entrever nas últimas xuntanzas do Consello Local de Turismo", advirte Millán. Para a formación, o borrador do regulamento recolle esa orientación, polo que defenden que "o criterio de vinculación co Grove debe seguir sendo o eixe central da distinción, evitando que o galardón perda o seu valor identitario ou se converta nun premio deslocalizado sen conexión co territorio".

"Queremos blindar a relación co Grove no propio regulamento. Non se pode abrir a porta a que este premio, que simboliza o máximo recoñecemento municipal, se conceda a persoas ou entidades sen ningún tipo de vínculo coa nosa vila. Iso sería baleirar de contido as Centolas de Ouro e desnaturalizar o seu sentido", insiste Millán.

Entre as alegacións que presentaron, Esquerda Unida propón incorporar a posibilidade de conceder o galardón a título póstumo a persoas que, por diversas razóns, non foron recoñecidas en vida, recuperando así figuras de especial relevancia para a memoria colectiva da vila. "Non entendemos que o borrador prohiba outorgar este distintivo a persoas falecidas", sinalan.

Outro dos puntos fundamentais que defenden é abrir a presentación de candidaturas á veciñanza, aos colectivos e ás entidades sociais e culturais, garantindo un proceso máis participativo e inclusivo, e non restrinxido unicamente aos membros do Consello Local de Turismo, como era ata agora e como tamén recolle o borrador actual. "Se abrimos a participación da veciñanza, poderemos recoller propostas que quizais se nos escapan aos membros do Consello", explica Millán.

"É importante que a regulación desta distinción, que compartimos que debe existir, non sirva para afastala da nosa realidade nin da nosa xente. As Centolas de Ouro deben seguir pertencendo ao Grove", concluíu Millán.