Amosando publicacións coa etiqueta Fonte de Estonllo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Fonte de Estonllo. Amosar todas as publicacións

domingo, 14 de marzo de 2021

Esquerda Unida denuncia a falta de mantemento e conservación do patrimonio municipal

Os esquerdistas consideran a desaparición do mastro da goleta “Nieves” unha mostra do abandono, por parte do Concello, do patrimonio municipal.

Recordan que hai máis elementos patrimoniais que corren o mesmo risco e piden que se actúe no seu arranxo e/ou amaño.

O Grove, 15 de marzo de 2021.- Se hai máis dun ano foi o barco “Platuxa” o que, debido ao deterioro e á falta de mantemento, tivo que ser retirado de Punta Moreiras para rematar no esquecemento, a semana pasada tocoulle ao mastro da goleta “Nieves”, que desaparece tamén do entorno etnográfico de Moreiras logo de derrubarse, do mesmo modo que o “Platuxa”, debido ao deterioro provocado pola falta de mantemento, unha circunstancia que dende Esquerda Unida tachan de “grave e vergoñenta”.

Para o voceiro de Esquerda Unida, José Antonio Otero, “isto é unha nova mostra do abandono, por parte da Administración local, do noso patrimonio municipal”. “Estamos asistindo a un continuo deterioro dos elementos culturais da nosa vila, á súa falta de mantemento e conservación, e como consecuencia á súa desaparición”, sentencia Otero.

O esquerdista, recorda que isto non só sucede en Moreiras, pois son continuas as reclamacións que ten feito a súa formación en canto á conservación, mantemento e divulgación de moitos elementos culturais e patrimoniais do concello, “que no momento dinnos que actuarán, pero a realidade é que pasan os meses e continúan abandonados”, indica Otero, que pon como exemplo, ademais do sucedido en Moreiras, as diferentes fontes e lavadoiros do concello.

Recordan como logo de denunciar hai varios meses a situación da fonte do Naval e o lavadoiro de Paus en San Vicente ou o da fonte de Estonllo, estas continúan en estado lamentable, sen que exista ningunha previsión de arranxo ou amaño, coa única premisa de que “rematarán, ao igual que o “Platuxa” ou o mastro do “Nieves”, desaparecendo para perdurar, se cabe, tan só no recordo das veciñas e veciños da zona”, indica Otero.

Por ese motivo, Esquerda Unida propuxo hai un mes a constitución da Mesa da Cultura e o Patrimonio, “para, entre outras cousas, procurar a protección de todos os elementos da nosa cultura etnográfica, marítima, arquitectónica...” e por ese motivo seguirán insistindo na creación da mesma, ao tempo que reclama ao Concello “que non figure como mero espectador ao deterioro do noso patrimonio e que actúe, pois nestes casos é a súa competencia”, finaliza o voceiro esquerdista.

Gabinete de Prensa

Esquerda Unida O Grove

Imaxes actuais da fonte de Paus (San Vicente)






Imaxes actuais do lavadoiro de Paus (San Vicente)




Imaxes actuais da fonte de Estonllo




luns, 6 de xuño de 2016

Esquerda Unida rexistra os rogos e preguntas que non puideron elevar ao pleno



Os edís esquerdistas, que non puideron realizar as peticións no pleno ao rematar antes de tratarse o punto de Rogos e Preguntas, piden por rexistro que se arranxe a fonte natural do barrio de Estonllo, que se atopa nunha situación de total abandono.


A falta de resposta por parte do goberno ás peticións realizadas, a promesa incumprida ao non activar o servizo nocturno da policía local no mes de maio, a situación da liorta coa ADEAC polas Bandeiras Azuis e o estado no que se atopa o Plan Xeral foron outras das cuestións que os esquerdistas realizaron por rexistro.

O Grove, 6 de xuño de 2016.- Logo de que o pleno do pasado mes de maio rematase, chegadas as 00 horas, sen tratarse o derradeiro punto da orde do día correspondente aos Rogos e Preguntas, os edís do Grupo Municipal de Esquerda Unida, Juan Lamelas e Jose A. Otero trasladaron as súas peticións a través do Rexistro municipal o pasado 1 de xuño co propósito de obter resposta as súas demandas.

Así, Esquerda Unida pediu que o goberno municipal realice un arranxo e adecentamento da fonte do barrio de Estonllo. Esta fonte, utilizada por veciños, viandantes e ciclistas entre outros, leva unha longa tempada sen botar auga debido a unha filtración e o seu entorno atópase nunha situación de total abandono onde o cartel indicador é ilexible e a maleza invade o acceso e zona de descanso. Por ese motivo, os edís esquerdistas solicitaron que se actúe nesta zona e se poña en valor esta fonte natural.

Esta non foi a única petición, pois o grupo municipal preguntou si o goberno municipal seguirá sen atender as peticións que realizan por rexistro. Segundo indican os edís esquerdistas, a día de hoxe seguen a espera de que o executivo lles responda á petición dunha reunión para tratar o tema das peanolizacións –solicitude realizada o pasado 4 de maio– así como á solicitude dos proxectos de obra en Terra de Porto, Beiramar e o Edificio de Lordelo, aínda que esta, logo de ser solicitada o pasado 19 de maio xa lles foi remitida o pasado xoves.

Tamén preguntaron sobre a promesa incumprida do Alcalde en relación á posta en marcha do servizo nocturno da Policía Local. Cacabelos anunciou, e a concelleira de Turismo confirmou en varias reunións co sector turístico, que durante o mes de maio O Grove ía contar con patrulla nocturna de Policía Local. Lamelas e Otero indican que no pasado mes non se viu ningún día á Policía Local durante as noites e por ese motivo queren coñecer os motivos polos que non se puxo a funcionar o servizo e si este estará activo, cando menos, durante os meses de verán.

Os edís esquerdistas tamén se interesaron pola situación na que se atopa a liorta coa ADEAC polo tema das Bandeiras Azuis e cal foi o motivo polo que o goberno non convocou aos voceiros dos grupos municipais ou ao Concello Local de Turismo para tratar o tema.

Por último, Juan Lamelas e Jose A. Otero queren saber en que fase se atopa o Plan Xeral de Ordenación Municipal, pois a última información sobre o documento foi a recibida nunha xuntanza realizada hai máis de dous meses.

Grupo Municipal de Esquerda Unida

Extracto das actas das xuntanzas da concellería de Turismo co Sector turístico onde a concelleira indica que a partir do mes de maio se poría en marcha o servizo nocturno da policía local.

 Outras imaxes do estado no que se atopa a fonte de Estonllo: