Amosando publicacións coa etiqueta cans. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta cans. Amosar todas as publicacións

sábado, 29 de xuño de 2024

EU propón crear zonas de espallamento para cans e melloras en infraestruturas caninas

O grupo municipal presentará unha moción no pleno do vindeiro luns na que piden crear espazos seguros e valados para o espallamento de cans, utilizando materiais reciclados.

A iniciativa inclúe a instalación de fontes de auga e sanecáns en puntos estratéxicos do Grove e habilitar máis praias accesibles para os cans. Ademais propoñen campañas de concienciación para a recollida dos excrementos.

O Grove, 29 de xuño de 2024 – Esquerda Unida presentará no pleno municipal do vindeiro luns, 1 de xullo, unha moción para a creación de zonas de espallamento para cans, así como a instalación de fontes caninas e sanecáns, co obxectivo de mellorar a convivencia entre as persoas e os seus animais de compañía.

A moción subliña a importancia de proporcionar espazos adecuados para os cans, contribuíndo así ao benestar dos animais e mellorando a calidade de vida no Grove. A proposta destaca que a falta de infraestruturas axeitadas en zonas como Confín, O Corgo, Porto Meloxo e San Vicente xera problemas de convivencia e hixiene, e que a creación de áreas de espallamento podería mellorar significativamente esta situación.

Entre os acordos propostos, Esquerda Unida solicita a habilitación de zonas específicas para o espallamento de cans, que estarán debidamente sinalizadas e valadas para garantir a seguridade tanto dos animais como das persoas. Ademais, estas áreas serán equipadas utilizando materiais reciclados, promovendo a sustentabilidade e a conciencia ecolóxica

A moción tamén inclúe a instalación de fontes de auga específicas para cans e sanecáns (dispensadores de bolsas para a recollida de excrementos caninos) nas zonas máis concorridas polos propietarios de cans. A formación política tamén propón a realización de campañas informativas para concienciar aos propietarios sobre a importancia de recoller os excrementos das súas mascotas e utilizar os sanecáns.

Outro punto destacado da moción é a habilitación de máis areais nos que a presenza de cans estea permitida durante a tempada estival, promocionando estes espazos para facilitar a convivencia cidadá.

Esquerda Unida fai fincapé na necesidade de establecer un plan de mantemento regular para garantir que as zonas de espallamento, as fontes caninas e os sanecáns permanezan en bo estado de uso, así como a implementación de medidas de control para asegurar o cumprimento das normas establecidas nestes espazos.

 [Ver/ler Moción Completa

martes, 28 de maio de 2024

EU solicita campañas de concienciación e sancións para os propietarios de cans que non recollan os excrementos

 

Consideran que o comportamento irresponsable e incívico dunha minoría non pode prexudicar ao resto da veciñanza, polo que piden que se apliquen sancións aos propietarios de cans que non cumpran coas súas obrigas.

Instan tamén a habilitar sanecans nas zonas máis frecuentadas polos donos dos cans, co propósito de contribuír ao cumprimento das normas e manter as rúas limpas.

O Grove, 28 de maio de 2024.- O grupo municipal de Esquerda Unida demanda ao goberno municipal a posta en marcha de campañas de concienciación dirixida aos propietarios de cans para fomentar a recollida dos excrementos das súas mascotas, así como a imposición de sancións para aqueles que non cumpran con esta obriga. Nos últimos tempos, a situación nas beirarrúas de diversas zonas do municipio estase volvendo insostible, con numerosos excrementos que dificultan o paso dos veciños e visitantes.

O voceiro de Esquerda Unida, José Antonio Otero, considera que “si ben  a maioría dos veciños e veciñas están a cumprir rigorosamente coa recollida dos excrementos dos seus cans, hai cada vez máis persoas que non atenden ás súas obrigas, provocando que algunhas rúas e xardíns se convertan en auténticos campos de minas”.

Deste modo, Otero cree que “é fundamental que o Concello tome medidas urxentes para resolver este problema, xa que non só afecta á imaxe da nosa vila, senón que tamén supón un problema de saúde pública e convivencia cidadá". “Non é de recibo que o comportamento irresponsable e incívico dunha minoría prexudique a toda a veciñanza, polo que pedimos que se comece a impoñer multas a aqueles propietarios que non cumpran co deber de recoller os excrementos das súas mascotas”, asevera o voceiro de Esquerda Unida.

Ademais das campañas de concienciación e as conseguintes sancións, Esquerda Unida insta ao Concello a habilitar sanecans nas zonas máis frecuentadas polos donos de cans. Estes espazos específicos para as necesidades dos animais contribuirán a manter as rúas limpas e mellorar a calidade de vida de todos os habitantes do Grove.

Para Otero, a instalación de sanecans en puntos estratéxicos “é unha medida necesaria que xa se adoptou con éxito noutros municipios. Con estas infraestruturas, facilitamos que os donos de cans poidan cumprir coas súas obrigas de forma cómoda e rápida".

Esquerda Unida agarda que o goberno local atenda estas solicitudes e tome as medidas necesarias para garantir un concello máis limpo e saudable para toda a veciñanza.