O Grove, 3 de maio
de 2017.- A
agrupación local de Esquerda Unida decidiu presentar ao Alcalde, e ao seu
equipo de goberno, un plan de actuacións a realizar no tempo que resta de
mandato. Unhas actuacións que os esquerdistas consideran precisas e
prioritarias para os veciños do Grove.
Esquerda Unida decidiu dar este paso ante a
situación actual do goberno municipal do cal consideran que está a deriva,
máxime tras ver como realiza propostas de inversións inconexas e sen
planificación de ningún tipo. Os esquerdistas poñen como exemplo a proposta de
Auditorio que, segundo indican, se irá aos 5 millóns de euros de inversión
municipal, ou a peonalización de rúas do casco urbanos sen plans de tráfico e
alternativas de estacionamento. Todo isto namentres traballan con un orzamento
prorrogado cando xa van alá cinco meses, conclúen.
Segundo a agrupación de esquerdas, o
goberno municipal móstrase absorbido polo día a día, e a impresión que
transmite é que gobernan a salto de mata.
Por ese motivo, desde Esquerda Unida, e
logo de reunir á súa asemblea, propoñen un plan de actuacións no que se inclúen
demandas históricas da veciñanza así como medidas que consideran necesarias
para o bo funcionamento municipal e a mellora dos servizos públicos que se
ofrecen aos veciños.
Executiva Local de Esquerda Unida
O Grove