O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia condena ao Concello a pagar máis de 34.700 euros en intereses tras incumprir os prazos legais de pago na obra do Auditorio, evidenciando un novo episodio de mala xestión municipal.
Esquerda Unida subliña que as deficiencias utilizadas polo goberno como escusa para atrasar o pago foron reiteradamente minimizadas ou negadas polo executivo cando o seu grupo municipal as fixo públicas.
O Grove, 24 de novembro de 2025.- Esquerda Unida alerta de que a recente Sentenza 366/2025 do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia supón un novo capítulo no que cualifican como o “descontrol económico e técnico” do Auditorio. O fallo obriga ao Concello a pagar 34.771,44 euros en intereses de demora á UTE encargada das obras, unha cifra que, segundo a organización, representa “un novo sobrecusto que se suma a unha longa lista de custes ocultos que a veciñanza leva anos asumindo sen explicacións”.
O voceiro de Esquerda Unida, José Antonio Otero, subliña que a sentenza deixa claro que o Concello abonou as facturas fóra de prazo, xerando automaticamente intereses tal e como establece a Lei de Contratos do Sector Público. A sentenza evidencia que este sobrecusto tería sido perfectamente evitable se o Concello cumprira cos prazos legais de pago, pois nada obxectou cando abonou o principal e o atraso débese unicamente á súa inactividade administrativa. “Estamos ante un exemplo máis da nefasta xestión dun proxecto que naceu mal e que segue acumulando gastos derivados da falta absoluta de xestión”, afirma.
A formación chama tamén a atención sobre o feito de que o propio Concello tentou evitar o pago destes intereses alegando a existencia de numerosas deficiencias na obra. Deficiencias que, tal e como lembra Otero, “o noso grupo municipal denunciou moito antes de que o goberno recoñecese absolutamente nada, mentres nos acusaban de alarmistas”.
O Tribunal recolle na resolución que o Concello achegou un informe dos directores da obra describindo problemas graves: humidades, filtracións, fallos estruturais, deficiencias na climatización e na electricidade, problemas no anclaxe das butacas, inoperatividade do ascensor exterior, fallos no sistema de alarma de incendios e falta de documentación esencial, entre outros. “Practicamente todo o que agora aparece na sentenza é exactamente o que denunciamos no seu día e que o goberno minimizaba ou negaba sistematicamente”, engade Otero.
A sentenza, con todo, desbota a argumentación municipal, lembrando que o Concello xa pagara o principal sen presentar reparos, polo que non pode agora utilizar as deficiencias como xustificación para evitar os intereses. Para Esquerda Unida, isto “evidencia a improvisación e a falta de control político e técnico coa que se levou este proxecto desde o primeiro día”.
Por outra banda, Otero incide en que este novo desembolso “non será o último pago que o Concello terá que realizar por esta obra, malia que xa pasaron anos desde a súa inauguración”. O voceiro lembra que o Auditorio “segue xerando gastos de maneira permanente”, como poñen de manifesto reclamacións, informes técnicos negativos e novos investimentos que non estaban previstos.
A organización volve denunciar tamén a opacidade que rodea este proxecto. “A día de hoxe, nin a veciñanza nin a oposición coñecemos o custo real do Auditorio. Sabemos que se disparou moi por riba do orzamento inicial, pero o goberno continúa ocultando as cifras finais”, critica Otero.
Por iso, Esquerda Unida reclama unha auditoría integral da execución da obra e a publicación de todos os informes técnicos e económicos vinculados ao proxecto, incluídos aqueles aos que fai referencia o TSXG na sentenza. “Esta resolución volve poñer en evidencia o que levamos anos repetindo; que o Auditorio é un proxecto cargado de sombras, sobrecustos, defectos construtivos e opacidade, e que o goberno preferiu negar a realidade antes que asumir responsabilidades”, conclúe o voceiro de Esquerda Unida.

