Amosando publicacións coa etiqueta Rúas Peonís. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Rúas Peonís. Amosar todas as publicacións

mércores, 15 de xullo de 2020

EU pregunta polas tarxetas de residentes para acceder ás rúas peonís


O grupo municipal alédase de que o goberno comece a vixiar as rúas peonís evitando o acceso de vehículos non autorizados, pero denuncia que chegan tarde con esta medida, pois hai tempo que debían aplicala.
Solicitan que se identifiquen as rúas restrinxidas con cores e se tramiten as tarxetas de residentes tal e como indica a Ordenanza de Tráfico que entrou en vigor en febreiro do 2018.
O Grove, 15 de xullo de 2020.- O Grupo Municipal de Esquerda Unida alédase de que o goberno municipal reaccione e comece a vixiar e multar aos vehículos que circulan polas rúas ás que só teñen acceso os residentes e servizos. O seu voceiro, José Antonio Otero, considera que “a sanción é o mellor modo de que se acabe con estas condutas”, pero entende que se chega tarde con esta medida “pois xa tiña que ser aplicada hai moito tempo”.
O esquerdista indica que non só as rúas Luís Seoane e Jaime Solá precisan de vixilancia e sanción xa que, “existen moitas máis rúas no casco urbano que teñen restrinxido o acceso só aos residentes, pero polas que diariamente circulan numerosos vehículos e incluso son utilizadas como zonas de estacionamento”.
“Moitas persoas usan estas rúas como vía de escape ante posibles atascos ou simplemente para evitar rodeos logo dos numerosos cambios de circulación que  realizou este goberno nos últimos anos” afirma Otero, que considera que “o Alcalde é consciente desta conduta dende hai moito tempo, pero non quixo tomar medidas e tómanas agora que se lles foi das mans”.  O voceiro esquerdista indica isto recordando que o 27 de novembro de 2017 o pleno do Grove aprobou a ordenanza de tráfico que entrou en vigor o 6 de febreiro de 2018, onde no seu artigo 38.6 indica que nas rúas de acceso restrinxido a residentes e autorizados só poderán acceder os que acrediten tal condición e obteñan a tarxeta de residente que terán que ter colocada de xeito visible no interior do vehículo. Así mesmo a ordenanza indica que se marcarían as rúas por cores para que os usuarios fosen identificados con máis facilidade, “pero a día de hoxe non hai nada avanzado neste aspecto, a pesar de ternos afirmado que estaban en elo, cada vez que preguntábamos en pleno sobre as tarxetas”, sentenza Otero.
É por iso que reclaman ao concello que, ademais de impoñer sancións por circular por rúas restrinxidas sen autorización, “se comece a executar os puntos da ordenanza, se identifiquen con cores as rúas e se tramiten as tarxetas de residentes, para que estes non teñan que explicar continuamente ás forzas de seguridade que teñen dereito a acceder a rúa onde se atopa a súa residencia ou garaxe”, finaliza Otero.
Gabinete de Prensa
Esquerda Unida O Grove

domingo, 27 de maio de 2018

EU critica o enorme atraso da posta en funcionamento das medidas de control do tráfico nas rúas peonís


Seis meses despois da peonalización da Catorse, o pivote que regula o acceso de vehículos aínda non foi posto en funcionamento

O grupo municipal solicita que se convoque a comisión do Plan de Mobilidade Urbana Sostible e que se propicie a participación de cidadanía e colectivos

Lembra que o alcalde anunciara sistemas similares con tarxetas de acceso para os residentes doutras zonas, como Peralto, O Montiño ou A Tafona

O Grove, 26 de maio de 2018.- O grupo municipal de Esquerda Unida quere denunciar o feito de que, unha vez máis, o goberno local se teña perdido nas súas propias previsións. Anuncios ao vento e globos sonda semellan tónica habitual nun Concello que, en demasiadas ocasións, se amosa máis preocupado por acaparar fotos e titulares que polo servizo real que presta á cidadanía. A denuncia da formación á que representan Juan Lamelas e José Antonio Otero ven motivada, desta volta, polo flagrante atraso que acumula a posta en servizo do pivote instalado para controlar o acceso de vehículos á rúa Castelao. Un vial que se pechou ao tráfico hai xa seis meses. E onde, ata o momento, ese mecanismo de control continúa sen poñerse en marcha. Pero as necesidades do Grove en materia de mobilidade non rematan aquí, polo que EU solicita a convocatoria da Comisión do Plan de Mobilidade Urbana Sostible e a súa apertura a colectivos e representantes das distintas entidades sociais.  

O mes pasado coñecíase o dato de que a Policía Local tramita medio cento de multas a condutores por circular indebidamente polo treito da rúa Castelao máis coñecido como a Catorse. Unha conduta irresponsable que, sen embargo, non tería cabida se o goberno local tivese cumprido en tempo cos seus propios anuncios.

Pasado medio ano dende o remate da obra de peonalización dese vial, o nomeado pivote permanece baixado e aínda non foi estreado. E das tarxetas de acceso que ían repartirse a residentes, usuarios de garaxes e responsables de establecementos comerciais nada se sabe tampouco.

Pero non é este un problema que afecte unicamente a esta rúa. E é que en decembro entrou en vigor a Ordenanza de Tráfico deseñada, precisamente, co obxectivo de regular o acceso aos distintos entornos de prioridade peonil do casco urbano. Un texto que fai referencia a Pratería, Peralto, O Corgo, Outeiriño, Alcalde Xacobe Barral, Santo Antonio, Matadoiro, Concepción Areal, e As Bouzas, ademais de á xa nomeada Castelao; e que o goberno local anunciou como o instrumento necesario para mellorar a convivencia entre viandantes e vehículos.

Lamentablemente, ás portas do verán as anunciadas tarxetas para usuarios e residentes seguen sendo unha quimera; na Catorse, co correspondente pivote inutilizado xa no seu lugar; e tamén nos demais barrios para os que o alcalde anunciou ese mesmo tipo de sistemas. Barrios, cabe destacar, nos que a circulación indebida constitúe un problema dende hai tempo; pois basta un pequeno paseo por Peralto ou pola rúa do Hospital para comprobar a cantidade de coches que empregan estas áreas, teoricamente peonís, para estacionar e circular.

Esquerda Unida lamenta que; a pesar dos pasos directamente relacionados co deseño do mapa de mobilidade do municipio que o Concello xa está a dar; ata o de agora non se teña convocado a comisión sobre un asunto de tal relevancia. Cabe sinalar que no pleno deste mes debaterase un anexo ao Plan de Mobilidade que contempla a obra, “anunciada e xa contratada”, da rúa Alexandre Bóveda.

En relación con iso, EU critica tamén a improvisación do goberno do PSOE; que escasos meses despois de que se aprobara en pleno a solicitude de subvención para a obra de Beiramar cambia de plans e propón destinar eses cartos ao proxecto de Alexandre Bóveda. Uns feitos que “ratifican, unha vez máis, o exposto desde EU: que temos un goberno municipal que actúa sen planificación e a salto de mata”.

Os esquerdistas lembran que a convocatoria da comisión de Mobilidade está contemplada na propia redacción do Plan; que establece unha primeira fase de toma de decisións participativa, na que se teñan en conta as aportacións dos distintos actores sociais. “Neste senso, o Concello está a incumprir o aprobado, demostrando que para o PSOE as palabras participación e transparencia non son máis que elementos propagandísticos, pois os feitos demostran que a súa acción de goberno se basea no despotismo e na improvisación, impedindo toda posibilidade de debate sobre as cuestións de relevancia para o futuro do municipio”.

Área de Comunicación
Esquerda Unida O Grove