Amosando publicacións coa etiqueta Alerta Sanitaria. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Alerta Sanitaria. Amosar todas as publicacións

luns, 20 de abril de 2020

Esquerda Unida pide que se exonere a taxa do mercado e se aprace a do IVTM e Vaos


Os esquerdistas presentaron alegación aos anuncios de cobro da taxa das bancadas e mercado para o segundo trimestre e á do imposto de vehículos de tracción mecánica, entrada de vehículos e reserva de espazo.

Consideran que nesta situación é preciso exonerar ás propietarias e propietarios dos postos do mercado e retrasar o pago do IVTM e vaos, cuestións que xa solicitaron o pasado 25 de marzo.

Anuncian que apoian as medidas tomadas ata o momento polo goberno municipal, que están a súa disposición e que seguirán realizando propostas económicas e sociais para superar esta situación.

O Grove, 20 de abril de 2020.  O Grupo Municipal de Esquerda Unida O Grove ven de presentar alegacións aos dous anuncios municipais de cobranza da taxas publicadas a principio de mes no Boletín Oficial da Provincia. Unha corresponde ao cobramento da taxa de bancadas e mercado no seu segundo trimestre e a outra relativa á taxa do imposto de vehículos de tracción mecánica, entrada de vehículos e reserva de espazo.

En relación á primeira das alegacións, o voceiro de Esquerda Unida, José Antonio Otero, explica que consideran necesario que o concello suspenda o cobramento da taxa de bancadas e posto do mercado municipal e exonere ás propietarias e propietarios dos mesmos do pagamento do segundo trimestre. Entenden os esquerdistas que este é un trimestre no que as vendas baixaron considerablemente no mercado municipal debido á Alerta Sanitaria e algúns postos están pechados dende o decreto emitido polo Estado. Así mesmo, Otero  indica que a pesar de que se contempla o fin da Alerta Sanitaria para o vindeiro 9 de maio, o mercado tardará en recuperar a súa actividade normal moitos meses polo que esta sería unha pequena medida de axuda que está ao alcance do concello.

Por outro lado, dende Esquerda Unida tamén solicitan o aprazamento do pagamento da taxa de vehículos de tracción mecánica, vaos e reserva de espazo, pois o concello continuou co calendario fiscal municipal sen atender á situación que se está a vivir debido á Alerta Sanitaria. O voceiro esquerdista considera que non é de recibo cobrar esta taxa o día 4 de maio, como está indicado no anuncio, cando numerosas veciñas e veciños se encontran inmersas nun ERTE e non contarán cos ingresos correspondentes á metade de marzo e todo abril, como mínimo ata o 10 de maio. Así mesmo indican que son numerosos os negocios e autónomos que pararon a súa actividade dende o 14 de marzo e non contan con ingresos dende ese momento, polo que para os esquerdistas sería consecuente que o concello, cando menos, retrasara o pago desta taxa, como mínimo ata o 1 de xuño.

Por último José Antonio Otero recorda que o pasado 25 de marzo enviaron un escrito por rexistro no que solicitaban unha serie de medidas económicas nas que se atopaba o aprazamento destas taxas e exoneración das mesmas en algúns dos casos, e que non só non obtiveron resposta a esta solicitude, senón que vén como se segue aplicando o calendario fiscal do mesmo modo que sempre.

Otero finaliza indicando que Esquerda Unida apoia e apoiará todas as medidas que se estiveron e se están tomando en relación ao estado de Alerta Sanitaria dende o Concello, tanto na limpeza e desinfección de rúas, o traballo desenvolto pola policía local e emerxencias, as axudas prestadas ás persoas vulnerables dende o departamento de servizos sociais, axudas a familias para realizar as tarefas educativas... recordan que están a disposición deste goberno para o que se precise, pero tamén alerta que seguirán facendo e defendendo propostas económicas, sociais e laborais para axudar a paliar esta situación no noso concello tanto a curto como a longo prazo.

Alegación-Solicitude Mercado
Alegación-Solicitude IVTM-Vaos

Gabinete de Prensa
Esquerda Unida O Grove

mércores, 25 de marzo de 2020

Propostas locais do Grupo Municipal de EU en relación coa Alerta Sanitaria



O Grupo municipal de Esquerda Unida formado por, José Antonio Otero González e Ana Cristina Domínguez Domínguez, formularon este mércores por rexistro, unha serie de propostas ao goberno municipal relacionadas coa situación local derivada da Alerta Sanitaria decretada polo Presidente do Goberno debido á pandemia do Coronavirus Covid-19. 
Así mesmo, pediron que se tomen en consideración as propostas e convoquen os órganos correspondentes o máis axiña posible para a aplicación das mesmas
PROPOSTAS:
MEDIDAS DE PROTECCIÓN E ESTÍMULO ECONÓMICO
-          Que se realicen os trámites precisos para a aplicar aprazamentos, prorrateos, bonificación ou exencións no imposto do IBI e outras taxas municipais ás persoas desempregadas e en situación de emerxencia para o exercicio 2020.
-          Bonificación no imposto do IBI do exercicio 2020 para os propietarios que decidiron suspender o aluguer ás empresas/autónomos durante o peche decretado pola Alerta Sanitaria. Bonificación entre o 20% e o 50% (dependendo do tempo que dure a alerta) ou o proporcional aos meses que este deixou de cobrar polo aluguer.
-          Bonificación na taxa de lixo do exercicio 2020 a todos os negocios que tiveron que pechar as portas polo decreto de Alerta Sanitaria. Bonificación entre o 20% e o 50% (dependendo do tempo que dure a alerta) ou o proporcional aos meses que tiveron que permanecer pechados.
-          Bonificación do 100% da taxa de licenza de apertura/actividade aos negocios que abriron este ano 2020. Devolución dos pagos xa realizados. No mellor dos casos os negocios que se deron de alta no presente ano non chegaron a estar abertos máis de 2 meses e medio antes do decreto de Alerta Sanitaria.
-          Suspensión do cobramento de todas as taxas municipais estipuladas para o período no que está decretada a Alerta Sanitaria e prorrateo das mesmas ao remate do citado período para facilitar o pago das mesmas.
-          Bonificación do 100% da taxa do mercado municipal polas semanas que non estivo activo debido á Alerta Sanitaria decretada.
-          Bonificación do 100% da taxa da praza de abastos, correspondente ao tempo de Alerta Sanitaria, para os postos que permaneceron pechados e bonificación do 50% aos que continuaron abertos.
-          Solicitar a Portos de Galicia a suspensión do pago da taxa pola utilización do solo portuario correspondente ao período de Alerta Sanitaria.
MEDIDAS SERVIZOS SOCIAIS
-          Servizo de comida para menores en situación de emerxencia social. Procurar a través da Xunta de Galicia ou directamente coa empresa local que realiza o cátering do comedor de Rosalía de Castro, para realizar o servizo a domicilio para os/as cativos/as en situación de risco e que viron suspendido o servizo co peche dos centros escolares.
MEDIDAS EMPREGO MUNICIPAL
-          Que non se despida ningún empregado/a municipal durante a Alerta Sanitaria.
-          Que no se realice ningún ERTE entre a plantilla municipal durante a Alerta Sanitaria, nin permitir ERTEs nos servizos externalizados (Atención no Fogar, Limpeza de Edificios Públicos,...)
-          Co propósito de contar co maior número de efectivos namentres dure a Alerta Sanitaria e acadar unha maior cobertura e vixilancia para evitar que a veciñanza se salte o confinamento e/ou estar dispoñibles para calquera tarefa precisa nestes días:
o   Se proceda de maneira urxente á solicitude dun maior número de axentes da Policía Local para o noso concello.
o   Se proceda de maneira urxente á contratación e incorporación inmediata dos/as auxiliares de Policía Local que habitualmente se realiza chegado o verán.
O Grove, a 25 de marzo de 2020.