Amosando publicacións coa etiqueta Padel. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Padel. Amosar todas as publicacións

xoves, 10 de maio de 2018

EU volve reclamar a paralización do cobro polas pistas de pádel ata que a tarifa correspondente entre en vigor

Foto: Facebook Concello do Grove

A formación critica a incompetencia e a fuxida cara adiante do goberno local; que agora aplica unha tarifa que tampouco se axusta ao contido da ordenanza vixente  

O Grove, 9 de maio de 2018.- O grupo municipal de Esquerda Unida volve reclamar a paralización do cobro polo uso das pistas de pádel do Monte da Vila e a devolución dos importes cobrados dende o 23 de abril ata agora. A formación critica a actitude do goberno local; que ten optado, nunha inexplicable fuxida cara adiante, por aplicar unha nova tarifa que tampouco se axusta á realidade da ordenanza vixente.

No último pleno, e despois de rexistrar unha solicitude en referencia a este asunto, Esquerda Unida denunciou o cobro ilegal de tarifas inventadas polo uso das pistas de pádel anexas ao pavillón de deportes do Monte da Vila. E é que, como xa se explicou, os prezos aprobados polo pleno para estas novas instalacións atópanse aínda en fase de exposición pública e non entrarán en vigor, cando menos, ata o día 25 deste mes.

Lonxe de recoñecer o seu erro, o goberno local ten optado por aplicar unha nova tarifa de 15 euros igualmente inaxeitada. Feito do que o executivo de Cacabelos ten tentado culpabilizar á formación esquerdista. “Quen decidiu aplicar esta tarifa de quince euros por hora e media de uso foi o goberno; o mesmo que antes optara por cobrar de forma fraudulenta antes da entrada en vigor da nova taxa”, asevera EU. Que insiste en destacar que a súa aposta segue a ser pola paralización do cobro e a devolución do recadado ata o de agora por este concepto.

Esquerda Unida lembra que o concelleiro de Deportes “dixo en varias ocasións que as pistas ían ser de uso gratuíto mentres non entrase en vigor a necesaria modificación da ordenanza municipal. Pero, en lugar de facelo así deciden continuar co cobro; agora aplicando unha interpretación inexacta da Ordenanza reguladora da taxa pola utilización e aproveitamento das instalacións deportivas municipais”.

E é que, tal e como explica EU, a normativa actual contempla o cobro de 10 euros por hora de uso para pavillóns municipais. É dicir, para a instalación completa. “O caso das pistas de pádel ten unha peculiaridade, e é que se cobra por pista, non pola instalación completa. Polo que a ordenanza vixente non é aplicable”.

Incapaz de recoñecer o seu erro, o goberno local aplica agora unha tarifa de 15 euros por hora e media polo uso de tan só un tercio das novas instalacións”. Unha interpretación totalmente improcedente da normativa vixente, que implica un sobrecusto de 20 euros por hora. “É curioso que pretenda crucificarse a quen


denuncia unha ilegalidade e non a quen a comete”, indican os esquerdistas, que  volven reclamar a paralización de calquera cobro ata a entrada en vigor da nova taxa. “Son un goberno sen palabra, sen autocrítica e sen vergoña”, sentencia EU.


Área de Comunicación
Esquerda Unida O Grove

domingo, 6 de maio de 2018

EU denuncia o cobro arbitrario de tarifas inexistentes para as pistas de pádel


A pesar de que a ordenanza que regula o prezo de uso destas instalacións deportivas aínda non entrou en vigor, hai semanas que xa se cobra aos usuarios

Os prezos que están a aplicarse non se corresponden cos recollidos na ordenanza que foi aprobada en pleno

Foto: facebook Concello do Grove

O Grove, 5 de maio de 2018.- O grupo municipal de Esquerda Unida denuncia o cobro ilegal de tarifas inventadas polo uso das novas pistas de pádel anexas ao pavillón de deportes do Monte da Vila. A formación ven de rexistrar unha solicitude na que insta ao Concello a reembolsar os importes indebidamente ingresados por este concepto nas últimas semanas. E é que, a pesar de que a ordenanza que regula o prezo destas instalacións aínda non entrou en vigor, estanse a aplicar unhas tarifas que, para maior gravidade, nen tan sequera coinciden coas aprobadas en pleno.

“Estase vulnerando a lei ao aplicar unha taxa que non está en vigor, así como uns bonos que nada teñen que ver co aprobado en pleno”. Así o explica o edil José Antonio Otero, que denuncia a total arbitrariedade do goberno local en relación a un asunto da maior gravidade, ante o que deberan tomarse as medidas oportunas. EU entende que un proceder coma este non pode ter cabida no seo dunha administración pública, e esixe que se depuren as responsabilidades pertinentes. 
                                     
O 26 de marzo a corporación aprobou inicialmente a modificación da Ordenanza reguladora da taxa pola utilización e aproveitamento das instalacións deportivas municipais. Un cambio que o goberno local levou a pleno, precisamente, co obxectivo de incluír nese documento fiscal os prezos das novas pistas de pádel. Pero a nomeada modificación atópase aínda en período de exposición pública, e non entrará en vigor ata o 25 deste mes de maio (sempre e cando non se presenten alegacións, caso no que esa data se vería atrasada).

A ordenanza contempla unha taxa de 10 euros por hora e media de uso das nomeadas pistas en horario de mañá (de 9 a 15 horas); e de 12 euros polo mesmo tempo en horario de tarde (de 15 a 22:30). Así como dous bonos: un de 5 sesións para ser usado durante as mañás, a 40 euros; e outro de 50 euros para as tardes.

Se ben os prezos das sesións individuais que están a aplicarse si coinciden cos recollidos no documento fiscal municipal; non acontece así cos bonos. E é que, xa dende o pasado 23 de abril, o Concello oferta un bono de dez partidas a 25 euros; e outro de 40 a 100 euros, ambos para ser utilizados en calquera franxa horaria. Ademais, están a aplicarse bonificacións nas cargas realizadas no moedeiro da aplicación utilizada para a reserva das pistas; cuestión que tampouco se estipula na nomeada ordenanza.

Área de Comunicación
Esquerda Unida O Grove