Amosando publicacións coa etiqueta tubaxe auga. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta tubaxe auga. Amosar todas as publicacións

sábado, 24 de febreiro de 2024

Esquerda Unida esixe celeridade na substitución da tubaxe de auga da estrada de Meloxo

 

A formación política preocúpase pola falta de avances dende o anuncio do anteproxecto en marzo do ano pasado, apuntando á necesidade de substituír canto antes a tubaxe ante as constantes roturas que provoca o desabastecemento de auga á veciñanza de Meloxo.

Esquerda Unida solicita información ao ente provincial e ao goberno municipal para esclarecer quen está demorando a execución da obra.  

O Grove, 24 de febreiro de 2024.- Esquerda Unida manifestou a súa preocupación pola demora nas obras de mellora da estrada de Meloxo, unha actuación vital para a veciñanza que leva sufrindo problemas de subministro de auga dende hai tres anos debido a frecuentes roturas na tubaxe. A última incidencia rexistrouse hai apenas unha semanas e, trala reparación, a zona atópase valada, o que supón un enorme risco para os condutores, máxime cando é utilizada por numeroso tráfico pesado. 

Segundo o voceiro de Esquerda Unida, José Antonio Otero, dende o primeiro incidente, en xaneiro do 2021, o seu grupo municipal ten insistido en innumerables ocasións na necesidade de substituír a tubaxe para previr futuras avarías. Otero indica que en marzo do 2023, o goberno local anunciou un anteproxecto para, ademais da substitución completa da tubaxe de subministro de auga, realizar unha actuación integral que incluía a ampliación da beirarrúa, a creación dunha cuneta transitable, a renovación do firme e luminaria. Como propietaria da estrada, a obra ía ser executada pola Deputación de Pontevedra que en xuño do pasado ano anunciou a licitación do proxecto. Non obstante, a realización destas obras requiría a cesión de terreos por parte dos propietarios das fincas afectadas e este traballo correspondíalle ao goberno municipal, lembra Otero.

Co cambio de goberno na Deputación, agora en mans do PP, Esquerda Unida preocúpase pola falta de información sobre a obra. Á incerteza sobre o peche das cesións de terreos, súmase a ausencia de información clara en relación á disposición do actual goberno provincial a realizar a obra, o que preocupa aínda máis á formación política, que non ven avances case un ano despois de ter anunciado  obra.  

Así, Esquerda Unida quere saber a que é debido o retraso, e por iso xa realizou a consulta pertinente á Deputación de Pontevedra a través do rexistro. “Queremos saber se o retraso na execución da obra é debido a un rexeite do ente provincial a investir nesta estrada, ou é por culpa do goberno municipal, xa que a día de hoxe temos constancia de que non se puxeran en contacto cos propietarios para pechar as cesións dos terreos, logo de comprometerse a realizar ese traballo”, asevera Otero.

O voceiro esquerdista indica que “a situación resulta frustrante, sobre todo para as veciñas e veciños de Meloxo, que continúan a experimentar roturas na tubaxe e, en consecuencia, cortes no subministro de auga, nalgúns casos durante horas e, en ocasións, ata un día completo”.

É por iso que, á espera de resposta por parte da Deputación, Esquerda Unida urxe ao goberno municipal a esclarecer a situación, e se é preciso pechar canto as cesións dos terreos, co fin de resolver un problema que xa se prolonga por demasiado tempo. Así mesmo, solicitan que namentres siga valada a zona afectada, se mellore o balizamento para evitar o risco para o tráfico rodado, sobre todo pola noite.

mércores, 31 de marzo de 2021

Foto denuncia EU - Rotura da tubaxe de auga na estrada de Meloxo

 

🚨📣Si no pleno do luns, o noso voceiro, José Antonio Otero González evidenciaba o problema existente na estrada de Meloxo, con ata catro roturas da tubaxe de abastecemento de auga nos últimos 2 meses en tres puntos diferentes, e auguraba novos cortes debido ao mal estado da tubaxe (é de fibrocemento) e ao repisado da estrada, onte mesmo cumpríronse os prognósticos e a veciñanza volveu sufrir un novo corte do subministro logo dunha nova avaría (terceira xa) na primeira fochanca.
⚠⚠É evidente que esta estrada precisa unha actuación urxente e máis obvio aínda que a veciñanza agarda que alguén do goberno lles informe de cales son os pasos que se están dando ou cales se van a dar para solucionar este problema. Así o esiximos no pleno do luns e seguiremos insistindo ata que se presente unha solución sexa con medios municipais ou doutras administracións.