Amosando publicacións coa etiqueta autocaravanismo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta autocaravanismo. Amosar todas as publicacións

mércores, 3 de setembro de 2025

Esquerda Unida acusa ao goberno local de “condenar O Grove ao caos” durante o verán

O grupo municipal denuncia que o verán no Grove estivo marcado polo caos circulatorio, a falta de prazas de estacionamento, os servizos públicos saturados e a inacción dun goberno que, malia ter recibido múltiples avisos, non puxo en marcha ningunha medida de prevención. 

A formación critica tamén a mala imaxe xerada pola falla de limpeza e recollida de lixo selectivo, o desleixo na atención ás praias e a ausencia de medidas de control e planificación, o que cualifican como “un novo fracaso do PSOE” á hora de xestionar a tempada estival.

O Grove, 3 de setembro de 2025.- Esquerda Unida do Grove fixo este mércores un balance moi crítico da tempada estival, asegurando que “cando pensabamos que o caos do verán pasado era insuperable, este goberno demostrou a súa capacidade de superación, conseguindo empeoralo”. A formación acusa ao executivo de José Cacabelos de “condenar a vila ao caos por culpa da súa deixadez e incompetencia”, e denuncia que “a imaxe que se ofreceu este verán foi nefasta, tanto para a veciñanza como para os milleiros de visitantes que nos escollen. A sensación que se levaron os turistas foi dunha vila abandonada”. 

O voceiro municipal, José Antonio Otero, foi rotundo, “Este goberno só funciona a base de improvisación e propaganda. Non existe nin unha soa planificación seria. Levamos meses pedindo o pintado dos pasos de peóns e o desbroce de rúas e estradas, e chegamos a xullo cunha vila sen sinalización horizontal, con rúas recen asfaltadas sen delimitar e con beirarrúas e camiños invadidos pola maleza, provocando unha imaxe dantesca e un serio perigo para os viandantes. É un auténtico milagre que non se producira un accidente fatal”. “Non é de recibo que se pinten parte das sinalizacións horizontais e se desbroce en pleno agosto” sentenciou. 

Otero incidiu tamén na falta de efectivos da Policía Local, na inexistencia dun servizo de guindastre e na falta de estacionamentos disuasorios. “Este verán O Grove converteuse practicamente nunha vila sen lei. Calquera podía aparcar diante dun garaxe, circular en dirección contraria ou ocupar beirarrúas sen que pasara nada. E mentres tanto, seguimos sen un servizo de guindastre, algo que levamos anos reclamando e que sería fundamental para garantir o cumprimento das normas e dar solución inmediata ás persoas afectadas”. “Este goberno non tivo capacidade para crear zonas de estacionamento disuasorio, tanto nas inmediacións dos areais como no propio casco urbano, a pesar de comprometerse a iso e contar con propostas enriba da mesa dende hai tempo. O abandono foi tal que incluso se reduciron prazas de estacionamento no aparcadoiro de Entrehortas debido á obra de humanización da zona, que acumula un serio retraso”. 

Tamén a concelleira Susana Millán cargou con dureza contra a xestión turística e a ausencia de planificación. “Neste último mes, o alcalde chegou a recoñecer que non estamos preparados para recibir a afluencia de visitantes, pero a realidade é que o que non está preparado é el nin o seu goberno. Despois de dez anos no poder, seguimos sen técnico especializado, sen un plan turístico, sen estratexia e sen mesas de traballo co sector. O que hai son declaracións vagas na prensa para xustificar o fracaso da súa xestión”. 

Millán fixo especial fincapé na problemática do autocaravanismo. “Pasamos do abandono absoluto á tentación de prohibir, e facelo de forma ilegal. O turismo de autocaravanas leva anos medrando e é tan respectable como calquera outro, pero necesita infraestruturas e servizos mínimos. Nós propuxemos a creación de áreas de autocaravanas con servizo de descarga e recollida de augas, gratuítas ou de pago, pero o goberno fixo oídos xordos. Se non se actúa, seguirán os problemas de convivencia e os discursos contra este tipo de visitantes”. “A acampada fóra dos espazos habilitados e as actitudes incívicas dunha parte dos autocaravanistas, como a do resto de visitantes e veciñanza, é sancionable sen necesidade de máis regularización, o problema é que non hai quen sancione”. 

 Para a concelleira de Esquerda Unida “a tempada pode considerarse exitosa en canto a afluencia, pero dubidamos que quen se achegou por primeira vez a O Grove contemple regresar o vindeiro ano”. Segundo Millán, “a solución pasa por contratar persoal especializado e sentar ao sector e traballar nunha planificación e unha estratexia turística conxunta que marque o camiño a seguir e as necesidades reais”. 

Pola súa parte, Anxo Meis, puxo o foco na situación dos paseos e accesos ás praias, que cualificou como “un perigo público”. “Levamos anos advertindo do deterioro das pasarelas de madeira e dos accesos aos areais, e a realidade é que cada ano están peor. Táboas levantadas, pasamáns rotos ou directamente inexistentes,… O resultado é que houbo numerosos incidentes, o máis grave o dunha persoa evacuada en helicóptero na zona de Pedras Negras. E o alcalde responde con cifras inventadas de máis de 4 millóns de euros para a súa reparación, sen auditoría nin informe técnico que o avale. Iso non é seriedade, é improvisación e abandono”. 

Meis insistiu en que esta situación podería terse evitado con algo tan simple como un plan de mantemento anual. “Non estamos falando de obras faraónicas, senón de revisar cada ano o estado dos paseos e accesos, reparar o que estea danado e asegurar a súa seguridade. Cando non se fai nada, o resultado é o que temos hoxe: infraestruturas en estado lamentable e risco para as persoas”. 

Outro dos puntos destacado por Meis foi a recollida selectiva de residuos, que, segundo denunciaron, “non funcionou como debería”. “Foron moitas as ocasións nas que os colectores de cartón, plástico e/ou vidro estiveron cheos durante días sen que a empresa encargada procedese á súa retirada. Xa o advertimos en pleno e pedimos aumentar a frecuencia de recollida, sobre todo no casco urbano polo incremento poboacional, pero o concello fixo caso omiso”. 

A situación levou a que moitos usuarios deixaran bolsas e caixas acumuladas a carón dos colectores, “ofrecendo unha imaxe lamentable da vila”. Meis lembrou que a primeira vez que EU denunciou o problema “díxosenos que fora un erro puntual, pero a realidade é que se repetiu en numerosas ocasións, demostrando que o problema é estrutural e de falta de previsión”. 

Os tres concelleiros coincidiron en que a vila non pode seguir neste camiño. “Cada verán a situación empeora, e todo porque non hai planificación, non hai mantemento e non se aposta polos servizos públicos. O Grove non pode seguir á deriva, funcionando a golpe de improvisación. Se non se toman medidas serias, cada tempada estival converterase nun problema maior ca o anterior”, concluíron. 

Entre as medidas que Esquerda Unida propón destacan: dotar de máis persoal e medios aos servizos municipais, crear unha brigada estable de limpeza e desbroce, poñer en marcha o servizo de guindastre e depósito de vehículos, habilitar zonas de estacionamento disuasorio, crear áreas para autocaravanas, mellorar a recollida selectiva de residuos e, sobre todo, abrir un debate serio sobre o futuro turístico da vila a través do Consello Local de Turismo e coa contratación dun técnico especializado. 

“Se non temos unha vila limpa, ordenada e mantida para nós mesmos, é imposible tela en boas condicións para os que nos visitan”, conclúen.

xoves, 3 de setembro de 2020

Esquerda Unida advirte que foi Cacabelos quen provocou o descontrol das autocaravanas

Autocaravanas no Grove. Foto Faro de Vigo

Os esquerdistas indican que o PSOE rexeitou unha moción de Esquerda Unida que propoñía habilitar espazos para as autocaravanas e logo modificou a ordenanza que levou á situación actual.

Piden que se retome a súa proposta do 2016 e indican que o goberno tiña e ten medios para sancionar ás autocaravanas que acampan fora dos campings, ás que estacionan e pasan a noite en zonas protexidas ou ás que baleiran as augas sucias en calquera lugar.

O Grove, 3 de setembro de 2020.- Esquerda Unida móstrase sorprendida ante as últimas noticias publicadas en relación ás autocaravanas e, en especial, polas declaracións do Alcalde. E é que non entenden que Cacabelos “fale de regular un descontrol que el e o seu equipo de goberno provocaron hai catro anos”, indica o voceiro de Esquerda Unida, José Antonio Otero.

Otero recorda que no pleno do mes de abril do 2016 debateron unha moción de Esquerda Unida na que pedían que se creasen, como mínimo, dúas zonas onde as autocaravanas puidesen estacionar, pasar a noite e contasen con área de servizo. Así mesmo pedían que o artigo 51.2a da Ordenanza de Policía, Bo Goberno e medidas para Fomentar e Garantir a Convivencia Cidadá no Espazo Público fose modificado para permitir que as autocaravanas puidesen estacionar e pasar a noite no noso concello, atendendo así á instrución 08/v-74 de xaneiro de 2005. O voceiro esquerdistas indica que naquel entón, o goberno do PSOE opúxose á proposta do seu grupo municipal e, no seu lugar, meses despois modificou a ordenanza e deixou unha liberdade que derivou na situación actual de descontrol.

Así mesmo, José Antonio Otero, que tamén se mostra sorprendido coas declaracións do Partido Popular en relación a este asunto, indícalle ao partido de Beatriz Castro, que a lei da o dereito ás autocaravanas para circular libremente, estacionar e pasar a noite fora dos campings e que non se lle pode obrigar a dirixirse a estes espazos privados. “Outra cousa é habilitar areas de servizo públicas e procurar dirixir este tipo de turismo a estes espazos regulados co propósito de evitar un descontrol que a día de hoxe é máis que patente”, indica Otero.

Os esquerdistas consideran que o autocaravanismo é unha fonte de ingresos importante para moitos establecementos locais e, segundo indican, “quedou demostrado que a previsión de aumento do que se falaba xa no 2016, sobre este tipo de turismo, foi superado considerablemente a día de hoxe”. Para Otero, crear áreas de servizo públicos para autocaravanas non é incompatible cos campings, pois entende que “o autocaravanista que fai ruta e non precisa acampar, non vai pasar a noite nun camping e si lle prohibimos facer noite na vía pública o que vamos conseguir é que eliminen o noso concello da súa ruta”.

“Outra cousa é deixar liberdade total ás autocaravanas para acampar na vía pública, estacionar en zonas protexidas ou praias e realizar o baleirado de augas sucias en calquera lugar”, indica Otero, que lle recorda a Cacabelos que “se hai descontrol nesta cuestión o único responsable é el”, pois a normativa municipal prohibe calquera desas accións”. “O problema xurde cando se permitiu estacionar e pasar a noite no noso concello, pero non se fixo vixilancia para controlar que esta permisividade non se excedera. Agora vemos como moitas autocaravanas estacionan en zonas protexidas praias, paraxes..., acampan fora das zonas habilitadas ou baleiran as súas augas sucias en calquera lugar, e isto só ten un responsable; Cacabelos”, sentencia Otero.

Por ese motivo, para Esquerda Unida a solución non pasa pola prohibición total que pide o PP nin pola liberdade que provocou o PSOE, senón por aplicar a moción que no 2016 presentou o seu grupo municipal, rexeitada polo goberno socialista, crear áreas de estacionamento e servizo público para estes vehículos a imaxe e semellanza do que fixeron concellos como Vilagarcía, A Illa, Pontevedra,... e outros tantos municipios da provincia e a comunidade e que teñen mellor control sobre este tipo de turismo.

mércores, 6 de abril de 2016

EU solicita que se permita estacionar e se creen áreas de servicio para autocaravanas


O Grupo Municipal de Esquerda Unida ven de rexistrar no concello unha moción na que se solicita que as autocaravanas poidan estacionar e pasar a noite no noso concello, así como a creación de areas de servizo para este tipo de usuarios.

A agrupación local de Esquerda Unida consideran que O Grove ten que aproveitar este tipo de turismo en auxe en toda Europa. Un turismo -o do autocaravanismo- que provoca a extensión da tempada xa que viaxan todo o ano, dinamiza ás áreas rurais, promociona áreas pouco coñecidas e difunde o patrimonio histórico, gastronómico, paisaxístico e cultural das zonas que visitan, ademais de potenciar o comercio local, en especial o da restauración e os supermercados.

Para elo, o
Ex. zona aparcamento en Ponte Caldelas
primeiro é regular a súa situación no Concello do Grove, onde non hai zonas expecíficas para que poidan estacionar e unha ordenanza local o prohibe así como a posibilidade de que pasen a noite na vila, a pesar de que a instrución 08/V-74 de xaneiro de 2005 si o permite. Así mesmo, os usuarios do autocaravanismo precisan atopar no seu destino as facilidades para desenrolar a súa actividade que pasa por contar cunha área de servizo, onde poder subministrarse de auga potable e realizar o baleirado de augas grises e negras. 

Ex. Area servizo en Ponte Caldelas
Un servizo que, ademais de marcar o destino dos autocaravanistas, tamén garante a xestión medioambiental segura e responsable dos residuos, evita o vertido incontrolado de augas residuais, favorece a chegada dun colectivo en pleno auxe en Europa, pon de manifesto o carácter amigable da localidade, pode converterse nun punto de información turística e comercial en beneficio da zona, potencia o comercio local e prolonga a tempada turística a todo o ano.


É por iso, que os concelleiros do Grupo Municipal de Esquerda Unida someterán a debate e aprobación, no pleno de abril, a proposta de modificar a Ordenanza de Policía, Bo Goberno e Medidas para Fomentar e Garantir a Convivencia Cidadá no Espazo Público para permitir o estacionamento das autocaravanas e que estas poidan pasar a noite no concello así como habilitar un mínimo de dúas zonas (unha en cada parroquia) reguladas nas que se lles permita facelo. Tamén que estas zonas conten con Área de Servizo nas que se poidan abastecer de auga potable e baleirar as augas residuais (negras e grises). Unha instalación que non require un gran desembolso económico e repercute positivamente no Concello.

[descargar moción no seu contexto orixinal

Prensa 

EU aposta por habilitar zonas de estacionamento e servizo para autocarvanas [ver noticia web]
 
EU pedirá en pleno que se habiliten áreas de servicio y zonas para que pernocten las autocaravanas [ver noticia web]

EU propone derogar la ordenanza que prohibe estacionar y pernoctar a las autocaravanas [ver noticia web para subscriptores] [ver imaxe da noticia completa]

EU pide que se modifique la ordenza que prohibe a las autocarabanas pernoctar [sen noticia web] [ver imaxe da noticia completa]