Amosando publicacións coa etiqueta Quioscos Prais. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Quioscos Prais. Amosar todas as publicacións

sábado, 13 de xullo de 2024

Esquerda Unida denuncia as mentiras de Cacabelos sobre a prohibición de música nos Quioscos de Praia

O Servizo Provincial de Costas indicoulle ao grupo municipal de Esquerda Unida que adecisión foi puramente municipal e non do seu departamento, como afirmara o Alcalde nun pleno.

Requiren unha rectificación pública de Cacabelos e esixen que, en base a unha xustificación baseada nunha mentira, emende a decisión e permita aos quioscos das praias poñer música e realizar concertos.

O Grove, 13 de xullo de 2024 - O grupo municipal Esquerda Unida ven de denunciar como falsas as declaracións do Alcalde do Grove respecto á prohibición de poñer música e realizar concertos en directo nos quioscos de praia. Durante o pleno do 3 de xullo, o voceiro de Esquerda Unida, José Antonio Otero, preguntou sobre a razón pola cal os pregos da licitación dos quioscos para os vindeiros catro anos prohibían a música e os concertos en directo, algo que non sucedera anteriormente.

O Alcalde respondeu que a prohibición era unha cuestión de Costas, afirmando que “non é cuestión nosa, nin unha decisión nosa, senón de Costas. Xa anteriormente se recollía que non se permitía música na praia, de feito hai normativa que establece que non se pode facer música na praia.” Ademais, indicou que “como moito, estamos facendo unha consulta, que trasladaremos a Costas de si nalgún horario determinado, os quioscos poden poñer fío musical, pero nunca vai poder haber concertos en directo como había ata agora”, unha resposta, esta última, que volveu repetir no pleno do 1 de xullo.

Non obstante, tras cuestionar as palabras do Alcalde, Esquerda Unida realizou unha consulta ao Servizo Provincial de Costas de Pontevedra, e a súa resposta foi clara: “Na lei de Costas non se especifica nada ao respecto, polo que nós cinguímonos a que se cumpra coas medidas, distancias, verteduras etc. En canto á colocación sobre os areais, é o concello quen os dispón. Todo o relativo ao funcionamento dos mesmos (ruídos, horarios, estética, etc.) débese aplicar a normativa vixente de cada concello.”

Ademais, Costas indicoulles que a prohibición de ruídos ou luces é unha normativa do Servizo de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia aplicable aos espazos Red Natura 2000. No caso do Grove, os areais afectados son A Lanzada, Area Grande e a Mexilloeira. Polo que dende Esquerda Unida entenden que o resto dos areais onde se licitan quioscos, como Raeiros, Area de Reboredo, Area das Pipas, Lavaxeira e A Toxa, non se ven sometidos a esta restrición.

Para o voceiro de Esquerda Unida, José Antonio Otero, “esta resposta do servizo provincial de Costas demostra que non é certo que fosen eles quen prohibira facer concertos ou poñer música nos quioscos de praia. Foi unha decisión puramente municipal e por tal motivo, requirimos unha rectificación pública do Alcalde”.

Así mesmo, Otero considera que “dado que a única xustificación do Alcalde para a prohibición foi baseada nunha mentira, esiximos que emende a decisión inicial e permita aos quioscos de praia poder poñer música e realizar os concertos que viñan desenvolvendo, limitando, en todo caso, o nivel de decibelios e o horario de finalización dos mesmos, pero non prohibíndoos.”

luns, 29 de xaneiro de 2024

Esquerda Unida urxe ao Goberno Local a axilizar a renovación das concesións dos Quioscos de Praia

 

Consideran importante iniciar o proceso sen demora para permitir a planificación dos novos concesionarios, especialmente de cara a unha Semana Santa, que este ano coincide a finais de marzo.

Preguntan polo retraso na devolución das fianzas aos concesionarios saíntes e piden o seu pago inmediato.

O Grove, 29 de xaneiro de 2024.- O grupo municipal de Esquerda Unida insta ao goberno a iniciar de inmediato o proceso de renovación das concesións dos Quioscos de praia, as cales remataron no pasado verán despois de catro anos de vixencia.

Considerando que a primeira das épocas turísticas do ano, a Semana Santa, este ano sitúase a finais de marzo, dende Esquerda Unida subliñan a necesidade de realizar as adxudicacións sen demora, co propósito de que se os novos concesionarios desen abrir nestas datas, poidan planificar as súas tarefas de preparación e procura de persoal coa debida antelación. O partido solicita ao goberno local que emita as bases do proceso de renovación sen dilación

Así mesmo, dende Esquerda Unida aproveitan para preguntar os motivos polos que os adxudicatarios, que finalizaron a concesión a finais da pasada tempada estival, aínda non recibiron o reembolso das fianzas depositadas no seu momento, logo de catro meses do remate das mesmas. Esixen ao goberno que procedan a realizar os reintegros pois entenden que son esenciais, non só como un dereito que lles pertence, senón tamén como un recurso necesario para afrontar o novo proceso de adxudicación.

Esquerda Unida comprométese a velar por que o proceso de adxudicación se realice con totais garantías e transparencia. Agardan unha pronta acción por parte do executivo local para asegurar unha xestión eficaz no servizo de Quioscos de praias.