Amosando publicacións coa etiqueta Lixo Mariño. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Lixo Mariño. Amosar todas as publicacións

martes, 17 de xuño de 2025

EU esixe o pintando de todas as sinalizacións horizontais do Grove e a inclusión do lema “O Mar Comeza Aquí” nas arquetas dos sumidoiros

A formación alerta do perigo que supón a ausencia de pasos de peóns e outras sinalizacións horizontais en moitas das rúas do concello e pide que o pintado non se limite ás recentemente asfaltadas.

Aproveitan para reclamar a aplicación efectiva da campaña “O Mar Comeza Aquí”, aprobada por unanimidade en 2024 a proposta de Esquerda Unida, que pretende concienciar sobre a conexión entre o lixo nas rúas e a contaminación mariña.

O Grove, 17 de xuño de 2025.-Esquerda Unida solicita ao goberno municipal que os traballos de pintado de sinalización horizontal non se limite ás rúas que veñen de ser asfaltadas e se estendan ao resto do concello. A formación alerta de que en moitos puntos do municipio a sinalización é “inapreciable ou inexistente”, especialmente os pasos de peóns, e isto “supón un perigo real tanto para os vehículos como para os viandantes”, explica o seu voceiro José Antonio Otero.

Desde Esquerda Unida lembran que en varios plenos anteriores xa advertiran desta situación, e que dende o goberno municipal se xustificou o atraso no pintado pola execución do plan de asfaltados. Con todo, “tememos que só se vai pintar o novo, e que volverán esquecer o resto das rúas, xusto cando se achega o verán e aumenta a afluencia de visitantes, o que fai aínda máis necesario garantir a seguridade peonil”, insiste Otero.

Ao mesmo tempo, Esquerda Unida propón que se aproveiten estes traballos para incorporar unha acción de sensibilización ambiental de baixo custo e alto valor educativo: o pintado do lema “O mar comeza aquí” nas arquetas dos sumidoiros, especialmente nas zonas máis transitadas.

Esta acción forma parte dunha campaña ambiental presentada por Esquerda Unida e aprobada por unanimidade no pleno de setembro de 2024, co obxectivo de lembrar á cidadanía que os residuos depositados nas rúas, como as cabichas, rematan moitas veces no mar. “Moita xente non é consciente de que o lixo que tiramos ao chan ou aos sumidoiros acaba na nosa ría. Este pintado é unha maneira visual, directa e económica de concienciar”, sinala o concelleiro Anxo Meis, defensor da iniciativa.

A medida xa foi implantada en numerosas cidades europeas e está recoñecida como boa práctica ambiental. Desde Esquerda Unida consideran que esta intervención debería ser o primeiro paso dunha campaña máis ampla, que inclúa tamén sistemas físicos de recollida de residuos nos sumidoiros.

“Se se están a pintar pasos de peóns e marcas viarias, non hai razón para non aplicar tamén esta medida que xa foi aprobada por este mesmo pleno”, engade Meis. A formación lembra que O Grove ten no mar o seu principal recurso económico e ambiental, polo que toda acción que contribúa a preservar o ecosistema mariño debe ser prioritaria.

Por todo isto, Esquerda Unida reclama que o Concello actúe de inmediato para estender o pintado de sinalizacións a todo o termo municipal e que execute xa os compromisos adquiridos coa campaña “O mar comeza aquí”.

martes, 15 de novembro de 2022

EU pide que se repoña o servizo de sacos para a recollida de lixo mariño

 

A instalación de grandes sacos nos areais grovenses, para depositar o lixo mariño e posteriormente retirar e xestionar eses residuos, comezou a funcionar tras aprobarse unha moción de Esquerda Unida.

O servizo paralizouse na época estival e os esquerdistas piden que se volva poñer en marcha, pois era moi demandado polas persoas que visitan os areais no inverno e contribúe á recuperación do litoral e limpeza das praias.

O Grove, 15 de novembro de 2022. En agosto de 2020 aprobouse en pleno, a petición deEsquerda Unida, a instalación nos diferentes areais dun sistema de grandes sacos para depositar o lixo mariño que a veciñanza e visitantes recollían durante os seus paseos para logo proceder á súa retirada e posterior xestión deses residuos. Un servizo que finalmente o goberno puxo en marcha a inicios de2021 e que tivo unha excelente acollida. 

O sistema foi paralizado na época estival debido a que coa afluencia turística, os usuarios das praias  utilizábanos como colectores de lixo. O problema é que a día de hoxe non se volveu reactivar. 

É por iso que dende Esquerda Unida piden ao executivo local que volva instalar os sacos, pois considérano un sistema imprescindible para a xestión dos residuos que o mar deposita nas costas grovenses. "Cando nos trasladaron a proposta considerámola interesante e moi importante. Moitas persoas visitan as praias e zonas de costa en época non estival e neses paseos aproveitan para recoller os plásticos e lixo que o mar achega a terra. O problema residía en que ese lixo quedaba amontoado nun lado sen que ninguén xestionase a súa retirada e na maioría dos casos volvíase espallar polos areais. Con este sistema, o lixo queda resgardado nuns grandes sacos (utilizados habitualmente para escombro de obra) e logo o concello encárgase de recollelo e xestionar a súa reciclaxe. É por iso que presentamos a moción e, logo de ser aprobada por unanimidade, o concello puxo en marcha a medida, que resultou ser todo un éxito, así como pioneira", explica o voceiro de Esquerda Unida, José Antonio Otero. 

Logo de terse retirado o servizo durante o verán, o cal entenden "xa que nesta época, desgraciadamente non se respectaba o destino destes sacos e os usuarios das praias depositaban neles o lixo que xeraban, cando deberían levalo para a casa ou tiralo no colector adecuado", os esquerdistas piden agora que se retome o servizo "para continuar deste xeito colectivo e voluntario á contribución na recuperación do noso litoral e limpeza das nosas praias", indican. 

Dende Esquerda Unida agardan que o goberno e en especial a Concellería de Medio Ambiente atenda á súa petición e reactiven o máis axiña posible o servizo.

sábado, 13 de febreiro de 2021

Xa están Instalados os sacos para a recollida de lixo mariño

 

♻Xa están instalados en boa parte dos areais do Grove os sacos para a recollida do lixo mariño.
📌Esta medida tomouse dende o Concello do Grove despois de que Esquerda Unida presentara unha moción no pleno do pasado agosto, e aprobada por unanimidade, na que instaba ao concello á instalación de sacos para a recollida do lixo mariño que chega ás nosas praias e costas.
➡ Moitas persoas 🙋‍♀️🙋‍♂️ que adoitan pasear polos areais mecos recollen estes refugallos 🚮❓ sen saber moi ben onde depositalos. Especialmente despois das tempestades do inverno nas que o mar expulsa todo tipo de residuos sólidos ás nosas costas. A recollida e xestión deste tipo de residuos non é doada e resulta un problema moi importante para o ecosistema mariño.
💚🌍A veciñanza xa é consciente dos problemas medioambientais que causan na nosa ría as artes de pesca abandonadas á deriva e os restos de lixo doméstico que acaban no noso mar. A súa recollida de forma voluntaria xerou a necesidade da instalación de sacos de grandes dimensións nos que puidesen depositar estes obxectos. Puidemos comprobar que esta iniciativa está sendo ben recibida pola veciñanza xa que todos os sacos tiñan no seu interior lixo mariño.
📥Esperamos que o concello amplíe a rede a todos os areais e faga efectivas o resto das propostas da moción especialmente a que fai referencia á recollida puntual dos diferentes sacos🤞 e a xestión da súa reciclaxe ou eliminación co Punto Limpo.
Ler noticia da moción presentada por EU: http://www.euogrove.es/.../eu-pide-que-o-concello-instale...