Amosando publicacións coa etiqueta Axuda a Domicilio. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Axuda a Domicilio. Amosar todas as publicacións

mércores, 5 de abril de 2023

EU pide ao goberno que municipalice os servizos de Axuda a Domicilio e Limpeza de Instalacións Municipais

 
Os servizos xestionados por Atendo Calidade SL e Clece SA remataron o contrato en 2018 e 2020 respectivamente e dende entón prestan o servizo de forma “irregular”.

Clece denunciou ao concello por non ter convocada unha nova licitación e o xulgado deulles a razón. EU quere que se aproveite a situación para prestar os dous servizos con xestión directa municipal.

O Grove, 5 de abril de 2023.- Foi xa en outubro de 2018 cando Atendo Calidade SL rematou o contrato que, a través da licitación pública, adquiriu co Concello do Grove para prestar o servizo de Axuda a Domicilio. Dende entón foron numerosas as ocasións nas que o grupo municipal de Esquerda Unida ten preguntado no pleno pola situación na que se atopa este demandado servizo e cando se procedería a unha nova licitación, facendo sempre fincapé na necesidade de procurar unha xestión pública do servizo, máxime tendo en conta as diferentes queixas que as traballadoras lles teñen trasladado sobre o trato que lles dá a empresa actualmente responsable do servizo. Segundo o voceiro de Esquerda Unida, José Antonio Otero, "a resposta dende o goberno sempre foi a mesma, que estaban preparado os pregos e que, entre tanto, o servizo se seguía prestando dun xeito un tanto irregular en canto ao formato utilizado para continuar vinculando a relación contractual" e indica que ante a petición de que se procurase a remunicipalización do servizo, “dende o goberno recibíamos unha negativa absoluta”, cuestión que non lles era estraña, “pois só hai que ver como nos últimos 8 anos de mandato de Cacabelos o que se fixo foi todo o contrario, externalizar os servizos”. Otero indica que no último pleno, “o Alcalde asegurou contar cun informe que lles avalaba a continuidade do servizo de forma externalizada”, documento que xa ten pedido o voceiro esquerdista por rexistro, pois “dubida” da veracidade das palabras do Alcalde.

Así as cousas, dende Esquerda Unida seguen apostando pola xestión pública dos servizos que ten que prestar o concello aos seus veciños e, ao servizo de Axuda a Domicilio, suman agora a petición de recuperar o servizo de Limpeza de Instalacións Municipais, pois comprobaron que o contrato que concello ten con Clece SA tamén finalizou hai uns anos, concretamente en xuño de 2021, se ben a empresa xa pedira a finalización do mesmo logo do primeiro ano de prórroga no 2020, un ano antes de que rematase o tempo máximo da concesión. “Isto significa que, como mínimo, temos dous servizos externalizados que prestan o seu traballo para o concello de forma irregular pois, como mínimo tiñan que ter realizado unha nova licitación”, asevera o voceiro de Esquerda Unida.

Para os esquerdistas, a diferencia entre a situación do servizo de Axuda no Fogar e o de Limpeza de Instalacións Municipais radica na denuncia que a propia empresa xestora da última, Clece SA, ten posto no xulgado ante a pasividade do goberno municipal, pois teñen reclamado a necesidade de realizar unha nova licitación do servizo.

Foi o 14 de novembro do 2022 cando o Xulgado do Contencioso-Administrativo número Un de Pontevedra ditou sentenza favorable a Clece SA e condenou ao concello a tramitar e aprobar, no prazo dun mes, un expediente de contratación e que se formalizara o contrato dentro dos tres meses seguintes, entendendo que, se era preciso que se seguira realizando a conservación e limpeza das instalacións municipais de forma externa, o concello tiña que licitar debidamente o servizo. O concello puxo recurso e este foi desestimado o 10 de marzo deste mesmo ano, condenando tamén ao concello a pagar as costas ata un máximo de 1.000 euros.

A pesar de que a sentenza segue sen ser firme, para Esquerda Unida esta é unha nova mostra “da nula capacidade de xestión do goberno municipal, que incumpre os procedementos administrativos e logo tenta solucionalos utilizando os recursos públicos en batallas xudiciais sen sentido”, denuncia José Antonio Otero, que lle pide ao Alcalde “que aproveite a circunstancia para traballar nunha recuperación do servizo e xestionalo de xeito público a través do concello”.

Sentenza Xulgado Clece SA


martes, 22 de xuño de 2021

EU presenta unha moción para loitar contra a soidade non desexada

 

O grupo municipal de Esquerda Unida elevará ao pleno de xuño unha proposta na que insta ao goberno municipal a crear un censo de persoas que viven soas e a combater a soidade non desexada.

Segundo Esquerda Unida, o alto índice de envellecemento da poboación galega (no Grove sitúase nos 130,82) sumado ao crecemento continuo dos fogares unipersoais, provoca que cada vez sexa maior o número de persoas maiores que viven soas, se a isto se lle suma que moitas desas persoas teñen algún tipo de dependencia ou unha renda baixa, os esquerdistas entenden que existe un problema no que é preciso unha intervención por parte das administracións, neste caso da local.

Por ese motivo, o grupo municipal de  Esquerda Unida pedirán no pleno do vindeiro luns, que o Concello cree un censo municipal, voluntario, de persoas que viven soas, co propósito de coñecer a situación real deses fogares e poder intervir en melloras e/ou solucións. Así mesmo, instarán ao goberno municipal a crear un Plan de Envellecemento Activo para ofrecer un servizo de axuda, información e acompañamento ás persoas maiores. Por último, solicitarán a adhesión á rede de Cidades Amigables coas Persoas Maiores e ao proxecto Cidades que Coidan, para converter O Grove nunha cidade coidadora.

Moción Completa:

MOCIÓN PARA A ELABORACIÓN DUN CENSO DE PERSOAS QUE VIVEN SOAS E A POSTA EN MARCHA DUN PLAN DE ENVELLECEMENTO ACTIVO PARA COMBATER A SOIDADE NON DESEXADA

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O envellecemento da poboación é un dos datos máis preocupantes para as galegas e galegos, que ven como o grupo de maiores de 65 anos foi crecendo progresivamente ao longo dos últimos 40 anos. Segundos os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) no ano 2020 a idade media da poboación da nosa comunidade sitúase en 47,28 anos e o índice de envellecemento da poboación é dun 160,40. Na provincia de Pontevedra, a idade media redúcese ata os 45,88 anos, ao igual que o índice de envellecemento (132,72). Nuns datos similares se atopa a Comarca do Salnés, onde a idade media é de 45,40 namentres o índice de envellecemento está nos 127,20.

Os datos do Concello do Grove non distan moito dos anteriores, se ben está por debaixo dos autonómicos, non é así  comparándoos cos provinciais e comarcais. No noso concello a idade media sitúase moi preto dos 46 anos (45,90) e o índice de envellecemento atópase nos 130,82. Segundo datos a 31 de decembro de 2020, un total de 2.375 veciñas e veciños superan os 65 anos de idade (1.329 mulleres e 1.046 homes), o que supón o 22,58 % da poboación. En base á proxección que fai o IGE para a comarca, no 2.035 o grupo de maiores de 65 anos suporá o 31,28% da poboación do Salnés. Extrapolando esa porcentaxe ao Grove, dentro de 15 anos os maiores de 65 anos aumentará en case 1.000 persoas, chegando ás 3.290.

Se a estes datos lle sumamos que cada vez é maior o número de fogares unipersoais –no 2019 a cifra situábase no 22,30% dos fogares galegos–, que máis dun 50% dos mesmos están ocupados por persoas que superan os 65 anos e que, nunha porcentaxe alta, estas contan con algún tipo de dependencia ou cunha renda baixa, atopámonos con un problema real e preocupante. A maiores, atopámonos coa problemática da soidade non desexada.

A soidade non desexada é unha circunstancia que afecta a, cada vez, máis persoas adultas, e especialmente ás persoas maiores de 65 anos, tal e como indicamos cos datos anteriores. Diferentes estudos constatan que, se ben a soidade non desexada e o illamento social incide en todas as etapas da vida, agudízanse notablemente durante a vellez, ocasionando un impacto directo e negativo sobre a saúde e o benestar de quen o padecen. Supón unha fonte de sufrimento para as persoas e afecta ao seu dereito de participación na sociedade, tendo consecuencias negativas en varios ámbitos a nivel individual, como na saúde e, con iso, xerando custos a nivel social.

Os factores que inciden no sentimento de soidade son varios e de diferente natureza: Intrapersoais (personalidade, expectativas...); acontecementos vitais (perdas de seres queridos, xubilación...); estruturais (condicións da vivenda, accesibilidade...); recursos e servizos; existencia de relacións; participación social...

Por outro lado, o aumento da esperanza de vida significa que as persoas que sofren unha falta de relacións, a escaseza ou ausencia de vínculos emocionais e a perda de autoconfianza , teñen que soportar esa situación durante unha larga etapa da súa vida, o que favorece a consolidación dunha sensación de non saber a quen acudir ou confiar en caso de necesidade.

Dende Esquerda Unida non somos alleos a estes datos e a que O Grove tamén conta con numerosos veciños e veciñas que se atopan nesta situación, agravada de forma considerable neste último ano debido á Pandemia, e cremos que o Concello ten que desenrolar algún tipo de ferramenta que favoreza a detección de casos, así como a posterior intervención e atención, co fin de fomentar a protección, a seguridade e o benestar emocional das persoas afectadas.

Consideramos que unha desas ferramentas é a creación dun censo de persoas que viven soas, co propósito de coñecer a súa situación real no noso concello e poder incidir directamente en franxas de idade concretas ou nos colectivos máis vulnerables. 

A inclusión da veciñanza no censo ten que ser voluntaria, se ben o Concello ten que incidir na necesidade de participar no mesmo, e os seus datos serán tratados con estrito cumprimento da normativa de protección de datos e serán empregados coa finalidade de servicio público que inspira esta proposta.

Neste caso non existe rango de idade, pois o propósito é coñecer o número e as características das persoas que habitan en fogares unipersoais. 

Con ese censo, xurde a proposta dun Plan de Envellecemento Activo para que, dende o Concello e coa colaboración da Concellería de Asuntos Sociais e outros departamentos municipais, se poida ofrecer un servizo de axuda, información e acompañamento ás persoas maiores da nosa localidade que o necesiten.

Os obxectivos deste plan son:

  • Coñecer as necesidades das persoas maiores que viven soas na nosa vila.  
  • Ofrecer información de actividades lúdicas que poidan ser do seu interese. 
  • Ofrecer alternativas de ocio. 
  • Informar e solicitar o servizo de teleasistencia de forma gratuíta. 
  • Fomentar as relacións persoais. 
  • Crear unha rede de axuda e acompañamento na que poidan colaborar as veciñas e veciños que queiran participar.

A participación no plan tamén ten que ser voluntaria. O Concello pode contactar vía postal/presencial coas persoas maiores que viven soas e ás que poida interesarlle participar neste plan. Neste caso, o plan vai dirixido a un tipo de veciñanza concreto e o rango de idade pode comezar aos 65 anos. As persoas interesadas en participar en este Plan farano, ao igual que no censo, de forma voluntaria e o seus datos tamén serán tratados con estrito cumprimento da normativa de protección de datos.

A maiores, entendemos precisa a adhesión á rede de Cidades Amigables coas Persoas Maiores (www.ciudadesamigables.imserso.es), un proxecto promovido pola OMS no 2010 como resposta ao rápido envellecemento da poboación e co obxectivo de conectar cidades, comunidades e organizacións en todo o mundo coa visión común de facer do seu entorno un lugar mellor onde envellecer dignamente e con calidade. Unha iniciativa centrada na acción local, que aborda de maneira integral os aspectos que afectan ao día a día das vilas e cidades promovendo a participación das persoas maiores, tendo en conta as súas necesidades, opinións e propostas no proceso de análise e mellora da localidade en diversos ámbitos, co fin último de promover un envellecemento saudable e activo.

Participar no proxecto “Ciudades que Cuidan” (www.ciudadesquecuidan.com), co propósito de que O Grove se converta nunha Cidade Coidadora e acadar os seus 5 obxectivos:

1.   Xerar relacións participativas.

2.   Fomentar o desenrolo comunitario.

3.   Establecer paternariados. 

4.   Educar sobre o final da vida. 

5.   Énfase ambiental.

Como sociedade estamos en débeda cos nosos maiores e non podemos deixalos sós nos peores momentos.

Por todo o anteriormente exposto, é polo que o Grupo Municipal de Esquerda Unida somete á consideración do pleno a aprobación da seguinte

PROPOSTA DE ACORDO

1. Elaborar un Censo municipal de persoas que viven soas. De inscrición voluntaria e na que os datos sexan tratados con estrito cumprimento da Lei de Protección de Datos.

2. Elaborar un Plan de Envellecemento Activo cos seguintes obxectivos:

a) Coñecer as necesidades das persoas maiores que viven soas na nosa vila. 

b) Ofrecer información de actividades lúdicas que poidan ser do seu interese.

c) Ofrecer alternativas de ocio.

d) Informar e solicitar o servizo de teleasistencia de forma gratuíta.

e) Fomentar as relacións persoais.

f) Crear unha rede de axuda e acompañamento na que poidan colaborar as veciñas e veciños que queiran participar.

3. A adherirse á rede de Cidades Amigables coas Persoas Maiores (www.ciudadesamigables.imserso.es).

4. A adherirse ao proxecto “Ciudades que Cuidan” (www.ciudadesquecuidan.com), co propósito de que O Grove se converta nunha Cidade Coidadora.