Amosando publicacións coa etiqueta Praias Caninas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Praias Caninas. Amosar todas as publicacións

xoves, 28 de xullo de 2016

Rogos e Preguntas do pleno do mes de xullo


Na sesión plenaria deste mes, saíron aprobadas todas as propostas da orde do día. Máis a moción que presentou o Grupo Municipal de Esquerda Unida solicitando da Xunta de Galicia a retirada do proxecto de Decreto para a ordenación de apartamentos turísticos, vivendas turísticas e vivendas de uso turístico na Comunidade autónoma de Galicia, foi REXEITADA, pois tan só contou con 4 apoios (2 de EU e 2 do BNG). O PSOE e PGD (9) abstivéronse e o PP (4) opúxose, co que o Alcalde tivo que facer uso do voto de calidade, que sorprendentemente, e ao contrario do que o seu partido fixo no Parlamento galego (onde foron precisamente os socialistas os que levaron unha iniciativa para solicitar o mesmo), votou en contra.

Nos Rogos e preguntas, os concelleiros de Esquerda Unida solicitaron que o Goberno realizase un mantemento continuo do Parque Canino da Toxa, pois mostra un estado de abandono totqal, no que a maleza invade boa parte do espazo. Pediron tamén que se instalase o cartel indicador e o das normas de uso, asunto que non foi atendido a pesar de que a concelleira o prometera no pleno de maio tras un rogo realizado tamén por Esquerda Unida. Así mesmo, instaron ao goberno a realizar a limpeza de maleza nos diferentes solares municipais e espazos públicos –en moitas zonas a maleza está invadindo os beirais e zonas de transito de peóns– xa que se está mostrando unha imaxe lamentable aos turistas que nos visitan estes días.

Os esquedistas solicitaron que se actúase nunha praga de cucarachas, que segundo indicacións dos veciños, prolifera na rúa Castelao, a altura das oficinas de Correos. Que se adecuara o estanque de Beiramar, a altura da cafetería Acuarela, foi outra das peticións realizadas. Os edís esquerdistas preguntaron polo paradoiro da escultura "Baticaso", do galego Ignacio Fernández, que no seu día fora retirada da rúa Pratería.

Outra das peticións que realizaron os edís foi no paseo de Lordelo a Rons, pois no inicio do mesmo –pola parte do Corgo– existe unha árbore que invade todo o ancho do paseo e obriga aos viandantes e ciclo-turistas a agocharse ou no peor dos casos ter que baixar á estrada para continuar o seu camiño, polo que pediron que se actuase para solucionar o problema.

Dende o Grupo Municipal de Esquerda Unida tamén se solicitou que se dotase de seguridade ou de carteis de advertencia o coñecido como Camiño da Serpe –entre a praia da Lavaxeira e Moreiras–. Este camiño, que dende que se instalou a ponte no Esteiro, é moi transitado e conta no seu trazado con zonas escorregadizas e pasos estreitos e perigosos, o que xa provocou o primeiro incidente logo de que un rapaz se precipitase ás rochas a semana pasada cando circulaba na súa bicicleta.

En canto a turismo, os esquerdistas criticaron a falta dun avance da programación da Festa do Marisco en pleno mes de xullo e preguntaron si se estaba a promover o evento gastronómico entre os nosos visitantes. A razón polo que cada ano se modifica a situación das praias caninas foi outra das cuestións que levaron a consulta, xa que está a crear certo descontrol entre os usuarios, máxime cando na web turística do concello non se pode coñecer a súa situación actual ao non funciona o enlace. Precisamente neste asunto, o da web turística, é onde incidiron máis os concelleiros de Esquerda Unida que, a pesar de que se está a crear unha nova web, criticaron a falta de actualización da mesma, pois se segue anunciando que o Grove conta con 6 praias con bandeiras azuis, cando o goberno local renunciou a elas e non existen os distintivos nos areais, o que pode provocar denuncias por publicidade enganosa.

Por último, os esquerdistas preguntaron pola situación na que se atopa o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), pois non volveron ter noticias do mesmo dende a reunión á que foron convocados hai máis de tres meses.

[ver/descargar Rogos e Preguntas no seu contexto orixinal]
[ver/descargar moción retirada decreto vivendas uso turístico]

xoves, 31 de xullo de 2014

Esquerda Unida levará varias iniciativas ao Pleno do mes de xullo



Hoxe temos unha nova sesión plenaria no Concello do Grove.

O goberno local levará á aprobación unha solicitude de crédito de 400.000 €:
 - Dese total, non mostraremos o noso apoio aos 250.000 € destinados ao Centro de Interpretación de Carpintería de Ribeira (CICRI), o que ven sendo unha salón de actos que o tripartito nos quere vender como un Auditorio, e para o cal non existe un financiamento total da obra, polo que non admitiremos que o Concello aumente o seu endebedamento sen unha garantía de que a obra conta con investimento total. Así mesmo consideramos que a súa situación non é a máis idónea xa que se continúa saturando a fachada marítima do casco urbano do Grove, en concreto, a zona do Corgo pretendendo situar esta infraestrutura en solo portuario estragar un excelente escaparate do noso pobo cara os visitantes e unha zona de espallamento dos nosos veciños tanto nas festas como nos mercados semanais. Ademais, temos que ter en conta que se está a redactar o plan xeral de ordenación municipal no cal xa se debería ter prevista a planificación desta infraestrutura nunha situación máis idónea, como podería ser a Avenida Irmáns Otero Goday. Tamén queremos sinalar que no pasado, Esquerda Unida nos opuxemos contundentemente á situación da EDAR na mesma zona por motivos similares.

xoves, 10 de xullo de 2014

Esquerda Unida solicita a mellora das Praias para cans



Nas últimas semanas, o Concello do Grove decidiu modificar a situación das dúas praias caninas que, a petición da nosa agrupación, se crearon o ano pasado. Esta modificación realizouse sen un previo amaño das mesmas, sobre todo na referente á do Porto dos Padroneses (nas Laxes de Róns), na cal non se realizou unha limpeza previa nin conta cos servizos mínimos para atender á normativa de uso, xa que non hai instaladas papeleiras onde os usuarios poidan depositar os excrementos dos cans e outros restos orgánicos.

Por este motivo, o noso concelleiro, Xam Lamelas, realizou unha petición por escrito no rexistro municipal solicitando a mellora das condicións destes areais para que os usuarios poidan utilizalos en condicións.