Amosando publicacións coa etiqueta Turismogrove. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Turismogrove. Amosar todas as publicacións

martes, 9 de xullo de 2024

EU critica a xestión turística do Grove e cuestiona a implantación dunha taxa na situación actual do concello

Susana Millán realizou unha contundente análise da situación turística do concello que cualifica como desoladora.

Denuncia o estado de deterioro de paseos, accesos a praias, rutas de sendeirismo ou o estado das rúas, pero tamén da falta de promoción turística. 

Consideran que antes de falar de Taxa Turística é preciso contar cunha imaxe e uns servizos mínimos que, entenden, agora mesmo non se están ofrecendo.

O Grove, 9 de xullo de 2024.– O grupo municipal de Esquerda Unida mostrou as súas reservas sobre a proposta do Alcalde de crear unha Taxa Turística no Grove. Aínda que a agrupación considera comprensible a necesidade de cubrir os gastos xerados pola afluencia turística, como a contratación de persoal, o aumento do consumo da auga, o acondicionamento das praias e accesos,... consideran que “é difícil que esta taxa sexa acollida con agrado polos turistas e o sector nas condicións que está a día de hoxe o concello”. Entenden, en palabras da súa concelleira, Susana Millán, que "antes de falar dunha taxa, é preciso ofrecer unha imaxe e uns servizos, cando menos, mínimos, que a día de hoxe non se están dando".

Cumprido un ano desde as últimas eleccións municipais, a análise que Esquerda Unida fai sobre o estado do turismo no Grove é desoladora. Millán destacou que "nos últimos anos pasamos de ser unha vila referente na nosa contorna a ser unha vila na que levamos máis de 4 anos sen planificación e sen realizar ningunha actuación nesta área". Proxectos emblemáticos como o Paseo de Pedras Negras, Punta Moreiras, Monte Siradella e iniciativas innovadoras como a "Aldea Grobit" ou o "Proxecto Pío" foron abandonados, reflectindo a falta de interese do goberno local polo sector turístico.

A concelleira puxo de relevo o deterioro de diversas infraestruturas turísticas, mencionando especificamente o estado dos paseos de A Lanzada, Pedras Negras ou os accesos ás praias, pero tamén do Paseo de Beiramar, onde “o mobiliario urbano está deteriorado, con elementos oxidados, baldosas rotas e chans afundidos”. Tamén sofren as consecuencias da falta dun plan de actuación o entorno de Punta Moreiras e os Miradoiros de Monte Siradella ou Con da Edra. “Os sinais das rutas de sendeirismo de Adro Vello, Con Negro ou da Ruta Padre Sarmiento foron desaparecendo sendo case imposible facer ou recoñecer o seu trazado e o Museo da Salazón de Moreiras está nun estado lamentable”, denunciou Millán.

Millán criticou a falta de materiais promocionais nos últimos cinco anos, tanto en papel como en formato dixital, e a desaparición da presenza do Grove en feiras de turismo como FITUR. "Pasamos de ter unha web oficial a ter un espazo na web compartida con Sanxenxo do proxecto RED.es. E na última Festa do Marisco, por primeira vez, non se fixo a presentación do cartel da seguinte edición, que finalmente será presentado esta semana, a tres meses de comezar a festa", explicou.

Esquerda Unida tamén destacou a falta de persoal no sector turístico, mencionando a demanda histórica dun técnico de turismo e a vacante no Museo de Salazón que aínda non foi cuberta. Subliñan tamén a preocupación dos veciños e visitantes pola falta de mantemento dos accesos ás praias, a deterioración dos paneis informativos, a falta de limpeza nas rúas e os cheiros dos colectores nos meses de calor. "O lamentable estado do asfaltado, a confusa sinalización viaria e as vivendas en estado ruinoso contribúen á sensación de abandono da vila", indicou.

A concelleira de Esquerda Unida destacou a inacción do goberno local respecto ao Plan de Sustentabilidade Turística "Gastromeca", que conta con 2 millóns de euros de fondos europeos, "un ano despois do anuncio, aínda non se executou un só euro”. Por último, critica a falta de constitución do Consello Local de Turismo e a ausencia de reunións prometidas. "Todo isto demostra a falta de interese deste goberno polo sector turístico, clave na economía local do Grove”.

Millán concluíu indicando que están dispostos a sentarse e falar de Taxa Turística, “pero primeiramente é preciso saber cal é o modelo turístico que queremos para O Grove e ofrecer uns servizos mínimos e unha imaxe de calidade que a día de hoxe non se está ofrecendo”.

venres, 6 de xullo de 2018

EU demanda unha web municipal de turismo ao día e que funcione como un verdadeiro elemento dinamizador


A formación reclama unha axeitada actualización da páxina, que segue publicitando praias con Bandeira Azul a pesar de que hai xa dous anos que O Grove prescindiu deses distintivos
Imaxe da web turismogrove.es co información das praias
  O Grove, 5 de xullo de 2018.- O grupo municipal de Esquerda Unida esixe que o Concello poña ao día e actualice coa axeitada periodicidade a web de turismo municipal. Unha páxina que nen de lonxe está a funcionar como o elemento dinamizador que debera ser. E que ofrece información tremendamente desactualizada e errónea, dando unha imaxe de desleixo para nada acorde ás necesidades promocionais da vila e do seu tecido turístico.

Hai xa dous anos que Esquerda Unida abordou no pleno a necesidade dunha posta ao día e dunha xestión máis eficiente da web de turismo do Concello. E é que, a pesar de que a renovación desta páxina foi unha das medidas estrela que a edil responsable desta área propuxo aos representantes da hostelaría e das demais empresas vinculadas co turismo no Grove ao comezo do mandato, semella que aquela iniciativa caeu no esquecemento.

A web continúa informando aos visitantes da existencia de praias con Bandeira Azul. Un distintivo que non ondea nos areais mecos desde hai xa dous veráns. Pero non só, pois tampouco a información de eventos tan relevantes para a localidade como a Festa do Marisco se atopa ao día (neste caso, por ningures aparece o cartel da edición deste ano, nunha mostra inaceptable de desinterese e deixadez).

Así as cousas, o grupo municipal de EU califica de “vergoña” a xestión que o Concello está a realizar deste instrumento promocional; e volve incidir na necesidade de que o goberno local tome cartas no asunto e preste a atención debida a un elemento que debera servir de catapulta para a oferta de ocio e a totalidade dos recursos turísticos da vila. 
Sección da Festa do Marisco na web turismogrove.es
Cartel da edición 2017 na sección da Festa do Marisco
Gabinete de Comunicación
Esquerda Unida O Grove

xoves, 28 de xullo de 2016

Rogos e Preguntas do pleno do mes de xullo


Na sesión plenaria deste mes, saíron aprobadas todas as propostas da orde do día. Máis a moción que presentou o Grupo Municipal de Esquerda Unida solicitando da Xunta de Galicia a retirada do proxecto de Decreto para a ordenación de apartamentos turísticos, vivendas turísticas e vivendas de uso turístico na Comunidade autónoma de Galicia, foi REXEITADA, pois tan só contou con 4 apoios (2 de EU e 2 do BNG). O PSOE e PGD (9) abstivéronse e o PP (4) opúxose, co que o Alcalde tivo que facer uso do voto de calidade, que sorprendentemente, e ao contrario do que o seu partido fixo no Parlamento galego (onde foron precisamente os socialistas os que levaron unha iniciativa para solicitar o mesmo), votou en contra.

Nos Rogos e preguntas, os concelleiros de Esquerda Unida solicitaron que o Goberno realizase un mantemento continuo do Parque Canino da Toxa, pois mostra un estado de abandono totqal, no que a maleza invade boa parte do espazo. Pediron tamén que se instalase o cartel indicador e o das normas de uso, asunto que non foi atendido a pesar de que a concelleira o prometera no pleno de maio tras un rogo realizado tamén por Esquerda Unida. Así mesmo, instaron ao goberno a realizar a limpeza de maleza nos diferentes solares municipais e espazos públicos –en moitas zonas a maleza está invadindo os beirais e zonas de transito de peóns– xa que se está mostrando unha imaxe lamentable aos turistas que nos visitan estes días.

Os esquedistas solicitaron que se actúase nunha praga de cucarachas, que segundo indicacións dos veciños, prolifera na rúa Castelao, a altura das oficinas de Correos. Que se adecuara o estanque de Beiramar, a altura da cafetería Acuarela, foi outra das peticións realizadas. Os edís esquerdistas preguntaron polo paradoiro da escultura "Baticaso", do galego Ignacio Fernández, que no seu día fora retirada da rúa Pratería.

Outra das peticións que realizaron os edís foi no paseo de Lordelo a Rons, pois no inicio do mesmo –pola parte do Corgo– existe unha árbore que invade todo o ancho do paseo e obriga aos viandantes e ciclo-turistas a agocharse ou no peor dos casos ter que baixar á estrada para continuar o seu camiño, polo que pediron que se actuase para solucionar o problema.

Dende o Grupo Municipal de Esquerda Unida tamén se solicitou que se dotase de seguridade ou de carteis de advertencia o coñecido como Camiño da Serpe –entre a praia da Lavaxeira e Moreiras–. Este camiño, que dende que se instalou a ponte no Esteiro, é moi transitado e conta no seu trazado con zonas escorregadizas e pasos estreitos e perigosos, o que xa provocou o primeiro incidente logo de que un rapaz se precipitase ás rochas a semana pasada cando circulaba na súa bicicleta.

En canto a turismo, os esquerdistas criticaron a falta dun avance da programación da Festa do Marisco en pleno mes de xullo e preguntaron si se estaba a promover o evento gastronómico entre os nosos visitantes. A razón polo que cada ano se modifica a situación das praias caninas foi outra das cuestións que levaron a consulta, xa que está a crear certo descontrol entre os usuarios, máxime cando na web turística do concello non se pode coñecer a súa situación actual ao non funciona o enlace. Precisamente neste asunto, o da web turística, é onde incidiron máis os concelleiros de Esquerda Unida que, a pesar de que se está a crear unha nova web, criticaron a falta de actualización da mesma, pois se segue anunciando que o Grove conta con 6 praias con bandeiras azuis, cando o goberno local renunciou a elas e non existen os distintivos nos areais, o que pode provocar denuncias por publicidade enganosa.

Por último, os esquerdistas preguntaron pola situación na que se atopa o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), pois non volveron ter noticias do mesmo dende a reunión á que foron convocados hai máis de tres meses.

[ver/descargar Rogos e Preguntas no seu contexto orixinal]
[ver/descargar moción retirada decreto vivendas uso turístico]