Amosando publicacións coa etiqueta AGE. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta AGE. Amosar todas as publicacións

sábado, 25 de outubro de 2014

EU mostra o seu apoio á ANPA de Rons e denuncia a falta de sensibilidade do PP cunha problemática que afecta a nenos de tan curta idade.



A agrupación local de Esquerda Unida critica ao Partido Popular, tanto dende a administración local como autonómica, pola falta de respecto e sensibilidade con nais, país, nenas e nenos do centro educativo infantil de Rons e mostra o seu apoio a ANPA nas denuncias e demandas que estes veñen facendo constantemente.

É vergonzoso que os gobernos do PP, tanto local como autonómico, lle estean dando largas a unha problemática que afecta a nenos de tan curta idade, que pasan nese centro educativo a maior parte do día ao longo de todo o ano. Dende a ANPA de Rons levan anos reclamando solución para a Escola de Róns, que evite as humidades e as filtracións de auga nas aulas de ensino. A Xunta de Galicia e o Goberno Local prometeron unha reforma integral do centro pero esta non chega, tal e como denunciou a propia ANPA estes días. De feito, os Orzamentos Autonómicos para o 2015 non mostran ningunha partida destinada a esta obra, o que demostra a pouca intención que ten a administración autonómica por dar solución a esta demanda.  É intolerable que o único compromiso en firme que puido acadar a ANPA fora un arranxo do teito para paliar as filtracións de auga e que este parcheo non superase a primeira proba.

Por iso, Esquerda Unida canalizará a demanda da ANPA a través do grupo parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda, que formularán unha emenda aos Orzamentos Autonómicos do 2015 para que se inclúa unha partida orzamentaria destinada á reforma integral da Escola Infantil de Róns.

Así mesmo, EU solicitará á Concelleira de Educación que dea solución inmediata e dunha vez por todas ás deficiencias que presenta a Escola Infantil de Rons para que, cando menos durante este inverno, os cativos poidan asistir sen ter que padecer goteiras e humidades.

 A Asemblea Local de Esquerda Unida

Prensa:
La Voz de Galicia: AGE levará ao Parlamento de Galicia as deficiencias da gardería de Rons 
Faro de Vigo: O grupo parlamentario de AGE pide á Xunta unha partida para arranxar a gardería de Rons
Diario de Arousa: EU pedirá, a través de AGE, partida nos orzamentos da Xunta para a gardería de Rons 

domingo, 14 de setembro de 2014

AGE anima a CRTVG a retransmitir os encontros da selección Galega de Fútbol Gaélico

O grupo parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda, a través do deputado Juan Manuel Fajardo, proporá á CRTVG que retransmita os encontros amigables que as distintas categorías da Selección Galega de Fútbol Gaélico disputará no Grove ante os combinados irlandeses.

Foto Asociación Galega de Fútbol Gaélico

AGE anima a CRTVG a retransmitir o encontro da selección galega de fútbol gaélico para apoiar e fomentar o interese por este deporte.

O deputado Juan Manuel Fajardo destaca que se trata dun deporte no que se enxalzan valores como a fraternidade, igualdade e solidariedade.

O grupo parlamentar de Alternativa galega de Esquerda (AGE) presentou unha pregunta dirixida á comisión da CRTVG na que se propón a retransmisión do encontro da selección galega de fútbol gaélico co obxectivo de fomentar o interese por este deporte. O fútbol gaélico conta en Galicia dende a súa chegada no 2010, coa creación do primeiro equipo no país (Fillos de Breogán da Coruña), cunha importante implantación, e neste ano comeza a liga con máis de 14 equipos entre femininos e masculinos.

O deputado de AGE, Juan Manuel Fajardo, destaca que se trata dun deporte que enxalza unha serie de valores, esquecidos na práctica de outros deportes excesivamente profesionalizados e competitivos, como a fraternidade, igualdade, solidariedade que está a facer que exista un forte crecemento dos seus practicantes e seguidores.

O vindeiro 4 de outubro, no Grove, a Selección Galega, recoñecida pola federación internacional deste deporte, vai disputar amigables nas distintas categorías cos combinados irlandeses. E por este motivo que o grupo parlamentar de AGE preguntará e animará a CRTVG a retransmitir este evento para dar pulo a este deporte no noso país. 

Fonte: Alternativa Galega de Esquerda

Prensa: 
Galicia Confidencial: Fútbol Gaélico na TVG?

martes, 6 de maio de 2014

Alternativa Galega de Esquerda en Europa celebrou un acto en O Grove

O activista social e candidato ao Parlamento Europeo, Javier Couso; os deputados de AGE no Parlamento Galego, Eva Solla e Juan Fajardo; e o coordinador nacional de Anova-IN e Alcalde de Teo, Martiño Noriega, ofreceron o sábado, no salón das Cunchas da Casa do Concello, un acto público no que abordaron a actual situación social e expuxeron as alternativas políticas que a candidatura de Alternativa Galega de Esquerdas en Europa, liderada por Lidia Senra, ofrecen ao modelo europeo neoliberal. O acto foi conducido polo grovense, Luis Rei, e contou coa presenza da coordinadora nacional de Esquerda Unida e viceportavoz de AGE no Parlamento galego, Yolanda Díaz.

xoves, 1 de maio de 2014

Acto Público Alternativa Galega de Esquerda en Europa


 

É a hora do pobo!


O vindeiro sábado día 3 de maio celebraráse no Grove un acto público da Alternativa Galega de Esquerda en Europa, que terá lugar na Sala das Cunchas da Casa do Concello ás 12 horas.

Contaremos con intervencións de peso, entre as cales destaca Javier Couso, activista social e candidato ao Parlamento Europeo por Izquierda Unida. Couso é traballador audiovisual, traballando actualmente na dirección dos documentais Una mosca en una botella de coca-cola e Lolo Rico: la mirada no inventada. Como activista social traballou en diversas causas, destacando por desgraza na Asociación de Amigos, Irmáns e Compañeiros de José Couso tralo asasinato por parte do exército dos Estados Unidos do cámara galego. Participa tamén como analista en diversos medios de comunicación, en programas como La Tuerka e Fort Apache, ou en cadeas como TeleSur, RT ou HispanTV.
Contaremos ademáis coa presenza de Martiño Noriega, coordinador nacional de Anova – Irmandade Noacionalista e alcalde do Concello de Teo, así como coa deputada galega do grupo parlamentar de Alternativa Galega de Esquerda e enfermeira viguesa Eva Solla.
No acto abordarase a situación social actual e as alternativas políticas ao modelo europeo neoliberal que ofrecemos desde a esquerda.

luns, 11 de novembro de 2013

AGE ofrece a Louzán debater sobre as irregularidades da Deputación de Pontevedra.

AGE recolle a luva de Rafael Louzán para debater en profundidade as irregularidades na xestión na Deputación de Pontevedra. O presidente do ente provincial lamentou onte na súa comparecencia no Parlamento de Galicia non dispor de tempo para debater co deputado Juan Manuel Fajardo sobre a situación do ente provincial.

O deputado de Alternativa Galega de Esquerda, Juan Manuel Fajardo, respondeu á proposta do presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, feita na súa comparecencia no Parlamento de Galicia para explicar os orzamentos para o vindeiro ano e na que lamentou non dispoñer de tempo suficiente para debater co deputado de AGE sobre todas as cuestións relativas a situación do ente provincial pontevedrés. Recollendo a luva lanzada por Louzán, o deputado Juan Manuel Fajardo enviou unha carta hoxe mesmo ao presidente da Deputación de Pontevedra na que o convidaba a facer realidade este encontro e deste xeito poder tratar con máis detemento o longo listado de irregularidades sinaladas polo seu grupo parlamentar dando a oportunidade ao responsable do ente provincial a aclarar e xustificar unha a unha todas as denuncias realizadas por AGE.

Así, o deputado Juan Manuel Fajardo sinalou o aeródromo de Godos en Caldas de Reis como o lugar máis axeitado para levar a cabo este debate xa que constitúe unha das probas máis palpables da xestión irregular que está a levar a cabo a deputación provincial de Pontevedra e no que se están a executar unhas obras de acondicionamento da pista de despegue e aterraxe para o seu posterior asfaltado con persoal e maquinaria da Deputación sen estar dado de alta o centro de traballo nin contar con partida orzamentaria algunha para ás mesmas. O deputado de AGE lembrou que se trata dun aeródromo ilegal xa que non dispón do trámite medio ambiental necesario que se atopa paralizado no Ministerio nin coa autorización por parte da axencia de seguridade aérea para o emprego das construcións nin para a posta en marcha da actividade por motivos de seguridade. Por todas estas circunstancias, Alternativa Galega de Esquerda considera o aeródromo de Caldas de Reis como o escenario perfecto para que o presidente da Deputación de Pontevedra dea resposta as manifestas irregularidades da súa xestión, comezando polas obras deste aeródromo.

xoves, 24 de outubro de 2013

O PP comprométese con AGE a reparar a cuberta do pavillón do CEIP Rosalía de Castro de O Grove cun investimento de 40.000 euros


O deputado Ramón Vázquez presentou unha iniciativa en comisión na que se instaba á Xunta de Galicia a asumir os seus compromisos e levar a cabo as urxentes obras de acondicionamento no centro.


Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2013.- 

Alternativa Galega de Esquerda levou a comisión parlamentar unha iniciativa na que se esixía á Xunta de Galicia a realización das obras de mantemento e acondicionamento que precisa de xeito urxente o CEIP Rosalía de Castro de O Grove e que lembran foron comprometidas por parte da Consellería de Educación cos responsables do centro que como tantas outras promesas do goberno galego están sen cumprir. O Partido Popular pese a non apoiar co seu voto esta iniciativa alegando que era algo que xa estaba previsto facer, comprometéronse en sede parlamentar a reparar a cuberta do pavillón do centro unha das principais reivindicacións da comunidade educativa xa que o estado actual do mesmo impide o seu uso nos días de choiva. 

O deputado de AGE, Ramón Vázquez, sinalou na súa intervención a necesidade de que o goberno galego cumpra coas súas promesas e obrigas e realice canto antes as obras de reparación dos baños do colexio xa orzamentadas pero aínda sen executar entre as que se suman outras actuacións como o arranxo da fachada do edificio ou a colocación dos elementos precisos para a adaptación do centro educativo á normativa de seguridade e prevención de riscos actual. 

Ante o compromiso formulado por parte do PP na comisión de Educación, o deputado de AGE, Ramón Vázquez, manifestou a súa intención de vixiar que o Partido Popular, desta volta, si cumpra as súas promesas e acometa as obras comprometidas.   




 

mércores, 19 de xuño de 2013

Comunicado conxunto EU-Anova respecto das obras no CEIP Rosalía de Castro d'O Grove.


Desde as asembleas locais de Esquerda Unida e Anova Ogrobe, queremos denunciar a actitude do alcalde Miguel Ángel Pérez respecto das obras que a Xunta de Galicia se comprometera a realizar no CEIP Rosalía de Castro. Pérez amósase neste caso como un anano político, incapacitado para representar os intereses do pobo d'O Grove. Se hai un par de semanas asumía como propia xunto ao resto de grupos políticos da corporación a solicitude da ANPA para que se realizaran as obras da terceira fase no CEIP Rosalía de Castro, observamos atónitos como a semana pasada se plegaba sen fisuras ao discurso da Xunta do PP de non realizar estas obras, incluso xustificando esta decisión política da administración autonómica.

venres, 3 de maio de 2013

AGE denuncia o deplorable estado do CEIP Rosalía de Castro.


Na mañá de onte, os parlamentarios de AGE Ramón Vázquez e Xabier Ron visitaron as instalacións do CEIP Rosalía de Castro d'O Grove. Nesta visita mantiveron unha xuntanza coa ANPA e a dirección do centro, acompañados por militantes de Anova Ogrobe e o concelleiro de Esquerda Unida Juan Lamelas.

xoves, 2 de maio de 2013

AGE denuncia o deplorable estado de dous colexios de Pontevedra a causa da inacción da Xunta

Alternativa Galega de Esquerda denuncia o lamentable estado de conservación ao que a Xunta de Galicia
ten condeados a dous centros escolares da provincia de Pontevedra, CEIP Rosalía de Castro (O Grove) e CEIP O Cruceiro (Vilalonga- Sanxenxo). Os deputados, Xabier Ron e Ramón Vázquez, visitaron hoxe ambos colexios onde puideron comprobar de primeira man acompañados polas directivas e representantes da ANPA as importantes deficiencias existentes en ambos centros causadas polo continuado incumprimento das promesas por parte do goberno galego.

mércores, 28 de novembro de 2012

AGE presenta unha Proposición Non de Lei para rematar cos desafiuzamentos no noso País

O grupo parlamentario asegura que a dramática situación actual impón a esixencia de desenvolver as oportunas actuacións públicas
O Grupo Parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda presentou esta mañá unha Proposición Non de Lei para evitar que continúe a vaga de desafiuzamentos e as súas dramáticas e mortais consecuencias no noso país.
Os membros do Grupo Parlamentar consideran intolerábel a situación social que se vive no noso País, resultado da vaga de desafiuzamentos que enchen a cotidianeidade dramática das familias traballadoras. Esta situación imponnos a esixencia de desenvolver as oportunas actuacións públicas para evitar unha problemática inxusta que está a causar alarma social, pobreza e marxinalidade, e mesmo mortes. Os datos semellan un berro elocuente encol dunha realidade que antepón o lucro privado aos dereitos recollidos na Constitución e no Estatuto.

xoves, 15 de novembro de 2012

Cortexo cívico ao Parlamento de Galicia

Mañá constitúese o Parlamento da Galicia. Os nosos deputados e deputadas irán camiñando dende a Praza de Galicia ao Parlamento acompañados por un cortexo cívico coa xente que queira sumarse. Todos so cidadáns que desexen sumarse ao cortexo xunto aos nosos parlamentarios deberán estar mañá venres 16 de novembro ás 10 da mañá na Praza de Galicia de Santiago de Compostela. O pobo puxo a AGE no Parlamento e o pobo é quen a leva alá.