Amosando publicacións coa etiqueta Parques Infantís. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Parques Infantís. Amosar todas as publicacións

martes, 27 de maio de 2025

EU presenta propostas para executar con un remanente que evidencia un goberno esgotado e incapaz

A formación reclama actuacións realistas, executables neste mesmo exercicio, que melloren a mobilidade, os servizos públicos, a xestión ambiental e o benestar da veciñanza.

As propostas inclúen a adquisición de terreos, reformas en equipamentos públicos, melloras na rede de auga, instalación de zonas de sombra, espazos para animais e novo equipamento municipal.

O Grove, 27 de maio de 2025.- Esquerda Unida vén de trasladar ao goberno unha batería de propostas concretas para seren financiadas con cargo ao remanente de tesourería do exercicio 2024, que ascende a máis de 6 millóns de euros. A formación volve criticar con contundencia que, malia dispor deses 6 millóns de euros de remanente e tamén dun superávit de 2,5 millóns, se siga traballando cuns orzamentos prorrogados dende o 2022.

Dende Esquerda Unida sinalan que “isto evidencia que contar con un orzamento non era nin é cuestión de falta de cartos, senón dunha nefasta xestión. É a mostra dun goberno esgotado e incapaz de executar nin sequera os seus propios orzamentos”. A formación cualifica a situación de preocupante, “chegamos ao punto de que son incapaces ata de mandar pintar un paso de peóns”.

A pesar deste panorama, Esquerda Unida mantén a súa vontade construtiva e achegou ao executivo local, tal e como anunciaran, un conxunto de actuacións pensadas para seren realistas e executables dentro do presente ano, tal e como esixe a normativa. As propostas céntranse na mellora de infraestruturas, servizos públicos e espazos comúns, con impacto directo na calidade de vida da veciñanza.

Entre as actuacións propostas, destaca a compra do terreo de Entrehortas, unha operación comprometida nas negociacións do ano pasado que finalmente non se chegou a pechar. A formación considera esencial esta adquisición para ampliar o aparcadoiro da zona e habilitar un acceso dende Conricado. Así mesmo, Esquerda Unida propón valorar a posibilidade de crear un aparcadoiro a dúas alturas nese espazo e, "no caso de resultar viable, encargar xa a redacción dun proxecto técnico que permita acometer a obra nun futuro próximo".

Outra proposta é a compra dun terreo situado na parte traseira do pavillón do CEIP Conmeniño, co obxectivo de habilitalo como zona de estacionamento. "Tendo en conta que se está abrindo unha porta cara o exterior, esta actuación melloraría o estacionamento e facilitaría o acceso ás actividades deportivas non lectivas sen ter que entrar no recinto escolar", indican.

No ámbito da protección animal, Esquerda Unida pide que se habilite unha aula no edificio do Monte das Flores para a asociación O Jato Meco. O obxectivo é crear un espazo axeitado para a atención dos gatos das colonias, especialmente aqueles aos que se lles aplica o protocolo CES ou que precisan coidados veterinarios. Lembran que "este é un servizo de competencia municipal que actualmente realiza a asociación e son as propias voluntarias as que acollen aos animais nas súas casas, cos conseguintes problemas que lles supón".

A formación tamén propón unha obra de reforma no Punto de Atención á Infancia, para conectar a sala de usos múltiples, onde se traballa cos nenos de maior idade, co cuarto de baño. Actualmente, a separación entre ambas zonas obriga a atravesar un corredor, dificultando o control dos menores por parte do persoal.

En materia de xestión da auga, Esquerda Unida solicita que se avance na execución das recomendacións incluídas na auditoría hidráulica realizada o pasado ano. En concreto, propoñen instalar os caudalímetros que non requiran permisos doutras administracións, iniciando así un proceso que no seu conxunto está valorado en 63.000 euros.

A reposición dos valados e da sinalización no Monte Central Xaquín Álvarez Corbacho, así como a instalación de bancos e mesas na parcela municipal ao carón do Redondo para crear unha área de descanso, son tamén propostas incluídas no documento.

En base a dúas mocións de Esquerda Unida aprobadas por unanimidade no 2024, a formación reclama a creación de zonas de espallamento canino en Confín, Porto Meloxo e San Vicente, e a instalación de zonas de sombra nos parques infantís. Neste último caso, propoñen comezar pola creación de sombra nas áreas de bancos mediante estruturas de madeira con enredadeiras.

Tamén se solicita ampliar o valado entre o campo de fútbol 5 e o parque infantil da zona recreativa de Terra de Porto, para evitar que os balóns impacten nos menores que xogan no parque.

Finalmente, Esquerda Unida propón a compra dun novo guindastre municipal, despois de que hai uns anos se dese de baixa o único vehículo dispoñible, co obxectivo de recuperar un servizo público esencial.

Desde a formación expresan o seu desexo de que todas estas propostas sexan recollidas no documento definitivo que se leve a pleno. “Son actuacións realistas, necesarias e viables. Esperamos que o goberno as teña en conta e comece a traballar nelas”, afirman.

Así mesmo, consideran positivas moitas das propostas formuladas polo propio goberno, “xa que responden a demandas que Esquerda Unida leva anos formulando tanto no pleno como na prensa”.

mércores, 26 de xuño de 2024

EU impulsa a creación de espazos de sombra e hidratación nos parques infantís e prazas públicas do Grove

Presentarán unha moción no pleno do vindeiro luns, co obxectivo de garantir a seguridade e o benestar da cidadanía, especialmente durante os meses de verán, cando as temperaturas son máis elevadas.

A proposta inclúe a instalación de toldos, pérgolas, enredadeiras ou árbores, así como dotar de fontes de auga potable os espazos que carezan das mesmas.

O Grove, 26 de xuño de 2024.- O grupo municipal de Esquerda Unida presentará no pleno do vindeiro luns unha moción que busca a creación de zonas de sombra e puntos de hidratación nos parques infantís e prazas públicas do concello de O Grove. A iniciativa ten como obxectivo principal garantir a seguridade e o benestar da cidadanía durante os meses de verán, cando as temperaturas se incrementan significativamente.

Coa chegada do verán e o aumento das temperaturas, a seguridade nos espazos públicos vólvese unha prioridade. A exposición prolongada ao sol pode causar queimaduras, insolacións e outras enfermidades relacionadas coa calor. Este problema afecta especialmente aos nenos e nenas, así como ás persoas maiores e aquelas con problemas de saúde.

Na actualidade, a maioría dos parques infantís de O Grove carecen de suficientes zonas de sombra, o que dificulta o seu uso durante as horas de maior intensidade solar. Entre os parques máis afectados atópanse o de Terra de Porto, O Corgo, Confín e o da Casa da Cultura de San Vicente. Ademais, a falta de fontes de auga en moitos espazos impide que a veciñanza poida manter unha adecuada hidratación, especialmente nos días máis calorosos.

Esquerda Unida propón realizar un estudo para identificar os parques infantís e prazas públicas que necesitan intervencións urxentes. Con base neste estudo, instan ao concello a proceder á instalación de estruturas de sombra, como toldos, pérgolas, enredadeiras ou árbores, así como a implementación de fontes de auga potable nos espazos máis frecuentados.

A moción tamén suxire buscar financiamento a través de subvencións doutros organismos públicos ou privados para levar a cabo este proxecto, e realizar unha campaña informativa para concienciar á cidadanía sobre a importancia de protexerse do sol e manter unha boa hidratación.

Esquerda Unida destaca que a creación de zonas de sombra e puntos de hidratación nos espazos públicos é unha medida esencial para garantir o benestar e a saúde da cidadanía. Estas accións non só mellorarán a calidade de vida dos veciños e veciñas, senón que tamén promoverán o uso seguro e confortable dos parques infantís e prazas públicas durante todo o ano.

[Ver/descargar moción

mércores, 2 de agosto de 2023

EU reúnese co concelleiro de limpeza e mantemento de espazos públicos para coñecer a realidade dos servizos e trasladar as súas propostas

O Grove, 2 de agosto de 2023. O pasado mércores, os concelleiros de Esquerda Unida, José Antonio Otero, Susana Millán e Anxo Meis, reuníronse co concelleiro delegado de Limpeza, Mantemento de Espazos Públicos e Mercado, Juan Ramón Outeda, co propósito de coñecer de primeira man a situación na que se atopan os servizos tanto o de limpeza como o de mantemento dos parques e outros espazos públicos, xa que nos últimos meses están recibindo numerosas críticas veciñais. Así mesmo, os esquerdistas aproveitaron a xuntanza para trasladar unha serie de propostas de actuación nos diferentes ámbitos.

En canto ao servizo de limpeza, dende Esquerda Unida solicitaron o de limpeza que realizan os operarios municipais durante a semana, “para coñecer a cobertura que este servizo está prestando ao municipio, pois son numerosas as queixas veciñais indicando que as súas rúas non están sendo visitadas polos varredores”, indica Otero. Logo de finalizar o proceso de estabilización, no servizo de limpeza incorporáronse 10 operarios pero, tal e como lles confirmou o concelleiro delegado, tan só 6 están destinados á limpeza de rúas, unha cifra que os concelleiros de Esquerda Unida consideran insuficiente, polo que pediron que se procurase o incremento de persoal nesta área.

A falta de recibir e revisar o plan de traballo que están realizando os varredores, dende Esquerda Unida propuxeron que se procurase o desvío puntual de algún dos operarios da zona do casco urbano a outras rúas e barrios máis esquecidos. Ademais, tras confirmar a incorporación de persoal para desbrozar, insistiron na limpeza inmediata dos beirais de diferentes rúas e que se continuase co traballo iniciado nos barrios co propósito de eliminar canto antes a maleza existente. Otero, Millán e Meis lembran que estas cuestións estaban incluídas no acordo do pleno de órganos e que “tendo en conta que xa deberían ter feito este traballo hai varios meses, ollamos como dende a sinatura do acordo foron realizando esa limpeza de maleza, tanto nas rúas como nos barrios. Aínda así, insistimos en que aínda quedan moitas zonas nas que é preciso actuar de inmediato”.

Por outro lado, dende o grupo municipal, tamén en base ao acordo alcanzado, quixeron coñecer a situación na que se atopa o mantemento dos parques infantís e insistiron na urxencia á hora de dar solución ao arranxo dos diferentes elementos que se atopan deteriorados, “pois estamos nunha época na que a demanda é moito maior debido ao bo tempo e ao período vacacional”, recalca o voceiro esquerdista, que tamén reiterou a necesidade de executar canto antes a mellora do firme exterior do parque de Terra de Porto, “xa que temos constancia de varias persoas, pequenas e maiores, que debido ao estado do firme sufriron caídas de diferente gravidade, polo que é preciso tomar cartas no asunto o máis axiña posible”.

Otero, Millán e Meis tamén solicitaron a limpeza habitual nos arredores dos colectores de lixo, “sobre todo os que se atopan nas zonas próximas a locais de hostalería, xa que adoitan estar graxentos e provocar malos cheiros, máxime nesta época estival”. Outra das demandas foi relativa á posibilidade de reformar a vella depuradora do Corgo, que é utilizada polos servicios de xardinería e limpeza, co propósito de mellorar o espazo de almacenaxe e traballo para os operarios municipais. Por último, dende Esquerda Unida pediron que se procurase a vixilancia da parte traseira da Lonxa nas xornadas de mercadillo, “pois debido ao mal estacionamento de moitos usuarios, a estrada, que se convirte na única opción de circulación, queda reducido a un só carril, provocando enormes atascos e inconvenientes para os vehículos que se ven obrigados a transitar por esa zona”.

O concelleiros do grupo municipal de Esquerda Unida, José Antonio Otero, Susana Millán e Anxo Meis, valoraron positivamente a xuntanza co concelleiro de Limpeza, Mercado e Mantemento de Espazos Públicos, “pois púxonos ao día sobre a situación das súas áreas, resolveunos as dúbidas e acolleu con gratitude as propostas que lle trasladamos”. Así, indicaron que este é o inicio dunha serie de xuntanzas cos diferentes concelleiros e concelleiras do grupo de goberno, “pois cremos que é o mellor modo de coñecer a situación das súas áreas, se é o caso, mostrar o noso desacordo co traballo que se realiza e, sobre todo, trasladar directamente as propostas do noso programa co propósito de mellorar os servizos”.

mércores, 28 de agosto de 2019

Foto denuncia EU - Fontes públicas sen auga (Solucionado)


🙌#fotodenuncia Solucionada!!

⛲️A fonte do Paseo de Lordelo e a do parque de Terra de Porto, volven ter auga‼️👍
 
💙Unha man de pintura sería perfecta para rematar ben o traballo.

#euogrove #auga #fontes #DemandasDaVeciñanza #TodolosBarriosContan

👉  ver fotodenuncia

xoves, 8 de agosto de 2019

Foto denuncia EU - Elementos de xogo do parque infantil do Corgo rotos (solucionado)


 #fotodenuncia do 5 de xullo SOLUCIONADA‼️

🙌Nada nos alegra máis que ver aos usuarios do parque da Praza do Corgo xogar seguros despois dun mes de espera☺️.

venres, 26 de xullo de 2019

Foto denuncia EU - Elementos de xogo do parque de Terra de Porto rotos


⚠️Os parques do Grove necesitan mantemento urxente 👩‍🔧🔧.

🚨Este é o estado no que se atopa o parque de Terra de Porto😳

O 5 de xullo adicamos un #fotodenuncia ao parque da Praza do Corgo, que non se arranxou e continúa empeorando o seu estado😤👎

martes, 9 de xullo de 2019

Foto denuncia EU - Maleza nos arredores do parque infantil da Casa da Cultura de San Vicente


Seguimos coa campaña de limpeza!!! 

📸Estas fotografías fáinolas chegar unha veciña de San Vicente descontenta co estado no que se atopan o parque e os arredores da Casa da Cultura Ángel Vázquez Hereder.

venres, 5 de xullo de 2019

Foto denuncia EU - Elementos de xogo do parque infantil do Corgo rotos


📷 Unha usuaria do parque infantil do Corgo achéganos estas imaxes onde se pode ollar que un dos seus elementos de xogo está roto. Entre unha imaxe e outra hai 15 días de diferenza, o que demostra que dende o concello non están a solucionar o problema, nin se toman as precaucións precisas para evitar incidentes.

👨‍🔧 Dende Esquerda Unida temos insistido na necesidade dun plan de mantemento continuo nos parques infantís, que procuren repoñer e/ou arranxar os elementos de xogo que se atopen deteriorados ou rotos. Por ese motivo, instamos á concellería delegada para que solucione o problema do parque Infantil do Corgo e, ante o aumento do uso dos parques nestas épocas, se faga unha revisión continua de todos os do Concello.