Amosando publicacións coa etiqueta Eleccións Locais 2015. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Eleccións Locais 2015. Amosar todas as publicacións

mércores, 27 de maio de 2015

Grazas polo apoio recibido. Agora, a traballar!

Grazas a todas e todos os que confiáchedes na nosa proposta e na nosa candidatura. Logramos uns excelentes resultados que nos animan a continuar traballando polos intereses dos veciños e veciñas do Grove.

Nestas eleccións demostrouse que non se pode estar catro anos gobernando de costas á veciñanza. Os nosos concelleiros electos, Juan Lamelas Alfonso e José Antonio Otero González, así como o resto da nosa militancia, traballaremos porque as nosas propostas saían adiante nestes vindeiros catro anos.

martes, 21 de abril de 2015

EU-Son presenta unha candidatura comprometida e decidida a traballar polo Grove

Esquerda Unida-Son presenta unha candidatura con xente nova, ambiciosa, preparada, comprometida e decidida a traballar en prol dos intereses veciñais.


O Grove, 20-04-2015.- Tras dar a coñecer aos cinco primeiros membros da candidatura hai unhas semanas, Esquerda Unida O Grove presenta a lista completa coa que concorrerán as vindeiras eleccións locais do 24 de maio baixo o nome de ESQUERDA UNIDA-SON.

Neste novo proceso electoral Esquerda Unida apostou por unha candidatura renovada, integrada por nove mulleres e na que a metade dos integrantes son independentes, aínda que ligados dunha ou outra maneira á organización esquerdista. Unha lista que conta con moita xuventude, o 75% da mesma non superar os 40 anos, ambiciosa, ilusionada, preparada, comprometida e decidida a traballar en prol dos veciños e veciñas do Grove. Unha mestura de xuventude e veteranía, con experiencia en diferentes eidos como o turismo, cultura, xuventude, educación, sanidade, deporte, emprego, medio ambiente...

Unha aposta forte por acadar o maior número de apoios para lograr gobernar, no que a premisa non sexan promesas de obras inservibles e innecesarias nestes tempos de crise, apostando por demandas reais dos veciños (centro de día, novo centro de saúde e arranxo dos centros educativos), servizos primordiais e para o que nalgún dos casos o concello xa conta con partida orzamentaria. Poñer fin ao clientelismo e o caciquismo destes catro anos de  goberno tripartito, no que as contratacións a dedo estiveron ao orde do día; rematar co abandono continuo ao que teñen sometido a diferentes barrios e rúa, aos que lles dan solucións só en época electoral; abrir o concello aos veciños e veciñas a través da participación e a transparencia son as pautas primordiais deste grupo que encabeza Juan Lamelas Alfonso. A candidatura foi configurada acorde ao decidido na última asemblea, na que se presentou aos cinco primeiros candidatos, onde se apostaba pola xuventude, reservando os postos de suplencia para os veteranos. Uns postos que encabeza o anterior candidato José Antonio Taboada Magdalena ao que a agrupación lle agradece o compromiso co partido dende sempre.
  
CANDIDATURA ESQUERDA UNIDA-SON

sábado, 4 de abril de 2015

EU denuncia a pre campaña electoral do PP agasallando a veciños co libro “O Grove foron outros tempos”

A desesperación do Partido Popular do Grove e en particular a de Miguel Ángel Pérez por evitar a perda de votantes, tras catro anos de clientelismo e inactividade, que rematou cun desastroso PXOM, parece non ter límites. Logo de colgar carteis anunciando obras sen adxudicación e financiamento, un sen fin de actividades programadas para as semanas previas a campaña electoral e o desembolso de cartos dende a Deputación para parchear rúas, agora o Sr. Pérez dedícase a utilizar a institución e ao persoal municipal para emular os tempos do “Masa” á hora de gañar votos.

Do arroz e aceite aos libros.
Si naquelas épocas, Alfredo Bea Gondar enchía as urnas con votos comprados con aceite e arroz, Miguel Ángel Pérez dedícase a recuperar esa vella arte de facer política enviando libros aos veciños.

Tarxeta personalizada do Sr. Alcalde entregada aos veciños
que recibiron o libro
A agrupación local de Esquerda Unida fai esta denuncia publica tras ter constancia de que diferentes veciños e veciñas do Grove recibiron, nos últimos días, o libro "O Grove foron outros tempos" editado no 2009 por Teófilo Edicións e a Deputación de Pontevedra, acompañado dunha tarxeta personalizada de puño e letra polo Sr. Alcalde, na que expresa a súa confianza por que o libro sexa do agrado do beneficiario. Todo elo entregado en man por un policía municipal que en acto de servizo percorre as vivendas dos veciños para entregar este peculiar “agasallo”. Unha mostra máis do “barriobaixeira” que pode chegar a ser a dereita con tal de non perder o mando.



Aida butterfly
Non só Miguel A. Perez utiliza a institución para o fins electorais. A Sr. Aida Filgueira aprendeu moito nestes catro anos e, nestas semanas, está a despilfarrar as partidas orzamentarias da súa asignación en numerosas actividades, nunca antes vistas. Entre elas unha exposición de bolboretas na que a concellería de Participación Cidadá inverte preto de 3.000 €.

Foto Todogrove.com
Tampouco o Sr. Alfredo Bea se queda corto na súa particular pre campaña electoral. Nos últimos días asistimos a presentación dunha campaña na que agasallará con diferentes materiais aos veciños e veciñas que participen nas actividades deportivas organizadas pola concellería de Deportes. Tamén ollamos como chega a tempo coa creación do parque canino de agility logo de que en abril de 2013 se aprobara unha moción de Esquerda Unida na que se solicitaba a súa creación.

Unha bochornosa carreira electoral na que o tripartito utiliza os fondos públicos co propósito de que o desgaste do PXOM non provoque unha escorrentada de votantes que os deixe sen a rede clientelar fraguada nestes catro anos.


Asemblea de Esquerda Unida O Grove

luns, 30 de marzo de 2015

O tripartito do autobombo


O Grove, 30 de marzo de 2.015.- Nestes últimos días estáse a observar un incremento de actividades por parte do tripartito gobernante no Grove nunca antes coñecido: cursos, inauguracións, regalos, presentacións, carteis de obras sen orzamentar... E así o vén a denunciar a agrupación local de Esquerda Unida, para quen o tripartito "pretende enmendar catro anos de parálise nas que a inversión e dinamización estiveron ausentes nas políticas do PP e compañía". Aínda que para a organización de esquerdas o goberno local non estivo sempre en letargo, pois segundo eles "no tripartito andiveron finos á hora de poñer servizos públicos en mans privadas, baleirar os petos dos veciños con políticas sancionadoras, contratar a amigos e tentar 'pelotazos' como o PXOM, o CICRI ou a explotación do novo ximnasio".
E en referencia a esto último, Esquerda Unida propón unha auditoría municipal no caso de chegar a gobernar despois das eleccións de maio. "Despois dos catro anos de goberno do tripartito o Concello do Grove precisa dunha auditoría das súas contas, pois hai cousas que cheiran moi mal, sobre todo nas áreas de Igualdade e Servizos Sociais e Seguridade e Emerxencias". Este é un dos puntos que forman parte do programa electoral que Esquerda Unida continúa a elaborar e que está aberto a aportacións de colectivos e veciñanza. Sobre este punto, os esquerdistas engaden que "unha auditoría cidadá é precisa, porque debemos saber a quen e a que empresas se estivo beneficiando con diñeiro público e este goberno foi campión en trasladar os cartos de todos a mans privadas".

Unha pousada que ninguén pediu
Dentro de esta campaña de autobombo que denuncian desde EU, está a presentación esta mesma tarde dun libro promocional da Deputación de Pontevedra da Pousada da Lanzada que se realizará na Sala das Cunchas do Concello. "Utilizan recursos públicos para promocionar unha pousada que ninguén pediu, e contra a cal se manifestaron centos de veciñas e veciños do Grove". Así de contundentes se amosan desde o grupo de esquerda, para quen é preciso poñer as mans do PP lonxe dos intereses do Grove "sexa Miguel Pérez ou Rafael Louzán, os intereses dun pobo de clase traballadora como O Grove non pode estar nas mans de personaxes coma estas".

Asemblea local de Esquerda Unida

sábado, 28 de marzo de 2015

A Asemblea de Esquerda Unida ratifica aos cinco primeiros candidatos ás Eleccións Locais de Maio

A Asemblea de Esquerda Unida ratifica aos cinco primeiros candidatos ás Eleccións Locais de Maio

A asemblea local de Esquerda Unida O Grove ven de ratificar o primeiro tramo da candidatura coa que a formación de esquerdas concorrerá ás vindeiras Eleccións Locais do 24 de maio. 

Xan Lamelas encabezará unha candidatura na que tamén estarán José A. Otero, Sonia Gondar, David Gondar e Ana Viso.


 Na tarde noite do venres, os afiliados e simpatizantes de Esquerda Unida estaban chamados a unha asemblea na que a formación esquerdista presentaba aos candidatos e candidatas que formarán o primeiro tramo da lista electoral coa que concorrerán aos vindeiros comicios, o 24 de maio. Unha lista que obtivo o respaldo da totalidade dos asistentes e que contará con actual concelleiro Xan Lamelas Alfonso ao fronte da mesma. Tras Lamelas estarán José Antonio Otero González, Sonia Gondar Gondar, David Gondar Prieto e Ana Isabel Viso Vázquez, que completarán de forma respectiva os cinco primeiros postos da candidatura.

O resto da lista quedará perfilada nas vindeiras semanas, toda vez que rematen de falar cos militantes e simpatizantes así como con veciños e persoas de outras organizacións políticas que nos últimos meses se achegaron co propósito de participar dun proxecto común de esquerdas.

Programa electoral

Por outro lado, Esquerda Unida segue traballando na elaboración do programa electoral e nas vindeiras semanas reunirase cos diferentes colectivos sociais co propósito de trasladarlle as propostas da agrupación e recoller as inquietudes e demandas destes.



Información dos candidatos:

 Juán Lamelas Alfonso 
(O Grove, 33 anos)
Traballador da Hostalería. Coordinador de Esquerda Unida O Grove. Actualmente concelleiro na corporación grovense. Encabezou a candidatura de EU no 2007, sendo concelleiro electo e formando goberno. Ostentou as concellería de Formación e Emprego, Persoal e Xuventude. Vinculado ao Partido Comunista participa en diversas loitas sociais dende que iniciou a súa militancia no movemento estudiantil.


José Antonio Otero González 
(O Grove, 35 anos)
Técnico Electrónica de Consumo, actualmente en paro. Participa en  Esquerda Unida dende o ano 99. Colabora activamente no tecido asociativo da localidade traballando no ámbito xuvenil, cultural, deportivo e educativo. É directivo do Club Baloncesto O Meco e da ANPA Lagoa de Rons.


Sonia Gondar Gondar 
(O Grove, 31 anos)
Socióloga e investigadora. Licenciada en Socioloxía pola Universidade da Coruña. Posteriormente realizou o Curso de Aptitude Pedagóxica (CAP). Ten un Máster en Migracións Internacionais con especialización en Políticas Migratorias e outro Máster en mediación Intercultural. Doutoranda en socioloxía pola UNED. Traballou en diferentes organizacións sociais; Asociación de Empresarios de Hostalería do Grove, Federación Provincial de Comercio, Hostalería, Turismo e Xogo de UGT Coruña, Fundación Ronsel e Rede Europeia Anti-Pobreza do Distrito de Viseu en Portugal.

David Gondar Prieto
 (O Grove, 31 anos)
Traballador da Hostalería dende hai quince anos, ostentando cargos de responsabilidade; metre de hotel ou xefe de restauración. Ligado a movementos sociais e culturais.


Ana Isabel Viso Vázquez 
(Ourense, 60 anos)
Reside no Grove dende o ano 71. Dedicouse ao pequeno comercio durante trinta anos. Actualmente ama de casa e desenvolve a súa afección á pintura dentro da Asociación Artegrove da que é Secretaria. Realizou varias exposicións individuais e colectivas tanto no Concello do Grove como noutras vilas e cidades de Galicia.



mércores, 4 de febreiro de 2015

Esquerda Unida e Anova confluirán conxuntamente ás vindeiras eleccións municipais no Grove

Militantes e simpatizantes de EU e Anova  fan un chamamento a outras organizacións políticas de esquerda así como aos veciños e veciñas, convencidos da necesidade dun cambio radical na política do concello, a participar nunha candidatura de confluencia de cara ás vindeiras eleccións municipais.

Os militantes e simpatizantes de Esquerda Unida O Grove e de Anova Ogrobe acordaron, tras unha serie de xuntanzas, a constitución no concello de O Grove dunha candidatura conxunta e aberta a outras forzas políticas de esquerdas e á sociedade que busque un troco na forma de facer política. Segundo fontes das dúas organizacións de esquerda, tratarase dunha candidatura inclusiva, que pretende recoller as inquietudes de todos os mecos e mecas desconformes co desgoberno total que estamos a padecer cos distintos gobernos do bipartidismo do Partido Popular e Partido Socialista que nos estiveron a gobernar nos últimos tempos. Dende EU e ANOVA considérase que este será un primeiro paso para xerminar un punto de encontro entre a esquerda política e social no concello do Grove para artellar unha alternativa de goberno ás políticas do Partido Popular e do Partido Socialista, que teñen levado a este concello a unha situación de parálise na que se atopa na actualidade.

Dáse así un paso máis no clamor popular que solicita a necesidade dunha candidatura unitaria da esquerda, tal como se reflectiu na primeira asemblea aberta que para tal fin reuniu en setembro, na casa do concello,  a veciños de moi diversos campos e sensibilidades políticas e sociais que demandaban precisamente isto, un punto de encontro como alternativa política real de goberno.

Esta unión de forzas, ven a avalada polos  acordos que ámbalas dúas organizacións tomaron nos seus respectivos órganos de dirección co fin de crear candidaturas de confluencia e de unidade popular e, avalado tamén, polo feito de que a suma de EU e Anova nas últimas eleccións europeas deron como resultado ser a terceira forza política na nosa vila moi preto do PSOE, polo que estamos en condicións de afirmar que estamos ante un cambio histórico na nosa vila ó modo, e salvando as distancias, da Syriza en Grecia.

Ademais de todo isto, este novo escenario político queda referendado por distintos ex cargos públicos, de distintas forzas políticas e representativas da esquerda transformadora e nacionalista da vila.

Dende a confluencia faise un chamamento a outras organizacións políticas que se sitúan no espectro político da esquerda a sumarse a esta candidatura de unidade así como tamén a veciños e veciñas convencidos da necesidade dun cambio radical na política do concello do Grove.


O cambio é posible.

sábado, 10 de xaneiro de 2015

Esquerda Unida celebra a súa segunda Asemblea Aberta para elaborar o programa electoral

O vindeiro luns 12 ás 20.00 horas, na Sala das Cunchas da Casa do Concello, celebraremos a II Asemblea Aberta na que se asentarán as bases para a realización do programa electoral que a nosa agrupación levará ás vindeiras Eleccións Municipais, co propósito de aplicar no futuro goberno local.

Creemos que non só as organizacións políticas senón a cidadanía é a que debe elaborar un programa que satisfaga as súas demandas e que contribúa ó progreso do Grove. Este programa debe elaborarse a través dos seguintes parámetros; transparencia, democracia e participación.

Por iso facemos un chamamento á cidadanía, pero tamén a outras organizacións políticas que se queiran sumar para construír unha fronte de esquerdas e así rematar coas políticas demagóxicas tanto do PP como do PSOE na nosa vila e articular unha alternativa netamente de esquerdas.

A túa palabra conta, participa.
#EUqueroqueOGROVE