Amosando publicacións coa etiqueta PSOE. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta PSOE. Amosar todas as publicacións

sábado, 1 de xullo de 2023

EU supedita o seu apoio ás liberacións a unha rebaixa salarial e uns compromisos a curto prazo

O Grove, 1 de xullo de 2023.- O grupo municipal de Esquerda Unida vén de presentar unha serie de propostas ao alcalde de cara ao pleno de organización do concello, no que se votarán cuestións como a periodicidade dos plenos, comisións, representación na Mancomunidade do Salnés ou as retribucións dos concelleiros e concelleiras así como dos grupos municipais.

Desde Esquerda Unida apuntan que, para as negociacións, recibiron por parte do grupo socialista unha proposta do reparto das áreas de goberno, que xa foron aprobadas por decreto de Alcaldía, xunto coas liberacións previstas, así como unha proposta de dietas e retribución aos grupos municipais. Sen embargo, os esquerdistas entenden que esta proposta debería vir acompañada dun proxecto programático das áreas co traballo a desenvolver nestes catro anos para poder ser valorada con rigor. Máis aínda, segundo apuntan, “tendo en conta que o PSOE non presentou programa electoral nestas últimas eleccións municipais e que o cumprimento do presentado hai catro 4 anos non é superior ao 20%”.

Lonxe de rexeitar automaticamente a proposta do goberno, o grupo municipal de Esquerda Unida trasladaron ao PSOE unha serie de actuacións prioritarias a realizar ou iniciar antes de rematar este 2023: Cubrir varias prazas do cadro de persoal municipal, desatascar o expediente de desafectación dos terreos de Rons para a ampliación da Escola Infantil, o arranxo dos parques infantís e a limpeza dos diferentes barrios, colaborar coa ANPA do CEIP Rosalía de Castro para lograr as obras solicitadas á Xunta, un proxecto para a reforma do pavillón de Conmeniño e iniciar os trámites para a reforma e ampliación da Casa de Cultura Ángel Vázquez Hereder, un Plan de Envellecemento Activo e a mellora do servizo de Vellos Tempos, o control das licenzas de pisos turísticos e a mellora da democracia participativa coa creación dunha comisión para o seguimento da execución do Plan de Sustentabilidade Turístico ou a posta en marcha dos diferentes consellos sectoriais.

Acompañando a estas medidas os esquerdistas tamén propoñen unha baixada salarial para o Alcalde e concelleiros e concelleiras do PSOE, ata conseguir un aforro de 49.716,56 € para as arcas municipais respecto do que viña custando á veciñanza o goberno da maioría absoluta de Cacabelos.

Propoñen tamén que o representante de oposición do concello do Grove na Mancomunidade do Salnés sexa un concelleiro ou concelleira designado por Esquerda Unida, que se sumaría así aos 2 representantes do goberno no órgano comarcal.

Estas son as condicións que Esquerda Unida lle pon ao PSOE para lograr sacar adiante as liberacións para estes catro anos. “Se o Alcalde asina estes compromisos e a rebaixa salarial, non temos inconveniente en absternos para facilitar esas liberacións”, asevera o voceiro esquerdista, José Antonio Otero.

Nova etapa na política municipal

Segundo sinala Otero, “este mandato é unha nova etapa na política municipal do noso concello. O goberno de Cacabelos perdeu a maioría absoluta, e ten que ser consciente de que terán que alcanzar acordos”. Destaca que “Esquerda Unida estamos no concello para mellorar a vida das veciñas e veciños do Grove e soamente se pode conseguir a través dun programa de goberno progresista”. Por iso, di, “non alcanzamos a entender que a única proposta que se nos trasladou o PSOE foi canto ían cobrar”.

[proposta de acordo]

xoves, 8 de xuño de 2017

Esquerda Unida racha as negociacións presentes e futuras co goberno local

O Grupo Municipal de Esquerda Unida rompe toda relación co goberno local presidido por José Cacabelos tralo rexeitamento ao Plan de Actuacións 2017-2019 presentado pola agrupación de esquerdas.

O Alcalde aporta argumentos electoralistas para negarse a asinar o acordo con EU.

O Grove, 6 de xuño de 2016.- A inicios do pasado mes de maio, os concelleiros de Esquerda Unida presentaron ao equipo de goberno apoiado polo PSOE un documento titulado “Plan de actuacións 2017-2019”, no que expuñan unha serie de actuacións que os esquerdistas consideran prioritarias para o municipio. Entre elas atópanse cuestións como a necesidade dunha segunda exposición pública do PXOM, o Centro de Día, abrir negociacións coa Xunta para a construción dun novo centro de saúde na localidade ou a busca de financiamento autonómica e provincial para o proxecto de auditorio presentado polo goberno local entre outras.

Este documento foi a resposta que desde EU deron ao que eles consideran un goberno “á deriva” e absorbido polo día a día, o que se plasma en falta de planifiación e visión de municipio por parte do goberno de Cacabelos. Desde a agrupación de esquerdas sinalan que cada reunión co equipo de goberno é unha avalancha de novas ideas e proxectos, sen que se teñan pechado as anteriores propostas, que en moitas ocasións o propio goberno local abandona a pesar de contar co apoio de levalas adiante.

A gota que colmou o vaso da paciencia dos esquerdistas foi o rexeitamento a semana pasada do documento presentado, a pesares de que “o Alcalde díxonos que podíamos quitar o logo de Esquerda Unida e poñer o do PSOE porque eran cuestións todas que compartían”, para acto seguido rexeitar calquera acordo en base a ese documento, e amosar o rexeitamento do PSOE a realizar unha segunda exposición pública do PXOM, buscar financiamento autonómico e provincial para o proxecto de auditorio, conseguir un comedor escolar para o CEIP Rosalía de Castro ou continuar o paseo marítimo de Lordelo ata a Casa da Terceira Idade na avenida Irmáns Otero Goday e matizar algunhas outras actuacións. “Os argumentos que nos deron foron en todo momento electoralistas” afirma o voceiro de EU Juan Lamelas, “antepoñendo os intereses do seu partido aos dos veciños do Grove”. O Alcalde chegou a afirmar que non van asinar un documento que Esquerda Unida poida utilizar en campaña electoral acusando ao PSOE de non cumprir o acordado, “o que xa vén dando unha idea do nulo compromiso do PSOE co seu programa electoral e os veciños do Grove”.

Así, tras consulta coa militancia, o grupo municipal de EU decidiu romper toda negociación presente e futura co actual goberno do Grove, pois segundo Lamelas “non estamos dispostos a entrar nesta dinámica que nos propón Cacabelos nin a aceptar chantaxes de ningún partido”. “Desde Esquerda Unida imos abrir novas vías para facer cumprir o noso programa, que é o compromiso que temos coa veciñanza e os nosos votantes”.


Ábrese polo tanto un camiño de incerteza para o goberno do PSOE no Grove, ao perder toda posibilidade de negociación con un dos grupos cos que conseguiu sacar adiante os últimos orzamentos municipais, que actualmente atópanse prorrogados.