10 decembro 2025

EU esixe explicacións ao SERGAS tras descubrir que un facultativo atendía consultas no Grove sen figurar como profesional en activo

EU denuncia unha situación "insólita e de extrema gravidade" ao comprobarse que o médico seguía atendendo pese a que o SERGAS certificou por escrito que non exerce en ningún centro público galego. 

O grupo municipal reclama responsabilidade política e unha investigación inmediata sobre como puido producirse esta irregularidade.

O Grove, 10 de decembro de 2025.- Esquerda Unida do Grove vén de facer pública unha denuncia de enorme gravidade tras constatar que un facultativo estivo atendendo na súa consulta habitual do Centro de Saúde do Grove malia que o SERGAS certificou oficialmente que non exerce actividade profesional en ningún dos centros dependentes do sistema sanitario público galego. 

Segundo explicou o voceiro de EU, José Antonio Otero, a situación "non só é irregular, senón completamente inadmisible nun servizo público esencial como é a atención primaria". Otero subliña que "non falamos dunha confusión administrativa menor, senón dun feito gravísimo: un médico atendendo pacientes sen constar como profesional en activo no SERGAS". 

A formación lembra que os problemas arredor deste facultativo se arrastran desde 2024, cando comezaron episodios reiterados de ausencias inxustificadas, presencia en estado embriaguez e outras condutas inapropiadas que derivaron en denuncias formais e mesmo intervención policial. Tras estes feitos, o doutor deixou de exercer arredor de outubro ou novembro dese ano, permanecendo afastado da actividade durante case un ano. 

Porén, hai apenas uns meses reincorporouse á consulta, e os pacientes advertiron que persistían as mesmas irregularidades, o que motivou novas reclamacións. Foi entón cando o SERGAS respondeu por escrito indicando que o facultativo non exerce en ningún centro público, unha afirmación que implicaría que non debería estar pasando consulta. 

Estas reclamacións ás que tivo acceso Esquerda Unida esta semana, e nas que se basea para esta denuncia, foron rexistradas polos usuarios os días 6 e 7 de novembro, e recibiron resposta oficial do SERGAS o 26 do mesmo mes, respectivamente. Foron estes mesmos pacientes quen trasladaron á organización tanto o contido da resposta como o sucedido no centro sanitario ao comprobar que o facultativo continuaba atendendo con normalidade malia ser considerado "non exercente" polo propio organismo. 

A sorpresa produciuse cando os usuarios acudiron ao centro sanitario e comprobaron que o médico seguía atendendo con total normalidade, mentres o propio persoal administrativo do ambulatorio mostraba desconcerto ante a contradición coa resposta oficial. 

"Estamos ante unha situación absolutamente excepcional e xuridicamente inexplicable", afirma Otero. "Se o SERGAS asegura que non está en activo, quen autorizou a súa presenza? Como é posible que accedese ás instalacións e á historia clínica dos pacientes? Que controis fallaron para permitir algo así?". 

O voceiro sinala que esta circunstancia supón un grave risco para a saúde e para a protección de datos sanitarios, ademais dunha vulneración flagrante dos protocolos de control profesional: "Ningún paciente pode ser atendido por alguén que oficialmente non existe no sistema. Isto non pasa nin nos peores escenarios de descoordinación institucional". 

Otero engadiu que, se xa durante a primeira etapa este profesional xeraba dúbidas entre a veciñanza sobre a fiabilidade dos diagnósticos e das receitas prescritas, "coñecer que nesta nova etapa atendía sen figurar como profesional en activo no sistema público multiplica a preocupación e fai saltar todas as alarmas". "Falamos de persoas que estaban sendo tratadas por alguén que oficialmente non debía exercer, o cal é dunha gravidade absoluta", apuntou. 

Esquerda Unida esixe ao SERGAS explicacións urxentes, transparencia total e a apertura inmediata dunha investigación que esclareza como se puido producir unha situación de tal magnitude. O grupo municipal reclama tamén responsabilidades políticas e organizativas polo que consideran "un fallo sistémico intolerable". 

"A confianza da veciñanza no sistema público non pode verse golpeada por erros deste calibre. Non imos permitir que isto quede en silencio nin que se intente minimizar", concluíu Otero.

09 decembro 2025

PLENO NOVEMBRO 2025

ROGOS E PREGUNTAS

📅 9 de decembro de 2025

▶ Intervención: minuto 27:48


🔗 Enlace ao vídeo

Preguntas realizadas

🔻 Aplicación da Relación de Postos de Traballo

Preguntamos polo estado da aplicación da RPT no Concello.

🔻 Denuncias de traballadores municipais

Preguntamos pola situación na que se atopaban as denuncias presentadas por diferentes traballadores municipais e pola resposta do goberno.

🔻 Ofertas Públicas de Emprego

Preguntamos polo estado dos procesos correspondentes ás diferentes ofertas públicas de emprego.

🔻 Remolque náutico municipal

Preguntamos polo estado da compra do remolque náutico e pola xestión do seu uso polos clubs.

🔻 Pavillón de Conmeniño

Preguntamos polas filtracións de auga no pavillón tras investir 300.000 euros na súa reforma para evitar ese problema.

🔻 Regulamento de patinetes

Preguntamos polo número de sancións executadas tras a aprobación do regulamento de patinetes, xa que seguen circulando por zonas prohibidas e sen casco.

🔻 Cartel da Festa do Marisco 2027

Preguntamos pola situación do concurso do cartel da Festa do Marisco 2027, declarado deserto sen información pública.

🔻 Medicións de son en locais nocturnos

Preguntamos polo custo das medicións de son realizadas pola empresa Virocem en locais de ocio nocturno.

🔻 Acendido de Nadal

Preguntamos se o goberno consideraba adecuada a imaxe ofrecida ao anunciar o acendido de Nadal sen estar instalado en todo o concello.

🔻 Acordos co noso grupo municipal

Preguntamos polo estado de execución de diferentes acordos alcanzados co noso grupo municipal

    • A posta en funcionamento do Consello Local de Deportes.
    • A posta en funcionamento da Mesa de Patrimonio e Cultura.
    • A cobertura do posto laboral de Técnico/a de Turismo.
    • A creación do posto laboral para o Auditorio.
    • A desafectación dos terreos de Rons.
    • A ampliación da Casa da Cultura de San Vicente.
    • A aplicación do Plan de Envellecemento Activo para combater a soidade non desexada.

🔻 Acordos financiados co Remanente 2024

Preguntamos polo grao de execución das actuacións, acordadas co noso grupo municipal, financiadas con cargo ao remanente de tesourería.

    • A creación da área de descanso na Toxa, ao carón do Redondo.
    • A compra do terreo de Entrehortas para ampliar o estacionamento.
    • O proxecto de estudo para executar un aparcamento en dúas alturas en Entrehortas.
    • A creación de espazos de sombras en parques infantís.

Rogos e solicitudes

🔻 Iluminación exterior do pavillón de Conmeniño

Solicitamos a instalación dun punto de luz no exterior do pavillón.

🔻 Muro de Entrehortas

Solicitamos información sobre o Decreto de Alcaldía que aprobou a memoria técnica do muro de Entrehortas.

🔻 Mesa de Patrimonio e Cultura

Solicitamos a convocatoria desta mesa para traballar na actualización do Catálogo de Patrimonio do PXOM.

🔻 Lixo na rúa O Mariño

Solicitamos solución á acumulación de lixo procedente da actividade nocturna.

🔻 Mercado municipal

Solicitamos información sobre a situación derivada das denuncias entre dúas usuarias do mercado.

🔻 Campamento de Nadal

Solicitamos que se procurase a realización dun campamento para facilitar a conciliación familiar.

🔻 Reloxo da Casa do Concello

Solicitamos o arranxo do reloxo da fachada do Concello.