venres, 23 de xaneiro de 2026

O goberno local quere entregar a auga pública aos intereses privados

O PSOE leva a pleno o inicio da privatización dun servizo esencial tras anos de abandono deliberado da xestión municipal. Dende Esquerda Unida opóñense frontalmente á esta decisión e consideran que a proposta demostra a nula capacidade do goberno. 

Alertan que a externalización do servizo de abastecemento de auga potable suporá a perda de control público e un forte encarecemento do recibo. Consideran que existen exemplos de modelos públicos exitosos noutros concellos que supoñen un claro beneficio para a veciñanza.

O Grove, 23 de xaneiro de 2026.- Esquerda Unida denuncia con rotundidade a privatización do servizo municipal de abastecemento de auga, logo de que o goberno municipal do PSOE dera xa o paso definitivo ao levar ao vindeiro pleno o expediente de inicio do proceso de externalización. O que a formación alertaba nos últimos meses, confírmase agora como unha decisión política consciente e premeditada. 

Dende Esquerda Unida acusan ao executivo local de provocar de maneira intencionada o deterioro do servizo público para xustificar a súa privatización. “É o manual clásico das políticas neoliberais, deixar caer o público, magnificar os problemas e vender logo a privatización como a única solución posible”, denuncian desde a formación. 

O seu voceiro municipal, José Antonio Otero, foi especialmente duro coa decisión do goberno. “Estamos ante unha auténtica renuncia ás responsabilidades públicas que confirman a nula capacidade de xestión do goberno municipal. O Concello pretende deixar de xestionar directamente un servizo básico e entregarllo a unha empresa privada cuxo único obxectivo será facer negocio coa auga, un ben esencial”, afirmou. 

EU advirte de que a privatización suporá a perda total de control municipal sobre o servizo. “Despois virán os problemas, as queixas e as denuncias, e o goberno volverá agocharse detrás da empresa concesionaria, exactamente igual que acontece co Servizo de Axuda no Fogar, onde, ante as denuncias que teñen trasladado as traballadoras, o Concello limítase a dicir que é cousa da empresa”, sinalou Otero. 

A formación lembra que existen exemplos no Estado que demostran que a xestión pública da auga non só é viable, senón máis eficiente e económica. Concellos como Valladolid ou Terrassa apostaron pola remunicipalización do servizo tras décadas de xestión privada, logrando frear as subas das tarifas, mellorar a calidade do servizo e recuperar o control público dun recurso esencial. 

Mesmo en Galicia existen exemplos de xestión pública solvente, como A Coruña, onde unha empresa municipal garante o abastecemento con maior control e transparencia. “Son exemplos claros de que o que aquí se presenta como inevitable non o é en absoluto”, subliña Otero, que lembra que alí onde se privatizou o resultado foi sempre o mesmo, recibos máis caros, menos transparencia e peor atención á veciñanza”. 

“Non hai nin un só exemplo no que a privatización da auga beneficiase á cidadanía. Pola contra, hai moitos casos nos que, tras anos de xestión privada, os concellos tiveron que remunicipalizar o servizo polos abusos das concesionarias”, lembra EU, que considera especialmente grave que se adopte esta decisión nun concello gobernado por un partido que se di de esquerdas. 

En Esquerda Unida defenden con firmeza que o problema non é o servizo público, senón a falta de vontade política e de capacidade de xestión do goberno local. Ademais, a formación quere desmontar de antemán o discurso do executivo, que tenta presentar este paso como un simple estudo técnico sen consecuencias.“Non estamos ante un informe neutro nin ante unha avaliación aberta de alternativas. O que se leva a pleno é a aprobación explícita do cambio de modelo, da xestión directa á concesión privada. O resto do procedemento, incluído o informe económico-financeiro e o estudo de viabilidade, non serve para decidir se se privatiza ou non, senón para concretar como se executa unha privatización xa decidida”, advertiu o voceiro. 

A formación subliña que o propio documento recoñece que a concesión é a opción elixida, que se inicia xa o expediente de contratación e que se comeza a tramitar o paso da taxa municipal a unha tarifa privada. “Que non intenten enganar á veciñanza con escusas técnicas, este pleno marca un punto de non retorno se sae adiante”, sinalan. 

Insisten en que aínda se está a tempo de frear este proceso se existe vontade política e lembra que outros concellos que privatizaron tiveron que rectificar anos despois polos sobrecustos e a perda de control. “Se noutros lugares se puido remunicipalizar, aquí tamén se pode evitar a privatización antes de que sexa demasiado tarde”, concluíu Otero, quen anunciou que Esquerda Unida se opoñerá frontalmente a esta decisión e traballará para frear este ataque a un servizo público esencial.”

Ningún comentario:

Publicar un comentario