martes, 8 de xuño de 2021

EU insta ao Concello a traballar de forma conxunta para manter o BIC da Torre de Escuredo

Os esquerdistas solicitan unha xuntanza urxente da Mesa de Cultura e Patrimonio para abordar a decisión da Xunta de Galicia de eliminar a Torre de Escuredo do rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e procurar accións para que non desapareza o único BIC do Grove.

O voceiro esquerdista denuncia tamén a inacción municipal nestes anos e volve preguntar pola documentación relativa á Torre reclamada dende xaneiro.

O Grove, 8 de xuño de 2021.- O Grove ergueuse no día de onte coa publicación do número 106 do Diario Oficial de Galicia, onde na súa páxina 28.127 anunciaba que a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, dependente da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, na súa resolución do 25 de maio, excluía do Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia (BIC) á denominada Torre de Escuredo. 

Dende Esquerda Unida cualifican esta decisión como “unha estocada ao patrimonio do noso concello” e considera que “hai que actuar dunha vez por todas”. O seu voceiro, José Antonio Otero, entende que “é o momento de xuntarnos e poñer o asunto da Torre de Escuredo enriba da mesa, co propósito de traballar de forma conxunta na procura de accións e/ou solucións a esta decisión de Patrimonio”. Por ese motivo, os esquerdistas pediron onte por rexistro a convocatoria urxente da Mesa da Cultura e Patrimonio –aprobada en pleno no mes de febreiro e que tivo unha escasa xuntanza de toma de contacto– ou no seu defecto, unha xuntanza de voceiros dos grupos municipais. 

“Temos un mes para presentar alegacións a esta decisión e hai que comezar canto antes a traballar nelas”, indica Otero, que á vez dubida que o Alcalde estea disposto a traballar de forma conxunta para solucionar este asunto. “Tennos acostumados a non querer contar co resto dos grupos para abordar os asuntos municipais e  tememos que neste caso pasará o mesmo”, sentenza Otero. 

Se ben esta decisión de Patrimonio deriva dunha reclamación interesada realizada polos propietarios da Torre, para o voceiro esquerdista “a parsimonia do goberno municipal non axudou a evitar este desenlace”. José Antonio Otero lembra que en novembro de 2017 aprobouse en pleno por unanimidade a creación dunha comisión para realizar un seguimento da situación da Torre de Escuredo e tomar medidas ante o deterioro da edificación, entre elas a de considerar o inicio dun procedemento de expropiación. Así mesmo, nun pleno de marzo de 2019 tamén se aprobou a realización un informe xurídico, outro dun arquitecto especialista e unha taxación independente do BIC, á vez que se abría a posibilidade de acudir á Fiscalía para depurar responsabilidades ante o deterioro do inmoble e a inacción da Xunta. “Ningunha destas cuestións foi executada polo goberno municipal nestes anos” dando continuas desculpas cando algún voceiro preguntabamos nos plenos”, indica Otero. 

O esquerdista denuncia tamén que dende o Concello seguen sen facilitarlle a documentación relativa aos expedientes que figuran nas dependencias municipais sobre a Torre de Escuredo, a pesar de tela solicitado por rexistro no mes de xaneiro. “Non sabemos se é intencionado ou non, ou se a decisión de Patrimonio sobre a Torre de Escuredo está relacionada, pero cando menos da que sospeitar”, sentenza Otero.

Así e todo, dende Esquerda Unida cren que aínda é posible salvar a Torre de Escuredo e que esta continúe no rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia, e para iso insisten en poñerse a traballar de forma conxunta para que a Xunta recúe na súa decisión.

Gabinete de Prensa

Esquerda Unida O Grove

Ningún comentario:

Publicar un comentario