foto: facebook turismogrove |
Os
esquerdistas lamentan a falta de compromiso do Alcalde ao convocar o Consello 9
meses despois e ás portas da tempada estival e mostraron a súa preocupación
pola falta de acondicionamento e limpeza de moitos dos espazos públicos.
A representante de EU no órgano sectorial pediu a limpeza e amaño dos sendeiros do Monte Central da Toxa, o mantemento e conservación dos elementos expostos en Punta Moreiras, a reparación dos paseos de madeira de Pedras Negras, a Lanzada e Porto Meloxo, así como o arranxo dos accesos aos diferentes areais e unha actuación de adecuación do paseo de Beiramar.
O
Grove, 11 de xuño de 2021.- O pasado mércores día 2
tivo lugar a primeira xuntanza do Consello Local de Turismo deste 2021,
cuestión que ocasionou a primeira crítica da representante de EU no órgano
sectorial, Susana Millán, que recordou que o Alcalde “se comprometera, en
setembro, a reunirse dous meses despois para comezar a traballar na
dimamización turística deste 2021, así como a ter xuntanzas con maior
frecuencia”. Millán lamentou a falta de compromiso do Alcalde, pois ningunha
das súas promesas foron cumpridas e “á metade do 2021 e coa tempada estival a
piques de comezar é máis que patente que nada se fixo dende o Consello Local
para traballar nas cuestións turísticas”.
Así
mesmo, Millán manifestou a preocupación de Esquerda Unida polo estado en que se
atopan moitos dos elementos públicos do noso concello, que supoñen unha imaxe
lamentable do Grove para a veciñanza pero sobre todo para calquera persoa que
nos visita.
Deste
modo, a esquerdista solicitou a reparación e/ou reposición dos paneis
informativos do Monte Central da Toxa e a limpeza de todos os seus camiños.
Susana Millán recordou que o parque infantil da Aldea dos Grobits recibiu hai
escasas semanas a Q de calidade e, “este galardón contrasta co estado no que se
atopa o entorno e os accesos ao mesmo”.
Outra
das preocupacións dos esquerdistas está enfocada no espazo museístico de Punta
Moreiras onde, pola falta de mantemento e conservación, xa desapareceron o
barco Platuxa e o mastro do Nieves e no que perigan outras pezas expostas, como
o autoclave que se atopa instalado no aparcadoiro, “unha peza de ferro situada
ao carón do mar no que o óxido xa está facendo os seus estragos”, indica Susana
Millán, que instou ao goberno a “actuar con urxencia na limpeza, pintado e
mantemento deste e doutros elementos patrimoniais”.
No
referente aos paseos de madeira e accesos ás praias, Millán manifestou a
necesidade de reparar ou cambiar as madeiras deterioradas das sendas de Pedras
Negras, a Lanzada ou Porto Meloxo. Nesta última, a de Porto Meloxo, con suma
urxencia pois a súa balaustrada está piques de caer. En Xeral, a esquerdista
instou revisar e arranxar todos estes lugares e, sobre todo, os accesos de
madeira aos diferentes areais, pois hai moitos en moi mal estado.
Tamén
o Paseo de Beiramar foi obxecto de reclamación por parte da representante de Esquerda
Unida, pois entende que “precisa un bo lavado de cara, xa que a parte da
estrada recén inaugurada deixa aínda máis en evidencia o abandono da zona
marítima”. Así, Susana Millán enumerou algunhas das deficiencias como “baldosas
rotas, óxido das cadeas da balaustrada, paneis informativos deteriorados ou
esnaquizados, pavimento afundido...” e pediu que se procurase unha actuación na
zona que mellore a imaxe actual.
Por
último, a esquerdista lamentou a falta de acondicionamento e limpeza das zonas
e lugares máis concorridos. “Agora, as persoas que nos visitan apostan cada vez
máis por actividades ao aire libre, realizan rutas de sendeirismo,
visitan espazos naturais ou descobren miradoiros” manifesta Susana Millán que
entende que “non se está ofrecendo a mellor imaxe destes espazos”. Millán puxo
como exemplo o estado no que se atopa a primeira rotonda na entrada a O Grove,
“pois é un adianto, para os turistas, do quen se poden atopar e, agora mesmo,
non cremos que sexa unha boa impresión”
No
relativo á Festa do Marisco, dende as filas esquerdistas móstranse
sorprendidos, pois entenden que estando na orde do día, o tema estaría xa
avanzado, e o que menos se esperaban era que o Alcalde “tratase o asunto para
dicirnos que se tomaba dez días máis para decidir se se facía ou non”, indica a
representante de Esquerda Unida.
Na
agrupación esquerdista teñen claro que para a realización deste evento “debe
primar a seguridade dos asistentes e das traballadoras e traballadores da
festa” e entenden que o “formato clásico implica unha gran afluencia de
visitantes, particularmente na fin de semana, polo que pode ser complicado
controlar a posible masificación”, manifesta Susana Millán. A esquerdista
considera que “aínda que a festa é nun espazo exterior, non debemos esquecer
que se desenrola en mesas compartidas, con persoas de diferentes localidades da
xeografía española e estranxeiro, comendo sen mascariila, o que pode supoñer un
problema para a saúde”. “Para nos é importante que se se celebra esta edición
da Festa do Marisco non se poña en risco a saúde de ninguén, nin tampouco a
imaxe da Festa”, finaliza Millán.
Gabinete
de Prensa
Esquerda Unida O Grove
Ningún comentario:
Publicar un comentario