xoves, 24 de xuño de 2021

MOCIÓN: EU insta á Xunta a reformar a Escola Infantil de Rons para dar cabida a máis familias

  

Esquerda Unida presenta ao pleno de xuño unha moción para solicitar ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar que dea unha solución ás familias que quedan fora da Escola Infantil de Rons.

Os esquerdistas piden que se procure dar cabida ao maior número de cativos para o vindeiro curso escolar na Galiña Azul e que se traballe na ampliación do centro educativo de Rons co propósito de aumentar as aulas e lograr que a lista de agarda se vexa reducida de forma considerable.

Recordan que este ano a demanda de prazas aumentou na Escola Infantil de Rons logo de que o centro concertado das "monxas" pechase as súas portas. Hai unha trintena de familias en lista de agarda. Esquerda Unida indica que no Grove non existe alternativa, e fora do municipio as prazas ofertadas son insuficientes para dar cobertura á demanda existente.

Moción completa:

MOCIÓN PARA A AMPLIACIÓN DAS PRAZAS DA ESCOLA INFANTIL “A GALIÑA AZUL” EN RONS

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Segundo os últimos datos publicados polo Instituto Galego de Estatística, a 28 de xaneiro de 2021, O Grove conta con 240 nenas e nenos con idades comprendidas entre os 0 e 3 anos. O Concello con Grove dispón dunha Escola Infantil pública “Galiña Azul”, dependente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar da Xunta de Galicia, que oferta un total de 74 prazas (71 normais + 3 de emerxencia), o que supón unha cobertura dun 30,83%. 

Coa apertura da reserva de matrícula evidenciouse que as 71 prazas ofertadas (3 quedan en reserva para emerxencia) son insuficientes. Nese primeiro proceso foron un total de 103 reservas, das cales, ata 32 familias quedarán sen poder matricular ás súas fillas e fillos no centro educativo de Rons, coa conseguinte problemática.  

Nos anos anteriores, a existencia do centro concertado de "Nuestra Señora del Carmen", que tamén ofertaba prazas para esta franxa de idade, ocasionaba que a lista de agarda fose moito menor. O peche deste centro está a provocar que a oferta pública se reduza tan só á Galiña Azul.

Na franxa de idade de 0-1 anos son 4 os que quedaron en agarda, 12 na de 1-2 anos e 16 na de 2-3 anos. Un número importante de nenas e nenos do noso concello que terán que procurar unha alternativa. Isto sen ter en conta o número de familias que fóra do prazo establecido para a reserva de prazas, e sen saber do mesmo, solicitaron información no centro educativo, o que indica que a lista de agarda puido ser aínda maior. 

Moitas destas familias rematan por acollerse ao Bono Concilia; unha axuda económica directa ás familias para colaborar no pago dunha praza nunha escola infantil privada, no caso de que non acaden sitio na pública. Unha opción que automaticamente te elimina da lista de agarda e que non che garante a matriculación da cativa ou cativo.

A maiores da Galiña Azul, no Grove non existe alternativa educativa para a franxa de 0-3 anos, polo que as opcións se remontan aos concellos limítrofes, onde si existen alternativas, pero as prazas están a ser limitadas e moi cotizadas, o que provoca que a única opción que lles queda ás familias é a de ter que deixar aos seus fillos e fillas na casa (as que poden) ata a súa matriculación no 4º ciclo de Educación Infantil, que se imparte nos CEIPs, o que  reduce e incluso impide a conciliación familiar e desencadea que en moitos casos os pais ou, sobre todo, as nais teñan que renunciar a un posto de traballo.

Unha situación que, lonxe de ser puntual deste ano, é evidente que se repetirá cada curso educativo, polo que é preciso darlle solución. Dende Esquerda Unida entendemos que existen opcións, e unha pasa pola ampliación do edificio situado en Rons co propósito de dotalos de máis aulas que cubran as necesidades de matriculación das familias grovenses; a outra pasaría pola construción dun novo edificio que, ou fose complementario ao actual ou suplira a este.

Para unha ou outra opción precisase a implicación do Concello do Grove, pero sobre todo, da Xunta de Galicia e o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

Por todo o anteriormente exposto, é polo que o Grupo Municipal de Esquerda Unida somete á consideración do pleno a aprobación da seguinte

PROPOSTA DE ACORDO

Instar ao goberno municipal a:

  1. Solicitar ao Consorcio Galego de Igualdade e Benestar que estude e procure todas as opcións que impliquen a matriculación do maior número de nenas e nenos, que se atopan en lista de agarda, para o curso 2021-22.
  2. Solicitar á Xunta de Galicia e ó Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar que, na maior brevidade posible, se inicien os trámites para proceder á ampliación do edificio que alberga a Escola Infantil da Galiña Azul en Rons, co propósito de dotala de máis aulas, ou no seu lugar, á construción dun novo edificio que sexa complementario ou substituto do actual.

Ningún comentario:

Publicar un comentario