xoves, 7 de marzo de 2013

Sen igualdade non hai democracia

Desde os inicios do movemento feminista, as mulleres estamos a loitar por unha sociedade mellor que iguale en dereitos e oportunidades a todas as persoas.

O 8 de marzo é un día para reivindicar que sen igualdade non hai democracia. As mulleres fomos e seguimos a ser as impulsoras e promotoras de grandes cambios que contribuíron decididamente ao enriquecemento da democracia, de tal xeito que demostramos que sen nós esta non existe.

A executiva nacional de Esquerda Unida considera que a segregación ocupacional e sectorial por razón de xénero representa unha das principais desigualdades. Democracia significa pleno emprego, de calidade, ben retribuido e sen discriminación de ningún tipo. O sistema capitalista feminiza a precariedade laboral e coloca á muller nun plano asistencial, a Lei Galega de Familia nos define como nais e coidadoras, a contrarreforma laboral nos sitúa como non rentables economicamente, a Lei de Interrupción Voluntaria do Embarazo, na súa aplicación condiciona ás decisións das mulleres e presiona para levar adiante os embarazos (labor asumida pola RED MADRE), por non falar da non regulado exercicio do dereito á obxección de conciencia na sanidade pública, que non respeta e entorpece o dereito ao aborto. Este é o sistema que relega á muller a un espazo propio doutros temos que pensabamos superados.

Yolanda Díaz, coordinadora nacional e deputada de Esquerda Unida, lembra que “o capitalismo renega da perspectiva de xénero e da perspectiva social pois o sistema se sostén sobre a desigualdade, o patriarcado e a negación da diversidade”. É preciso visibilizar na sociedade, ademais do conflicto capital/traballo o conflicto capital/vida, debemos camiñar cara un sistema no que as estructuras económicas, políticas e sociais estean ao servicio das persoas e dunha vida que permita que pague a pena ser vivida.

Por isto dende Esquerda Unida, neste día de reivindicación internacional, esiximos a derrogación da Lei Galega de Familia, a aplicación real de políticas públicas de igualdade, a vixiancia da aplicación da Lei de Interrupción Voluntaria do Embarazo, a erradicación da violencia machista, a recuperación dos centros desmantelados pola Xunta de Galicia adicados á promoción e á prevención e atención ás vítimas da violencia de xénero, o desenvolvemento de políticas encamiñadas á abolición da prostitución...

Ningún comentario:

Publicar un comentario