Xa son varios anos de políticas de
austeridade promovidas pola Troika e implantadas contra os intereses da
maioría da poboación. Ademais de conducirnos ao empobrecemento, aos
desafiuzamentos e á precariedade, as sucesivas reformas laborais e
políticas neoliberais tan so buscaron o beneficio da burguesía, mentres a
clase traballadora paga a súa crise.
Deixánnos sen emprego. As cifras falan por si soas: en España hai case seis millóns de paradas e parados, achegándonos ao 60% de paro xuvenil, a taxa máis alta de Europa. Mentres, os dereitos laborais sufren os maiores ataques coñecidos pola nosa xeración: as últimas reformas laborais ceden todo o poder ao empresario anulando a negociación colectiva, abaratan o despido, merman os salarios, etc. A xuventude non pode emprender así un proxecto de vida.
Ademáis, bótannos da nosa terra. A
emigración, ante iso, preséntase como a única forma de poder mellorar
as nosas condicións de vida. Fronte ao discurso dos Gobernos
capitalistas, que venden como algo positivo a emigración da nosa
xeración, a realidade do sufrimento de moitas persoas lémbranos tempos
pasados, nos que a clase traballadora galega tivo que marchar para poder
ter un futuro.
As únicas saídas para nós son o
desemprego, o traballo precario ou abandoar o noso lugar de vida, partir
hacia outro lugar do Estado español ou ao estranxeiro, para seguir
malvivindo, seguramente con menos dereitos e en condicións de
explotación maiores aos que xa coñecemos.
Pero a xuventude ten que frear isto. A ruptura con estas políticas criminais que deixan á xente sen casa, que nos aboca á pobreza e á exclusión social, está nas nosas mans. Sabemos que hai outra saída, a da mobilización, a loita e a solidariedade de clase.
As e os mozos podemos organizar a resposta, elaborar unha alternativa á explotación. Sabemos que co capitalismo non temos un futuro e perderemos dereitos.
Como dicía o Che, "se o presente é de loita, o futuro é noso". Hoxe, día da clase obreira galega, a mobilización e a xuventude está nas rúas de todo o Estado. Porque non renunciamos aos nosos dereitos, porque non queremos emigrar de novo.
Queremos quedar na terra construíndo o Socialismo. Eliximos Revolución!
Ningún comentario:
Publicar un comentario