Este 1º de Maio enfrontámonos ao
ataque máis brutal e antidemocrático que sufrimos os traballadores e
traballadoras en moito tempo. Presentan medidas contra a crise que son só un
intento de rapina sobre salarios, as conquistas da clase traballadora e os
dereitos sociais. Non importan as persoas e os seus dereitos, senón o beneficio
dos bancos e as multinacionais.
Levamos 5 anos de crise e recortes,
pero nin un só país que aplique esas medidas mellorou a súa situación: aumenta
o paro, crece a débeda e estamos nunha segunda onda de recesión económica. Véndennos
como a única saída á crise o que é unha estafa que profunda a inxustiza, incrementa
o paro e a pobreza, desprotexe aos máis febles e quere converter nun negocio a
educación e a saúde.
Queren que nos pechemos nas nosas
casas co medo ao desemprego e á precariedade, pero non o van conquerir. A
saída social da crise, favorable á inmensa maioría, está en nós e nós na mobilización.
A Folga Xeral mostrou o camiño. A dereita dicía que non serviría para
nada e o Goberno que non ía mover a súa reforma laboral. Hoxe xa preparan
emendas aos seus propios textos. Pero a reforma laboral non é reformable e debe
ser retirada. A Folga forneceu a conciencia e a organización das traballadoras
e traballadores e freou os ataques contra os sindicatos.
A ofensiva contra a educación e a
sanidade públicas ten resposta na rúa. O intento para facer retroceder os
dereitos e liberdades democráticas atopa unha importante oposición.
É o modelo económico, político e
social asentado dende a transición o que está desmoronándose e son as políticas
neoliberais as irreconciliables cos dereitos laborais, o progreso económico, a sustentabilidade
e o benestar da inmensa maioría.
Nunha xornada tan internacionalista
como o 1 de Maio, "Día Internacional do Traballo", expresamos a nosa
solidariedade co pobo arxentino (que ten todo o dereito a decidir sobre os seus
recursos) e cos pobos da UE que se mobilizan contra os recortes. Desexamos o
éxito da esquerda alternativa nas eleccións de Francia e Grecia e
solidarizámonos, como sempre, coa loita do pobo palestino e coas
reivindicacións do pobo saharaui.
A CRISE TEN SAÍDA, O GOBERNO NON
As políticas neoliberais de recortes, debilitamento do público e retroceso dos
dereitos laborais, que comezou o PSOE e profundado o PP, fracasaron. Aínda
así, o Goberno presenta uns orzamentos que son unha declaración de guerra
contra a maioría, que van xerar máis paro, estancar a economía,
deteriorar a educación, a saúde e os
servizos e que estimulan a fraude fiscal mediante a amnistía aos defraudadores.
HAI SAÍDA Á CRISE E DENDE EU
ACHEGAMOS PROPOSTAS:
Máis xustiza fiscal, cunha
contribución equivalente á media da UE. Hai recursos suficientes para crear
emprego e impulsar a economía.
Loita contra a fraude fiscal e a
economía mergullada. Con cambios legais e reforzando á Axencia Tributaria habería ingresos.
Aflorar os traballos sen contrato e igualar os salarios entre homes e mulleres,
permitiría sanear a Seguridade Social e mellorar as pensións.
Unha política de emprego que xere
dende o público centos de miles de empregos verdes (reforestación e mantemento de zonas verdes,
rehabilitación de vivendas, agricultura ecolóxica, enerxías renovables),
sociais (aplicación da Lei da Dependencia, escolarización de 0 a 6 anos) e de
interese estratéxico (infraestruturas de proximidade, desenvolvemento dun
sector público na economía).
Unha Banca Pública, a partir de nacionalizar as Caixas de
Aforro, que posibilite que o crédito flúa cara a PEMES e familias.
Un novo modelo produtivo, un sector público forte e o apoio á
economía social, unha aposta polo desenvolvemento sustentable e o pleno
emprego, mellorar a educación, o esforzo a favor da I+D+i civil, e un cambio
progresista nas relacións laborais.
A NOSA LOITA É A LOITA POLO EMPREGO
O obxectivo central para saír da crise
debe ser a creación de emprego. EU defende un emprego estable, digno e de calidade e oponse ao abaratamento
do despedimento ou á redución de salarios. Crear emprego non pode ser
considerado como un gasto porque só o traballo humano xera a riqueza
socialmente útil.
EU reivindica a repartición do
traballo para que poidan traballar máis persoas: reducir a xornada a 35 horas,
sen perda de salario, e baixar a idade de xubilación.
POR UN 1 DE MAIO DE MOBILIZACIÓN
EU chama aos traballadores e
traballadoras e á cidadanía a participar nos actos e mobilizacións convocadas
polos sindicatos, para que este 1º de Maio sexa unha auténtica rebelión cidadá
polos nosos dereitos. EU chama á mobilización hoxe e nos meses próximos por
unha saída social da crise, polo emprego, a defensa do público, o dereito á
vivenda e á igualdade.
descargar orixinal
descargar orixinal
Ningún comentario:
Publicar un comentario